domingo, 8 de septiembre de 2024

A sociedade de agricultores "El Adelanto" de Dorrón (Sanxenxo).


A noticia máis antiga da existencia dunha sociedade agraria na parroquia de Dorrón (Sanxenxo) é do ano 1916; un xornal pontevedrés danos conta das tarefas para constituír na parroquia unha sección dese tipo a cargo da sociedade “Progreso”. Era moi habitual que outras sociedades tentaran espallar estas agrupacións fóra dos límites das súas parroquias, como parece ser o caso xa que “El Progreso” era o nome que recibía unha sociedade agraria de Sanxenxo presidida, en 1915, por Juan López. No ano 1921, a sociedade de Dorrón participa no Congreso Agrario de Pontevedra, como integrante da federación provincial.

O 22 de decembro de 1935, organiza un gran acto de afirmación republicana no que anuncian a participación de Elpidio Villaverde, en representación de Izquierda Republicana, Laureano Poza Juncal e José Echeverría. Ao final, os oradores foron outros: Víctor Casas, en representación do Partido Galeguista e José Echeverría, por Izquierda Republicana. O local estaba completamente abarrotado e os oradores referíronse ao fracaso da política de dereitas, defenderon a autonomía galega e pediron a unión de todos.

Temos noticia tamén das xestións efectuadas diante do subsecretario de Obras Públicas por parte dunha comisión de sociedades agrarias (Bordóns, Dorrón e Sanxenxo) así como do Centro Republicano Agrícola Comarcal de Samieira, para, en unión das autoridades da zona, pedir que se construíse unha estrada que, partindo de Sanxenxo e atravesando estas parroquias, mellorara as comunicacións.

No expediente de depuración do mestre de Dorrón José Cancela Guzmán, que fora secretario da sociedade de agricultores “El Adelanto” desa parroquia, atopamos bastante información sobre ela así como un exemplar dos seus estatutos. “El Adelanto” parece ser unha continuadora da sociedade citada pois era habitual que se constituíran sociedades, ás veces con nomes distintos, para sortear a clausura por parte das autoridades ou por desavinzas ideolóxicas.

Un dos cargos que lle efectúan a José Cancela é o de que fora secretario da sociedade “El Adelanto” de “carácter izquierdista”. O cargo non era menor pois o réxime castigaba os mestres que colaboraban con este tipo de sociedades; de feito unha das preguntas do informe-tipo na depuración versaba sobre este tipo de relacións.

O delegado civil de Sanxenxo considerábaa como de “significación marcadamente izquierdista”, cousa que, comprensiblemente, nega Cancela na súa defensa afirmando que era unha “entidad dedicada a la defensa de los intereses de los labradores del pueblo y ajena en absoluto a todo partido o ideología política”.

A comisión organizadora da sociedade aproba os estatutos nunha data tan emblemática como o 14 de abril, no ano 1933, e preséntaos no goberno civil, a efectos da lei de asociacións de 1932, o tres de maio dese ano. A comisión organizadora estaba formada por: Prudencio García Beloso, Mariano Viéitez, José Sanmartín, Joaquín García e Pedro Otero. O domicilio estaba no lugar da Granxa, na casa de José Vilariño.

O lema da sociedade era “Unión y lealtad” e os fins declarados: o desenvolvemento e a defensa dos intereses agrícolas, o melloramento de toda clase de bens materiais, a mutua protección e o perfeccionamento moral dos asociados e as súas familias. Non se limitaba a temas estritamente agrarios pois tamén procuraría o fomento do ensino coas escolas, conferencias, bibliotecas e outros medios. Para a consecución dos fins materiais ocuparíase con todo interese do relacionado coa agricultura, institucións económicas de previsión como socorros mutuos para casos de enfermidade ou inhabilitación, seguros do gando, censos, foros, construción de fontes e camiños...

Fai constar que non pertence a ningún partido político nin admitirá discusións sobre cuestións relixiosas; non obstante, como era acostumado nestas sociedades, os asociados estarían na obriga de votar os candidatos que decidise a maioría.

Tamén prestaba axuda a asociados en paro determinando a preferencia destes nas obras acometidas polos demais asociados e sinalando que a directiva debería facer xestións para facilitarlle traballo aos afiliados que estivesen no paro. O seu artigo 13 sinalaba o deber de “protegerse, auxiliarse y respetarse mutuamente, considerándose como hermanos; ser correctos, corteses y prudentes, haciéndose acreedores al general aprecio”.

En canto ao papel das mulleres debemos ter en conta as concepcións da época: podían ser socias, en todo acto da sociedade ocuparían reunidas sitio de preferencia e votarían antes que os varóns. Non podían ocupar cargos pois estes serían para socios varóns, maiores de idade e que soubesen ler e escribir.

Tiña moita importancia nestas sociedades a tarefa de arbitrar nas disputas entre asociados; a tal fin, na sociedade “El Adelanto” existía o cargo de consiliario, que tiña como función vixiar a conduta dos socios fomentando entre eles a paz e boa harmonía, emitir informes nos asuntos sometidos a procedemento conciliatorio e denunciar os abusos contra os socios e defendelos nos seus dereitos.

É de interese relatar brevemente o procedemento conciliatorio regulamentado. As diferencias e discordias entre socios que non requirisen a intervención xudicial estarían suxeitas a este procedemento. O lesionado nos seus dereitos comunicaríallo ao presidente; este reuniría a directiva para oír os interesados e, co informe do consiliario, tentarán imparcialmente un acordo razoable e levantarán acta. De non chegar a acordo, obterase un ditame por escrito de tres avogados, elixidos un por cada parte e o terceiro pola directiva. Decidirá a cuestión a conformidade en dous dos ditames. Os avogados serán pagados pola parte que non teña razón e, se as dúas partes non se conformasen, serán pagados a medias. Se non houbese acordo e demandasen ao socio que non tiña razón, a sociedade axudaría nos gastos ao socio que litigase con razón, sempre que o permitise os estado dos fondos.

Co golpe militar de 1936, esta sociedade foi disolta.

 

No hay comentarios: