lunes, 16 de mayo de 2022

Mulleres solidarias. Pontecesures, 1939.

 


O sistema de información e control articulado polo réxime franquista chegaba a calquera recuncho; dentro del, a achega proporcionada pola Falanxe era significativa. Desde as xefaturas locais enviábanse variados informes sobre a poboación (incluídos militantes da propia organización), situación económica, con especial fincapé no relacionado co abastecemento, estado de ánimo da veciñanza e denuncias de todo tipo.

Un aspecto a destacar deste tipo de informacións é o de que se trata dunha fonte valiosa para estudar diversas manifestacións de resistencia contra o réxime, que non tiñan reflexo nos censurados medios de información.

Nesta entrada, a través dunha denuncia dirixida ao xefe provincial (19-2-1939) efectuada polo xefe local de F.E.T. y de las J.O.N.S de Pontecesures, coñecemos uns incidentes sucedidos na estación do tren ao paso dun convoi transportando prisioneiros de guerra. Neles destacamos o protagonismo dun grupo de mulleres que, unha vez máis, están na vangarda nas protestas:

Lo esperaba en la Estación la flor y nata de las bolchibiques (sic) de este pueblo, haciendo alarde de su izquierdismo acendrado y ofreciendo a los prisioneros chocolate, pan, tabaco, etc, [...] a voz en grito vociferaban en la Estación, diciendo que “los pobrecitos prisioneros iban como el ganado desnudos, hambrientos, hasta el punto de que no habían comido pasaba de cinco días, y a todo trance querían demostrar su simpatía por los prisioneros de la zona roja [...] Fué tal el cúmulo de insidias que las que al final te diré dijeron que, un soldado de los que iban de custodia tuvo que decirles: “Que rojas sois; si fuera un tren de heridos acaso no estaríais en la Estación.” Contestándole alguna. Claro, porque estos son de los nuestros, soy más roja que nunca.”

Continúa relatando o xefe local a chegada ao lugar dalgunhas militantes da Sección Femenina que foron interpeladas polas mulleres presentes: “A que venís aquí, traerle algo a estos pobres prisioneros”.

As autoridades impediron que lles desen calquera cousa aos presos e, cando o tren arrancou cara Padrón, as mulleres foron tras del correndo pola vía.

Na denuncia especifícase o nome e circunstancias dalgunhas daquelas mulleres

de la anti-España, tan diferentes de estas otras que en Auxilio Social, Mujeres al Servicio de España, Frente y Hospitales, etc, todo lo hicieron y hacen por la Patria y estas, de que hablo, ni un botón han cosido, ni un guante hecho para los nuestros.

 Os nomes que facilita son: María, Josefa e outra da que non di o nome [ Celia?] Meniño Martínez “as de Meniño”, que “a pesar de su marcado y antiguo comunismo” desfrutaban das “prebendas” da Telefónica na vila e unha delas tiña unha escola particular. Hermitas Carbia, filla do ex-alcalde de Valga Celestino Carbia Campaña, sentenciado e fusilado en Pontevedra. Concha Vázquez Potel, filla dun mestre destituído, preso e fuxido a Arxentina; Concha deixara de traballar na fábrica de cerámica por negarse a afiliarse á C.N.S . de Falanxe. Outras eran Carmen Fernández Carlés, María Gómez, Josefina Cascallar, Trinidad Sánchez, “Las del Carabinero”, etc, “todas de significación marxista”.

O apaixonamento do xefe local queda manifesto nas significativas consideracións que lle fai ao xefe provincial:

No podemos transigir. Son enemigos que nos quedan en casa y si al principio le tivimos (sic) Misericordia, al ver su actuación les tenemos odio. Son hipócritas que disfrazados parecían acatar las nuevas normas del Nuevo Estado Español, pero que cuando ven la ocasión de mostrarse al desnudo, presentan las mismas lacras de los tiempos idos. No pedimos una sanción que ponga fuera de España a estas malévolas, pero sí un castigo que les haga ver que en España empieza a amanecer.

Nun escrito datado ao día seguinte insiste en manifestar que xa chegou o momento de proceder sen tardanza nin escusas para desenmascarar algúns esquerdistas que, lonxe de arrepentirse e emendar erros pasados, persisten nas súas ideas antiespañolas. Céntrase nas persoas contrarias ao Glorioso Alzamiento Nacional que seguen desempeñando postos en organismos públicos; é o caso das irmás Meniño Martínez, telefonistas, para as que pide a destitución ou o traslado. Baséase no seu marcado esquerdismo, falla de colaboración co Movimiento, propalar noticias falsas e significarse en todo acto antinacional.

No hay comentarios: