jueves, 3 de junio de 2010

A proclamación da IIª República en Pontevedra


Para Manuel Vázquez de la Cruz e os seus compañeiros que o día 26 rescatarán a Sócrates en Tui.

O domingo 12 de abril as rúas de Pontevedra estaban moi animadas xa dende as primeiras horas. As xentes republicanas e de esquerdas erguéranse cedo pois querían controlar os colexios electorais e evitar “cacicadas”. Foi un día de votación tranquila, con mínimos incidentes. O escrutinio empezou ás catro da tarde e, pasadas as sete, sábese do triunfo das candidaturas republicanas. Hai festa entre os gañadores: algúns candidatos son levados a ombreiros ata os seus domicilios, bótanse bombas de palenque e un automóbil con grandes carteis e bandeiras, recorre a vila dando vivas e animando a festa republicana.
O martes, día 14, El Pueblo Gallego afirma:
Así, grandioso, colosal,rotundo, ha sido el triunfo obtenido por los elementos izquierdistas del ayuntamiento de Pontevedra.

A prensa resumía os resultados en 19 antimonárquicos, 7 monárquicos e 1 independente. Non resulta doada a adscrición exacta dalgúns concelleiros; a continuación ofrecemos o listado dos elixidos: Manuel Lorán Montes, Joaquín Poza Juncal, Bibiano Fernández Tafall,Arturo Rey Juncal e Aurelio Marzoa, republicanos; Francisco Tilve e José Baladrón Martínez, socialistas; Tomás Abeigón Pazos, Víctor Lis Quibén, Celso López Blanco, José Hermida Esperón, Rogelio Torres Senra e Senén Sobral Sobral, monárquicos; Manuel García Filgueira, José Orozco Pereira, Manuel Gama Casalderrey, José Cochón Paz, Marcelino Candendo Paz, Manuel Sanmartín Moreira, Manuel Loureiro Pereira e José Gallego Acuña da candidatura obreiro-agraria; Juan González López, independente; Manuel Barca Montes (da Federación Obreira), Felipe Aparicio Díaz e Manuel Formoso Lestón integran o axuntamento provisional en calidade de republicanos aínda que pertencen á candidatura agrario-obreira; Francisco Rodríguez Arruñada aparece como independente e monárquico e Alberto Martínez Tiscar (que sería asasinado no 36 pola Garda Cívica e fondeado na ría), curiosamente, como agrario republicano e monárquico. Manuel Sanmartín desminte en nota de prensa que sexa comunista pois considérase agrario antimonárquico. A candidatura agrario-obreira está fortemente influenciada polo partido comunista que controla a Federación Obreira e a Comarcal Agraria.
Contra as tres e media da tarde chegan as novas da renuncia do rei e da proclamación da República. Ás 4 da tarde e convocados polo presidente do Centro Republicano, Amancio Caamaño, reúnense no domicilio do médico Celestino Poza, o comité republicano, socialistas e outras persoas destacadas na defensa dos ideais republicanos. Acordan pedir unha entrevista co gobernador á que asisten Caamaño, Poza e Tafall. Logo da entrevista confírmase a proclamación da República e organízase unha manifestación que leva á fronte ao comité republicano-socialista.Colócanse bandeiras republicanas e galegas na Deputación e no concello, engadíndose neste último unha bandeira vermella. A banda municipal recorre as rúas tocando A Marsellesa e a Internacional.
Pola noite, arríncanse as placas das rúas Real, Isabel II, Princesa e Alfonso XIII e colócase un rótulo cos nomes de Galán e García Hernández na praza da Constitución.
A primeira bandeira republicana que se colocou nun centro oficial foi no edificio de Telégrafos.
El Progreso escribía o día 15: La democracia pontevedresa dió en el día de ayer una nueva prueba de su conciencia y cultura.
Os xefes e oficiais do cuartel de S. Fernando, xunto cun piquete de soldados, renderon honores á bandeira tricolor ao paso dunha manifestación.
Víctor Lis publica unha carta aberta co título de “Cobardía” recoñecendo como xusta a victoria republicana e criticando aos que, estando na obriga de facelo, non apoiaron aos candidatos monárquicos.
Ás 10 da mañá do día 15 constitúese o axuntamento provisional presidido por Arturo Rey e faise cargo da Deputación Amancio Caamaño, tendo como vocais aos señores Echeverría Nóvoa, Pérez Prego e Selgas.
Os botonciños coa nova bandeira española que pon á venda a sombreirería da viúva de Álvarez, tiveron moito éxito e lucían nos ollais dos homes e no peito das mulleres. O columnista que asina como Ático (El Progreso, 16-4-34) escribe:
Hoy en Pontevedra es el día de los ex. Por ahí los verás, niña querida, reflejando la imagen estirada, decaída y macilenta del que era su jefe: don Gabino, don Manuel, don Álvaro [...] Niña, no te rías de ellos, que es pecado burlarse de tres clases de seres: los ancianos, los caídos y los animalitos que no saben hablar. Y entre los ex hay desvalidos de las tres clases.

O novo alcalde publica un bando baixo o título “Bajo el nuevo régimen” agradecendo as adhesións e o entusiasmo xeral e pide que se reintegren ao traballo.
Ninguna ocasión mejor que la presente para que demuestre el pueblo de Pontevedra su espíritu de civismo y de mutua consideración al respetar todas las creencias y mantener la tolerancia más amplia con las convicciones religiosas de cada ciudadano [...] Os deseo salud y República.

Nada mellor para rematar esta entrada que o parágrafo seguinte:
Desde hoy somos ciudadanos, con todos los derechos e integridades, con las facultades que la soberanía lleva consigo. Pero también- y esto es lo que queremos hacer resaltar- con todas las responsabilidades que a los ciudadanos incumben en la función privada y en la pública
El pueblo Gallego, 15-4-1931.

lunes, 29 de marzo de 2010

Pasaxes na memoria. A represión en Sanxenxo



Fai pouco tempo asistimos á presentación do libro Pasaxes na Memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950), do que é autora Mª Elisa Franco Torres. Esta obra foi a gañadora do premio Luis Cuadrado, instituído pola librería Nós da man dunha persoa que é referente imprescindible en toda actividade cultural salientable naquela vila: Xaime Corral.


O estudo da represión en Galicia é debedor dos traballos monográficos e de carácter local que, xunto a obras como a de Carlos Fernández Santander ( El alzamiento de 1936 en Galicia. Ed. do Castro, 1982), foron pioneiros e contribuíron, con maior ou menor acerto, a preservar e divulgar a memoria do sucedido naqueles anos. A partires de publicacións deste tipo e coa aportación de teses doutorais e outras investigacións e publicacións, xurdiron sínteses de carácter provincial ou a nivel galego como a modélica 1936. Represión e alzamento militar en Galiza ( Ed. A Nosa Terra, 2006) de Carlos Velasco Souto.


Pero aínda queda moito que investigar sobre este período permanecendo zonas de sombra, tanto espaciais como temáticas.

A Pasaxes na Memoria debemos aprecialo como un traballo de introdución referido a Sanxenxo, cunhas cualidades de fácil lectura, aportación de testemuñas orixinais e de documentación, etc, que abre unha vía para ulteriores profundizacións que- dado o carácter do mesmo- non teñen cabida neste libro.


Logo da lectura do mesmo, apuntaríamos como interesantes liñas de traballo futuras, aspectos relativos ao papel dos mestres, sector co que se cebou a represión neste concello con separacións do servizo e baixas no escalafón, como foi o caso de Peregrina Martínez Santos (Rouxique), Bernarda Pereira Solla (Sanxenxo), Manuel Iglesias Constenla (Noalla),José Cancela Guzmán (Dorrón), Manuel Rey Vázquez (Pósito de Portonovo), Manuel Jorge Franco (Sanxenxo) e Estanislao Víctor Torres Pérez (Vilalonga). Non faltan tamén mestres que pagan coa morte o seu compromiso político, como é o caso de Alfonso Rodrigo Méndez, ourensán e mestre de Sanxenxo, socialista e que foi “paseado” a principios de setembro do 36 ou o nativo de Sanxenxo, afiliado ao sindicato de mestres da UGT, José Meis Martínez, mestre de Seixo, executado en Pontevedra o 27 de xullo de 1937; habería que investigar o papel xogado pola Falange local en relación con este tema, como apunta o imprescindible Anxo Porto Ucha (Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo. Ed. Alén Miño, 2008).


Unha persoa citada no libro e que tamén daría pé a un tratamento máis extenso, é Alfonso Vega Olivera, administrador de correos, condenado por rebelión militar e executado en Monte Porreiro en decembro do 36. A vida dalgúns dos xulgados fora da provincia como Eugenio Lobato ou Antonio Couto, entre outros, seguro que poderán aportarnos datos de interese.

Está aínda por facer a historia do Sindicato de Oficios Varios de Vilalonga, con moitos dos seus afiliados obxecto de condenas e represión.


O baleirado exhaustivo das causas militares e mesmo dos xornais e publicacións da época poden axudar aos que, tras a lectura deste libro, desexen embarcarse na aventura de achegarnos ao Sanxenxo daqueles anos cruciais, por certo ausentes das historias publicadas sobre a localidade, a maioría centradas no anecdótico; precisamente outro dos méritos do libro que comentamos é o de mostrarnos outras realidades alén da praia e o turismo.

Do interese polo tema é boa proba a asistencia ao acto que deixou pequeno o local no que se realizou. Parabéns a Xaime, o editor, e á autora, á que pedimos que continúe polo camiño da divulgación obxectiva do pasado de Sanxenxo.


viernes, 19 de marzo de 2010

Guerra Química


A utilización de armas químicas durante a guerra civil é un tema pouco estudado, aínda que constan referencias sobre a utilización ocasional das mesmas, tanto por parte do bando sublevado como polo exército republicano.
Publicacións dos últimos anos mostran documentación referida a experimentos das tropas italianas en España, tanto con armas químicas como bacterianas (esporas de tétanos). O Servicio de Guerra Química dos sublevados estivo asesorado polos alemáns, sendo o xefe do grupo alemán de instrución neste servizo o capitán Manne. O diario ABC do 17 de febreiro de 1940, danos conta da imposición de varias condecoracións alemás (Cruz de Mérito da Águia) a varios mandos españois deste servizo, entre eles ao director do mesmo, o coronel Juan Izquierdo Grosellas.
Na zona republicana, cerca de Madrid, estivo en funcionamento a fábrica de armas químicas de La Marañosa (S. Martín de la Vega), fundada en 1923 e que, na actualidade funciona como instituto tecnolóxico dependente do ministerio de Defensa.
Hai precedentes do emprego de iperita, cloropicrina e fosxeno por parte do exército español na guerra do Rif.
En Pontevedra, en abril de 1937, o laboratorio de Ciencias Naturais do Instituto pasa, por orde superior, ao servizo do exército para análises en relación coas industrias militares. Desígnase ao joven y muy culto profesor Juan Ugarte para organizalo.
Non parece que se levase o asunto con moito secreto nin que os medios a disposición do sr Ugarte foran moitos pois, máis dun ano despois, o Diario de Pontevedra (25-8-38) facía público o seguinte anuncio do Servicio de Guerra Química:
Se interesa a todas aquellas personas que posean la Enciclopedia de Química Industrial, de Ullmann o Thorpe, y que puedan desprenderse de ella, pasen por la Delegación del Servicio de Guerra Química, del Ejército, sita en el Laboratorio de Movilización de Industrias Civiles (Instituto) para su adquisición por parte de la Dirección de dicho Servicio en Salamanca. Esta nota se amplía a las publicaciones de Guerra Química. El Delegado de Guerra Química. Juan Ugarte Pollano.

martes, 16 de febrero de 2010

O entroido de Lis


O 15 de agosto de 2009, X.L. Méndez Ferrín publicaba un artigo no Faro de Vigo baixo o título de “A vinganza de Manilo”. Nel contaba a aldraxe cometida contra Benito do Borrón por parte de Lis e os seus secuaces ao introducirlle un xurelo polo cu “por faceren escarnio no roxo maricón”. Conta Ferrín que, anos despois, outro homosexual pontevedrés, nun baile de entroido, disfrazado de muller, encamelaba ao mesmo Víctor Lis que non sospeitaba do engano; cando máis animado estaba, a mascarita destapou a súa cara berrando: “ Son Manilo, cabrón”. Era a vinganza que anos despois se lle facía polo ocorrido con Benito o do Borrón.
Non entramos aquí a dilucidar a veracidade duns feitos que poden soarnos a esas lendas, repetidas unha e outra vez, sobre as desgrazas que lle acaeron aos matachíns do 36. Só se trata de dar un pequeno apunte sobre as personaxes do relato.
De Víctor Lis e os seus feitos xa se escribiu abondo neste blog; Manilo vivía en Léres e foi, sen dúbida, o homosexual por antonomasia na Pontevedra de entre os anos cincuenta e setenta. Grande seguidor do Pontevedra C:F., acudía a todos os partidos animando ao equipo cunha sorte de funil que amplificaba os seus berros. Limpaba as lúas dos escaparates e tiña unha agudeza sen igual para burlarse dos que se mofaban da súa condición sexual.
Benito o do Borrón recibía o alcume do seu lugar de traballo que era o matadeiro municipal que estaba localizado no Borrón, cerca do río Lérez. O seu nome real era Benito Lago Currás, carniceiro, moi popular dado que tamén se adicaba á compravenda de galiñas e outro gando miúdo nas feiras. Home de esquerdas, vivía na rúa de Xan Guillerme, no barrio da Moureira. No seu domicilio deu acollida tras o golpe militar a un paisano e coñecido de Lis, José Pintos Quinteiro, destacado socialista pontevedrés, dono dun coche do punto. Días máis tarde, Pintos marcha a Cotobade, préndeno e é paseado na noite do 27 de agosto do 36, aparecendo o seu cadáver no cemiterio de San Amaro. Por desgraza, non é certo o que aparece escrito nunha coñecida Historia de Pontevedra que o da como sobrevivinte á execución.
Benito Lago sufriu procesamento e xuízo por auxilio á rebelión, a causa foi sobreseída provisionalmente pero a represión continuou...
Neste martes de entroido, ven a conto esta historia.

miércoles, 6 de enero de 2010

Publicidades (4)


Para Calros Solla, a quen sei que lle gustan os "anuncios patrióticos".


Era un número extraordinario de El Pueblo Gallego, cumpríase o aniversario da sublevación militar e na portada un soldado facía garda xunto ao xugo e as frechas co lema: Hoy hace un año como entonces, en vigilia las manos duras y las espadas al sol.
Artigos das mellores plumas falanxistas: Rafael García Serrano, Jesús Suevos, Álvaro Cunqueiro... Non faltaban os eloxios aos países amigos, Portugal, Italia, Alemania e o seu líder: Adolf Hitler, Führer del Reich, Espada teutónica y Cabeza de las marcas de Oriente contra rusos y enemigos de Dios. Con el amor de España: ¡Heil Hitler!.
A falanxe facía recomendacións de compra nos comercios dos seus afiliados e adheridos. Varias páxinas estaban ocupadas pola publicidade dos simpatizantes e, intercaladas nos anuncios, as proclamas de rigor con moita diversidade nas mesmas: o ¡Arriba España! convive co ¡Arriba Franco! e ata ¡Arriba el Caudillo!, tamén os ¡Vivas! e o ¡Saludo a Franco!; algún bar pontevedrés pregoa como marca da casa “El café preferido por los falangistas”. Eran outros tempos e moitos, por convicción ou por comenencia, arrimábanse aos que mandaban.







Nota: Para ver as imaxes aumentadas, clicar sobre as mesmas.





jueves, 31 de diciembre de 2009

A linguaxe do odio (3)

Outra figura política que foi suxeito da xenreira dos sublevados foi o político galego Santiago Casares Quiroga,
el hombre más cínico y perverso que dió a luz el engendro del 14 de abril. ¿Que ha sido de esta hiena céltica, el cruel gobernante de agosto de 1932 y el desalmado presidente del Consejo de ministros... Es seguro que estará en sitio donde no le pase nada y lavándose las manos, porque ese monstruo, hasta por el tipo, servía para Pilatos y para Barrabás en una pieza. (El Progreso, 25-11-36, tomado de El Norte de Castilla).

É moi coñecido o oficio que José María de Arellano, gobernador civil da Coruña, envía o 26 de novembro de 1937 ao presidente da Audiencia Territorial; dito escrito foi publicado nos xornais daqueles días e di o seguinte:
Siendo indigno de figurar en el Registro oficial de nacimientos que se lleva en los Juzgados Municipales, instituído para seres humanos y no para alimañas, el nombre de Santiago Casares Quiroga, someto a su consideración, la procedencia de que se cursen las órdenes oportunas para que el folio oprobioso del Registro Municipal de esta ciudad en que se halle inscripto su nacimiento se haga desaparecer; y en este sentido espero me comunicará V.E. La prestación de ese obligado homenaje a la España Una, Grande y Libre de Franco.
En las Actas del Colegio de Abogados y en cuantos libros figure el nombre repugnante de Casares Quiroga deberá procederse asimismo a borrarlo, en forma que las generaciones futuras no encuentren más vestigio suyo que su ficha antropométrica de foragido (sic).

Non podían actuar directamente contra el pero si o fixeron cos seus bens e coa súa familia, detendo a unha filla, Esther, que permaneceu presa no Hospital Naval do Ferrol (estaba enferma de tuberculose) ata 1938 e logo no cárcere da Coruña e en liberdade vixiada ata o seu exilio a México no 1955.
O inefable Queipo de Llano, que polas noites peroraba na radio dos golpistas, utilizaba unha linguaxe na que mesturaba o machismo máis explícito cun pretendido sentido do humor. Como exemplo algúns parágrafos do emitido o 16-3-37:
En cuanto a Angelita Galarza [ Ángel Galarza, socialista, ministro de gobernación] ya sabemos todos que es un caso patológico de perversión y sadismo. Entre el Canallero [ Largo Caballero, presidente do goberno] y Angelita Galarza no sería fácil la elección, por más que es notorio que cuando una mujer sale mala, es cien veces peor que el hombre malo [...] Yo ya he dicho en otras ocasiones, que aparte de los “snobs” sólo figuran en las filas comunistas los perversos o los pervertidos. Y también los idiotas, como el hijo de Ossorio y Bigardo [Ossorio y Gallardo, ministro na monarquía e embaixador da República] pero la cara de idiota que se gasta el niño [...] José Antonio Aguirre [lehendakari vasco], el chocolatero, individuo tonto...

Esta linguaxe tamén se extende polos xornais. O Diario de Pontevedra (23-1-37) titula: No pierden las mañas. Los marxistas huídos a Francia se dedican a cometer atracos. Ou El Progreso, tamén de Pontevedra, (16-12-36), Las mujeres rojas son peores que los hombres. El Daily Express publica un artículo respecto a la actitud de las mujeres españolas rojas y dice que se muestran tan sanguinarias y ejecutan mayores crueldades que sus propios camaradas.
Neste panorama, é comprensible que cando deteñen a un pobre limpabotas de Bouzas, a nova se redacte do seguinte xeito:...limpiabotas, reclamado como maleante, beodo, vicioso, blasfemo, promovedor de escándalos públicos y pordiosero grosero. (El Pueblo Gallego, 19-12-37).
Pero non pensemos que os organismos oficiais na súa propia documentación están á marxe deste xeito de utilización da linguaxe, nos informes sobre detidos en Pontevedra, elaborados pola Guardia Civil, Comisaría e outros, podemos atopar escritas xoias como as seguintes (poño só as iniciais dos nomes ): Carlos G.S. Es anormal, alcohólico y sifilítico. Otilia M.P. :...informa la Guardia Civil: Que con motivo de ser imbécil no se puede apreciar su ideal. (AIMN. Ferrol)
Nos propios informes internos de Falange, podemos atopar un do Servicio Provincial de Información e Investigación, xa no ano 1945 e que, referido a un antigo oficial da Garda Cívica pontevedresa, afirma : El rumor público lo conceptuaba de invertido sexual.
Esta asociación entre os republicanos -reducidos pola propaganda franquista a “los rojos"- coa inferioridade mental, os comportamentos antisociais e inmorais, a falla de ideais... e a consideración da inferioridade da muller como posuidora dunha mentalidade infantil e animal, capaz dos instintos máis crueis e depravados cando desaparecen os freos impostos pola sociedade, toman carta de natureza “científica” nas teorías do psiquiatra militar Antonio Vallejo Nájera. Este personaxe levou a cabo "investigacións" no campo de prisioneiros de S. Pedro de Cardeña (Burgos) mediante o Gabinete de Investigaciones Psicológicas, dependente da Inspección de Campos de Concentración de Prisioneros, así como con mulleres do cárcere de Málaga. Tamén escribiu libros con títulos tan suxerentes como: Eugenesia de la Hispanidad y regeneración de la raza ou Política racial del nuevo Estado.Foi catedrático de psiquiatría e membro da Real Academia de Medicina.

viernes, 25 de diciembre de 2009

A linguaxe do odio (2) o xeneral Pozas.


Pé de foto:
Pozas -nombre que será insulto, imperdonable en los días futuros- conversa en el frente de Aragón con la chusma internacional, mientras su amo, el apache de la gorra, vigila sus palabras.

O xeneral de cabalería Sebastián Pozas, masón, fora director xeral da Guardia Civil; cando o golpe militar permaneceu fiel á república e contribuíu en gran maneira a manter a parte da mesma na obediencia ao goberno legal. Máis tarde ocupou o cargo de ministro de gobernación. Morreu no exilio mexicano en 1946.
Precisamente a permanencia na lealdade republicana é algo que non lle perdoarán nunca. Será considerado desleal e sometido aos ditados de mandos estranxeiros. No xornal El Pueblo Gallego (16-1-38), atopamos párrafos como:
No hay otro hombre en la Historia del Mundo que merezca, con mayor razón, el estigma de infame; no ha existido militar alguno menos digno del uniforme que vestía. [...] En el balcón y en la plaza hay, junto al que fué general y aún se llama Pozas, un sujeto mal encarado y una dama con rostro de esquina a medianoche...




Pé de foto:

El llamado general Pozas vocifera desde un balcón lo que le dicta el repulsivo tipo de la gorra y la corbata a cuadros, que disfraza su apachismo internacional con atuendo de chulo marxista.