viernes, 26 de diciembre de 2025

Contra o esquecemento: Alfonso Vega Olivera.



En uso de las atribuciones que me están conferidas y atendiendo a las circunstancias del momento que así lo exigen, nombro delegado para el mantenimiento del orden público en Sangenjo y en la jurisdicción de aquel Ayuntamiento al funcionario D. Alfonso Vega y Olivera, en las condiciones que determina la Ley de 28 de Julio de 1933. Pontevedra 20 de Julio de 1936. El Gobernador Civil Gonzalo Acosta.

Este era o nomeamento do oficial de correos Alfonso Vega Olivera como delegado da orde pública de Sanxenxo. Alfonso tiña 27 anos, casado e natural de Madrid. Estaba afiliado a Izquierda Republicana.

Ese 20 de xullo, tomou medidas como poñer ás súas ordes o destacamento de Carabineiros de Noalla e a requisa de varios coches particulares; tiña previsto que estes coches se utilizasen para transportar algúns veciños a defender o goberno civil da capital. Estes veciños non chegaron a saír de Sanxenxo pois, antes da partida, xa chegaran novas da saída das tropas á rúa.

O día 22, cando a Garda Civil e membros das milicias falanxistas chegan á vila en servizo de "correría", aproveita para entregar ao cabo José Cagiao un revólver, munición e a correspondente documentación. O cabo entrégalle un recibo da entrega. Segundo Alfonso, xa pretendera entregarlla ao alcalde Teodoro Otero antes da publicación do bando de guerra; o alcalde non quixera facerse cargo dela.

Comezan as actuacións contra Alfonso Vega o 28 de xullo. Os informes recollidos polo instrutor, comandante de Infantería Julio Fernández de los Ríos, son moi desfavorables. Apréciase que hai dúas acusacións determinantes neste proceso; por unha banda estaban os seus artigos no xornal republicano pontevedrés El País e, por outra, a súa relación con algúns mestres e veciños que eran significados militantes da esquerda e da Fronte Popular.

Nos artigos, escritos baixo o pseudónimo de Al Gave de Arevilo (o seu nome e apelidos ao revés), ataca fortemente o caciquismo local; un exemplo pode ser o titulado "¿Galeno o matasanos?" (25-3-36):

Lo más doloroso no es precisamente que en la sociedad de Sangenjo existan "alcornoques" de este calibre, sino que haya que soportarlos, y además por si fuera poco, y para vergüenza nuestra, que se les pague un sueldo oficial, aparte de lo que con arrendamientos, cuando no con préstamos usurarios, suele conseguir.

Pero os máis determinantes son os artigos nos que denuncia as actuacións do responsable da Garda Civil na localidade, Salomón Pérez Cienfugos (tería un papel destacado na represión posterior ao golpe). O informe do propio posto de Sanxenxo afirma que "zahería e injuriaba al Cuerpo de la Guardia Civil". O instrutor considera que, aparte as inxurias "al prestigioso cuerpo de la Benemérita", chegara a afirmar que "la verdadera mujer española es la mujer prostituta".

O informe do concello foi moi desfavorable e cualifica a súa conduta, tanto privada como social e política, de "bastante deplorable"; relacionábase cos mestres de esquerdas e coaccionaba nas eleccións. Na mesma liña está o informe do xulgado municipal, asinado por José Crusat, que engade a súa actuación nos Carnavais. Nesta festas, parece que participara nun cortexo fúnebre composto por sete féretros

llevados a hombros por varios jóvenes y otro conducido en la camioneta de Dobarro, diciéndose en un principio que significaba el entierro de todos los elementos de orden del pueblo, cortejo que recorrió todas las calles, parando en la plaza del mismo, donde el Sr. Vega pronunció una alocución al acto, diciendo que en cada uno de los referidos féretros iba para ser sepultado en la mar un político de las derechas.

Tamén afirma que recibía na súa casa comunistas de Portonovo e que o 1º de maio acudiran varios con "corbatas encarnadas en las que se destacaba la hoz y el martillo".

O fiscal da causa 832/36, considera responsables a Vega, o mestre Alfonso Rodrigo Méndez (xa fora "paseado"), José Carballa e José Lorenzo, dun delito de rebelión militar e pide penas de reclusión perpetua a morte.

O defensor, comandante de Artillería Manuel Nandín fixo unha brillante defensa desmontando todas as acusacións. Como ben sabía, o determinante era que non se apreciase a agravante de especial perversidade xa que iso suporía a pena de morte. Contrapón a actuación do seu defendido coa do falecido mestre socialista Alfonso Rodrigo, de quen afirma que era

el tipo genuíno del extremista, afiliado al socialismo, en el cual desempeñó cargo directivo; arma a las gentes [...] el Maestro es el hombre de acción, peligroso, de este proceso y Vega fué en todo momento el freno que evitó en Sangenjo se produjese hecho alguno de trascendencia.

O consello de guerra, presidido polo tenente coronel de Artillería Antonio Durán Salgado, celebrouse o 20 de novembro de 1936 e condenou a Vega pena de morte. A Carballa impóñenlle 16 anos de cárcere e a Lorenzo 12 anos e un día. En capela, Vega négase a asinar a comunicación da sentencia. Foi executado o 7 de decembro, ás sete e media da mañá, na estrada a Monteporreiro (A Seca) por unha sección de Carabineiros. A causa da morte consta como colapso cardíaco. Entérrano no cemiterio de san Amaro, nicho 28, 2ª zona, fila 1ª, propiedade do concello.

O xornal católico El Ideal Gallego (18-12-36) non perde ocasión de lembrarnos que 

habiendo muerto cristianamente después de cumplir con todos los deberes religiosos y recibido todos los auxilios espirituales. Acompañó al sentenciado hasta sus últimos momentos administrándole los auxilios de la Religión el franciscano P. Luis María Fernández.

domingo, 7 de diciembre de 2025

A resistencia armada: Vicente Guillén Biel.

 


Unha das figuras máis representativas da resistencia armada antifranquista na zona de Vigo foi Vicente Guillén Biel. Era natural de Coruxo e veciño de Santo André de Comesaña, solteiro, electricista, fillo de Domingo e Ana. A súa biografía anterior ao golpe de Estado estaba chea de incidentes máis ou menos violentos; deles o que tería máis repercusión foi o relacionado co asalto ao centro da Juventud Católica da súa parroquia en maio de 1936. Neste incidente estaba acompañado por Maximino Alonso Comesaña ("paseado" no 36) e por Eusebio Freiría; como resultado tiráronse mobles e outros obxectos á rúa e queimáronse. Vicente e Maximino foron detidos.

Estaba preso no cárcere de Pontevedra cando o golpe do 36 e, na noite do 5 ou 6 de setembro, condúceno nunha camioneta, xunto con outros oito presos, en teoría para o cárcere de Caldas pero na realidade para “pasealos” no cemiterio de Aldán. Non sabemos as circunstancias nas que se deu á fuga e permaneceu catro días no monte ata que lle preparan un refuxio na casa.

A Guardia Civil considerábao “matón y pendenciero” e propenso á embriaguez. Foi procesado dúas veces por lesións.

Entre outras acusacións, cúlpano de deter ao militante de FET Domingo Vila, que estaba de permiso; el e dous máis apuntáranlle cos fusís e “le exige que vuelva al frente seguidamente y que tan pronto llegue se pase a la zona roja, pues que si no lo hace así, que le darán muerte”, como consta nunha denuncia diante do goberno civil. Aproveitan para quitarlle a pistola e levarlle 75 pesetas.

O 12 de xullo de 1937, nos montes dos Valos, prodúcese un enfrontamento entre catro guerrilleiros e as forzas integradas por militares e gardas civís. Estas forzas, mandadas polo capitán Salinas, aproveitaron unha confidencia para atacar os fuxidos, que estaban comendo. No enfrontamento resultaron mortos Aureliano Souto Blanco "O Ruso" e Enrique Acuña Gómez "O Carabillón" ademais do cabo do Exército Celestino González Mouriño. A morte do cabo parece ser que foi obra de Vicente, que tamén resultou ferido nun brazo. Vicente e o seu irmán Julio logran fuxir.

Tamén acusan ao grupo dos Guillén de varios asaltos.

O 27 de novembro de 1938 ten lugar outro enfrontamento coa Garda Civil en Barreiro, con intercambio de disparos e lanzamento de bombas de man.

Os homes do capitán Gumersindo Salinas, encargado de perseguir con columnas voantes os fuxidos, utilizan diversas tácticas, unha delas é a relatada polo xefe da brigada de investigación Miguel de Miguel Marcos

me hice pasar por uno de los huídos de los montes de Asturias y debidamente disfrazado, entablé relación con la mujer de Julio Guillén Biel, a la que hice creer que era uno de los verdaderos marxistas, huído de Asturias, y al proponerle una entrevista en cualquier punto bien con su marido o cuñado, me dijo que por el momento no podía ser, ya que hacía dos días que el Vicente se encontraba herido en una pierna.

Esta ferida producírase nun incidente que tivera lugar en Lavadores cando os fuxidos estaban vestidos de lexionarios.

Cando, no ano 1939, o gobernador civil Manuel Gómez Cantos, o inefable "Papá Manuel", pon en marcha a súa política de ofrecer salvocondutos aos fuxidos que se presenten á súa autoridade, a nai de Vicente entra en contacto con Cantos e concertan unha entrevista entre ambos. Celébrase na casa de Guillén e Vicente dille ao gobernador que está incondicionalmente ás súas ordes e ten probas para clarexar e desmentir as acusacións que se lle fan.

O 4 de setembro de 1939, Vicente está detido na Coruña, no castelo de San Antón. Trasladado a Pontevedra instrúeselle a causa 953/39, en procedemento sumarísimo, xunto con Eugenio González Fernández "O Chepa". Están acusados dun delito de rebelión. Eugenio estivera afiliado ao Ateneo Libertario de Lavadores e participara en varios asaltos, entre eles o que efectuaron (1-4-39) doce homes armados no domicilio de Gaspar de Hoz esixíndolle sesenta mil pesetas; rexistráronlle a casa e levaron diñeiro e outros efectos.

O 9 de outubro de 1939, todos os alcaldes de barrio de Santo André de Comesaña informan que Vicente é de 

pésima conducta moral y pública, carácter agresivo, pendenciero y amenazador [...] extremista peligroso, jefe de los comunistas más exaltados que existían en la misma, habiendo el mismo intentado quemar la iglesia parroquial, dirigió el asalto del Centro de la Juventud Católica, hizo un disparo de pistola contra un socio de la misma, amenazas de muerte a varios vecinos y una multitud más de actos de naturaleza análoga.

O 10 de marzo de 1941 celebrouse en Pontevedra o consello de guerra. Condenan a pena de morte a Guillén e a cadea perpetua ao “Chepa”. Renuncia aos auxilios espirituais e entrega unha carta para súa nai. Ás cinco e media da mañá do 18 de xuño de 1941 execútano na Seca, na estrada de Monte Porreiro. Recibiu 10 balazos na rexión precordial e 2 no cranio. Vestía mono azul, zapatillas negras e camisa escura. Sepúltano en San Amaro no número 974 do cadro 4º.