domingo, 29 de junio de 2025

Denuncias en Caldas.

 


As desavinzas e loitas polo poder foron unha constante entre os membros de organizacións afectas ao novo réxime. Nestas liortas, as denuncias cruzadas utilizábanse como arma. Un caso que pode exemplificar o anterior é o sucedido no concello de Caldas de Reis a finais de 1937; o subdelegado de orde pública da parroquia de Sº André de Cesar, Ricardo Barros Rey, denuncia a tres veciños, entre eles un falanxista mutilado de guerra (Ricardo Magán), por armar escándalo ao disparar foguetes á saída dunha voda.

Todo apunta a que os denunciados, co apoio do comandante de posto da Garda Civil, achegaron a súa versión do sucedido ás autoridades militares e aproveitan para acusar a Ricardo Barros do delito de disparo con arma de fogo e pertenza á masonería.

A Delegación Militar de Orden Público ordena a instrución dun procedemento contra Barros que dá lugar á causa 1496/37, por suposto delito de rebelión militar.

O informe do comandante de posto, Avelino Zorrilla, datado o 10 de decembro, considera que a denuncia efectuada polo “solterón con dinero” era “insidiosa y vengativa”; apunta rumores de que o que pretendía era privar da pensión ao falanxista mutilado. Indica tamén que, despois do Movimiento, Barros tivera unha pelexa cun dos denunciados, Juan Alonso Campaña ( propietario do pazo da Bouza.), na que disparara un revólver e que protestara pola reposición do crucifixo na escola custeada por emigrantes da localidade. Engade o comandante de posto que, en virtude de “gestiones practicadas con reserva”, deduce que “es de izquierdas y no contribuyó con gran cosa para la defensa de la causa Nacional, tratándose de un individuo acomodaticio buscando la práctica de su bienestar [...] mereciéndome mal concepto para la forjación de la nueva España”.

Numerosos testemuños de veciños son favorables a Ricardo Barros, entre eles o do alcalde Antonio Salgado. Deles e da propia declaración do inculpado, podemos aclarar o sucedido coa reposición dos crucifixos. Ricardo Barros era secretario do consello de administración da escola de emigrantes radicada no pazo da Bouza; cando repuxeron os crucifixos neste centro, que funcionaba con carácter laico, enfrontouse coa maioría de membros pois consideraba que debía solicitarse previamente autorización ao padroado residente en Bos Aires: “que se retirase el crucifijo y que se escribiese a los de Buenos Aires pidiéndoles su consentimiento para reponerlo, y hacerlo así al recibir la orden”. Na reunión ten un forte enfrontamento con Juan Alonso e, uns días despois, sostén con el a pelexa con disparos que denuncian os seus opoñentes.

Quen parece aliñarse cos opositores a Barros é o crego Santiago Radío Pintos, quen considera que a actitude de Barros opoñéndose á reposición do crucifixo “unicamente puede ser originada por sentimientos antirreligiosos o por hallarse embriagado y en estado anormal”.

A opinión de Barros e doutros veciños era a de que as denuncias contra el eran debidas á ambición dalgún veciño para ocupar o seu posto de subdelegado e a intereses económicos. Tanto o instrutor da causa como o auditor coinciden nesa apreciación e decrétase o sobresemento e a posta en liberdade do detido.

jueves, 5 de junio de 2025

Profesores represaliados no instituto de Pontevedra.

 


Na posguerra, exerceron no instituto de Pontevedra varios profesores que deixaron unha fonda pegada nos alumnos que tivemos a sorte de ser alumnos seus. Tiñan en común o feito de que foran depurados pola súa ideoloxía ou militancia política cando exercían noutros institutos e que, tras moitas vicisitudes, acabaran como docentes neste centro educativo. Nesta entrada faremos un breve repaso ás historias de vida de tres deles.

Xosé Carlos Villar García, profesor de lingua e literatura española, fora profesor en Noia. Membro do Seminario de Estudos Galegos e fundador naquela localidade de Izquierda Republicana (IR) así como concelleiro. Un dos seus delatores foi o director da Escola de Artes e Oficios de Compostela, que fixo o mesmo con moitos compañeiros, entre eles Carlos Maside. Sobre Carlos Villar asegura que:

fué a Madrid para asistir al Mitin que en aquella ciudad dió Azaña. Paseó por la Villa de Noya, donde era profesor, con la corbata roja, que en aquel tiempo era sonónimo (sic) de marxista. Fué Secretario y fundador enla (sic) Villa de Noya del Centro de Izquierda Republicana de Casares Quiroga. Fué concejal del frente popular (minúsculas no orixinal), como así lo manifestó en unas hojas que allí mismo publicó, proponiendo la supresión de las cruces en el cementerio. Como profesor separó a los derechas de los de izquierdas, diciéndoles a éstos, que estaban aprobados, mientras que a los de derechas que tenían que examinarse.

Carlos Villar tenta zafarse da persecución ingresando na Falanxe pero foi expulsado no 1943. Separado do posto, dá clase na academia Minerva de Pontevedra. Na publicidade deste colexio aparece como “ex-profesor de instituto”; reingresa no ensino oficial en 1955.

Mariano García Martínez, natural de Aguilera (Burgos), estudante destacado, licenciado en Farmacia e doutor en Ciencias Naturais, aproba oposicións a cátedras de bacharelato no 1930. Da clases en Alcira e no instituto de Oviedo. Profesor auxiliar encargado da cátedra de Ciencias Naturais, por ausencia do titular, na Universidade de Compostela. Foi vicesecretario de acción da Juventud de la Agrupación al Servicio de la República e afiliado a IR. Acúsano de defender ideas laicas e prestar adhesión aos “rojos”. Foi defendido polos testemuños de moitos profesores da Universidade, que afirman que os protexera cando os perseguiran. Expulsado da universidade e sancionado con traslado e inhabilitación para cargos no corpo de catedráticos de bacharelato, destínano a Pontevedra en 1942. Nesta cidade casa con Carmiña Bugallo, profesora de filosofía, antiga residente na Residencia de Señoritas da Institución Libre de Enseñanza; era, polo tanto, cuñado do militar leal Rogelio Bugallo. Foi investigador da Misión Biolóxica de Lourizán. As súas clases, con infinidade de actividades prácticas e de uso do laboratorio, foron un sopro de aire fresco no centro.

Celestino Noya Rodríguez naceu en Barro. Publicou a novela “Morta!”. No 1933 fora profesor interino de Xeografía e Historia no instituto de Pontevedra. Máis tarde exerceu como profesor no instituto de Lugo. Foi membro destacado do Partido Republicano Gallego e logo de IR. Nomeárono presidente da xestora da Deputación de Lugo na etapa da Fronte Popular, dende o 31 de marzo de 1936 ata o golpe militar; ademais era concelleiro na capital nomeado polo gobernador civil. Sorpréndeo o golpe en Madrid pois fora presentar o proxecto de estatuto galego (era presidente da comisión en Lugo) e para participar nas oposicións a cátedras. Tiña superado os cursiños de 1933 para acceder á praza de encargado de curso e foi incorporado polo goberno republicano, como o resto dos que se atopaban na zona leal, ao escalafón de catedráticos de instituto (Gazeta de Madrid,4-10-36). Mobilizárono como oficinista en sanidade no XIX corpo do Exército en Valencia; máis tarde estaría en Murcia prestando servizos no Hospital. Ao remate da guerra, estivo preso nun campo de concentración dende o 10 de abril de 1939 ata agosto de 1940. Por unha orde do 27 de febreiro de 1937, foi separado definitivamente como profesor encargado de curso do instituto de Lugo. Sometido a un proceso de responsabilidades políticas (Expte 76/940), acúsano de pertencer ao Partido Galeguista e a IR e facer propaganda do estatuto “siendo su obsesión la enseñanza laica”. Outra das acusacións era a de que pertencera á Brigada do Campesino. Tamén o inculpan por desempeñar cargos de confianza por nomeamento da FP “significándose en alguno de ellos publicamente por la intensidad y eficacia de su actuación en favor de aquel conglomerado”.

A estratexia de defensa de Celestino Noya, que non pode negar os cargos que ocupara pola relevancia que tiveran, é a de matizar súa ideoloxía e actuacións reunindo cantidade de testemuñas ao seu favor, especialmente de relixiosos e falanxistas. Foi condenado a 5 anos de inhabilitación para cargos públicos e multa de 300 pesetas (as pescudas sobre as súas posesións indicaban que o capital do matrimonio ascendía a 600 pesetas, que era o valor dos seus libros, os únicos bens que tiñan). Separado definitivamente como profesor, traballa no colexio León XIII de Vilagarcía. Reingresaría no corpo posteriormente e foi secretario e xefe de estudos moitos anos no instituto pontevedrés.

Fotografía: D. Mariano García. Fonte: www.atopo.depo.gal