A tradición combativa, singularmente no campo sindical e agrario, da parroquia de Salcedo é ben coñecida. Nos seguintes enlaces damos información sobre ela: A loita veciñal en Salcedo e Represión en Salcedo
A sociedade de agricultores existía dende anos antes da súa inscrición no rexistro de asociacións, feito que se realizou en marzo de 1897. Como podemos ver nun dos artigos enlazados anteriormente, xa estaba detrás dos sucesos do Campo da Porta en 1894. Non foi a única entidade deste tipo que actuou en Salcedo; sen ánimo exhaustivo, coñecemos a existencia das seguintes sociedades agrícolas ou gandeiras, de distintas tendencias, que existiron oficialmente na parroquia ata 1936 (a data de inscrición vai entre os parénteses): Sociedad san Isidro Labrador (16-1-1903), Socorros Mutuos Siniestro del Ganado (5-8-1911), La Mutual. Socorros Mutuos en siniestros de ganado vacuno (30-8-1912), Sociedad de defensa y protección de los propietarios agrícolas (17-5-1931), Agricultores propietarios de Salcedo (10-2-1935) e Seguros de Ganado “La Unión” (6-4-1936).
Hai constancia que as de propietarios eran de carácter antimarxista e estaban impulsadas polos homes de Víctor Lis na parroquia. Silva Ferreiro afirmaba que contaban con douscentos afiliados. A sí se refería a ela o xornal El País (7-2-1936):
existe una sedicente Sociedad Agraria inspirada en el credo fascistoide que fué engendrada por unos individuos insolventes, con el único objeto de reducir por hambre y conquistar a la antigua sociedad de agricultores, de significación proletaria que hace muchos años está constituída.
Non temos documentada a data de construción do local social pero unha placa no edificio sinala o ano 1912. Nos anos 1931 e 1932, a sociedade solicita ao concello a cesión do terreo que o circundaba.
O domingo, 13 de decembro de 1914, como consecuencia dunha tronada moi forte que afectou a localidade, un raio causou danos no local da sociedade. Puido ser unha traxedia xa que houbera unha reunión ata unha hora antes.
O carácter combativo da sociedade de agricultores de Salcedo dou lugar a multas, encarceramento de directivos e clausuras da entidade en diferentes ocasións. No 1914 foi clausurada e procesados os dirixentes por coaccións a un estanqueiro. En novembro do ano 1922, a directiva tivo que prestar declaración diante do xulgado; estaban procesados e baixo fianza de mil pesetas debido á folga agraria. Como consecuencia desta folga, procesaran tamén a varios xornalistas e impresores por publicación de follas clandestinas e prenderan varias persoas, entre elas o presidente da Federación Agrícola.
No mes de setembro de 1934 tivo lugar unha serie de tallas de cepas de viña nas parroquias de Salcedo (tallaron 60) e de Mourente (200). Este tipo de accións que, xunto á queima de palleiros, eran bastante habituais nos conflitos sociais, dou lugar á clausura da sociedade de agricultores e a imposición de multas, por un importe de 50 e 100 pesetas, a destacados militantes obreiros e agrarios de ambas parroquias. En Salcedo, o enfrontamento, ás veces grave, entre esquerdistas e dereitistas estaba á orde do día; noutras ocasións utilizábase a música e representacións festivas de ton satírico, como o facían “Os Cuchipandistas”.
O 24 de abril de 1932 a sociedade de agricultores estreou unha bandeira que, segundo fontes orais, estaba deseñada por Castelao e fora bordada por mulleres da parroquia. Afortunadamente, logrou sobrevivir á barbarie e foi doada ao concello por Arturo Estévez.
Como noutras parroquias, o local social foi un centro de iniciativas de diverso tipo: cultural, recreativo, xuvenil... Diversas asociacións desenvolveron nel os seus actos. A propia sociedade de agricultores desenvolveu ciclos de conferencias sobre temas agrícolas; entre os participantes estivo Cruz Gallástegui, que falou en 1931.
Dirixentes agrarios de Salcedo como Francisco Fernández Blanco "Sacheiro" ou José Gallego Acuña foron "paseados" no 36.
Co golpe militar do 36 o local foi incautado; a incautación de feito levada a cabo nos primeiros días adoptou forma legal o 26 de agosto de 1937 e inscribiuse a favor do Estado o 21 de setembro de 1938. Constaba como un edificio de 145 metros cadrados nun solar de 456.
Na relación de expedientes que se remite á delegación de Facenda para a súa tramitación, de acordo coa orde ministerial do 9 de xuño de 1943, figura co número 30. Curiosamente consta como situada nun inexistente concello de Salcedo.
A descrición que fai Facenda é:
Casa de planta baja en el lugar de Crucero, parroquia de Salcedo. Superficie 80 metros cuadrados. Linderos: derecha, izquierda y fondo terreno propio. Valor 1040 ptas. Imponible 24 ptas. Folio 5724 del Registro fiscal.
No ano 1944 figura como posesión (que non propiedade) da Delegación Nacional de Sindicatos.
O administrador provincial da Organización Sindical, Ramón Lago Olano, certifica (23-10-1963) que o local era propiedade da Delegación Nacional de Sindicatos e estaba inscrito no Rexistro da Propiedade no tomo 396, libro 132, folio 184, finca 9840 en 2ª inscrición; afirma que era utilizado pola Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Pontevedra.
O 29 de outubro de 1963, a delegación de Facenda informa do estado da propiedade e afirma que
se encuentra en buen estado y ocupada por una familia, al parecer en precario, para que cuide del inmueble que posee un local donde celebra reuniones la Hermandad de Labradores.
Non será ata o ano 1967 cando esta Delegación a venda á Hermandad Sindical Provincial de Labradores y Ganaderos por un prezo de 20.000 pesetas, a pagar en prazos de 2.000. Esta venda non se inscribe no Rexistro da Propiedade ata o ano 1991. Este tipo de sospeitosas vendas realizáronse tamén noutras parroquias; totalmente sospeitosa xa que as Hermandades Provinciales non existían nesa data pois integráranse nas Cámaras Oficiales Sindicales Agrarias (COSA) no ano 1947, só as de carácter local (Decreto do 18 de abril de 1947). Foi un mecanismo cheo de irregularidades nun contexto de impunidade xurídica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario