lunes, 26 de agosto de 2024

O médico Loureiro Crespo acusado de masón.

 


Unha das rúas máis coñecidas de Pontevedra leva o nome do doutor Loureiro Crespo; foi un médico moi coñecido na capital pontevedresa pero, seguramente, moi poucas persoas saben da súa actividade política ou da inculpación que sufriu acusado de pertenza á masonería. José Loureiro Crespo naceu o 2 de marzo de 1880 e faleceu o 15 de febreiro de 1961. Desempeñou o cargo de médico titular do distrito de Mourente, médico de Asistencia Pública Domiciliaria e foi presidente do Colexio Provincial de Médicos na década dos vinte e primeira metade dos trinta. Tivo unha activa participación política na etapa da monarquía ocupando o posto de concelleiro republicano na segunda década do século pasado. En tempos da 2ª República estivo afiliado a Izquierda Republicana.

O motivo da apertura de procedemento contra el, no ano 1944, por pertenza á masonería foi a existencia dunha ficha a nome de José Crespo Loureiro (cos apelidos invertidos) que enviou o goberno militar o 8 de maio de 1937 ao comandante instrutor Sisenando Martínez. Esta ficha dicía o seguinte:

Médico del Ayuntamiento de Pontevedra, éste individuo era muy izquierdista estaba afiliado a la Izquierda Republicana, concurría con frecuencia a la redacción de “El País” en compañía del Sr Prego, que era el Director (Fallecido). Se asegura que ambos fueron masones y que el Sr Crespo sigue siéndolo.

Efectivamente, Maximiliano Pérez Prego, propietario do xornal El País, era masón, grao 3 e con nome simbólico Claudio.

O nove de agosto de 1944, por orde do Comisario Xeral Político-Social, dous axentes da comisaría deteñen a José Loureiro, de 64 anos, para instruír dilixencias por estar incurso como masón na causa 155/37 sobre a masonería en Galicia. Tómanlle declaración e recoñece que “le habían inscrito” en IR pero que non tivera ningunha actuación. Cando o golpe militar estivera no asilo das Hermanas dos Anciáns Desamparados para protexelas contra calquera “atropello que pudiera cometerse por las izquierdas”; manifesta ademais que tiña un fillo Caballero Mutilado, outro fora voluntario na Mariña e as súas fillas eran cargos de Falanxe. Afirma tamén que nunca fora masón e que fora absolvido no expediente de responsabilidades políticas.

Loureiro Crespo, temendo polas posibles accións contra el por parte dos sublevados, xa fixera numerosas doazóns patrióticas desde o primeiro momento; por exemplo unha de 25 pesetas “Para el avión Pontevedra” (18-11-1936), outra de 20 para o exército (2-9-36) e pagaba unha cota mensual para o Auxilio de Invierno de 3 pesetas.

O 7 de setembro dítase providencia na que “en vista de la escasa entidad de los cargos que en principio aparecen formulados” determínase a liberdade provisional e así se lle comunica ao director da prisión pontevedresa.

O 24 de novembro de 1944 dirixe un escrito ao presidente do Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo no que afirma:

No soy masón, no lo he sido, ni jamás se me ocurrió solicitar el ingreso. No fuí muñidor, ni apoderado, ni candidato en las elecciones para Diputados a Cortes. La Guardia Civil y todas las autoridades antes y después del Movimiento podrán informar a V.E. de mi actuación. Por lo tanto Exmo Sr tengo el atrevimiento de suplicar a V.E. con todos los respetos, me indique el origen o la persona a quien debo este favor, que tantos disgustos, molestias y perjuicios me lleva ocasionado.

O 14 de xaneiro de 1945 acórdase sobreser a causa 11.019, derivada do sumario 978/44 contra Loureiro alzándose todas as restricións.

No hay comentarios: