jueves, 31 de octubre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (3): Sociedade de agricultores de Salcedo.


A tradición combativa, singularmente no campo sindical e agrario, da parroquia de Salcedo é ben coñecida. Nos seguintes enlaces damos información sobre ela: A loita veciñal en Salcedo  e Represión en Salcedo 

A sociedade de agricultores existía dende anos antes da súa inscrición no rexistro de asociacións, feito que se realizou en marzo de 1897. Como podemos ver nun dos artigos enlazados anteriormente, xa estaba detrás dos sucesos do Campo da Porta en 1894. Non foi a única entidade deste tipo que actuou en Salcedo; sen ánimo exhaustivo, coñecemos a existencia das seguintes sociedades agrícolas ou gandeiras, de distintas tendencias, que existiron oficialmente na parroquia ata 1936 (a data de inscrición vai entre os parénteses): Sociedad san Isidro Labrador (16-1-1903), Socorros Mutuos Siniestro del Ganado (5-8-1911), La Mutual. Socorros Mutuos en siniestros de ganado vacuno (30-8-1912), Sociedad de defensa y protección de los propietarios agrícolas (17-5-1931), Agricultores propietarios de Salcedo (10-2-1935) e Seguros de Ganado “La Unión” (6-4-1936).

Hai constancia que as de propietarios eran de carácter antimarxista e estaban impulsadas polos homes de Víctor Lis na parroquia. Silva Ferreiro afirmaba que contaban con douscentos afiliados. A sí se refería a ela o xornal El País (7-2-1936):

existe una sedicente Sociedad Agraria inspirada en el credo fascistoide que fué engendrada por unos individuos insolventes, con el único objeto de reducir por hambre y conquistar a la antigua sociedad de agricultores, de significación proletaria que hace muchos años está constituída.

Non temos documentada a data de construción do local social pero unha placa no edificio sinala o ano 1912. Nos anos 1931 e 1932, a sociedade solicita ao concello a cesión do terreo que o circundaba.

O domingo, 13 de decembro de 1914, como consecuencia dunha tronada moi forte que afectou a localidade, un raio causou danos no local da sociedade. Puido ser unha traxedia xa que houbera unha reunión ata unha hora antes.

O carácter combativo da sociedade de agricultores de Salcedo dou lugar a multas, encarceramento de directivos e clausuras da entidade en diferentes ocasións. No 1914 foi clausurada e procesados os dirixentes por coaccións a un estanqueiro. En novembro do ano 1922, a directiva tivo que prestar declaración diante do xulgado; estaban procesados e baixo fianza de mil pesetas debido á folga agraria. Como consecuencia desta folga, procesaran tamén a varios xornalistas e impresores por publicación de follas clandestinas e prenderan varias persoas, entre elas o presidente da Federación Agrícola.

No mes de setembro de 1934 tivo lugar unha serie de tallas de cepas de viña nas parroquias de Salcedo (tallaron 60) e de Mourente (200). Este tipo de accións que, xunto á queima de palleiros, eran bastante habituais nos conflitos sociais, dou lugar á clausura da sociedade de agricultores e a imposición de multas, por un importe de 50 e 100 pesetas, a destacados militantes obreiros e agrarios de ambas parroquias. En Salcedo, o enfrontamento, ás veces grave, entre esquerdistas e dereitistas estaba á orde do día; noutras ocasións utilizábase a música e representacións festivas de ton satírico, como o facían “Os Cuchipandistas”.

O 24 de abril de 1932 a sociedade de agricultores estreou unha bandeira que, segundo fontes orais, estaba deseñada por Castelao e fora bordada por mulleres da parroquia. Afortunadamente, logrou sobrevivir á barbarie e foi doada ao concello por Arturo Estévez.

Como noutras parroquias, o local social foi un centro de iniciativas de diverso tipo: cultural, recreativo, xuvenil... Diversas asociacións desenvolveron nel os seus actos. A propia sociedade de agricultores desenvolveu ciclos de conferencias sobre temas agrícolas; entre os participantes estivo Cruz Gallástegui, que falou en 1931.

Dirixentes agrarios de Salcedo como Francisco Fernández Blanco "Sacheiro" ou José Gallego Acuña foron "paseados" no 36.

Co golpe militar do 36 o local foi incautado; a incautación de feito levada a cabo nos primeiros días adoptou forma legal o 26 de agosto de 1937 e inscribiuse a favor do Estado o 21 de setembro de 1938. Constaba como un edificio de 145 metros cadrados nun solar de 456.

Na relación de expedientes que se remite á delegación de Facenda para a súa tramitación, de acordo coa orde ministerial do 9 de xuño de 1943, figura co número 30. Curiosamente consta como situada nun inexistente concello de Salcedo.

A descrición que fai Facenda é:

Casa de planta baja en el lugar de Crucero, parroquia de Salcedo. Superficie 80 metros cuadrados. Linderos: derecha, izquierda y fondo terreno propio. Valor 1040 ptas. Imponible 24 ptas. Folio 5724 del Registro fiscal.

No ano 1944 figura como posesión (que non propiedade) da Delegación Nacional de Sindicatos.

O administrador provincial da Organización Sindical, Ramón Lago Olano, certifica (23-10-1963) que o local era propiedade da Delegación Nacional de Sindicatos e estaba inscrito no Rexistro da Propiedade no tomo 396, libro 132, folio 184, finca 9840 en 2ª inscrición; afirma que era utilizado pola Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Pontevedra.

O 29 de outubro de 1963, a delegación de Facenda informa do estado da propiedade e afirma que 

se encuentra en buen estado y ocupada por una familia, al parecer en precario, para que cuide del inmueble que posee un local donde celebra reuniones la Hermandad de Labradores.

 Non será ata o ano 1967 cando esta Delegación a venda á Hermandad Sindical Provincial de Labradores y Ganaderos por un prezo de 20.000 pesetas, a pagar en prazos de 2.000. Esta venda non se inscribe no Rexistro da Propiedade ata o ano 1991. Este tipo de sospeitosas vendas realizáronse tamén noutras parroquias; totalmente sospeitosa xa que as Hermandades Provinciales non existían nesa data pois integráranse nas Cámaras Oficiales Sindicales Agrarias (COSA) no ano 1947, só as de carácter local (Decreto do 18 de abril de 1947). Foi un mecanismo cheo de irregularidades nun contexto de impunidade xurídica.

jueves, 24 de octubre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (2) Agricultores de Marcón.


A sociedade de agricultores de Marcón foi, xunto coa de Lérez, unha das pioneiras do asociacionismo agrario galego. Comezou a funcionar legalmente en decembro de 1896, data na que foi presentado o seu regulamento no rexistro de asociacións. Aínda así, temos que significar que moitas destas asociacións xa estaban en actividade dende bastante tempo antes; algunhas, como a de Salcedo, estiveran detrás das revoltas que tiveron lugar na década final do século XIX e así o temos documentado noutras publicacións. No caso da de Marcón, o ano da súa fundación real aparece nunha lápida de pedra nos restos do seu local: “Sociedad de Agricultores S. Miguel de Marcón 1894”. Por desgraza, non se conserva documentación pois, o 7 de abril de 1933, incendiaron o seu local social; romperon unha ventá, botaron gasolina e queimaron os mobles e os documentos. Foi un incendio intencionado que, ao parecer, estivo motivado porque a directiva concedera autorización á patronal pontevedresa para celebrar unha conferencia sobre conflitos laborais.

A influencia sobre o agrarismo pontevedrés disputábana tres grupos principais: comunistas, socialistas e forzas da dereita. Os primeiros contaban con importantes dirixentes no sector, eran maioritarios e controlaban as federacións agrícolas municipal e comarcal; nas eleccións municipais de 1931, a candidatura afín, denominada obreiro-agraria, obtivo un soado éxito sendo a que logrou maior número de concelleiros. Os socialistas, que tiñan influencia nalgunhas sociedades do contorno pontevedrés, como as de Xeve, tentaban afiliar as sociedades nas súas filas e lograr que ingresasen na Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra, adscrita á UGT.

Non podemos subestimar o papel da dereita nalgunhas sociedades. No caso de Marcón, conta na súa directiva con significados dereitistas, entre outros o contratista Porfirio Diz, que sería militante do Partido Agrario Español e figurará nas listaxes da Falanxe e da Garda Cívica. En 1931, a directiva estaba composta por: Presidente, Inocente Tourón; vicepresidente, Ernesto Baltasar Blanco; secretario, Porfirio Diz; vicesecretario, Clemente Baltasar; tesoureiro, José Pintos; contador, Vicente Villaverde Baltasar e vogais, Manuel Estévez Paz e Antonio Acuña Peón.

De todos xeitos, o descontento coas tácticas dos dirixentes agrarios na órbita comunista é aproveitado polos socialistas para atraer estas sociedades. Baixo a súa influencia créase a Federación Municipal de Agricultores.

Marcón formará no grupo de sociedades escindidas da Federación Agrícola Comarcal causando baixa o 6 de maio de 1933, por non estar de acordo coa orientación política que se pretendía darlle. O presidente e o secretario da nova federación municipal, Benito Lorenzo González e Gerardo Lorenzo Sobrino, son de Marcón.

No mes de xullo, a sociedade retira a confianza nos concelleiros agrarios de esquerda, García Filgueira, Sanmartín e Loureiro, por

 pretender imponer en aquella parroquia un ideal con el cual siempre se mostró disconforme, imponiendo por la fuerza en aquella sociedad una directiva comunista; por haberse declarado en rebeldía con aquella parroquia, votando en contra, en todos los asuntos que la misma propone al Ayuntamiento, y por no cumplir el mandato de aquellos vecinos que fueron los que en principio propusieron su candidatura (El País, 31-7-1933).

Estas actuacións da sociedade de agricultores obtiveron a resposta da outra sociedade, de orientación contraria, que, ao igual que noutras parroquias disidentes, se formara en Marcón. Nunha nota asinada polo seu presidente, José Muiños, e o secretario, Manuel Asorey, a Sociedad de Agricultores y Obreros de Marcón, responde: 

tal sociedad, compuesta en su mayoría por elementos caciquiles, podrá acordar lo que quiera pero nunca en nombre de la parroquia de Marcón. Los dirigentes en las elecciones municipales votaron y acaudillaron la candidatura monárquica acaudillada por don Alberto Martínez, don José Costas y el señor Otero Piay, por lo tanto son los menos llamados a desautorizar a nuestros compañeros. Esta sociedad, compuesta por más de un ciento de asociados, se considera muy honrada con tener por representantes suyos en el municipio a los aludidos compañeros y les animan a seguir su labor en bien de los intereses de los obreros y campesinos de todo el término municipal. (Progreso, 12-8-1933).

Tampouco en Tomeza están de acordo coa crítica aos concelleiros e unha comisión de agricultores da parroquia visita ao alcalde para protestar polo acordo adoptado pola sociedade de Marcón.

En setembro de 1933, as sociedades de orientación esquerdista, “Sociedad de Agricultores y Obreros” de Marcón e a do mesmo nome de Tomeza, ingresan na Federación Comarcal.

A sociedade de agricultores de Marcón convoca as sociedades escindidas da comarcal para protestar contra o acordo comercial con Uruguai e diríxese ás autoridades para que “dejando a un lado todo lo que signifique política” apoien as protestas.

Anos despois, todas as sociedades volverán á Federación e no local de Marcón celébranse actos como unha conferencia do comunista Francisco Galán (xaneiro de 1936) ou un acto público con Ramón de Valenzuela.

Co golpe militar do 36, os seus bens foron incautados. Na relación de expedientes de incautación e inscrición a favor do Estado de entidades incautadas, feita pola Jefatura Superior Administrativa do Tribunal Nacional de Responsabilidades Políticas, aparece co número 44 o “Expediente seguido a la SOCIEDAD DE AGRICULTORES Y OBREROS DE MARCÓN Y AGRICULTORES Y OBREROS DE SAN MIGUEL DE MARCÓN.

Os seus bens consistían nunha casa de planta baixa, no lugar de Pazos, con fachada á estrada e lindante polo norte co camiño que vai cara a igrexa. Na relación de bens que figuraban nos rexistros fiscais, que Facenda remite á Comisión Central administradora de Bienes Incautados o 15 de marzo de 1937, está valorada en 900 pesetas.

Cando, en agosto de 1963, se inspeccionan estes tipo de edificios, a persoa encargada por Facenda de efectuar o recoñecemento anota: 

Se encuentra con algunas tejas, practicamente está sin techo, en el interior crecen zarzas, no tiene puertas ni ventanas, las paredes tienen huecos para 4 puertas y 6 ventanas.

miércoles, 9 de octubre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (1): Agricultores de Mourente.

 


O primeiro de maio de 1914, un pouco antes de comezar a tradicional romaría que os obreiros pontevedreses celebraban xunto ao carballo de Santa Margarida (Mourente), colocábase a primeira pedra do local da Sociedade de Agricultores de Mourente. No acto tomou a palabra o dirixente agrario e, daquela, membro do partido socialista Manuel García Filgueira. As dificultades económicas impediron o avance dos traballos e non sería ata o 13 de novembro de 1927 (trece anos despois!) a celebración do remate das obras e a inauguración do edificio. Foi grazas ás achegas económicas dos sindicatos de canteiros e de albaneis pontevedreses e de particulares, como se puido rematar a obra; aínda así, a sociedade quedou empeñada e tivo que formarse unha comisión, presidida polo mestre Isolino Martínez, para recadar fondos. No ano seguinte xa se pagaran as débedas.

No acto inaugural estiveron presentes representacións das federacións obreira e agraria; falaron representantes das mesmas. A xunta directiva da sociedade estaba formada por Benito Couto, presidente; secretario, Víctor Baltasar; vicesecretario, Eduardo Rodríguez; contador, José Reboredo; depositario, Manuel de la Torre e como vogais Cándido González e Benito Abreu.

O local consistía nunha casa de planta baixa, no lugar das Laxiñas (cruce da estrada de Ourense coa que vai cara A Seca), de 120 metros cadrados.

Tras o golpe militar do ano 1936 foi incautado; na madrugada do dez de agosto dese ano, os falanxistas e “cívicos” prenderon lume ao local, que quedou só coas paredes. A Comisión Calificadora de Bienes Sindicales Marxistas determina que pase a ser propiedade da Delegación Nacional de Sindicatos.

Un informe da comisaría pontevedresa do 30 de agosto de 1937, dicía que todas as sociedades agrarias do concello de Pontevedra

estaban federadas en la Federación Comarcal Agraria, que a su vez coincidía ideologicamente con la Federación Obrera local, de significación comunista; en realidad el carácter de estas sociedades era absolutamente marxista

En setembro de 1937 faise unha valoración do solar e paredes, pois así quedara tras o incendio, e estímase en 4.058 pesetas. En outubro do ano 1963, con motivo dunha inspección efectuada pola delegación de Facenda sobre o estado dos “Bienes procedentes de Entidades Marxistas”, cóntase a situación da propiedade naquel momento:

han demolido las paredes que habían quedado del inmueble, por haberlo incendiado en 1937 (sic) y en el solar están construyendo un edificio destinado a la Sociedad Recreativa Mourente (De Labradores). 

Con data do 26 de outubro, a Organización Sindical comunica que “posee el edificio que utiliza la Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Pontevedra".

A intervención do concelleiro e home do réxime, José de la Torre, á fronte dun grupo de veciños, posibilitou que na propiedade (e con outros terreos comprados) se construíse o local da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente, aínda activa na actualidade.

 Foto: ATOPO. Deputación de Pontevedra.