martes, 13 de agosto de 2024

A loxa Helenes nº 7.


Fai 16 anos publicamos aquí unha serie de entradas sobre aspectos da masonería na provincia de Pontevedra; nesta ocasión retomamos o tema e daremos unha visión xeral sobre a loxa Helenes nº 7, última das que tiveron actividade na capital.

Esta loxa foi creada oficialmente a principios de 1929 aínda que probablemente comezara a súa actividade a finais do ano anterior. Unha comunicación dirixida ao triángulo Adelante nº 7 de Ourense, así o confirma:

Unos cuantos amigos de la Libertad y afiliados a nuestra muy amada Or:. nos hemos decidido a levantar en estos Wall:. las columnas de un templo en honor del Gr:. A:. D:. U:. queriendo de este modo entrar en actividad mas:. Admiradores de vuestros entusiasmos y virtudes os ofrecemos nuestra insignificante cooperación tanto en el mundo mas:. como en el prof:. supliendo con nuestra buena voluntad las naturales deficiencias de nuestra corta experiencia y de la modestia de nuestras personas. Cordialmente os enviamos el 3X3 abrazo fraternal con el ósculo de paz en nombre de todos. (Lembrade que :. é a indicación dunha abreviatura na linguaxe masónica, por exemplo “prof:.” é “profano”).

Asinan o escrito o Venerable Mestre Amancio Caamaño Cimadevila “Servet” e o secretario José Echeverría Nóvoa “Roura”.

Na fundación da loxa deberon influír as indicacións de Gerardo Abad Conde, que desenvolveu naqueles anos un intenso labor de proselitismo. O primeiro Venerable Mestre que temos documentado foi Caamaño e o secretario Echeverría; estes cargos tamén serían desempeñados por Joaquín Maquieira Fernández “Ives-Delage” e por Gonzalo Martín March “Igualdad”. Nalgún documento aparece como secretario “Hermes” de quen descoñecemos o nome profano.

Entre os primeiros compoñentes, ademais da maioría dos citados, atopamos a Avelino Silva Güimil “Abel”, Juan Cueto Ibáñez “Indarra”, Isidoro Millán Mariño “Urco”, Andrés Corbal Martínez “Tenero”, Arturo Rey Juncal “Víctor”, Joaquín Poza Juncal “Vergniaud”, Benigno Barros Martínez “Gutemberg” ou Basilio Pintos Fonseca “Fraterno”.

Moitos deles foron detidos en 1930 nunha actuación policial no local en que se reunían no barrio do Burgo. Este local, propiedade de Avelino Silva, foi, con posterioridade, cuartel da Policía Armada e derrubado fai uns anos con motivo das obras do campo de fútbol de Pasarón.

Esta actuación policial puidera achegarnos moita información de primeira man sobre a loxa Helenes, pois, segundo escrito da Gran Logia Regional del Noroeste dirixido ao Gran Consejo Federal Simbólico de Sevilla, os axentes actuaron 

incautándose del libro de actas, sellos, etc, por donde se han enterado, como es consiguiente, de los nombres prof:., simb:., acuerdos, trab:. realizados, etc, levantándose una extensa acta de todo ello [...] como en los libros figuran datos de otros tall:. de Galicia, suponen se meterán con ellos.

Por desgraza, toda esta documentación desapareceu dos arquivos da Audiencia Provincial sospeitándose que foi eliminada a propósito para borrar implicacións de persoas afectas á nova situación tras o golpe militar. Certamente, a actuación demorada das autoridades golpistas, que posibilitou que non se atopase ningunha documentación significativa nos rexistros efectuados e o permitir e facilitar a saída cara o estranxeiro de máximos responsables da loxa como Maquieira e Selgas, deron lugar a sospeitas e acusacións veadas contra o gobernador civil, Macarrón, e militar, xeneral Iglesias, aos que círculos falanxistas consideraban ligados á masonería.

A maioría de afiliados eran membros dos partidos republicanos burgueses (FRG, ORGA, UR, IR) pero tamén houbo de dereitas e socialistas. Algúns afiliados estiveron pouco tempo e case sen participación; foi o caso de Isidoro Millán ou Andrés Corbal que, probablemente, se afiliaran por motivacións políticas de oposición á Ditadura de Primo de Rivera.

A falta de documentación fixo que se atribuíra a condición masónica a varios pontevedreses sen ningunha proba e baseándose en suposicións e rumores. Por parte dos falanxistas, a mera militancia en partidos republicanos xa levantaba sospeitas. En determinados informes acúsase de sospeitosos de masóns a Javier Andrade Cimadevila, Agustín Portela, Adolfo Álvarez Gómez, José García Santiago e Enrique Barreiro Vázquez, entre outros. Este último, en realidade, pertencía a unha sociedade espiritista e teosófica.

