jueves, 15 de enero de 2026

Alcaldes de Xeve no 1936.


O 28 de xullo de 1936, o mestre José Iglesias Rodríguez presenta no concello un oficio polo que se lle nomea delegado do gobernador para Xeve. Tamén se ordena o cese dos concelleiros e do alcalde, que foran elixidos democraticamente en abril do ano 1931. A este acto asiste o alcalde destituído, Lino Tilve Corbacho, que entrega a Iglesias as insignias propias do cargo. Os concelleiros cesados eran: Francisco Torres Lorenzo, Avelino Ruibal Sobral, Genaro Solla Calvo, José García García, Rogelio Corbacho Solla, Alfredo Blanco Casas, Manuel Landín Moldes e Manuel Riveiro Corbacho. Esta corporación xa fora cesada anteriormente con motivo dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934 (orde gobernativa de 15-10-34). O 21 de febreiro de 1936, logo do trunfo da Fronte Popular nas eleccións celebradas o 16 dese mes, foron repostos e cesou o alcalde designado, que era Ángel Morgade Solla.

José Iglesias Rodríguez, mestre, falanxista, fora nomeado alcalde-delegado gobernativo o 25 de xullo cando se atopaba de vacacións en Compostela. Segundo afirma, era “refractario a cargos de esta índole” pero, en atención ao perigo inminente no que se atopaba España, aceptou.

Sobre Iglesias xa escribimos noutras entradas neste blog; só lembrarnos aquí da súa vehemente paixón literaria, que o levaba a solicitar repetidamente a diversas institucións a compra de exemplares dos seus libros. Por exemplo, no Boletín de Educación (xaneiro de 1938), afírmase sobre o seu libro La España Triunfal ¡¡Gloria a Franco!! (Vigo, 1937) que era un “loable intento de presentar largas listas de acontecimientos históricos y actuales en poetizada prosa”.

Unha vez posesionado do cargo, publica un bando no que fai un llamamiento cordial para que en tales momentos de peligro y revolución se pusieran todos con reflexión y cordura al lado de la autoridad, ayudándola y colaborando con ella para establecer una nueva era de paz y tranquilidad entre todos los vecinos del ayuntamiento, sin tener en cuenta enemistades ni ideología política sino amándonos como hermanos.

Na represión subseguinte ao golpe militar, a actitude de Iglesias foi máis ben conciliadora e no concello de Xeve houbo poucos represaliados, agás os casos coñecidos de Manuel Dios Costado, Eduardo Muíños e os enterrados na foxa de S. André. Ningún deles era nativo da parroquia e as ordes de actuación viñan de instancias superiores.

Iglesias gábase de que 

se ha dado el caso consolador de que en más de 4 meses de mi actuación, ningún hijo de Geve ha pisado la cárcel. Unicamente el vecino de Berducido Manuel Hermida por hacer manifestaciones de poseer clandestinamente una escopeta y el de San Andrés Manuel Solla Castro por desacato a la autoridad.

As xestións do alcalde fixeron que só estiveran detidos 48 e 24 horas respectivamente. Tamén fai referencia a que, o día anterior ao seu cese, “por desgraza” detiveran Eligio Corbacho e Eligio Portela, reclamados pola autoridade militar como requisadores de armas o 20 de xullo.

Os labores do alcalde delegado nestes días foron de colaboración na recollida de armas, requisa de automóbiles, recadación de donativos, entrega de diñeiro e documentación das sociedades agrarias, formación da Garda Cívica e outros semellantes; todo baixo as ordes do gobernador.

No cumprimento desas ordes tivo que 

invertir toda la piedra labrada que la Sociedad de Agricultores y Obreros de San Andrés tenía en el punto denominado Bouza del lugar de Sobral de la mentada parroquia para levantar allí la Casa del Pueblo.

 Esta pedra usouse para facer un muro de contención no adro da capela de San Roque.

Un caso curioso foi a depuración do alguacil porteiro do concello Ramón Boga Reboiras por pertencer a “una asociación agrícola-obrera de este término que actuó en el Frente Popular”. Aínda así, cando cesa como alcalde-delegado fai constar que dito porteiro era dunha “honradez acrisolada”.

Segundo normas que aparecen nunha circular “que persigue la independencia, eficiencia y apoliticismo de las personas que hayan de administrar los intereses municipales” e debido tamén a “las circunstancias y sus muchos quehaceres”, cesan a Iglesias e nomean como novo alcalde-delegado civil a Benito Rivas Hermida e como vogais da xestora a Gerardo Fontán Pérez, Manuel Civeira Hermida e o propio José Iglesias, que ocupará o cargo de 1º tenente de alcalde.

Na pugna polo control de alcaldías, neste caso gañan os representantes da “vella política” da Restauración. Benito Rivas Hermida ocupara os postos de fiscal e de xuíz municipal en períodos anteriores. Fora elixido concelleiro no ano 1909 e desde 1912 exercera como alcalde. Estaría neste cargo ata a chegada da Ditadura de Primo de Rivera, que nomea a Manuel Fontán Rivas.

Benito Rivas, importante propietario que figuraba como maior contribuínte no censo industrial, non participa nos gobernos municipais da Ditadura nin da República e móvese no asociacionismo agrario. No ano 1930 figura como presidente do grupo cooperativo de Verducido na Caixa Rural de Lérez e, ademais, é membro do consello de administración da entidade. En marzo de 1933 aparece como secretario do congreso agrícola que se celebra en Pontevedra.

En 1938, de acordo coa orde do 30 de outubro de 1937, constitúese de xeito normalizado o concello de Xeve coa seguinte composición: alcalde, Benito Rivas Hermida; 1º tenente de alcalde, José Iglesias Rodríguez; 2º tenente de alcalde, Manuel Civeira Hermida; Síndico, Gerardo Fontán Pérez e, como xestores, José Fontán Costas, Cándido Mosteiro Fontán, Manuel Gómez Lafuente, Paulino Solla Sobral e Manuel Sobral Solla.

Benito Rivas non cesaría como alcalde ata a anexión a Pontevedra no ano 1944 e continuaría como concelleiro neste último, cun total de máis de 50 anos ocupando este cargo.