Na represión subseguinte ao golpe militar non solo debemos considerar a os mortos ou encarcerados senón que hai un grupo importante que son os desaparecidos. Algúns serían persoas asasinadas mediante os “paseos” e que os seus cadáveres non foron atopados ou identificados, outros foron fuxidos á zona republicana ou ao estranxeiro e que as voltas da vida lles impediron dar novas á súa familia ou ben refixeron a vida desbotando calquera tipo de contacto coa súa terra e, por último, temos a aquelas persoas que morreron no intento de fuxida ou por outras circunstancias.
Fai algún tempo, Dª Elisa González Álvarez, muller exemplar comprometida no movemento cidadán contra a droga, falounos do caso dun destes desaparecidos: o seu pai, Jesús González González, o “Suma y sigue”, desaparecido no mes de agosto de 1948.
Diversas pescudas non aportaron ningunha pista sobre as circunstancias da desaparición pero sí sobre a personalidade do mesmo.
Jesús era natural de Toén (Ourense), propietario da taberna “Suma y sigue” na rúa Riestra nº 34, en Pontevedra e que, logo do golpe, tivo outra en Joaquín Costa cerrada a miúdo pola policía. Tamén era propietario dun coche do punto.
Cando a sublevación militar, escapou a Ourense sendo detido e estando preso un tempo naquela provincia, posteriormente permanece na illa de S. Simón sendo posto en liberdade o 18 de maio de 1937. Nun informe da comisaría pontevedresa datado no 22-6-38 (AIMN de Ferrol), afírmase que non estivera inscrito en ningún partido da F. Popular pero que a súa ideoloxía era “completamente izquierdista”.
O mesmo día, 22 de xuño de 1938, publícase unha requisitoria a varias persoas e, entre outros, atópase Jesús González (a) “Suma y sigue” ou “ Sumata” como encartado nun delito de rebelión debendo comparecer no prazo de 48 horas no xulgado militar. Nun rexistro efectuado na casa de Ricardo Villamil, atopan un número de Mundo Obrero, propaganda comunista, munición, carnets da Guardia Cívica e “ una tarjeta de Jesús González González, automóviles de alquiler = Servicio Permanente = Teléfono 338. Riestra 34= Pontevedra”.
Xa nos días posteriores ao golpe, nunhas declaracións atribuídas a Alfonso Vega (fusilado o 7-12-36), maniféstase que Ricardo Villamil, Desiderio Gómez Comesaña, un tal Manolo, chófer de Cangas do Morrazo [ Manuel G. Corbacho, morto o 12-12-36 en Salcedo], xunto con Jesús González e nun coche propiedade deste último, esconderan, primeiro no bar Grove e logo nunha casucha en Campolongo a Antonio Fandiño, implicado no asasinato de Secundino Esperón. No mesmo coche sacárano da cidade e, cando volvían, foran tiroteados pola Guardia Civil recibindo o coche varios impactos que Jesús González leva a reparar a Vigo.
O día 25-6-38 comparece o “ Suma y sigue”e desmente os feitos que se lle imputan. Sofre diversas detencións e na súa casa dispón dunha imprenta na que se tira diversa documentación clandestina. A presión policial era cada vez máis abafante e foi encausado nun sumario pola xurisdición especial sobre actividades subversivas.
Segundo lembra a súa filla, o 14 de agosto de 1948 , na víspera da Peregrina [ data aproximada pois a Peregrina foi o 8 de agosto naquel ano], nun camión de chatarra propiedade dun construtor pontevedrés, foi trasladado a Cangas. O plan era unha fuxida por mar dende aquel porto xunto cunha trintena de persoas tamén perseguidas, utilizando un barco vello mercado para tal fin. As sospeitas son de que houbo “un soplo” e o barco foi afundido.
Os anos 1947 e 48 foron de moita presión policial sobre os opositores ao réxime coa desarticulación de numerosas células do partido comunista polo que entra dentro da lóxica a idea da fuxida. Porén non temos constancia da desaparición doutras persoas da zona nesas datas.
Un misterio engadido é a recepción pola familia, tempo despois, dunhas tarxetas das que tiña como taxista cun texto escrito á man e coa letra de Jesús dicindo: Yo bien, busca chófer.
Polo momento a incógnita continúa...
No hay comentarios:
Publicar un comentario