miércoles, 13 de diciembre de 2023

Contra o esquecemento: Germán Fernández Gracia (1)

 

El día diecinueve y siguientes de julio pasado en esta Capital fué en donde con mayor virulencia opusieron resistencia a las fuerzas facciosas al movimiento nacional donde desde el Gobierno Civil, Cuartel General de los marxistas, se dirigió todo el movimiento revolucionario haciéndose disparos contra un hidro de la Base de Marín que al evolucionar por esta Capital, dirigía proclamas a los sediciosos para que se rindieran, y en este edificio del Gobierno Civil fué donde en aquellos días se ve actuando como dirigente de masas al procesado paisano GERMÁN FERNÁNDEZ GRACIA, el que servía de enlace entre el Comité revolucionario y los paisanos armados que transitaban por las calles de Pontevedra viéndosele asimismo dar órdenes a elementos revolucionarios para que se armen con el fin de hacer frente al Movimiento Nacional.

O parágrafo anterior, de confusa sintaxe, corresponde a un dos considerandos da sentencia que condenaba a morte a este vigués, domiciliado en Pontevedra, tras un consello de guerra ordinario por procedemento sumarísimo. Germán estaba casado con Carmen Abuín Díaz. Este consello, por un delito de rebelión, celebrouse o 10 de decembro de 1936.

O 25 de xullo fora presentado polo artilleiro Evaristo Vázquez na Delegación de Orden Público; o soldado fai constar que, dende o edificio de Teléfonos, fixérase un disparo “y como el que presenta vive en dicho edificio y es sujeto de tendencias extremistas muy significado procedió a su inmediata detención”. Pode apreciarse como unha simple suposición podía levar non só á detención dunha persoa senón a consecuencias, como veremos, moito máis graves.

Incóase a causa 1119/36 e comezan a aparecer os informes inculpatorios. A Guardia Civil considérao de dubidosa conduta e antecedentes e afirma que se adicaba a organizar as milicias comunistas, á venda de libros extremistas e que estaba afiliado ao partido comunista. A Comisaría considérao como un dos elementos marxistas máis destacados, que primeiramente fora sindicalista, logo de Izquierda Republicana e, como as normas deste partido lle parecían pouco extremistas, fundara o Partido de Juventud de Izquierda Republicana” (sic) de matiz comunista do que fora presidente.

Desde Marín, Francisco Bastarreche, director da Escuela de Tiro Naval na que Germán estivera como aprendiz de artilleiro, comunica que, no ano 1930, fora sancionado por desobedecer ao condestable de garda e que, posteriormente, decretárase a expulsión por fugarse da escola e permanecer ausente 5 días.

O instrutor afirma que non se puidera probar que Germán fose o autor do disparo, pois os propios soldados testemuñaran que non sabían nada dos feitos pero, dados os antecedentes, elevaba as dilixencias ao xeneral xefe da 8ª División.

A partir de aí os informes conteñen acusacións máis graves e cobran especial relevo pola súa gravidade as declaracións dos policías Castor Prieto e Antonio Iglesias, que coinciden case literalmente: mostrárase extraordinariamente activo entrando e saíndo continuamente no Goberno Civil, dirixente de grupos, enlace, fixera afirmacións de que había que buscar armas para a xente e que tiña unha manifesta perigosidade. O fiscal considérao 

un hombre peligroso para la vida social, que es un mal ciudadano, como fué un mal soldado durante el tiempo que permaneció en filas [...] Aunque no se prueba en autos que fuese el procesado quien lo hizo [o disparo] a súa conduta fai “suponer fundadamente que agredió al Ejército. (!!!)

Como podemos apreciar, diante da imposibilidade de probar a acusación pola que fora detido, desvíase o procedemento para centralo nas súas posicións políticas e nunhas declaracións duns policías que se basean en manifestacións que oíran pero non podían dicir a quen. Un caso máis que demostra que non se xulgaba polo que os reos fixeran senón polo que eran, polas ideas que representaban.

Da defensa e da petición de clemencia falaremos nunha próxima entrega.

Facer constar aquí que Germán Fernández Gracia, ao igual que a súa irmá Elvira, tiña un temperamento combativo, como demostrou na súa etapa de director do xornal Clarín ou como fundador, en 1932, dun curioso grupo denominado Vanguardia Izquierdista Anticlerical, que se dispoñía a “laborar por la redención moral de los españoles” e que admitía nas súas filas a membros de todos os partidos de esquerda republicana. Ocupou o cargo de secretario
xeral; como presidente figuraba, nin máis nin menos, que José Santiago Vaello Pastrana, que co tempo pasaríase a Falanxe e chegaría a responsable do seu sindicato (CONS) en Galicia. Vaello sería un dos protagonistas das actuacións máis violentas e corruptas da organización fascista.

Ás cinco da tarde do día 28 de decembro (día dos santos inocentes!), despois de rexeitar os auxilios espirituais, fusilan a Germán na avenida de Bos Aires. Entérrano en san Amaro na sepultura nº 8, zona 2ª e fila 1ª.

No hay comentarios: