domingo, 18 de diciembre de 2022

Proceso a destempo en Tui.

 


Mediante o estudo detallado dalgunhas causas militares podemos apreciar variables de interese para o mellor coñecemento das circunstancias nas que se desenvolveu a represión tras o golpe de estado do 36. Hai localidades nas que o xogo de influencias e manexos de persoas ou grupos de poder son máis explícitos en canto a aplicar máis ou menos rigor no castigo. Unha destas localidades é a de Tui da que, noutra entrada anterior, xa apuntabamos esta situación.

Nesta ocasión utilizaremos a causa 422/38, que se lle instruíu a Ángel Domínguez León “Cucú”, Alfredo Rocha Fonseca, Ángel Rodal Lanzós, Marcelino Tajes Justo e Manuel Rodríguez Alonso (a este último abriríaselle causa separada e quedaría fóra da citada).

A apertura deste procedemento sorprende polo tardío da data de apertura (1938), máxime por tratarse de persoas que tiveran un comportamento activo na defensa da legalidade republicana nos días posteriores ao golpe. Todos recoñecen a súa militancia na CNT, que participaran nas requisas de armas ou explosivos e na vixilancia armada da poboación (aducen que o fixeran ameazados por persoas como os irmáns Costas “Os platilleiros”, o xastre comunista Antonio, un tal Wenceslao, o médico Losada e Antón Alonso Ríos), pero negan a participación nos enfrontamentos armados contra as tropas do exército que avanzaban contra Tui.

Á maioría detivéranos nos primeiros días pero, comparativamente con outros en iguais circunstancias, as sancións non foran excesivamente rigorosas: uns días de prisión e confinamento fóra da localidade (Domínguez en Pobra de Trives, Rodal deportado a Lugo e confinado en Ferrol, Tajes en Viana do Bolo).

Cando se abriu a causa, case dous anos despois dos feitos, a opinión estendida na localidade era de sorpresa debido a que xa foran castigados no seu momento, apuntábase ao papel de determinadas persoas instigando e premendo as autoridades para esta actuación. Tanto é así que se piden informes sobre as testemuñas de cargo e de descargo, así como a proposta de nomes de persoas de orde e criterio xusto para que opinen sobre o caso.

Os informes, emitidos pola policía e concello, proporciónannos interesantes apreciacións sobre diferentes personaxes tudenses considerados persoas de orde e afectos ao Réxime. Aparecen aquí, como ocorre no resto do territorio, representantes da “vella política” que deixaran no armario a militancia no partido Radical e outras formacións e vestiran a “camisa nueva” azul da Falanxe para continuar exercendo o poder nos novos tempos.

Entre as testemuñas de cargo, ou sexa, contra os procesados, atopamos a:

Esteban Areses Vidal, farmacéutico, antigo membro do P. Radical, detivérano por orde do gobernador en abril do 36, “conceptuado como cacique” e membro de Falanxe; os seus dependentes Leandro García Pérez e José Álvarez Gómez, coas mesmas influencias caciquís que o xefe.

Os militantes de Falanxe e antigos gardas cívicos: Rafael Rodríguez Domínguez (chofer de galletas La Peninsular), Pedro Enríquez Ferreira e Manuel Estévez Pérez (ambos pertenceran ao P. Radical).

Francisco Baquero Pérez, monárquico, presidente do Bloque Nacional, falanxista. Tamén estivera detido en abril.

Álvaro Jurado Romero, monárquico, xefe local de FET y de las JONS; tiña antecedentes de detencións por diversos motivos e “comercialmente deja bastante que desear”.

Josefa Gil Fernández (S. Femenina), José Solleiro Abal e Isidra Martínez Fernández.

Entre as testemuñas de descargo, favorables aos acusados, temos a:

Juan Álvarez Besada (farmacéutico), César Estévez González (panadeiro), José Diz Jurado (numerosos antecedentes), Marcelino Herranz, Carmen e Perfecta Diz Rodríguez “as Cachopas” (“son de la aldea” dicía o informe), Quintín Diz e a súa dona, Perfecta González “A Pelona”, José Fonseca, Luciano González Coca e José Calvo (axentes de investigación e vixilancia), Gonzalo Martín Jiménez (axente de aduanas), Campio Martínez Míguez (municipal), Emilio González (almacenista de fariñas), José Alonso “O Torto” ou “Palleiro”, Manuel Capón Busto, (sarxento de carabineiros).

Raimundo Vázquez Real, portugués, multouno o gobernador con mil pesetas, no ano 1937, por “tibieza en el cumplimiento de sus deberes de ciudadano”.

Manuel Pino Sánchez, avogado, detido en abril do 36. Fora un dos políticos máis influentes na bisbarra e representara durante tempo ao deputado conservador e ministro Mariano Ordóñez. Considerado como cacique.

José Álvarez Blanco “José da boa vida”, portugués, monárquico, falanxista, sancionado por contrabando e irregularidades comerciais.

Cecilio Domínguez Rodríguez, dono dun almacén de aves e sospeitoso de actividades de contrabando.

Nos informes da comisaría de Vigo (9-4-1938) destaca a ratificación de que “Durante los ocho o diez días que la expresada localidad estuvo bajo el dominio marxista no se produjeron en la misma delitos de sangre ni hechos de notoria importancia”; confirma que era opinión xeneralizada a estrañeza de que fosen procesados de novo mentres outras persoas de maior significación política e social “pululan por las calles con entera libertad”. Os procesados observaran boa conduta, os opinantes consideraban absurdo e a destempo volver sobre feitos xa xulgados e “a través de sus manifestaciones se vislumbra cierta realidad como el que las nuevas actuaciones hayan sido motivadas debido a instigaciones caciquiles”.

Propón como testemuñas imparciais a varias persoas; son moi interesantes as do xuíz Evaristo Rodríguez Fonseca que 

cree en conciencia que el dar nueva vida a este asunto es debido a un deseo de resucitar cosas sobre las que no se debiera volver, desconociendo si el propósito individual de cada uno de los testigos de cargo hubo otras intenciones particulares; desconoce si el Sr. Areses, al que estima de algo cacique, fué el promotor principal de dar cuerpo a este nuevo atestado levantado. 

O depoñente afirmaba que lle producía unha sensación lamentable que se intentase volver, despois de dous anos, sobre condutas xa xulgadas, dando unha sensación de inseguridade para os cidadáns que se significaran dalgunha maneira antes do “Movimiento” e cerrándolles toda posibilidade de rehabilitación.

Outra testemuña proposta, o axente de aduanas César Pérez Bouzas, tamén considera inútil e inxusto volver insistir sobre condutas xa depuradas; apunta que as posibles razóns 

estriben en apreciaciones del Teniente de la Guardia Civil, el cual llevado de su celo profesional seguramente, no ha cejado de insistir sobre estos pequeños detalles que no interrumpen en lo más mínimo la buena consolidación del Régimen en el pueblo de Tuy [...] entre los testigos de cargo, destaca al Sr. Areses por su tendencia marcadamente caciquil, observada bien de cerca por todos los vecinos de Tuy, no obstante lo cual ha sido siempre respetado; el señor Pino, entre los testigos de descargo, adolece de un mal parecido.

Como vemos, reitéranse as alusións ao farmacéutico Areses, destacado entre as testemuñas de cargo e, entre as de descargo o avogado Pino; estes serían as cabezas visibles das posturas enfrontadas.

Como brazo executor sitúase o tenente Francisco Paz Muñoz, vello coñecido nas tarefas represoras de primeira hora na capital provincial en compañía do deputado Víctor Lis. Este tenente alega que actuaba baixo as ordes do xefe de orde pública.

O consello de guerra celébrase en Vigo o 9 de setembro de 1938; actúa de defensor o alférez de complemento Miguel Ángel Llano de la Vega. Entre as persoas que interveñen na vista como testemuñas de descargo destacamos a do avogado Manuel Pino, o xefe de Falanxe José Gándara e o falanxista da “vella garda” Manuel González Fernández, todos favorables aos acusados. Pola contra, José Solleiro acusa a Rocha manifestando que o vira na farmacia de Areses a buscar nitrato e xeso para fabricar bombas. A intervención do defensor foi interrompida dúas veces polo presidente do tribunal para chamalo á orde.

Os acusados foron absolvidos e, dados os seus antecedentes, postos á disposición do delegado gobernativo para sometelos a vixilancia.

No hay comentarios: