jueves, 28 de noviembre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (4): Agricultores de Bora.


A sociedade de agricultores de Bora inscríbese no rexistro de asociacións o 10 de maio de 1897; o 25 de xaneiro de 1903 aparece unha nova inscrición de Agricultores de Bora xunto coa anotación de que a disolveran no ano 1917. O 1 de xuño de 1919 volve a reaparecer e a súa directiva está composta por Valentín Rey como presidente, de secretario figura Manuel Cendón, o contador é Benito Martínez e o tesoureiro Marcelino Candendo Paz. Este último sería elixido presidente da Federación Agrícola Municipal e foi alcalde de Pontevedra en dúas ocasións, así como concelleiro agrario na 2ª República. Como o resto das sociedades agrarias, ao longo da súa existencia tivo diversas influencias; no ano 1910 estaba na órbita dos liberais e defendía o redencionismo foral.

 Con motivo da folga agraria de 1922 foi clausurada, o mesmo que as sociedades de Salcedo, Liga Agraria de Campañó, Alba, Unión Agrícola de Lérez, Tomeza, Mourente, Unión Agraria de Cerponzóns, Lourizán, Federación Agraria Municipal e Agricultores e Oficios Varios de Marín.

No mitin celebrado no Teatro Principal o 7 de xaneiro de 1932, organizado polas federacións agraria e de traballadores, interviu o seu dirixente Manuel Souto, que afirmou sobre os foros que tiñan unha orixe inxusta e inmoral e pediu a súa abolición.

O 20 de abril de 1920 pediron ao concello un terreo para construír o local social, foille concedido por un prezo de 20 pesetas.

A raíz do golpe militar, incautan o local. Os informes sobre a sociedade son equívocos; o gobernador considéraa 

entidad que se mantuvo siempre sin matiz político determinado, porque se impusieron los elementos de orden, quienes se vieron precisados, algunas veces, a pedir auxilio a la Guardia Civil, ya que [...] otros elementos pretendían tenazmente y por medios violentos, unirla a la Comarcal de franco matiz comunista (20-5-1942).

 O certo é que tivo presidentes sinaladamente de esquerdas como Nicanor Couto ou o comunista Benito Tenorio.

O local incautado consistía nunha casa de planta baixa, situada no lugar da Igrexa, e tiña unha superficie aproximada de 70 metros cadrados. Lindaba á fronte con camiño que conducía á estrada de Ourense e o resto con terreo comunal ou municipal. Estaba valorada por Facenda en 770 pesetas.

Na sesión da Comisión Calificadora de Bienes Marxistas celebrada o 14 de marzo de 1944, determínase que se integre no patrimonio sindical e inscríbese no rexistro da propiedade a nome da Delegación Nacional de Sindicatos o 24 de marzo de 1945. Tomo 396, libro 132, folio 180, finca 9838.

Na tan mencionada inspección que realiza Facenda no ano 1963, afírmase que a utiliza a Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Pontevedra, estaba cerrada, deshabitada e en mal estado de conservación, especialmente as portas e ventás.

No inventario de patrimonio inmobiliario da Administración Institucional de Servicios Socioprofesionales (AISS),creada en 1976 para facerse cargo dos empregados e bens do sindicato vertical, figura que foran vendidos o solar (798 metros cadrados) e o edificio (66,65 metros cadrados) á Hermandad Sindical Provincial de Labradores y Ganaderos por 11.000 pesetas; a venda realizouse diante do notario de Vigo Alberto Casal Rivas.

No hay comentarios: