viernes, 4 de noviembre de 2011

Mulleres represaliadas.


Carmen Martínez “A Mariona” nunca lerá este artigo, pois morreu fai uns anos; tampouco saberá que algunhas das súas conversas con quen isto escribe aportaron luces ao mellor coñecemento dos anos do medo en Pontevedra. Os seus irmáns eran militantes de esquerda e un deles, Manuel Martínez Vázquez, destacado dirixente obreiro. Logo do golpe fuxiron aos montes dos arredores e as mulleres da casa, co pretexto de coller toxo, deixábanlles comida e roupa en certos lugares, e así ata a entrega, anos despois de rematada a guerra, xa que Manuel non se presentou ás autoridades ata principios do 1948. Carme, xornaleira, nunca calou os nomes dos “cívicos” e falanxistas de Mourente nin as súas feitorías. Antifranquista e anticlerical, sufriu na súa persoa vexacións, desprezos e privacións económicas. ¡Como se alporizaba cando se dicía que o gobernador Gómez Cantos salvara a moitos fuxidos perdoando aos que non tivesen as mans manchadas de sangue! Ela sempre sostivo que fora unha trampa para prendelos.
Cando se fala da represión esquecemos moitas veces a exercida sobre as mulleres; pero o certo é que, como no caso de Carme, tiveron que asumir o papel de viúvas, fillas, irmás, nais ou compañeiras de fusilados, e ter que poñerse á fronte das familias e sacalas adiante sufrindo, ademais, humillacións e persecucións. No caso de ter familiares encarcerados, levarlle roupa, comida... Moitas foron as que collían o tren para ir a san Simón, sempre coa intranquilidade e a angustia de que os “paseos” da noite anterior non tiveran ao seu familiar como obxectivo.
Mulleres que tiveron que soportar as periódicas visitas de “cívicos”, falanxistas ou gardas, que ameazaban, arramplaban ás veces co que lles petaba, furaban bocois botando a perder o viño e todas as vexacións que se poida imaxinar.
O rapado do pelo a cero, o pintado con tinta chinesa das siglas UHP na fronte, a inxestión de aceite de ricino, etc eran vexacións que tiveron que sufrir moitas polo seu compromiso coa esquerda ou por ser compañeiras de perseguidos.
Mulleres como Carmen Casalderrey, compañeira de Albino Sánchez, con quen tiña dous fillos, casada horas antes de que o fusilasen, que cando lle concederon, finalizada a ditadura franquista, unha indemnización, o primeiro que fixo foi comprar o anel que non tivera no momento da voda.
Algunhas delas, nese ambiente de terror, aínda tiñan folgos para arrepoñerse fronte ao réxime: a Dominga Carballeda Gómez pídelle o fiscal 6 meses e un día de prisión, nun consello de guerra por “faltas a la fuerza pública” o 1 de setembro de 1937. En novembro do 38 deteñen a Sara Outón, de Santa María de Xeve, por escándalo e facer manifestacións contrarias ao “Movimiento”. Nos xornais da época aparecen máis casos semellantes.
A represión máis directa e intensa foi a exercida sobre as mulleres máis significadas pola súa participación política, non hai máis que ver os informes que facían as forzas represoras; nun informe da Guardia Civil, datado o 4 de xaneiro de 1937, aparecen algúns exemplos: María Rodríguez Pereira “La Chinita”, sastra de Lérez, “De mala conducta y antecedentes, comunista significada y concurría uniformada a las manifestaciones”; María Fandiño Estévez, “De mala conducta y antecedentes, comunista y propagandista de este ideal”; Jesusa Domínguez “La cara cortada”, “De depravada conducta, comunista significada, propagandista de este ideal, concurría con uniforme”; Elvira Lodeiro, “De mala conducta pública y privada, comunista”; Hermosinda Blanco “De mala conducta y antecedentes, comunista y usaba uniforme en las manifestaciones igual a las dos anteriores”; Victoria Méndez, “Comunista, de mala conducta y antecedentes y asistía uniformada a las manifestaciones”; Otilia Meis, “De mala conducta y antecedentes, comunista significado (sic)”. A esta última instrúenlle un “atestado instruído con motivo de una mujer que ha tomado parte en el movimiento de julio” e, como xa relatamos noutra ocasión, non se cortan en afirmar que “con motivo de ser imbecil (sic) no se puede precisar su ideal, concurría a las manifestaciones por indución (sic), era afecta al comunismo por que (sic) se dejaba influír por personas que le aconsejaban” (causa 1323/36). Tiña 24 anos cando a detiveron, en outubro do 36, acusada de esconder armas, estar na Alameda o 20 de xullo, tomar parte en desfiles e ser “extremista activa”.
Os dous casos máis soados de represión a mulleres, mediante xuízo militar, foron a causa 1229/36 e a seguida contra Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro, a raíz dos sucesos de Salcedo.
Arrarás e Silva Ferreiro afirman que, en xullo do 36, tentaron apoderarse das mulleres e fillos de militares para utilizalas como reféns pero, ao recibirse confidencias do planeado, xa estaban refuxiadas no interior do cuartel.
O inspector Iglesias acusa a María Fandiño Estévez, Elvira Lodeiro, Hermosinda Blanco, Victoria Méndez e outras, de recrutar mulleres para levar a cabo a acción antes mencionada, e de chamarlles covardes aos homes que fuxían cando apareceu o hidroavión de Marín.
Abriuse causa, por un delito de rebelión, contra Carmen Aboín Díaz, Emma Mourón Álvarez, Luisa Rodríguez Pereira, Hermosinda Blanco, Elvira Lodeiro e os homes Manuel Martínez, Albino Sánchez, Manuel Pedreira e Rogelio [Aurelio] Torres. Unha das presuntas vítimas do intento de rapto foi a mestra Mª Teresa Recuna, que no ano 1937, sería delegada provincial da Sección Femenina de Falange. Na súa declaración quítalle ferro ao asunto e alega que o nerviosismo do momento imposibilitábaa para dar detalles; aínda así lembraba as ameazas dalgunha delas.
A causa foi sobreseída provisionalmente, pero foron postas a disposición da autoridade gobernativa por mala conduta e antecedentes. Algunhas das encartadas eran as compañeiras de significados dirixentes obreiros.
O segundo caso foi consecuencia do crime cometido polos “cívicos” o 12 de decembro de 1936 en Salcedo; este suceso xa foi obxecto dunha entrada neste blogue. Ao día seguinte, domingo, celebrouse consello de guerra en procedemento sumarísimo e entre os encausados estaban dúas mulleres, Consuelo Acuña Iglesias, de 60 anos e Elvira Lodeiro González, de 28. O fiscal solicitou a pena de morte, pois así estaba previsto para quen ocultase a reclamados por actividades contrarias ao golpe militar. Consuelo foi fusilada, logo de rexeitar os auxilios espirituais, xunto ao seu irmán Ramón. A Elvira fusílana o sábado 19; a versión oficial dicía que, tras o recoñecemento médico no Hospital Provincial, comprobárase que o seu embarazo era falso.
Polos datos coñecidos ata o momento, son as únicas mulleres fusiladas como consecuencia dun consello de guerra na capital da provincia.

miércoles, 21 de septiembre de 2011

O asasinato do padre Olmedo.





O día 12 deste mes cumpríronse 75 anos do asasinato de Fernando Olmedo Reguera, máis coñecido na nosa cidade como padre Olmedo. Neste blog, no que tantas veces tratamos dos asasinatos cometidos polos sublevados, falaremos hoxe do perpetrado na zona republicana sobre este membro dunha coñecida familia pontevedresa.
Fernando Olmedo naceu en Santiago o 10 de xaneiro de 1873. Cursou a carreira de avogado e obtivo o grao de doutor en dereito. Ocupou praza de contador no concello da súa cidade natal. Foi un personaxe destacado na prensa clerical de entre séculos, escribiu e ocupou postos de máxima responsabilidade en xornais como El Pensamiento Gallego, diario católico tradicionalista compostelán e en El Áncora, xornal pontevedrés do mesmo signo. Este último nacera impulsado por un grupo de clérigos e de crentes pontevedreses; no seu primeiro número, na exposición que facían ao arcebispo dos seus obxectivos, dicían:
En presencia de la encarnizada guerra que se hace a la Santa Iglesia, nuestra Madre, no podemos permanecer por más tiempo impasibles e inactivos, contemplando la pérdida de la juventud, arrastrada por la senda tortuosa del error y del vicio, las familias desmoralizadas, los pueblos alejándose de Dios, paganizándose el mundo a pasos agigantados. [...] Hay que contrarrestar la influencia perniciosa del diario impío o inmoral con el saludable influjo del periódico católico, propagador celoso e incansable de la sana doctrina. El Áncora, 20-4-1897.

Neste combativo e clerical xornal tamén aparecían personaxes como Carmelo Castiñeira ou Hermenegildo Calvelo, incansable polemista cos xornais republicanos da época.
Fernando Olmedo foi un dos fundadores do Círculo Católico de Obreiros. O 15 de febreiro de 1901 tomou o hábito da orde capuchina, profesou na mesma o ano seguinte e recibiu a orde sacerdotal o 31 de xullo de 1904. Ocupou cargos de responsabilidade na orde, como o de secretario da curia xeral en Roma pero, por motivos de saúde, regresou a España ocupando o posto de definidor e de secretario provincial de Castela.
O convento de Jesús de Medinaceli ( Madrid ), no que residía, foi asaltado por milicianos nos primeiros días de xullo de 1936; os relixiosos xa o abandonaran e vivían en casas particulares. Hai algunha referencia ( coas cautelas debidas polo tipo de fonte) á celebración de mitins nun dos templos madrileños dos capuchinos: ...en el que dirigió la palabra a las masas rojas desde el púlpito la agitadora marxista Margarita Nelken. La Dominación Roja en España. Causa General.
Nos días que seguiron ao golpe militar, a situación policial e xudicial en Madrid quedou nas mans de diferentes organizacións, na maioría sen control por parte das autoridades legais. Paul Preston afirma:
En el marco de este tumultuoso proceso de “justicia” espontánea, los comités de partidos y sindicatos, junto con trabajadores sin ninguna filiación sindical y delincuentes comunes, se entregaron por diversas razones a una oleada de matanzas impulsadas por motivos muy diversos. Los principales objetivos de la violencia fueron los militares rebeldes, el clero y los elementos más prominentes de la antigua clase dirigente: terratenientes y empresarios. El Holocausto español. Ed. Debate, 2011.

Moito se debateu sobre as causas desta violencia: a incapacidade do goberno para controlar a situación, a vinganza polos bombardeos aéreos indiscriminados sobre a poboación civil e as novas que chegaban da represión fascista, o medo á “quinta columna” anunciada polo xeneral Mola...
No caso da persecución aos clérigos, Julián Casanova (La iglesia de Franco. Ed. Biblioteca de Bolsillo ) escribe:
Toda esa violencia anticlerical que se desató desde el primer momento donde la sublevación militar fracasó corrió paralela al fervor y entusiasmo, también asesino, que mostraron los clérigos allá donde triunfó. [...] La mayoría del clero, con los obispos a la cabeza, no sólo silenció esa ola de terror, sino que la aprobó e incluso colaboró “en cuerpo y alma” en las tareas de limpieza.

Sobre a morte de Fernando Olmedo, a información que facilitaban os xornais pontevedreses non daba detalles das circunstancias da mesma:
Se omiten detalles del trágico final del religioso pontevedrés y solamente se sabe que fué elegido con otros tres Padres por las hordas rojas para saciar su sed de venganza contra quienes predicaban y practicaban las doctrinas de nuestra Iglesia. El Diario de Pontevedra, 25-9-1936.
Atopamos dúas versións sobre o sucedido. A primeira corresponde á Gran Enciclopedia Gallega que afirma, sen entrar en maiores precisións, que falleció el 12 de agosto de 1936 durante el asalto al cuartel de la Montaña. Apreciamos un erro fundamental pois a data do asalto ao cuartel foi o 19-20 de xullo. En diferentes pescudas realizadas non atopei o nome do padre Olmedo nas listas de mortos relacionadas con dito asalto, principalmente eran militares e falanxistas alí refuxiados.
A segunda, e máis convincente, versión afirma que Fernando Olmedo fora detido o 11 de agosto e fusilado o día seguinte nos xardíns do cuartel da Montaña (de aí pode vir a confusión). Os seus restos repousan na cripta da igrexa de Jesús de Medinaceli en Madrid. Na provincia capuchina de Castela foron asasinados 22 relixiosos desa orde.
A nova da morte chegou aos seus familiares de Pontevedra o 24 de agosto a través de Roma a onde fora levada por un relixioso. O xornal Progreso facíase eco da mesma:
Fray María (sic) Fernando de Santiago Olmedo, fué un religioso que amó a la Humanidad, y este fué el delito que ha cometido para ser vilmente asesinado por esas hordas marxistas que a nada temen ni les detiene ni la sabiduría ni la bondad, ni la vejez de sus presas. El P. Olmedo ha pasado a mejor vida engrosando la lista de los mártires de la religión. Progreso 25-9-1936.

O día 30 de setembro celebráronse os funerais na igrexa de San Francisco. Houbo unha elevada asistencia con representación dos capuchinos de Vigo e de empregados dos almacéns Olmedo. Estes almacéns eran propiedade da familia e o seu irmán José Olmedo era un importante dirixente da patronal pontevedresa.

martes, 30 de agosto de 2011

Agasallos a Franco

Donativos, colectas, subscricións e similares abondaban nos xornais daqueles anos do medo. Noutra ocasión xa tratamos o asunto. Hoxe escribiremos sobre algúns dos donativos ao xeneral Franco.
En novembro de 1936, o partido político Renovación Española iniciou en Pontevedra unha subscrición para regalarlle unha imaxe da Virxe do Pilar; encabezaban as aportacións Víctor Lis Quibén e José Ramón Gómez, este último, antigo compañeiro de Lis como dirixente de Unión Regional de Derechas e membro da Guardia Cívica; cada un aportaba 25 pesetas.
Polas mesmas datas, a comisión impulsora do monumento a Franco en Ferrol publicou unha especie de manifesto, no que se realzaba en grado sumo a figura do xeneral ferrolán. Empezaba apelando ao sacrificio e o sangue derramado pola xuventude española para defender as súas tradicións e a súa fe, fronte ao “materialismo soez y grosero del régimen soviético”, nunha empresa que continuaba as fazañas de séculos pasados:
Así como en Lepanto la Historia había reservado a España la misión de librar a Europa de la invasión turca, igualmente le confiaba hoy, por su grandeza espiritual y por su pasado glorioso, la epopeya de aplastar al marxismo y a las concepciones materialistas y groseras de las logias masónicas que, amenazando a Europa y al mundo, pretenden arrancar del corazón del hombre su fé, sus creencias y su amor que son los pilares de la civilización.
E o home que pasaría á historia por realizar esta misión era o xeneral Franco, militar que varias veces
con la sangre de sus heridas escribió en tierras de África el nombre de España; es el militar reflexivo y estudioso que siempre llevó sus tropas a la victoria; [...] es el hombre modelo de virtudes y civismos, creyente y lleno de fé en el resurgir de esta raza...
Esta xesta, aparte de quedar gravada na historia con grosos caracteres, era preciso perpetuala tamén en bronces e mármores “que sean enseñanza viviente y tangible de amor y de patriotismo”. Por iso “esta leal y sumisa Galicia de brumas constantes que fecundan su alma de melancolías y ternuras” fai unha chamada a todos os españois, portugueses e americanos, para que contribúan cos seus donativos a levantar este monumento como
tributo perenne de su amor, y a la vez, santuario y escuela abiertos a todas horas, para que turistas y caminantes y cuantos se acerquen a él hagan un alto en su camino y fortalezcan su espíritu de amor patrio, pensando que las concepciones materialistas de la vida no crean los genios ni los héroes que vivifican las virtudes y la espiritualidad de la raza.
Outras veces, o regalo era un obxecto como o que, a fins de 1936, exhiben nun escaparate da rúa Real da Coruña; consistía nun machete de prata e ouro, que pertencera a un xefe indíxena de Bos Aires, regalado por un “distinguido señor” do que non se aporta o nome. (Progreso, 31-12-1936).
Sen dúbida, o agasallo máis coñecido foi o do “Pazo de Meirás”. En maio de 1938, no xornal falanxista vigués El Pueblo Gallego, aparece un artigo titulado “Un señor, un Pazo”. O autor, Felipe Gil Casares, dirixente de Acción Popular e deputado da CEDA, cando fora o levantamento militar en Santiago, presentárase ao comandante Bermúdez de Castro á fronte dun grupo de membros das Juventudes de Acción Popular que formarían a base das milicias paramilitares daquela cidade.
No artigo citado apela á identificación de España e, sobre todo, Galicia, co “Caudillo” e fundamenta historicamente a doazón, Galicia quere que Franco, “glorioso Capitán de la Segunda Reconquista Española, sea un SEÑOR GALLEGO (sic) e a tradición galega, que arranca da Idade Media, determina que “Todo señor tiene un pazo”.
El generalísimo nos hace el honor de aceptarlo y nosotros queremos que lo tenga. Un Pazo desde cuyos ventanales pueda, contemplando el mar, recordar a nuestros hermanos de América; un Pazo no alejado de la Basílica de Santiago, para poder facilmente ir a orar ante las veneradas cenizas del Patrón de España; un Pazo que constituya para Franco recuerdo perenne de la admiración que nos inspira. Galicia lo quiere. Cumplamos su voluntad.
Pero o pazo iría acompañado doutros agasallos; en varios establecementos e entidades de Santiago (casa Ceibos, librerías Porto, Casino, Círculo Mercantil, Depositaría municipal de fondos...) recollíanse sinaturas para o álbum que se lle entregaría ao “Caudillo” xunto coa posesión das “Torres de Meirás”. “Todo buen patriota no puede faltar a este homenaje de la Provincia de la Coruña a su gloriosísimo paisano y Caudillo” (El Pueblo Gallego, 20-5-1938)
En Pontevedra, o concello tampouco quere quedar á marxe e, ao ter coñecemento de que un cruceiro existente no patio da casa de dona María Señoráns, “agradaba sobremanera a la egregia esposa del Jefe del Estado, doña Carmen Polo” mandou facer unha reprodución do mesmo co obxecto de regalárllelo. El Pueblo Gallego (11-6-38) informaba que a obra xa estaba rematada e que fora executada primorosamente e mellorada con respecto á orixinal.
Este crucero será colocado en el Pazo de las Torres de Meirás, regalado por el Ayuntamiento coruñés al Generalísimo. Su esposa durante su estancia en Pontevedra, anteayer, ha estado viendo el crucero, del que se muestra verdaderamente admirada y encantada con el obsequio de su reproducción.

jueves, 28 de julio de 2011

Paseados... (2)



Como apuntabamos na entrada anterior, a confección dun listado de “paseados” presenta certa complexidade. Os “paseos” eran asasinatos que cumprían, habitualmente, as seguintes características: saca da vítima do cárcere ou apresamento no domicilio ou refuxio, nocturnidade, participación como executores de certos grupos de individuos pertencentes ás milicias falanxista ou das JAP, “cívicos” e asimilados, a morte tiña lugar fóra dos núcleos habitados e os cadáveres aparecían de madrugada en determinados lugares como as proximidades dun cemiterio, carreteiras de acceso á cidade...buscando o efecto de amedrentar á poboación.
Pero hai algúns asasinatos como os afondamentos ou os ocorridos en certos incidentes, que engaden dificultades para a súa adscrición. Os afondamentos, na maioría dos casos, son continuación da morte por fusilamento ou a consecuencia das torturas, ou sexa, habitualmente, son a fase final dalgúns “paseos”. No caso de Pontevedra, debemos lembrar o sucedido co avogado e concelleiro conservador, Alberto Martínez Tiscar; detido de madrugada no seu domicilio por un grupo de gardas civís e “cívicos”, foi conducido a Bueu onde, na compaña doutras persoas, fusilárono e o afondaron no mar. Andrés Dacosta Paz apunta a existencia de testemuños que indican que o mestre pontevedrés, socialista e masón, Manuel Pedreira Pazos, foi un dos que compartiron sorte con Tiscar. Ningún dos dous aparece no noso listado pois o “paseo” tivo lugar fóra de Pontevedra, como tamén foi o caso doutros pontevedreses que atoparon a morte lonxe do noso concello.
Outras veces as mortes foron presentadas como consecuencia dun enfrontamento coas forzas de seguridade; así sucedeu en Salcedo o 12 de decembro de 1936; o volume de forzas intervintes e o incendio provocado, fixo que os feitos tiveran unha repercusión distante do secretismo habitual dos “paseos”. Consideramos “paseo” o asasinato de Manuel Méndez Montes e Juan M. Gómez Corbacho? Neste e en casos parecidos non o fixemos.
En diversas publicacións aparecen como “paseadas” persoas que, cando investigamos nos xornais da época, aparecen consideradas como suicidios; é imposible comprobalo con total certeza e teñen que ser outras circunstancias as que determinen a tipoloxía da morte. É o caso de Benito Acuña Gallego, Ricardo Eymar Fernández, Antonio Gallego Moya, Benito Pérez Losada e tamén algún outro que aparece morto por disparos no seu domicilio. O caso de Acuña xa foi comentado na entrada anterior.
Ricardo Eymar, tenente coronel, 57 anos, orixinario de Toledo, apareceu nos arredores da capital gravemente ferido sendo ingresado no Hospital e falecendo horas despois. O xornal falanxista El Pueblo Gallego escribe
“...Presentaba cortes de navaja en distintas partes del cuerpo, que él mismo se había dado con ánimo de suicidarse. Ignoramos los motivos de esta resolución y se nos dice que el señor Eymar padece de trastorno mental” (EPG, 4-10-1936)

Antonio Gallego Moya, garda de seguridade, 54 anos, vivía coa filla xunto ao cárcere pontevedrés. Neste caso é o Diario de Pontevedra o que nos dá a nova:
“...sorprendida por la detonación de un disparo de arma de fuego, la hija de Gallego, que se encontraba en la cocina preparando la comida, acudió a la habitación de su padre, encontrando a este moribundo. Presentaba un tiro en la sien derecha, con salida de proyectil por la izquierda [...] lo que hace suponer que se suicidó en un momento de perturbación mental”
(DP, 19-10-1937)

Benito Pérez Losada, coñecido como “o coxo”, de Estribela, 31 anos, apareceu no quilómetro 1,700 da vía do tren, lugar de A Caeira. O titular do Diario de Pontevedra é inefable: Un joven se arrojó al paso de un tren. Era un aburrido de la vida y quedó muerto en el acto. A continuación describe os feitos:
A las tres y cuarto de la tarde de ayer, un hombre que al parecer iba paseando al lado de la vía por la Caeyra (sic), se arrojó de pronto hacia los raíles, en el momento en que avanzaba un tren de mercancías que se dirigía a Villagarcía [...] Estaba cojo y enfermo, por lo que se supone que aburrido de la vida decidió arrojarse al paso del tren. (DP, 28-4-1937)

Hai outro suicidio que tamén merece comentario: o do practicante Afrodisio Martínez Menéndez, sucedido o 23 de outubro de 1936; a intervención do xuíz militar e o rexistro da morte como causada por “hemorragia interna por disparos de arma de fuego” poden explicar que algúns autores o consideren como “paseado”. Os xornais cualificaron a morte como accidente:
Muerte sentida. Víctima de un inesperado accidente ha dejado de existir en la mañana de ayer el culto y conocido practicante de Medicina don Afrodisio Martínez. El finado gozaba de generales simpatías y su muerte fué muy sentida” (Diario de Pontevedra, 14-11-1936)
A realidade foi outra: Afrodisio, falanxista e membro da Guardia Cívica pontevedresa, estivo implicado en irregularidades económicas na mesma o que, parece ser, o levou ao suicidio.
As causas de morte que aparecen nos rexistros non sempre aportan claridade aos casos, atopamos numerosas veces “hemorragia interna”, “colapso cardiaco”, “ Parálisis del bulbo raquídeo”, “Lesión al corazón” e outras igual de equívocas, fronte ás máis descritivas e explícitas de “ Lesiones producidas por disparos de arma de fuego”, “Rotura de corazón por arma de fuego”, “Cuatro heridas de armas de fuego penetrantes en el tórax”, “Fusilamiento”... Este feito fai que os investigadores poñan a atención en calquera causa de morte de tipo traumático e, se a hora ou o lugar da morte son sospeitosos, pode levar a confusión e clasificar como “paseo” o que foi consecuencia dun accidente de tráfico entre un ciclista e un camión no empalme de Lérez, como foi o caso de Manuel Filgueira Fontenla, sendo máis grave a confusión -fóra da provincia de Pontevedra- cando se atribuíu a condición de “paseado” ao militar golpista Eugenio Jack Caruncho, morto en accidente en Santiago.
Caso distinto é o sucedido con Emilio Areán Moure, na súa morte dábanse todas as condicións: militancia política, participación nos sucesos de xullo do 36 e morte por “hemorragia interna” a finais de xullo; o profesor Manuel Igrexas, investigador nas terras do Deza, faime chegar a información, baseada en testemuños da familia da vítima, de que a súa morte no Hospital pontevedrés foi a causa dunha caída da camioneta cando participaba, xunto con compañeiros chegados a Pontevedra, na defensa da república.
O feito de que haxa persoas a quen se “pasea” despois de seren xulgados e condenados en Consello de Guerra, pode explicar que se atribúa aquela condición a vítimas que temos documentadas como fusiladas coas formalidades xudiciais; sucede así con Albino Sánchez Leiro “O Perrita”, Joaquín Blanco Vázquez ou Serafín López Otero, sometidos os dous últimos a consello de guerra o 7 de outubro de 1936 e fusilados o 14 de dito mes. Máis sorprendente é a afirmación, que aparece nunha coñecida Historia de Pontevedra, de considerar “salvado milagrosamente”, facéndose o morto logo do “paseo”, ao taxista José Pintos que, desgraciadamente, foi asasinado en Pontevedra o 27 de agosto do 36.
Un tema que tamén aporta confusión é o dos “desaparecidos”. As desaparicións poden deberse a “paseos” nos que non se atopou o cadáver ou non hai constancia por fontes fiables da morte, pero tamén hai evidencias de desaparicións debidas a fuxidas ao estranxeiro, entrada na guerrilla, etc. Un caso xa tratado nestas páxinas foi o de Jesús González González, o “Suma y sigue”, a quen non debemos confundir cun “paseado” que aparece no listado do mesmo nome pero que era coñecido por “Pernas”.
Notas sobre o listado publicado na entrada anterior:
Godoy Rago, José: o segundo apelido é Lago.
Otero Lago, José; Pando Rivero, Luis e Oubiña López, Manuel non foron “paseados” senón executados na Caeira, ás sete da mañá do 4 de decembro de 1936 por unha compañía de gardas de asalto, logo dun consello de guerra celebrado o 21 de novembro.
A continuación coloco unhas gráficas, elaboradas a partires dos datos do listado, sobre os “paseados” en Pontevedra:

viernes, 15 de julio de 2011

Paseados...

Este tipo de asasinatos, que algúns autores encadran dentro do concepto “represión paralegal”, son levados a cabo sobre todo nos primeiros meses tras o golpe militar. Estas accións, que poderían parecer incontroladas, estaban planificadas con anterioridade ao golpe militar e buscaban o sometemento do territorio no que este triunfa, mediante a eliminación dos cadros políticos, sindicais, agrarios, etc; os sublevados aseguraban así a quietude na retagarda coa paralización polo terror de calquera asomo de resistencia, ó tempo que impulsaban o achegamento ó novo réxime de importantes sectores da poboación, por medo ou pola defensa dos seus intereses e que colaboraban activamente coas novas autoridades integrándose en milicias paramilitares, denunciando e servindo de testemuñas contra os considerados inimigos ou, simplemente, mirando para outro lado.


Esta política represiva tivo como executores ás milicias falanxistas e determinados grupos da Guardia Cívica, seguindo as directrices ou a tolerancia das autoridades militares, delegados da orde pública e mandos da Guardia Civil.


A maioría das veces, as vítimas eran sacadas, de madrugada, dos cárceres ou da illa de S. Simón, aducindo traslados a outros cárceres ou a realización de interrogatorios; outras veces eran capturadas nos seus domicilios ou refuxios. En varias ocasións, utilizábase a “lei de fugas” testemuñando o intento de fuxida tras a consabida avaría do automóbil que transportaba aos detidos. Tamén era corrente utilizar como tapadeira do “paseo” a modalidade do fusilamento por “estar incursos en el bando” que posibilitaba a execución inmediata do detido.


As dificultades de elaborar un listado preciso de “paseados” é grande dada a natureza dos feitos.


A existencia do proxecto universitario Nomes e Voces supuxo un avance considerable, ao reunir información de diversas investigacións de tipo local e outras fontes, aínda que, como é lóxico, existen algunhas diverxencias nos datos.


O seguimento de diversas fontes: novas dos xornais da época, bibliografía, testemuños orais, referencias en causas militares, anotacións en rexistros civís... deron como resultado un listado de vítimas “paseadas” en Pontevedra capital e inmediacións. Consideramos o criterio, ao noso entender máis fiable, do lugar no que se comete o asasinato, aparece o cadáver ou está rexistrado, en lugar do domicilio ou lugar de nacemento da vítima. Facemos constar a data da morte.


Abilleira González, Luis 6-09-1936.


Acuña Agulla, Benito 19-09-1936. (1)

Agra Mondragón, Ángel 29-12-1936.

Alonso Pérez, Juan 8-11-1936.




Ares Villaverde, Avelino 26-09-1936.


Bao Rúa, Gerardo 30-01-1937.


Barreiro Prol, José 15-04-1937.

Blanco Abal, Saturnino 17-04-1937. (2)


Búa Laredo, José 4-12-1936.

Caamaño Tobío, Manuel 16-04-1937.


Calvar González, Manuel (¿Antonio? 19-12-1936.


Casal Dozo, Alberto 11-11-1936.


Castro Lobo, Ruperto 11-3-1937.


Cortizo González, José 11-08-1936.


Costas Bahamonde, Domingo 11-10-1936.


De la Torre López, José 25-09-1936.



Eymar Fernández, Ricardo 4-09-1936 (3)

Fares Fidalgo, José 5-09-1936. (4)


Fariña Duque, Antonio 11-11-1936.


Fernández Balboa, Benito 4-01-1937.


Fernández Blanco, Francisco 7-09-1936.


Fernández Núñez, Manuel 29-08-1936.


Fernández Turnes, Sebastián 24-08-1936. (5)


Franco Durán, Aniceto 24-11-1936.


Gallego Acuña, José 24-08-1936.


Gallego Moya, Antonio 19-10-1937. (6)




García Santos, Eduardo 11-11-1936.


Godoy Rago, [Lago] José 24-11-1936.


Gómez Bao, Santiago 5-12-1936.


Gómez Sampayo, José 8-11-1936.


González, Jesús " Pernas" 11-08-1936.


Judas Adato, José 17-08-1936.


Kanareuski Michael 17-08-1936.


Lorenzo Boullosa, Francisco 4-09-1936.


Magdalena García, Juan 10-09-1936.


Mallo Martínez, Estanislao 25-09-1936.

Meis, Ramón 1936


Miranda Cabral, Rufino 11-12-1936.


Muñiz Leiro, José 25-09-1936.


Nores Rodríguez, Emilio 25-09-1936.


Otero Lago, José 4-12-1936. Executado tras C. de Guerra.

Oubiña López, Manuel. 4-12-1936. " "

Pando Rivero, Luis 4-12-1936. " " (Ver nota 9 )

Pazos Barreiro, Julio 11-03-1937.

Pérez Losada, Benito 27-04-1937. (7)


Pintos Quinteiro, José 27-08-1936.

Piñeiro Barreiro, Francisco 26-09-1936.


Rey Iglesias, Alberto 2-01-1937.


Rey Rey, Andrés 5-9-1936. (Modificada a data, ver nota 10)


Rial Vidal, Ángel 13-11-1936.


Rodrigo Méndez, Alfonso 5-09-1936.

Rodríguez Alonso, Telmo 8-11-1936.


Romero Castiñeira, José 11-11-1936.


Sáez Ruíz, Vicente 5-12-1936.


Sobral González, Juan 12-10-1936. (8)


Taberneiro Fraiz, José María 11-08-1936.

Teixeira Alonso, Adonis 5-12-1936.

Torre López de, José 25-9-1936.




Torres Paz, José 11-08-1936.


Vázquez Vázquez, Francisco 24-11-1936.


Vilas Davila, Emilio 29-12-1936.

Villar Fortes, Albino 24-11-1936.




Notas:


1. Consta como “suicidio” no cuartelillo de seguridade do Goberno Civil; fora testemuña no xuízo contra Genaro Estévez e Salvador Pastoriza e detivérono por “escandalizar” á saída do mesmo. Era alcalde de barrio de Salcedo. Falece no Hospital por cortes de cristal nos brazos.


2. Resultou ferido nun confuso incidente en Cangas e faleceu no Hospital pontevedrés.


3. Era militar; segundo os xornais suicidouse no seu domicilio.

4. De Fontao; un informe da Guardia Civil di: “es el elemento más peligroso de la comarca, distinguido en la organización de huelgas en las minas de estaño”.
5. Detido en varias ocasións en tempos da República por roubo e outros delitos.
Aplícanlle a “lei de fugas” nun traslado.


6. Ex-garda de seguridade. Os xornais falan de suicidio.
7. De Estribela, coxo, xornaleiro, os xornais din que se suicidara na Caeira tirándose ao paso do tren.

8. Diverxencia nas fontes sobre se foi “paseado” ou executado logo do consello de guerra.



9. Novas investigacións confirman de xeito indubitable que ningún deles foi "paseado" como consta en varias publicacións. Foron executados na Caeira, tras consello de guerra. Ver próxima entrada.

10. Documentación atopada recentemente proba que foi paseado o 5 de setembro de 1936 aplicándolle a lei de fugas nun traslado. (26-1-2013)


Tamén aparecen citados en diferentes publicacións como “paseados” en Pontevedra, os seguintes:


Areán Moure, Emilio 24-07-1936.
Cacabelos, Manuel 12-03-1937.
Fariña Torres, Faustino 22-09-1936.
García Bustos, José 7-8-1936.
García Ferro, Manuela 13-09-1936.
García Martínez, R. 12-10-1936.
González González, Gumersindo 11-11-1936.
González Rodríguez, José 3-10-1936.
Janes Otero, Juan Antonio 24-11-1936 (1)
Moreira, Antonio 25-04-1938.
Nieto Landín, Constante 2-07-1938
Omil Pesqueira, José 24-08-1936
Padín Romero, Luis 21-02-1937.
Pereira Pintos, José 20-08-1936.
Pesado Oujo, Manuel ?
Portela Pérez, Domingo 27-12-1936
Rey Vidal, Manuel 4-02-1937.
Sánchez Brea, José Mª ?
Sanes Otero, Antonio 24-11-1936.
Sanes Otero, Juan 24-11-1936.
Silva Pereira, Avelino 10-08-1936.
Solla Alejandro, Jesús 11-09-1936.
Tillas Lorenzo, Francisco 25-10-1936.
Tomé Lobeiras, Gerardo 24-12-1936
Trabazo Serapio, Víctor ?
Vieites Castro, Manuel 25-12-1936.

(1) Coido que se corresponde cun dos irmáns Sanes-


Non consideramos como vítimas de “paseos” diversas mortes como as sucedidas en tiroteos o día da sublevación ou en incidentes que non se axustan estritamente a esta modalidade. Será benvida calquera información sobre o presente listado.


sábado, 18 de junio de 2011

Comunistas en Pontevedra



 A situación do Partido Comunista en Pontevedra nos últimos anos da República non se podía cualificar de boa e así o recoñecen diversas fontes, entre outras Víctor Santidrián na súa Historia do PCE en Galicia (Ediciós do Castro,2002. Sada). Este autor afirma que no ano 1935, “a capital contaba con tres células e vintedous afiliados; nos arredores eran 52 os comunistas, agrupados en sete células”.
Os problemas organizativos e as tirapuxas internas eran recoñecidas polo Comité Rexional que, en agosto de 1935, dirixiu unha circular ás células do Radio Comunista de Pontevedra, que transcribimos íntegra:


Apreciados camaradas: Ante el Estado de desorganización en que se encuentra el radio de Pontevedra, tanto en el funcionamiento de las Células, como del Comité, este Comité Regional, se ha visto obligado, igual que lo hizo otras veces, a tomar medidas de organización discutiendo con los elementos responsables y activos del Partido en esa Capital y proceder a doptar al Radio de una nueva dirección que lleve a la práctica las tareas de organización y de trabajos prácticos señalados en nuestra resolución que acompaña a esta circular y que debe ser conocida por las Células, para su cumplimiento y aplicación.

En espera de que las Células se darán cuenta de la importancia que para la vida de nuestro Partido significa el salir de la actual situación de crisis y se oriente por un franco y recto camino, revolucionario, quedan vuestros y del comunismo. Por el Comité Regional. El Secretariado.


Nota: Las Células después de conocer la resolución y discutirla, mandarán acta al Comité de Radio y este, terminada la discusión, en todas ellas, enviará un informe a este Comité Regional para su conocimiento.

A resolución que acompañaba a esta circular e que ía dirixida a todas as células, contiña unha durísima crítica á situación do partido en Pontevedra e sinalaba como máximo responsable ao anterior Comité de Radio que, a pesares da axuda tanto na orientación como na práctica, por parte do C.R., que chegou a manter un instrutor durante algún tempo, e de celebrar un pleno de Radio, non logrou endereitar o rumbo. Dada a situación, noméase un novo Comité.
O estado de cousas que describía o C.R. era caótico: falla de sentido de responsabilidade, de funcionamento orgánico, carencia dun comité capaz de exercer un traballo diario e firme de dirección, loitas persoais, incapacidade para levar ao seo do partido todas as opinións para acabar coas críticas negativas e derrotistas fora da organización, alonxamento da creación dun forte partido de masas con vocación de partido dirixente entre campesiños e obreiros, etc.
O novo Comité recibe o encargo da preparación dunha conferencia do Radio e desenvolver un programa de 9 puntos, que se poden resumir en: nova estruturación das células garantindo o control das reunións polo comité de Radio; constitución das “fraccións” do partido no ámbito obreiro, campesiño, etc; restablecemento da disciplina fronte a condutas sectarias e personalistas, acabando cunha situación que cualifica de anárquica; abrir unha forte campaña de afiliación rematando coa pasividade e apostando por un estreitamento das relacións entre o Radio pontevedrés e o Comité Rexional.
As distintas células do partido debateron os documentos anteriores; así podemos comprobalo en diversas actas de reunións, entre elas a dunha célula da cidade e que transcribimos a continuación, respectando a redacción e ortografía orixinais:

Acta de reunión de la Celula; Santa María; Barrio; celula que funciona como base del P.C. Se pone en conocimiento de los Camaradas responsables del Radio que abiendo sido Eligido el Secretariado de dicha Celula y estando todos reunidos: sedio lectura a una circular del Comité Regional P.C. Seción E. De la I.C. [ilexible] en agosto de 1935: quedándo de conformidad con lo expuesto en la misma: por el Camara Fernando [ilexible] la palabra y dice que esta Celula debe hacer un Reclutamiento de nuebos camaradas activos para dar [ilexible] a los anteriores responsables de lamisma: a continuación y estando todos conformes conlo expuesto lo dicho por el Camarada, seacuerda que nos de material. Acuntinuación pasamos a hacer una crítica sobre el Camarada Gallego pues tal camarada sedejo decir en una taberna que el periódico local La Hora es un chantaje y que está bendido al fascista Lis esto camaradas nos parece inoportuno y chobenista mas cuando ese tal es un fascista rrabioso en contra de tal Periódico hasta llegar al extremo en el anterior mobimiento todos saben los preguicios que causo en dicha imprenta, por lo tanto nosotros cremos que esa no es manera de nuestro acercamiento a otros [ilexible] y esgusto por unanimidad que el Radio llame al Camarada Gallego e imponerle la sanción que merezca por chobenismo inoportuno. 27-agosto-1935.

O feito de condenar os comentarios de Gallego – certamente esaxerados ao supoñer conivencia entre Ramiro Paz, dono do xornal, e Víctor Lis- explícase pola inconveniencia dos mesmos nun momento no que a táctica do P.C. era o achegamento e confluencia cos socialistas en diferentes ámbitos como o sindical, xuventudes, etc
O secretariado desta célula estaba integrado por Manuel Tobío, Antonio Fernández, Fernando Rodríguez e Antonio Fandiño ( o churreiro Fandiño, complicado posteriormente na morte de Secundino Esperón) que desempeñaba o cargo de secretario de organización.
En diversa documentación podemos comprobar a actividade de afiliación nas diferentes células, destacando a recomendación de atraer choferes para cada unha das células. Nestas datas finais do 35, temos novas da formación de células como a de Tourón, no veciño concello de Ponte Caldelas, que se constitúe en outubro cun secretariado que ten como secretario de organización ao canteiro Celso Doval sendo o resto de compoñentes canteiros ou peóns.
O nomeamento de candidatos para as eleccións ao parlamento foi motivo de desgusto entre os comunistas pontevedreses e así o manifestou a célula nº 6 dirixíndose ao Radio de Pontevedra para criticar que o candidato, o cordobés Adriano Romero Cachinero, fora nomeado en Madrid e non na asemblea provincial do partido.
No ano 1936, a militancia comunista aumentou e temos constancia da existencia de, polo menos, trece células na zona. En parroquias como Salcedo ou Mourente contaban cunha boa estrutura. Do pescudado en diversa documentación de causas militares e con testemuñas persoais, obtivemos algúns nomes de militantes: Constante Tomé, Joaquín e Manuel Martínez “Os Marións”, Manuel López, Benito Otero “O Canelo”, Alfredo Oliveira (asasinado no Ferrol), Manuel Piñón, Ramón Meis (fillo), Herminio Coto, Manuel Torres, José e Manolo Ruibal, Joaquín Carregal e outros na célula 3 de Mourente. En Salcedo, a célula do Campo da Porta estaba dirixida por un secretariado composto polo peón Anselmo Pastoriza como secretario político, Julio Villanueva, canteiro (organización), Manuel Iglesias, carpinteiro (administración), Lino Crespo, canteiro (sindical) e Alfredo Garrido, carpinteiro (agit-prop); a célula da Ruibal tiña como compoñentes a Emilio e Manuel Méndez (asasinado no 36), Rogelio Suárez e Manuel Montes. Outros militantes nesta parroquia eran Jesús Muñiz, Genaro Estévez (fusilado no 36), Eugenio Muñiz, Eugenio Peón e José Farto.
Na parroquia de Bora (célula 13), o dirixente comunista máis coñecido era Benito Tenorio, secretario de organización, e outros militantes eran Segundo Calviño, Cortegoso, Alejandro Estévez, Honorio e Aurelio Martínez, Eduardo Domínguez...
Parece indudable que o PC pontevedrés tivo unha influencia elevada en moitos sectores da vida pontevedresa; esta influencia parece debida, máis que a un gran desenvolvemento do partido, á capacidade de traballo e o prestixio de líderes como os irmáns Gama en Lérez, os irmáns Martínez en Mourente, Manuel Dios Costado (candidato no 33 e fusilado en decembro do 36), Pastor Torres Paz, Manuel García Filgueira, entre outros, que lle proporcionaban capacidade para controlar sectores como a poderosa Federación Obreira local, presidida por García Filgueira, de quen se afirmaba nun informe que “fué el sembrador del germen comunista en Pontevedra y ha tenido siempre la significación de Santón y apóstol en el concepto de los elementos obreros organizados”; García Filgueira foi o último alcalde republicano da capital ao substituír a Tafall, apoiándose na candidatura obreiro-agraria liderada por comunistas.
Tamén foi unha figura importante no campo sindical Manuel Martínez “O Marión”, de Mourente, secretario xeral do poderoso sindicato da construción. A organización dos mariñeiros pontevedreses tiña como dirixente destacado ao militante comunista Ricardo Fariña. No mundo agrario, a referencia indiscutible foi Manuel Gama, de ideoloxía comunista pero do que non temos constancia documental da súa afiliación ao PC, a pesares de ser candidato do partido nas eleccións do 33. Podemos considerar na órbita do partido, en maior ou menor grao, as milicias antifascistas obreiras e campesiñas (MAOC), a Federación Cultural Deportiva Obrera de España (Alejandro e Faustino Gama,Eugenio Urtaza e outros) e outras organizacións. Na prensa de orientación comunista nos tempos da República, destacariamos os xornais Nueva Aurora e Revolución.