Mostrando entradas con la etiqueta CNT. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CNT. Mostrar todas las entradas

domingo, 31 de marzo de 2013

O dereito a saber. Antonio Chaves del Río.


Manuel Vázquez de la Cruz, para moitos de nós Manolo O Ferruxo, é un home de múltiples saberes que, periodicamente, nos ofrece na súa sección de O Punteiro  no Faro. Nas últimas semanas o seu relato achéganos ás historias de vida dalgúns tudenses asasinados no 36. Emprega ese punto de sensibilidade que nos fai partícipes do drama vivido polas vítimas e polos seus descendentes. O amigo Manolo desculparame que faga meus uns parágrafos do seu último artigo:
Por eso queremos que se estudie y esperamos que la memoria histórica, con ley o sin ley, funcione. No podrán ahogarla y no debieran pretenderlo. Ellos, los que dicen que no hay que remover, no lo hicieron pero si quieren sumergir las conciencias es como si lo hubieran hecho y se convertirán en cómplices [...] Después de conoceros, pienso que vosotros quizás los perdonaríais porque sois una familia excepcionalmente buena. Con vuestro núcleo familiar no han podido. ¡Pero cuanto daño os han hecho y os siguen haciendo predicando el olvido! ¿Cuanta miseria hay en no querer recordar?  ( Faro de Vigo, 29-3-2013.)
Reconforta que, cada vez máis, haxa persoas que defendan a necesidade de lembrar, de explicar, de facer historia sobre o sucedido naquelas datas. Que lonxe as súas palabras do lido fai uns días nun xornal no que se sostiña que ese período bastaba con enumeralo, porque cousas así agora non se deben sacar!. A vella historia de non remexer as feridas, de non mancar a sensibilidade dos descendentes dos verdugos... E a sensibilidade dos descendentes das vítimas?. Como ben escribe Manolo, hoxe ninguén busca a vinganza, os responsables directos ou indirectos da masacre foron morrendo nas súas casas e os seus descendentes nada teñen que ver cos crimes dos seus antepasados. Pero algúns aspectos da represión aínda non están suficientemente esclarecidos e moitos descendentes, setenta e seis anos despois, queren saber máis sobre a vida e a morte dos seus.
    Un destes familiares entrou en contacto comigo fai un par de anos en busca de información sobre a morte de Antonio Chaves del Río. Os datos que se tiñan eran escasos e contraditorios.  Algúns investigadores afirman que foi executado en Pontevedra o 13 de decembro de 1936 (Nomes e Voces), outros sosteñen que foi “paseado” e apuntan diversos lugares para tal feito. Esta disparidade corrobora as dificultades existentes  no estudo deste período; ogallá  fora tan fácil como poñer no buscador da hemeroteca “patrullas nocturnas”, mirar as actas de defunción ou manter unha charla de café, como alguén afirmou estes días.
Hoxe podemos aportar datos relevantes sobre o caso e que publicamos esperando que cheguen a ese familiar pois temos dificultades para facelo directamente.
Antonio Chaves del Río, casado, mariñeiro, fillo de Ángel e Pilar, naceu en Cambados o 17 de setembro de 1886. Era presidente do Sindicato de Industrias Pesqueiras y Oficios Varios (CNT). No atestado para descubrir aos “promotores del movimiento antimilitar”, apúntase que foi Antonio Chaves (a) Ñopo quen se presentou, ás dez da noite do 20 de xullo, na casa dun dos propietarios da ferretería Otero demandando municións para repartir entre os elementos obreiros.
    Ese mesmo día houbera unha reunión na que participaron o alcalde, José Manuel Silva (socialista), Antonio Chaves (CNT), Peregrino Pontevedra (IR) e outros; nesta reunión decidiuse formar grupos  para a recollida de armas.
O 24 de setembro, o delegado de Orden Público puxo a disposición do comandante militar de Pontevedra a Elías Porto Trigo, Manuel Silva Losada, e Antonio Chaves del Río, detidos no cárcere  de Cambados e comunícalle que José Varela Oubiña e Manuel Bugallo Martínez xa estaban presos no cárcere da capital.
    O informe da Guardia Civil sobre Antonio Chaves afirma que 
Observa mala conducta moral, pública y privada. Profesa ideas extremistas muy arraigadas, mostrando siempre su odio al capital.
 Continúa afirmando a súa condición de dirixente cenetista, impulsor dunha longa folga de mariñeiros, propagandista da Fronte Popular e que 
 se distinguió en organizar el movimiento antimilitar, formando grupos a los que designaba aldeas y parroquias para la requisa de armas y otros para la ocupación de municiones y explosivos, alentando a dichos grupos para que con valentía entrasen en las casas particulares, pudiendo asegurarse que, después del Alcalde, era en la localidad el alma del movimiento. Por lo expuesto puede considerarse muy peligroso para la situación actual y es completamente opuesto al movimiento salvador de la Patria. (Informe do comandante de posto da Guardia Civil. 14-10-36. AIRMN).
O consello de guerra contra Chaves e outros cambadeses celebrouse o 10 de decembro de 1936 e foi condenado por rebelión militar a unha pena de reclusión perpetua coa accesoria de interdición  e inhabilitación absoluta perpetua.
    O 28 de decembro de 1936 aplícanlle a “lei de fugas” co pretexto dun traslado dende a illa de san Simón  ao cárcere de Pontevedra. A comunicación asinada polo comandante Velarde segue a redacción habitual nestes casos:
Al ser conducido en la noche del 28 de Diciembre último por fuerza del puesto de esta Capital el preso ANTONIO CHAVES DEL RIO, desde el Lazareto de San Simon a la Carcel de esta Capital, segun orden al efecto, al pasar por la carretera de vilaboa a Santa Cristina debido a una avería del automovil que los conducia fue preciso parar para su reparación en cuyo momento el conducido, aprovechando la obscuridad de la noche intentó fugarse no consiguiéndolo por que a los primeros disparos que hizo la fuerza cayó a tierra gravemente herido falleciendo a los pocos momentos siendo conducido su cadáver al depósito del cementerio de esta Capital. Tengo la distinción de participarselo en contestación a su atento escrito de ayer. Dios guarde a V.S. Muchos años. Pontevedra, 6 de marzo de 1937. El primer Jefe accdtal. Joaquín Velarde Velarde. (AIRMN. Causa 1123/36. Ortografía orixinal)

domingo, 22 de mayo de 2011

Anarquistas en Pontevedra


A principios de maio tiven a honra de participar na presentación do libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), editado por edicións Xerais. O acto tivo lugar na nova sede da librería Michelena, na rúa da Alameda, ateigada de pontevedreses e pontevedresas interesados no tema.

O autor, Dionisio Pereira, é un coñecedor profundo do mundo do mar, do sindicalismo galego, da dinámica de terror que seguiu ao golpe do 36 e, sinaladamente, un estudoso do anarquismo en Galicia. Este libro é un texto capital para entender a problemática dos nosos mariñeiros e a represión exercida contra eles, situándose no marco máis amplo e fundamentado do conflito entre clases.

Recupera a historia das xentes do mar a través da dinámica asociativa e desmontando o mito, tan estendido como interesado, da insolidariedade dos mariñeiros.

Como ben dixo Dionisio na presentación do libro, Pontevedra non foi precisamente unha cidade con moita actividade de organizacións anarcosindicalistas; a pesares da forte implantación que tiveron no litoral, na nosa cidade foron os comunistas quen ostentaron a hexemonía na loita sindical.

No meu traballo sobre a época republicana e posterior, foron moi poucas as referencias a militantes e organizacións anarquistas que atopei na documentación. Destacaría a actividade do histórico dirixente Desiderio Comesaña, camareiro do Petit Bar antes do golpe e axente de seguros de Santa Lucía tras a súa posta en liberdade a mediados da década dos 40. Tamén temos atopado referencias puntuais á militancia na CNT dalgúns dos detidos tras o 20 de xullo, como é o caso do panadeiro de Mourente Rafael Chacón; nin que dicir que as atribucións feitas nos informes policiais debemos acollelas coas debidas cautelas.

Fai uns días atopamos algúns documentos que nos dan novas de dous activistas dos que non tiñamos referencia algunha: Manuel S. Lores e Sebastiana Alonso Tortajada.

Nun informe datado o 6 de decembro de 1936, a Comisaría de Investigación y Vigilancia de Palencia, dá conta da detención, por parte dos falanxista de vixilancia no tren mixto de León, dun individuo indocumentado que afirma ser Manuel S. Lores (sen segundo apelido), de 43 anos, casado, xornaleiro, natural e veciño de Pontevedra e domiciliado en Poio “Muelle de Lourido, Casas Uzá” [ Uzal]. Confesa que saíra de Pontevedra o 1 de decembro e que se dirixía a Burgos onde tiña familia.

A policía palentina solicita antecedentes á de Pontevedra que, telefonicamente, lles manifesta que “era ANARCO-SINDICALISTA, significado, y que se había dedicado a la venta de periódicos extremistas”. No informe escrito da comisaría pontevedresa (14-12-1936) precisan máis as referencias a Manuel F. (sic) Lores afirmando que era afiliado e militante da CNT, adicábase a vender Solidaridad Obrera e Mundo Obrero, correspondente de dita prensa e conserxe dun centro anarcosindicalista que existira uns meses en Pontevedra e fora clausurado no 34; detivérano en 1933 por alteracións da orde ao paso dunha procesión, ademais

era instrumento de relación y enlace de elementos avanzados y constante espía y observador callejero por su condición de vendedor ambulante de prensa.

A única información posterior é un escrito do goberno civil pontevedrés datado o 9 de setembro de 1940, dando conta ao xuíz militar de que non cumpría coa obriga de presentarse cada 15 días na comisaría e ignorándose o seu paradeiro.

Manuel S. Lores antes de vivir en Poio residira na zona de Monte Porreiro; en Lourido convivía cunha muller orixinaria de Terminon (Burgos) chamada Sebastiana Alonso Tortajada, de 29 anos, tamén anarcosindicalista e que participara como oradora en diversos mitins anarquistas. Fora denunciada no 34 por coaccións durante o boicot a conservas Uzal. Segundo a policía, marcha de Pontevedra antes do golpe militar. No libro Les Oblates, 1939-1941: presò de dones de Tarragona, Cossetania Edicions, 2006, Joan Subirats dá novas de Sebastiana como presa neste cárcere de mulleres e condenada a cadea perpetua.

Os informes policiais fan referencia a militancia na CNT e FAI e, en diversas publicacións aparecen novas á existencia dun grupo da FAI en Pontevedra, o grupo Natura, pero sen maiores concrecións.