domingo, 22 de junio de 2008

O 20 de xullo de 1936 en Pontevedra: o golpe (2)

A preparación do golpe militar xa viña de moi atrás e varios militares da guarnición pontevedresa foran contactados polos conspiradores. Arrarás (Arrarás, Joaquín. Historia de la Cruzada Española. Madrid: Ediciones Españolas, 1941.), ao que seguen a maioría de historiadores actuais, cita ao tte coronel Durán, o comandante Vila Fano, o capitán Sánchez Cantón, o tenente José Vidal Moltó e o capitán da Garda Civil Manuel Bernal.

Entre os oficiais citados por Arrarás na preparación do golpe, as figuras clave na capital son o comandante de artillería José Vila Fano, posteriormente instrutor de causas militares e casado con Bernarda Patiño, xefa provincial da Sección Femenina de Falanxe, e o capitán Bernal; tamén teñen unha destacada participación os capitáns Rodríguez, Casal, Caruncho e o tte. Vázquez. Este último, Antonio Vázquez Quitián, procedía da Garda de Asalto, na que cesara en marzo do 36, pasando a dispoñible en Infantería. Era militante de Falange, segundo afirma Buhigas, xefe de Falange en Vilagarcía, que recorda que os militares afiliábanse por unha clave que solo coñecían o xefe que os afiliaba e José Antonio. ( El Progreso,8-4-37). Foi o oficial que mandaba o pelotón de fusilamento de A. Bóveda. O capitán da G. Civil Manuel Bernal Hernández xa estivera como voluntario na represión en Asturias no 34, ás ordes do tristemente célebre comandante Lisardo Doval e, en decembro do 36, marcha para a fronte de Asturias cun terzo de falanxistas galegos.

Foi moi importante na trama golpista a actitude, decididamente favorable ao golpe, da oficialidade do Polígono de Tiro Janer de Marín, baixo o mando do capitán de navío Francisco Bastarreche. O día 19 de xullo, catro oficiais de Marín reúnense en Pontevedra con militares, pois o coche no que viaxaban non fora detido como ordenaran dende o goberno civil. Os militares e G. Civil suman 440 efectivos e entre o Corpo de Asalto e Carabineiros non chegan a 50.

Os altos mandos como o xeneral Iglesias, gobernador militar, ou o coronel-xefe de artillería Mario Sánchez, están á marxe e a súa actitude dubidosa no momento do golpe vai levar, máis tarde, á súa separación do exército.

O capitán da Garda de Asalto, Juan Rico González, parece ser que propuxera ao gobernador a detención dos xefes militares e dos civís conspiradores e mantiña contactos con dirixentes das esquerdas.

O gobernador civil estaba en contacto cos mandos militares e da G. Civil que lle aseguraron fidelidade á República e tentou non tomar medidas que puideran entenderse como provocación aos militares.

O día 17 de xullo, pola noite, chegan as novas do levantamento do exército no norte de África e recíbense ordes de reforzar a fronteira portuguesa pola posibilidade de que entrasen os xenerais Sanjurjo e Cavalcanti así como armas. Ese mesmo día o gobernador envía a Rico a Vigo pola folga dos dependentes.

O 18, sábado, acoden ao goberno civil dirixentes da Fronte Popular como Caamaño, Bóveda, Guiance, Edelmiro Dios, Novás, Francisco Fernández, José Pintos, Manuel Martínez e outros, para recibir información e tratar de organizarse. O gobernador xira unha visita á zona da fronteira pero, diante da gravidade da situación a nivel estatal, volta a Pontevedra pola noite, convoca aos dirixentes políticos e sindicais e organízanse as milicias unificadas populares, nomeando ao odontólogo Jacobo Zbarsky Kuper, membro dunha familia de dentistas de orixe rusa, militar de complemento,como xefe das mesmas.

Os testemuños nos posteriores consellos de guerra, apuntan nomes de quen estaban no goberno civil naqueles intres: Manuel Buján, Evaristo Mosquera, Edelmiro Dios, Manuel Escudero, Magdalena, os irmáns Gama, entre outros. Os militares estaban acuartelados dende as primeiras horas do día. Danse ordes de vixiar aos cuarteis de Campolongo e S. Fernando e comunícase aos militantes dos arredores que acudan á capital.

Seguindo instrucións de Madrid (a través de Tafall, subsecretario de gobernación), fórmase un Comité de Defensa da República composto por un representante de cada partido dos que forman a Fronte Popular. Tamén se forma outro no concello baixo a presidencia do alcalde, o comunista García Filgueira.

O domingo, día 19, volta de Vigo o capitán Rico e danse ordes para a requisa de armas e explosivos e outras medidas. Coaccionado (como logo afirmaría no xuízo) ou non, o gobernador asina as ordes para requisas e autorizacións para o uso de armas. Nas conversas co gobernador militar e con Bastarreche,estes tranquilízano sobre a actitude do exército.

Ás once e media da mañá do luns día 20, declárase a folga xeral e veñen á capital xentes dos pobos e concellos veciños con escopetas e armamento de pouca calidade, con panos roxos e gritando UHP.

Nós iamos co carro para a veiga cando pasaron cunha escopeta o señor Vásques, Manolo o Puchero, Herminio o da Barreghuda e dixéronlle a papá: deixa o carro e vente con nós que hai que defender a República e tal, e papá díxolles: mirade, eu estiven na guerra de África e sei como é iso, en canto o exército tire uns cañonazos ides vir dando cos pés no cu. Cando voltamos da veiga xa viñan abafando e case non podían falar... ( Testemuño oral. F.C.L.)

Seguen as requisas de armas e dinamita en armerías como as de Juan Santos, na rúa da Oliva, ou na de Rafael Varela na de don Gonzalo e tamén en domicilios particulares. Participan nas mesmas Andrés Rey, Eduardo Muíños, Albino Sánchez, Manuel Calvo e outros.

Víñase considerando como dubidosa e falta de decisión a actitude do gobernador Gonzalo Acosta Pan (Izquierda Republicana) e afirmábase que as decisións foran tomadas por Bóveda, Rico e os integrantes do Comité de Defensa da República; a publicación por Lamela de autorizacións para as requisas asinadas por el, danlle unha volta á cuestión, aínda que queda a dúbida sobre se o fixera baixo ameazas.

Os militares seguen dando seguridades de fidelidade á República. A indecisión dos xefes de maior grao e a desconfianza na actitude que puideran tomar os sarxentos e a tropa retardan o momento do golpe. Pouco despois das sete da tarde, o gobernador recibe unha chamada do Comandante Militar, xeneral Iglesias, pedindo que se renderan nun prazo de cinco minutos. O gobernador, logo de falar co capitán Rico, decide renderse e é insultado e ameazado pola maioría dos presentes. O xeneral Iglesias declara o estado de guerra, sobrevoa a cidade un hidro de Marín.

Son conducidos ao cuartel de Artillería o gobernador, a súa muller, o deputado socialista Guiance, Alexandre Bóveda, o médico Caamaño, sendo acompañados polo capitán Sánchez Cantón. Máis tarde son postos en liberdade. O capitán Rico ponse ás ordes do xeneral Iglesias e participa cos militares na toma do concello e nas patrullas pola cidade.

As tropas que saen á rúa están baixo o mando do capitán Casal apoiado por un hidroavión de Marín. O capitán Jack Caruncho empraza un canón e dispara contra o concello. A Garda Civil controla a zona leste da cidade. O encargado da lectura do bando de guerra, cousa que se fai entre tiroteos, é o capitán Sánchez Cantón, a primeira lectura faise xunto ao concello, van as tropas pola Michelena e volta a lelo na Peregrina, logo collen pola Oliva ata a Praza de S. Xosé onde se le por última vez, volvendo ao cuartel pola rúa Riestra. O crego Silva Ferreiro escribe:

No se concibe -sin una especial protección de Dios- que un puñado de hombres sometieran y dominaran en tan poco tiempo, al numerosísimo rebaño de inconscientes llegados de todos los pueblos de la provincia a engrosar las filas de los marxistas pontevedreses. (Silva Ferreiro,M. Galicia y el movimiento nacional. Santiago: I. y Enc. Seminario conciliar. 1938)

Na mesma noite do 20 continúan os tiroteos nalgunhas zonas da capital, rematando con elas unha sección de metralladoras. Os capitáns Caruncho e Fernández quedan ao cargo da emisora local e difunden os comunicados militares.

Nese día resultan feridos de carácter leve algúns militares e civís e teñen lugar as tres primeiras mortes: Ángel Torres López, (esta é a orde correcta dos seus apelidos e non a que aparece en distintas publicacións, era irmán do mestre fusilado en Vigo Apolinar Torres), 44 anos, na Alameda, “rotura de corazón por arma de fuego”, Enrique Torres Barcia, de 72, cobrador do Banco Pastor, por “vaciamiento de cráneo por explosión” e Manuel Iglesias Filgueira, de 31, mestre de Confurco, por “hemorragia por disparo de arma de fuego” cando fuxía cara á súa casa de Mourente polo campo da feira.

Noméanse autoridades militares: gobernador civil: tte. coronel Luis Ledo, ( máis tarde nomearase ao tte coronel da G. Civil Ricardo Macarrón Piudo), alcalde: tte. coronel Becerril e Pte da Deputación: tte. coronel González Besada.

A partires de aí: a garda cívica de Lis, o Petit Bar pasa a ser Bar Imperial, a represión, a longa noite de pedra...pero iso xa é outra historia.



9 comentarios:

Anónimo dijo...

Xa era hora que se pudera saber claramente a realidade dos fastcista, quen son e que fixeron.
A pena e que esta investigación non se poida publicar nun libro. moita xente gustarialle saber a realidade de todo o que aconteceu cos nosos antepasados e alguns que ainda viven e o poidan contalo.
Todo meu apollo, magnifico traballo.

Xosé Álvarez Castro dijo...

Grazas polas súas opinións. Saúdos.

Anónimo dijo...

Magnifico traballo. Xosé, ¿tes algún dato máis sobre ese tenente coronel Luis Ledo e sobre os delegados de orde pública que houbo na provincia de Pontevedra durante a Guerra Civil?

Xosé Álvarez Castro dijo...

Grazas. O tte coronel Ledo estivo poucos días no cargo (ata finais de xullo do 36). Cargos como delegados, subdelegados de Orde pública, xefes de milicias e semellantes foron desempeñados xeralmente por militares: Fdez de los Ríos, Macarrón( gobernador), Cabezas, Ribera, Lenard, Crespo, Peña, Lobo, LLedós,Calderón, Nieto, etc. Datos sobre eles e a súa actuación hainos variables, é un tema complexo.

Anónimo dijo...

¿De donde has sacado la información sobre el fusilamiento de Alexandre Bóved? Gracias

Xosé Álvarez Castro dijo...

La información procede, fundamentalmente, de diversas causas militares y documentación de archivos, de la variada bibliografía que existe (Lamela García,X. Álvarez Gallego, etc) y de algunos testimonios. Saludos

Anónimo dijo...

En primer lugar gracias por la respuesta. Era simple curiosidad. Imaginaba los testimonios personales pero nunca que hubiese documentación oficial (entiendo que procedente de las causas militares) en las que se reflejase con nombres y apellidos las personas implicadas en las sacas.

Xosé Álvarez Castro dijo...

Además de la procedente de archivos (en algunos casos se instruyeron diligencias para averiguar lo sucedido cuando se encontraba un cadáver), hay documentación escrita de otro tipo, partes de servicio, etc. No faltan también escritos generados por los propios participantes y alegados como méritos en su momento. En todos los casos y tratándose de "paseos" debemos tratar las fuentes con extrema prudencia confrontándolas con otras, testimonios, etc.

Anónimo dijo...

Mi padre me contó en una ocasión, una conversación que escuchó en casa a un tío de mi madre en la que se hablaba de la muerte/fusilamiento de Alexandre Bóveda. Este tío de mi madre, era un cargo en Falange y si mal no recuerdo, Consejero Nacional del Movimiento. En esa conversación, se relataron con pelos y señales los momentos de antes de llegar al lugar, el momento y el fin… La verdad, es espeluznante. Aunque siempre fue resumido en un: “O ellos o nosotros”