Mostrando entradas con la etiqueta peregrina Martínez Santos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta peregrina Martínez Santos. Mostrar todas las entradas

lunes, 12 de octubre de 2015

Peregrina Martínez Santos, unha mestra antifascista.

Dentro duns días verá a luz un libro comunal sobre a historia de Cotobade: comunal na autoría, compartida por cinco historiadores (M. Reboredo, A. Concheiro, S. Fontenla e Xermán Fortes, coordinados por Xosé Fortes) e comunal na financiación mediante unha tábula gratulatoria.
Esta entrada vai adicada a dúas persoas comprometidas na tarefa: Afonso Ribas Fraga, animador incansable do proxecto, con Cotobade sempre no corazón e Serafín Fontenla Fernández, profundo coñecedor da historia cotobadesa e un home bo no senso machadiano desa palabra. Parabéns!

Nunha entrada anterior escribimos sobre as irmás Martínez Fernández “As corseteiras”, familia moi comprometida politicamente co socialismo e que contou con varios membros represaliados. Un irmán, Arturo Martínez, fabricante de mobles, foi multado con dez mil pesetas (todo un capital naqueles tempos) por ser “contrario al Movimiento Nacional y desafecto a la causa de España”; para cobrar a multa instrúese expediente de apremio e sácanse a puxa pública, en agosto de 1937, varios mobles e efectos embargados. Arturo morreu no ano 1951.
Nesta entrada falaremos dunha sobriña das Corseteiras: Peregrina Martínez Santos, filla de Arturo Martínez e de Paulina Santos, con 21 anos no 36, mestra de Rouxique (Sanxenxo). Estaba afiliada ás Xuventudes Socialistas Mixtas co número 14 e participaba nos actos organizados polas esquerdas pontevedresas. Foi detida o 27 de outubro de 1936 e posta en liberdade o 25 do mesmo mes de 1937 recibindo unha multa de mil pesetas imposta polo delegado de orden público por “actividades de carácter marxista.” En 1938 instrúeselle un novo atestado e ordénase arresto domiciliario; xunto coas súas tías e Maruja Fandiño é procesada na causa 379/38 por un delito de rebelión. O testemuño do cura de Vilalonga foi moi duro: as ideas que tiña eran comunistas, recibía xornais extremistas como El Socialista e Mundo Obrero, non formaba os nenos na educación cristiá e consentía que blasfemasen, mandara colocar pasquíns en diferentes puntos da parroquia “con las consignas del odioso comunismo” e non frecuentaba a igrexa nin cumpría cos deberes de todo bo cristián. Non faltaron outras acusacións de veciños da zona. Como as acusacións non quedaron demostradas, a causa foi sobresida en xullo de 1938. En 1941 ábreselle expediente de responsabilidades políticas que tamén foi sobresido en 1943.
Pero a represión foi máis alá do encarceramento e das sancións económicas, dende o primeiro momento foi separada do seu destino como mestra. A Comisión de depuración de mestres determina os seguintes cargos:
1º Mala conducta profesional, religiosa, social y particular, haciendo públicas manifestaciones de sus ideas comunistas. 
2ºQue ordenó a los alumnos a colocar carteles con la hoz y el martillo, habiendo orientado la enseñanza de acuerdo con sus ideales comunistas, antipatrióticos y disolventes. 
3º Facilitaba a los padres de los niños periódicos disolventes. 
4º En lo religioso era atea. 
5º En las últimas elecciones hizo propaganda marxista.
 O inspector considéraa con moral relixiosa mala e profesional boa.
As alegacións que Peregrina presenta contra os cargos da comisión deixan ver o seu forte carácter, contrariamente ao que era habitual e menos no ano 1937, non da sinais de arrepentimento e deféndese atacando aos acusadores. Como mostra copio algúns dos parágrafos do seu escrito:
Parece como si los denunciantes disfrutasen repitiendo las mismas frases de difamación para hacerlas más mortificantes. La conducta. Nuestra conducta es mejor o peor, según la que tengan aquellos que se toman la molestia de analizarla. Así, las personas de instintos perversos, consideran de peor conducta a otras que encaminan todos sus actos a practicar el bien. Sin que esto signifique propósito de aludir ni molestar a nadie. [Sobre o reparto de xornais] Esta falsedad se descubre sola ¿Cuando y en que parte se vió a los maestros nacionales repartidores de periódicos y del correo? Además, los moradores de Rousique (sic) no son tan infelices que necesiten andadores, pues, saben moverse perfectamente solos, igual que los de todas partes. [ Ateísmo] Como desconozco a los denunciantes, no puedo negar ni afirmar en absoluto; pues, si el de ellos fuese el dios de maldad, el de los fariseos, el de los que comercian con él, el de los que en su nombre cometen crímenes y villanías, tienen razón que lo repudio; porque mi Dios es el Magnánimo, el de Misericordia y Bondad; el de Amor al prójimo y libre de todo mal. 
Remata a alegación afirmando: Y, consecuente, compadezco y perdono a los que difaman tan despiadadamente; aunque jamás creí que un corazón humano pudiese abrigar tanta ruindad. Acompaña un escrito de cerca de cincuenta pais e nais que afirman a conduta intachable da mestra, a satisfacción polo seu labor educativo e desminten as acusacións contra ela. A sanción foi de separación definitiva do servicio. Na década dos cincuenta solicita a revisión do expediente e afirma que “ha purgado su pecado con exceso; 18 años apartada de la carrera que tantos sacrificios le costó y que fue la vocación de su vida.” Nesta ocasión os informes, tanto da Guardia Civil como do alcalde de Sanxenxo e do cura de S. Bartolomé, son favorables; non así os do cura de Noalla, encargado de Vilalonga, que afirma “ni siquiera por curiosidad entró en la iglesia además hacía propaganda de ideas ateas y comunistas.” O 28 de abril de 1958 proponse o reintegro no corpo e sanción de traslado fóra da provincia durante cinco anos.

Nota: Os textos reproducidos pertencen a documentación do Archivo Militar Noroeste e Archivo General Administración.