A sociedade de agricultores de Marcón foi, xunto coa de Lérez, unha das pioneiras do asociacionismo agrario galego. Comezou a funcionar legalmente en decembro de 1896, data na que foi presentado o seu regulamento no rexistro de asociacións. Aínda así, temos que significar que moitas destas asociacións xa estaban en actividade dende bastante tempo antes; algunhas, como a de Salcedo, estiveran detrás das revoltas que tiveron lugar na década final do século XIX e así o temos documentado noutras publicacións. No caso da de Marcón, o ano da súa fundación real aparece nunha lápida de pedra nos restos do seu local: “Sociedad de Agricultores S. Miguel de Marcón 1894”. Por desgraza, non se conserva documentación pois, o 7 de abril de 1933, incendiaron o seu local social; romperon unha ventá, botaron gasolina e queimaron os mobles e os documentos. Foi un incendio intencionado que, ao parecer, estivo motivado porque a directiva concedera autorización á patronal pontevedresa para celebrar unha conferencia sobre conflitos laborais.
A influencia sobre o agrarismo pontevedrés disputábana tres grupos principais: comunistas, socialistas e forzas da dereita. Os primeiros contaban con importantes dirixentes no sector, eran maioritarios e controlaban as federacións agrícolas municipal e comarcal; nas eleccións municipais de 1931, a candidatura afín, denominada obreiro-agraria, obtivo un soado éxito sendo a que logrou maior número de concelleiros. Os socialistas, que tiñan influencia nalgunhas sociedades do contorno pontevedrés, como as de Xeve, tentaban afiliar as sociedades nas súas filas e lograr que ingresasen na Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra, adscrita á UGT.
Non podemos subestimar o papel da dereita nalgunhas sociedades. No caso de Marcón, conta na súa directiva con significados dereitistas, entre outros o contratista Porfirio Diz, que sería militante do Partido Agrario Español e figurará nas listaxes da Falanxe e da Garda Cívica. En 1931, a directiva estaba composta por: Presidente, Inocente Tourón; vicepresidente, Ernesto Baltasar Blanco; secretario, Porfirio Diz; vicesecretario, Clemente Baltasar; tesoureiro, José Pintos; contador, Vicente Villaverde Baltasar e vogais, Manuel Estévez Paz e Antonio Acuña Peón.
De todos xeitos, o descontento coas tácticas dos dirixentes agrarios na órbita comunista é aproveitado polos socialistas para atraer estas sociedades. Baixo a súa influencia créase a Federación Municipal de Agricultores.
Marcón formará no grupo de sociedades escindidas da Federación Agrícola Comarcal causando baixa o 6 de maio de 1933, por non estar de acordo coa orientación política que se pretendía darlle. O presidente e o secretario da nova federación municipal, Benito Lorenzo González e Gerardo Lorenzo Sobrino, son de Marcón.
No mes de xullo, a sociedade retira a confianza nos concelleiros agrarios de esquerda, García Filgueira, Sanmartín e Loureiro, por
pretender imponer en aquella parroquia un ideal con el cual siempre se mostró disconforme, imponiendo por la fuerza en aquella sociedad una directiva comunista; por haberse declarado en rebeldía con aquella parroquia, votando en contra, en todos los asuntos que la misma propone al Ayuntamiento, y por no cumplir el mandato de aquellos vecinos que fueron los que en principio propusieron su candidatura (El País, 31-7-1933).
Estas actuacións da sociedade de agricultores obtiveron a resposta da outra sociedade, de orientación contraria, que, ao igual que noutras parroquias disidentes, se formara en Marcón. Nunha nota asinada polo seu presidente, José Muiños, e o secretario, Manuel Asorey, a Sociedad de Agricultores y Obreros de Marcón, responde:
tal sociedad, compuesta en su mayoría por elementos caciquiles, podrá acordar lo que quiera pero nunca en nombre de la parroquia de Marcón. Los dirigentes en las elecciones municipales votaron y acaudillaron la candidatura monárquica acaudillada por don Alberto Martínez, don José Costas y el señor Otero Piay, por lo tanto son los menos llamados a desautorizar a nuestros compañeros. Esta sociedad, compuesta por más de un ciento de asociados, se considera muy honrada con tener por representantes suyos en el municipio a los aludidos compañeros y les animan a seguir su labor en bien de los intereses de los obreros y campesinos de todo el término municipal. (Progreso, 12-8-1933).
Tampouco en Tomeza están de acordo coa crítica aos concelleiros e unha comisión de agricultores da parroquia visita ao alcalde para protestar polo acordo adoptado pola sociedade de Marcón.
En setembro de 1933, as sociedades de orientación esquerdista, “Sociedad de Agricultores y Obreros” de Marcón e a do mesmo nome de Tomeza, ingresan na Federación Comarcal.
A sociedade de agricultores de Marcón convoca as sociedades escindidas da comarcal para protestar contra o acordo comercial con Uruguai e diríxese ás autoridades para que “dejando a un lado todo lo que signifique política” apoien as protestas.
Anos despois, todas as sociedades volverán á Federación e no local de Marcón celébranse actos como unha conferencia do comunista Francisco Galán (xaneiro de 1936) ou un acto público con Ramón de Valenzuela.
Co golpe militar do 36, os seus bens foron incautados. Na relación de expedientes de incautación e inscrición a favor do Estado de entidades incautadas, feita pola Jefatura Superior Administrativa do Tribunal Nacional de Responsabilidades Políticas, aparece co número 44 o “Expediente seguido a la SOCIEDAD DE AGRICULTORES Y OBREROS DE MARCÓN Y AGRICULTORES Y OBREROS DE SAN MIGUEL DE MARCÓN.
Os seus bens consistían nunha casa de planta baixa, no lugar de Pazos, con fachada á estrada e lindante polo norte co camiño que vai cara a igrexa. Na relación de bens que figuraban nos rexistros fiscais, que Facenda remite á Comisión Central administradora de Bienes Incautados o 15 de marzo de 1937, está valorada en 900 pesetas.
Cando, en agosto de 1963, se inspeccionan estes tipo de edificios, a persoa encargada por Facenda de efectuar o recoñecemento anota:
Se encuentra con algunas tejas, practicamente está sin techo, en el interior crecen zarzas, no tiene puertas ni ventanas, las paredes tienen huecos para 4 puertas y 6 ventanas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario