Unha das figuras máis representativas da resistencia armada antifranquista na zona de Vigo foi Vicente Guillén Biel. Era natural de Coruxo e veciño de Santo André de Comesaña, solteiro, electricista, fillo de Domingo e Ana. A súa biografía anterior ao golpe de Estado estaba chea de incidentes máis ou menos violentos; deles o que tería máis repercusión foi o relacionado co asalto ao centro da Juventud Católica da súa parroquia en maio de 1936. Neste incidente estaba acompañado por Maximino Alonso Comesaña ("paseado" no 36) e por Eusebio Freiría; como resultado tiráronse mobles e outros obxectos á rúa e queimáronse. Vicente e Maximino foron detidos.
Estaba preso no cárcere de Pontevedra cando o golpe do 36 e, na noite do 5 ou 6 de setembro, condúceno nunha camioneta, xunto con outros oito presos, en teoría para o cárcere de Caldas pero na realidade para “pasealos” no cemiterio de Aldán. Non sabemos as circunstancias nas que se deu á fuga e permaneceu catro días no monte ata que lle preparan un refuxio na casa.
A Guardia Civil considerábao “matón y pendenciero” e propenso á embriaguez. Foi procesado dúas veces por lesións.
Entre outras acusacións, cúlpano de deter ao militante de FET Domingo Vila, que estaba de permiso; el e dous máis apuntáranlle cos fusís e “le exige que vuelva al frente seguidamente y que tan pronto llegue se pase a la zona roja, pues que si no lo hace así, que le darán muerte”, como consta nunha denuncia diante do goberno civil. Aproveitan para quitarlle a pistola e levarlle 75 pesetas.
O 12 de xullo de 1937, nos montes dos Valos, prodúcese un enfrontamento entre catro guerrilleiros e as forzas integradas por militares e gardas civís. Estas forzas, mandadas polo capitán Salinas, aproveitaron unha confidencia para atacar os fuxidos, que estaban comendo. No enfrontamento resultaron mortos Aureliano Souto Blanco "O Ruso" e Enrique Acuña Gómez "O Carabillón" ademais do cabo do Exército Celestino González Mouriño. A morte do cabo parece ser que foi obra de Vicente, que tamén resultou ferido nun brazo. Vicente e o seu irmán Julio logran fuxir.
Tamén acusan ao grupo dos Guillén de varios asaltos.
O 27 de novembro de 1938 ten lugar outro enfrontamento coa Garda Civil en Barreiro, con intercambio de disparos e lanzamento de bombas de man.
Os homes do capitán Gumersindo Salinas, encargado de perseguir con columnas voantes os fuxidos, utilizan diversas tácticas, unha delas é a relatada polo xefe da brigada de investigación Miguel de Miguel Marcos
me hice pasar por uno de los huídos de los montes de Asturias y debidamente disfrazado, entablé relación con la mujer de Julio Guillén Biel, a la que hice creer que era uno de los verdaderos marxistas, huído de Asturias, y al proponerle una entrevista en cualquier punto bien con su marido o cuñado, me dijo que por el momento no podía ser, ya que hacía dos días que el Vicente se encontraba herido en una pierna.
Esta ferida producírase nun incidente que tivera lugar en Lavadores cando os fuxidos estaban vestidos de lexionarios.
Cando, no ano 1939, o gobernador civil Manuel Gómez Cantos, o inefable "Papá Manuel", pon en marcha a súa política de ofrecer salvocondutos aos fuxidos que se presenten á súa autoridade, a nai de Vicente entra en contacto con Cantos e concertan unha entrevista entre ambos. Celébrase na casa de Guillén e Vicente dille ao gobernador que está incondicionalmente ás súas ordes e ten probas para clarexar e desmentir as acusacións que se lle fan.
O 4 de setembro de 1939, Vicente está detido na Coruña, no castelo de San Antón. Trasladado a Pontevedra instrúeselle a causa 953/39, en procedemento sumarísimo, xunto con Eugenio González Fernández "O Chepa". Están acusados dun delito de rebelión. Eugenio estivera afiliado ao Ateneo Libertario de Lavadores e participara en varios asaltos, entre eles o que efectuaron (1-4-39) doce homes armados no domicilio de Gaspar de Hoz esixíndolle sesenta mil pesetas; rexistráronlle a casa e levaron diñeiro e outros efectos.
O 9 de outubro de 1939, todos os alcaldes de barrio de Santo André de Comesaña informan que Vicente é de
pésima conducta moral y pública, carácter agresivo, pendenciero y amenazador [...] extremista peligroso, jefe de los comunistas más exaltados que existían en la misma, habiendo el mismo intentado quemar la iglesia parroquial, dirigió el asalto del Centro de la Juventud Católica, hizo un disparo de pistola contra un socio de la misma, amenazas de muerte a varios vecinos y una multitud más de actos de naturaleza análoga.
O 10 de marzo de 1941 celebrouse en Pontevedra o consello de guerra. Condenan a pena de morte a Guillén e a cadea perpetua ao “Chepa”. Renuncia aos auxilios espirituais e entrega unha carta para súa nai. Ás cinco e media da mañá do 18 de xuño de 1941 execútano na Seca, na estrada de Monte Porreiro. Recibiu 10 balazos na rexión precordial e 2 no cranio. Vestía mono azul, zapatillas negras e camisa escura. Sepúltano en San Amaro no número 974 do cadro 4º.

No hay comentarios:
Publicar un comentario