O 8 de setembro de 1938, o sarxento de semana da 12 batería do rexemento de artillería lixeira nº 1 con sede en Pontevedra dá parte de que, nos retretes da tropa, aparecera un letreiro "contrario al Movimiento". A frase en cuestión era: "No vos creais que gana el fascio, no, nunca, y sinó se verá". Formada a tropa para pasar revista, atopan que o artilleiro Maximiliano Gutiérrez Martínez tiña un lapis tinta con sinais de que fora utilizado para escribir nunha parede. O soldado confesa a súa autoría.
Maximiliano estaba solteiro, tiña 20 anos, músico de profesión, era natural e veciño de Carrizo de la Ribera, partido xudicial de Astorga (León). Na súa declaración diante do xuíz non tenta desculparse e afirma que sempre tivera ideas esquerdistas por telas tamén seu pai e que
si no se ha ido con los rojos hacia Asturias fué porque aquellos no estaban de acuerdo con el Gobierno de la República y confiesa que ahora prefiriría estar formando parte del Ejército rojo antes que sirviendo en las filas nacionales porque dice que así defendería sus ideas.
Os informes do concello de Carrizo e da Garda Civil considérano de esquerda pero que, debido á súa curta idade,
se cree era uno de tantos engañados que, ante las promesas de los dirigentes marxistas, se inclinara a dicha ideología, pues por su edad en nada se significó en política.
O consello de guerra da causa 725/38 celebrouse en Pontevedra o 4 de novembro de 1938. Nun dos considerandos da sentencia, o tribunal afirma que, coa frase pintada, Maximiliano expresara "su voluntad de adhesión a la rebelión marxista, voluntad que aún ratificó de modo extraño ante el Juzgado Instructor".
Considera tamén que debido á súa curta idade e polo ambiente social no que vivía, estaba "envenenado por las ideas marxistas" pero sen que se lle puidese considerar como militante, nin moito menos como significado, entre os extremistas, cualificándoo ademais como de "semi-inconsciente". A perversidade era escasa como poñían de manifesto os seus antecedentes e a propia actitude do procesado, a presencia física e a "tónica de sus declaraciones", así como o pouco dano causado.
A pesar destas consideracións e nunha proba máis das disparatadas sentencias dos consellos de guerra, a pena foi moi elevada: reclusión perpetua.
Posteriormente seríalle conmutada e o expediente de responsabilidades políticas sobresido no ano 1949 (BOE 28-10-49).
No hay comentarios:
Publicar un comentario