miércoles, 27 de mayo de 2026

Necrolóxicas e censura.

 


Un aspecto interesante da simbiose entre o franquismo e a Igrexa Católica é o tratamento que o Réxime daba, mediante os seus mecanismos de control dos medios de información, ás novas relacionadas con determinados actos. Un exemplo pode ser a prohibición de publicar necrolóxicas sen símbolos relixiosos ou con referencias a enterros civís. Trataremos o sucedido con motivo do enterro de Esperanza Serrano Rivero, viúva do destacado anarquista Ricardo Mella Cea. Esperanza faleceu en Vigo o 7 de novembro de 1944 e, os días 8 e 9, o xornal Faro de Vigo inserta a correspondente necrolóxica na que, por mandato da familia, non figura o símbolo da cruz nin referencia algunha de carácter relixioso. O xornal somete a censura a primeira delas e recibe a aprobación do “camarada censor”, Francisco Insua Martínez, “por entender que podía hacerlo ya que no se hacía constar en el texto de la esquela entierro civil ni que sería enterrado el cadáver en cementerio civil”. A segunda non a somete a censura. O xornal falanxista El Pueblo Gallego negárase a publicala sen a cruz.

A publicación non sentou nada ben ao ardoroso falanxista José Vázquez Fernández, delegado local da Vicesecretaría de Educación Popular, que, en escrito datado o 23 de novembro, insiste diante do delegado provincial, Enrique Munuera, na gravidade do sucedido. Copiamos un significativo parágrafo, exemplo acaido do acostumado carácter paranoico deste tipo de denuncias:

Aprovecho esta ocasión para informarte, que con motivo del entierro se han sucitado comentarios presentando dicho acto como una manifestación de elementos marxistas. Y esto es, a juicio de esta Delegación, lo que en realidad tiene importancia, ya que si la familia de la difunta no quiso intervención religiosa alguna, no se le debió autorizar efectuar el entierro en la forma que se efectúan los sepelios católicos, por cuanto constituye un hecho de muy mal efecto que detrás de un coche fúnebre vayan en manifestación una serie de personas de ideas marxistas y anticatólicas, que con el pretexto de acompañar un cadáver, van haciendo ostentación de su modo de pensar.

Munuera dá conta dos feitos ao gobernador civil, Luis Ponce de León, dous días despois. O gobernador realiza as pescudas precisas e conclúe que o home da finada, Ricardo Mella, era “indiferente religioso, aunque no anti-católico, pues era respetuoso con las creencias de los demás” e fora enterrado civilmente. Desminte as acusacións de Vázquez indicando que no velatorio estiveran presentes persoas de distintas crases sociais e ideoloxías

personas que luego acompañaron igualmente el sepelio sin pretensión política alguna, al menos que trascendiera en modo alguno, no presentando dicho entierro carácter de manifestación política como se dice, pues ha sido un conglomerado de acompañantes de muy diversas tendencias.

Case dez anos despois, en maio de 1953, a prohibición seguía vixente: unha consulta da emisora Radio Pontevedra sobre a radiación da necrolóxica dun pastor evanxélico de Marín, recibe a contestación do delegado de Información y Turismo, Julián Álvarez Villar, que se basea nas disposicións vixentes e na confirmación do director xeral Juan Aparicio:

Queda probida [sic] la publicación de esquelas y en general cuantas manifestaciones tiendan a producir una publicidad del sector protestante, y naturalmente no se puede incluír esquela sin cruz ni invitando a servicios religiosos ni a acudir al cementerio civil (Os subliñados aparecen no orixinal).

No hay comentarios: