Adicado a José Antonio Mera, José Luis , Javier e Maite Caramés e Merche
Espiño, un retallo da historia familiar compartida.
A consulta de documentación da causa
militar 1171/36, contra Manuel Villamayor (tenencia ilícita de
armas) e Eugenio Espiño e Víctor José Bugallo (intento de
organización de sociedades ilegais), proporcionou máis información
sobre a personalidade de Euloxio Espiño Amil. As actuacións
iniciáronse o 5 de agosto de 1936.
A Villamayor atopáronlle un sobre con
documentos do partido comunista e outros escritos que lle foran
entregados por Euloxio. Nas declaracións dos inculpados recoñecen
que José Espiño Moreira, primo de Euloxio e tenente de alcalde de
Silleda, lles falara de organizar o partido comunista, cousa que
aceptaron pero que non chegaron a realizar na práctica e sen que
Euloxio chegara a actuar como presidente. Entre o incautado aparece
unha relación cos compoñentes da célula nº 11 constituída por:
Eulogio Espiño (nº 89), José González, Ramón Sobrado, Ramón
Conde, Manuel Villamayor, Ismael Rey, Perfecto Sobrado, José
Iglesias e Víctor Bugallo.
Víctor José Bugallo, zapateiro de 32
anos, casado, foi detido no Carballiño o 30 de agosto. Será
fusilado en Pontevedra o 11 de maio de 1937. José Moreira Espiño
permanecerá agochado varios anos e as autoridades coidaban que
fuxira a América.
O alcalde de Silleda informa ao xuíz
instrutor que Euloxio non se atopaba en Fiestras pois estaba no
lugar de “Granja de Espiño” en Poio; esta confusión entre a
granxa dos Espiño na Bouza (Xeve) e o lugar da Granxa (na realidade
en Sanxenxo e non en Poio), proporcionou un tempo precioso para que a
familia puidese poñer a salvo a Euloxio e, a través dos seus
contactos no Goberno Civil pois lle vendían o leite ao gobernador,
preparase a súa posterior presentación a primeiros do mes de
outubro.
Nas declaracións e nun careo con
Villamayor, nega ser o presidente da célula comunista de Fiestras,
manifesta que nunca lle entregaran o carnet nin, por suposto,
cotizara para o partido, pero recoñece que lle entregara a
Villamayor o sobre. Na indagatoria descríbese a Euloxio, de 27 anos,
solteiro, albanel, como
de estatura regular, ojos pardos, pelo castaño, cara enjuta y como señas particulares tiene la dentadura del maxilar superior postiza toda ella menos un diente.
O 12 de outubro ingresa en prisión
segundo consta nun escrito asinado polo inspector provincial de
prisións Lago Búa.
O informe do comandante de posto da
Guardia Civil sobre Villamayor e Espiño, afirma que son persoas de
boa conduta persoal pero en canto á política
siempre han pertenecido a partidos de extrema izquierda, propagandistas del comunismo y desempeñaban ultimamente los cargos de secretario y presidente respectivamente de la Sociedad comunista de Fiestras
Noutro informe posterior, a comandancia de Pontevedra confirma o
anterior e engade a condición de “simpatizante con los
revolucionarios de Octubre de 1934.”
O sete de novembro, o auditor de guerra
considera que non se atopan méritos suficientes para reputar
xustificada a perpetración do delito e pide o sobresemento
provisional aínda que, por acreditarse a militancia comunista, os
imputados debían pasar á competencia gobernativa para que actuara
ao respecto.