Nunha carta do mestre Manuel Guillán Abalo “Fermín Galán”, grao 3, ao Venerable Mestre Maquieira, hai referencias veadas (di que por precaución) a varias persoas, algunhas con afiliación masónica comprobada: Pintos (Basilio ou Carlos Pintos Fonseca), “del de Tuy” (Manuel Vicente Álvarez), e outras que, moi probablemente, tamén a tiñan ou estaban en camiño de tela; por exemplo Jar (Antonio Jar Dobarro, de IR), Sarmiento (o capitán retirado Delmiro Sarmiento, socialista) e “el del Barco de Valdeorras” (Ramón Fernández Cortés, pontevedrés que vivía naquela localidade ourensá).

En documentación incautada en Xixón, no local da Gran Logia Regional del Noroeste, de quen dependía a loxa pontevedresa, apareceron listados con datos de ingreso ou de exaltación aos distintos graos; así sabemos que Vicente García Temes “Viriato” ingresou o 17 de outubro de 1929, Joaquín Maquieira “Ives- Delage” e Maximiliano Pérez Prego “Claudio” son exaltados ao grao 2 o 1 de xaneiro de 1930 e ao grao 3 o 22 de maio dese ano (Maquieira) e o 31 de decembro de 1931 (Maximiliano). Manuel Vicente e Domingo Rodríguez Formoso solicitaron o ingreso en xuño de 1933. Joaquín Poza Juncal acada o grao 3 en 1929. O 1 de febreiro de 1930, varios membros reciben prancha de quite por pasar a formar o triángulo Solón nº 8. Tamén causan baixa por expediente debido a falta de asistencia e incumprimento de deberes, Andrés Corbal, Isidoro Millán e Jesús Fonseca Buceta.

Nos anos de vida da loxa, o número de membros debeu oscilar entre 15 e 25. Na VIII Asamblea Nacional Simbólica, celebrada no mes de xullo de 1929 en Barcelona, Helenes só tiña 10 afiliados. No Boletín Oficial nº 42 xa aparece con 18, número que aumenta ao reintegrarse algúns dos procedentes da disolución de Solón. Houbo algunhas baixas por motivos políticos.

Ademais da loxa do Burgo, tiveron outros lugares de reunión como a farmacia de Maquieira ou o primeiro piso do edificio no que estaba a imprenta de Joaquín Poza, na rúa Don Filiberto.

Ofrecemos a continuación un listado, co nome profano e o simbólico (agás algúns que descoñecemos), de integrantes documentados da loxa Helenes nº 7 ao longo da súa historia:

Álvarez Rey, Gabriel “Helios”

Barros Martínez, Benigno “Gutemberg”

Bermejo Sánchez, José “Zozaya”

Bretón Abelló, Tomas

Cob de la Guardia, Roberto “Raúl”

Conte Camps, José “Caminante”

Corbal Hernández, Andrés “Tenero”

Cueto Ibáñez, Juan “Indarra”

Eceiza Farré, José “Juan de Padilla”

Echeverría Nóvoa, José “Roura”

Escarabajal Peralta, Pedro “Asdrúbal”

Fernández Blanco, Ricardo

Fernández Cortés, Ramón

Fonseca Buceta, Jesús “Nazareth”

García Temes, Vicente “Viriato”

Guillán Abalo, Manuel “Fermín Galán”

Iglesias Durán, José

Iglesias Estévez, Pedro

Maquieira Fernández, Joaquín “Ives-Delage”

Martín March, Gonzalo “Igualdad”

Mas Sastre, Salvador “Lanuza”

Meis [ Martínez?], José

Millán Mariño, Isidoro “Urco”

Paz Martínez, J. Antonio “Marconi”

Pedreira Pazos, Manuel “Rousseau”

Pérez Guedella, Ramón

Pérez Prego, Maximiliano “Claudio”

Pintos Fonseca, Basilio “Fraterno”

Pintos Fonseca, Carlos

Poza Juncal, Joaquín “Vergniaud”

Reigosa Sieiro, Manuel “Assogiere”

Rey Castro, Jacinto “Nakens”

Rey Juncal, Arturo “Víctor”

Rodríguez Formoso, Domingo

Selgas Guillén, Federico

Silva Güimil, Avelino “Abel”

Vicente Álvarez, Manuel.

Houbo tamén persoas nacidas ou veciñas de Pontevedra que estiveron afiliadas en loxas de localidades distintas da capital; foi o caso de Manuel Portela Valladares, Laureano Poza Juncal ou Secundino Couto, entre outros, e que quedan fóra do ámbito desta entrada.

Á masonería da provincia de Pontevedra e ás accións levadas a cabo contra ela a partir do golpe de xullo de 1936, adicámoslle un extenso capítulo, “O contubernio xudeo-masónico” no noso libro “Os anos do silencio”. Sobre a masonería galega son referencia autores como Alberto Valín, Lucio Martínez, Luis Lamela (escribiu sobre a represión da masonería en Vigo) e Carlos Pereira (A Galicia heterodoxa), entre outros.


 

No hay comentarios: