Dentro do control que o novo réxime impuxo sobre a poboación, o exercido sobre festas e outras actividades caracterizadas por estar tradicionalmente impregnadas de transgresión, crítica ás autoridades de todo tipo e subversión da “orde natural das cousas”, acadou a maior expresión na prohibición do entroido (o carnaval segundo a súa linguaxe). Con todo, a persecución contra estas festas non tivo éxito total e, en moitos lugares, a resistencia contra as normas permitiu que subsistiran tradicións ancestrais e moitas persoas desafiaron as prohibicións expoñéndose aos castigos gobernativos. A Garda Civil non podía estar presente en todas as localidades o que permitiu estas celebracións.
Diante da imposibilidade de impedir totalmente estas festas, a estratexia das autoridades foi a de tratar de canalizar os festexos cara formas inocuas, como os bailes nas sociedades recreativas (aínda así con moitas limitacións) ou tolerando algunhas manifestacións populares nas rúas (desfiles) pouco ou nada conflitivas (non foi o caso das corrosivas murgas). Outra maneira de combater a festa foi a de procurar que pasase desapercibida ditando normas de censura para que os medios non fixesen mención ao entroido.
A primeira disposición sobre as festas aparece nunha orde do 3 de febreiro de 1937 (BOE nº 108, 5-2-37) na que, en atención ás circunstancias do momento, decretaba a suspensión indefinida non podendo celebrarse festa algunha que exteriorizase en calquera forma ese carácter, nin autorizarse nesas datas o uso de caretas ou disfraces nas rúas ou lugares públicos, cafés, casinos e semellantes. Tampouco poderían celebrarse bailes por tal motivo agás nos locais que os celebraban diariamente, aínda así, non poderían anuncialos como bailes de carnaval nin introducir variación algunha que, directa ou indirectamente, puidese revelar o propósito de conmemorar estas festas.
Non se facía alusión na norma a aspectos relacionados coa relixión ou a moral pero non podemos esquecer a tradicional xenreira que a Igrexa tiña contra o entroido. Se facemos un pequeno repaso de actos públicos en diferentes dioceses atopamos que na catedral de Lugo (1937) celebran un solemne triduo de desagravio con estación, rosario, sermón e bendición co Santísimo, para reparar os pecados e excesos do carnaval e obter divina misericordia e a conversión dos pecadores. Tamén na catedral de Mondoñedo (1940) celebran outro triduo de carnaval “desagraviando a Jesús Hostia de los grandes pecados que contra su divina Persona se cometen durante estos en todo el mundo”.
O arcebispado de Compostela (1938) encarga que se fomenten comuñóns de desagravio nesas datas. Na práctica totalidade dos templos lévanse a cabo actos deste tipo e os párrocos condenan esta festas, especialmente a utilización de capuchóns, acaso por lembrarlles as vestimentas da Semana Santa.
O xornal clerical El Compostelano saúda a prohibición gobernativa manifestando o pernicioso que era o entroido:
las fiestas carnavalescas de España, minada por el materialismo y por la corrupción, eran fiestas de libertinaje, de vicio y de orgía; fiestas resabiadas de paganismo en las que el hombre, arrastrando su dignidad, entregábase a toda clase de diversiones, en unos días de vida licenciosa y degradante (18-2-1937).
O arcebispo de Toledo relaciona o asunto coa necesidade de apoio divino para vencer na guerra; indicaba que o nobre afán de todo bo español debería ser lograr a salvación de España e da civilización cristiá ameazadas e, para esta cruzada, tería que poñer en xogo os recursos sobrenaturais pedindo axuda a Deus ofrecéndolle sacrificio e oración. Polo tanto
Sería aberración monstruosa que, cuando se trata de merecer los auxilios del cielo con la santidad de la vida, se produjeran los escándalos del carnaval.
A prohibición non se limitou aos anos de guerra senón que acompañou todo o franquismo. Cada ano os gobernadores publicaban ordes neste senso nos boletíns oficiais. Reiterábase a prohibición tolerándose soamente os bailes privados en sociedades ou círculos de recreo, previa autorización do goberno civil, con traxes de época ou rexionais que non constituísen disfrace e sen velar o rostro en ningún caso. Así o facía o gobernador de Pontevedra, José Solís Ruíz, “la sonrisa del Régimen”, no ano 1951: autorizaba os bailes, previo informe da alcaldía respectiva, “siempre que no trasciendan del seno de la Entidad, ni se les matice de carácter carnavalesco”. Eran as chamadas “Fiestas de Primavera”. Na ilustración desta entrada (Anuario de Vigo 1954-55) pode apreciarse o comentario do pé da imaxe “Tradición del Carnaval vigués, afortunadamente reducido a las fiestas sociales de esta época”.
Da estratexia para procurar que as festas pasasen desapercibidas é un bo exemplo a circular (Circular nº 3) que a xefatura provincial de propaganda de Pontevedra, asinada (10-2-1941) polo xefe provincial, Enrique Pascual Souto, dirixe a todos os delegados locais:
Habiéndose dispuesto por la Superioridad la prohibición en el año corriente y en los sucesivos de las llamadas fiestas de carnaval, os significamos a este propósito la conveniencia de que no se haga mención en la prensa, radio, ni por ningún otro medio de difusión, de tales fiestas, a fin de que pasen inadvertidas, en lo posible, para el público, en atención a las circunstancias que atraviesa nuestra Nación.
Pero o entroido resistía prohibicións e son numerosas as sancións contra as persoas que transgredían as normas. No ano 1943, nunha localidade con tanta tradición como Xinzo, o gobernador destitúe e multa con 500 pesetas ao alcalde, Honorio Peleteiro, por infrinxir ordes terminantes que lle deran respecto á celebración de bailes os días de carnaval. Parece ser que se celebraran bailes nun café da localidade así como o enterro da sardiña. Ademais pechan o café e multan con 1.000 pesetas os seus propietarios; tamén sancionan con 200 pesetas o Casino e con 250 a catro veciños por disfrazarse. En febreiro de 1940, a Garda Civil denuncia varios veciños de Redondela que o luns de carnaval formaron unha comparsa e pasearon pola vía do tren cantando coplas. Impóñenlles multas de 50 pesetas a 8 veciños e de 10 a seis deles.
Na década dos setenta aínda continuaban en vigor estas normas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario