sábado, 23 de agosto de 2008

Aurelio Torres Lorenzo "O Pacheco"


-->
A María do Carme, Carlos Morgade, Pilar e familia, que gardan a memoria do seu avó.
-->
Aurelio Torres Lorenzo, da familia dos “Pacheco” de Mourente, tiña cando o golpe militar a idade de 35 anos, estaba casado con señora Isolina “A Cendona”, tres fillos, dirixente obreiro e canteiro de profesión. En febreiro dese ano participara en varios mitins da Fronte Popular.

O 4 de setembro de 1936 figura, co nome equivocado, nunha requisitoria:
Rogelio (sic) Torres del lugar del Pazo, parroquia de Mourente; Martínez, Manuel [ dos Marións] del lugar de Casasnovas, de la parroquia de Mourente; Sánchez, Albino [ o Perrita ], hojalatero, del barrio del Burgo; Pedreira Rumbo, Manuel [fillo do mestre fusilado M. Pedreira] estudiante de Magisterio y Lodeiro González, Elvira [ de Salcedo] casada con el chófer Juan Manuel Gómez Corbacho, encartados en la causa que se sigue por auxilio a la rebelión, comparecerán en el término de cuarenta y ocho horas ante el capitán de infantería retirado, Juez Instructor D. Leonardo Enríquez Rozas, en la Zona de Reclutamiento; bajo apercibimiento que, de no efectuarlo, serán clasificados rebeldes.

Mal podería presentarse Aurelio Torres cando xa fora asasinado no mes de agosto; ¿descoñecemento dos feitos ou posible intento de darlle certa cobertura ao “paseo” ?.

Segundo varias testemuñas, el e o seu irmán Manolo “O Chía”, logo do golpe, pasan algún tempo escondidos na casa dunha veciña na que había unha trampiña no faiado, que lles permitía pasar dunha casa a outra. Estábanlle preparando a fuxida cara ao estranxeiro, levárono para outra casa e foi denunciado por dous cívicos do lugar. Non era O Pazo o mellor lugar para refuxiarse pois alí tiña unha elevada presencia a Garda Cívica con, polo menos, oito membros residentes no lugar, algúns deles tristemente coñecidos polas súas andanzas e que aparecerán logo formando parte do Grupo 9 da Milicia Nacional de 2ª Línea.

Nunha volta que hai no camiño que leva para Bora, aparece o 23 de agosto o seu corpo, barbaramente torturado e cos xenitais metidos na boca. Era unha das marcas da barbarie dos cívicos. A avoa de quen escribe este artigo, que fora moza de Aurelio na súa xuventude, foi unha das mulleres que se achegaron a velo e a chorar.
O cura, D. Ignacio Triñanes, afervoado defensor dos sublevados, non quería deixalo enterrar no cemiterio.

Moitos anos despois, en 1997, nun artigo ao que lle censuran varios parágrafos nun periódico local, o historiador Carlos Morgade facía unha exacta descrición dos sufrimentos posteriores da súa viúva, sra Isolina, e familia:
As ultraxes non acaban aquí. A viúva recibe unha chea de veces, a visita ameazante dos valentes na busca dos papeis do morto. Quizais querendo xustificar o crime. E de paso arramplan tamén co diñeiro e algunha xoia, o que topan pola casa ¿e quen llo prohibe? Son os novos amos. A morte, os golpes e as ameazas son as mostras do seu poder. Os nenos escóndense debaixo da cama co terror nos ollos. O maior, de sete anos, xa ten as marcas dos culatazos. Hai que deixar facer.
(versión íntegra do artigo en A Nosa Terra 23-8-1997).
No rexistro civil consta como causa da morte “destrucción de cráneo”.
Hoxe, 23 de agosto de 2008, setenta e dous anos despois, lembrámolo nesta páxina.

lunes, 18 de agosto de 2008

¡ Publicidades! (1)




Os anuncios publicitarios son un aspecto máis da realidade dos anos do medo. Neste blog comezo hoxe unha sección con este título na que, cada pouco, irei colgando algún anuncio aparecido nos xornais pontevedreses. Case non precisarán comentario, algúns provocarán un sorriso, outros recordarannos a máis crúa realidade...
Neste primeiro percatámonos de que hai alguén que se beneficia coa conquista de Oviedo...

domingo, 10 de agosto de 2008

Día do Prato Único

A maiores do relatado na entrada Donativos, tamén existían outros mecanismos de recadación que revestían características especiais: selos para o Auxilio Social, Día do Prato Único e Día sen Postre.
Como se deduce do seu nome, estes últimos consistían en que, determinados días do mes, a comida limitaríase a un só prato ou a non tomar sobremesa, ingresando o importe aforrado como axuda. Foi implantado mediante unha circular do gobernador xeneral do estado do 30 de outubro do 1936, indicando na mesma que a finalidade sería a atención de comedores de asistencia social para obreiros parados e as súas familias, comedores para pobres, casas-cuna, “Gota de Leche”, etc.
Buscando as raíces españolas desta institución, non se dubida en apelar ás privacións na conquista das Américas ou ao mesmo Cervantes, así aparece nun artigo sen firma publicado no xornal pontevedrés El Progreso (1-12-36),
Has de pedir en Cortes que todos los vasallos de Su Majestad desde la edad de catorce a sesenta años sean obligados a ayunar una vez en el mes a pan y agua, y esto ha de ser el día que se escogiere y señalare que todo el pasto [...] se han de gastar aquel día se reduzcan a dinero y se dé a Su Majestad, sin defraudarle un ardite... Neste inefable artigo tamén se dan receitas detalladas de “ guisado-¡ no ragout!- o bien de estofado” tendo en conta que el estofado puede ser a la española o a la napolitana. Lo primero es más patriótico, lo segundo más fascista.
A contía da aportación debería corresponderse co aforro do gasto ordinario de cada familia. O alcalde de Vigo (El Pueblo Gallego, 13-11-36), fai unha serie de exemplificacións para clarificar a aportación de cada quen:
una familia que no gasta más de una peseta por individuo y por día nada tiene que ahorrar ni dar, pues es evidente que esa familia come ordinariamente un solo plato y harto frugal e continúa indicando as porcentaxes a satisfacer noutros casos: gasto de 2 pta por persoa, aforro e cota dun 15%, 3 pta o 25%, 4 pta o 33%, 5 pta o 50%; para hoteis e pensións establécense dúas categorías de estancia: ata 15 pta o 25% e de 15 a 20 pta o 35%. Nos restaurantes de 1ª o prato tiña un prezo fixo de 4,5 pta e pagaba o 50% e nos de 2ª era de 3,5 pta pagando o 30%.
A recadación entre novembro do 36 e o mesmo mes do 37 foi, en Pontevedra capital, de 138729,80 pta que se corresponde cunha aportación media, por habitante e ano, lixeiramente superior a 4,5 pta. Esta cantidade era, xunto con Vigo (5,8) moi superior á media provincial que era de ó redor dunha peseta.
No caso da capital, coa finalidade de aumentar a recadación- e de paso coñecer a quen se lle “esquece” contribuír- o gobernador Mateo Torres Bestard organiza a recadación por barrios con grupos de señoritas baixo a dirección dunha xefa; estas señoritas entregarán os recibos nas casas e teñen a “obriga moral” de informar ao goberno civil dos veciños que aporten unha cota que non se corresponda coa súa posición económica. Tamén se publicarán as listas de contribuíntes.
Aínda así, as cantidades apuntadas anteriormente non parecían ser suficientes, a ollos dos responsables do goberno civil, que non perdían ocasión para recordar a necesidade de contribuír recorrendo a ameazas nada veladas e á imposición de multas.
O xornal El Pueblo Gallego (26-11-37), órgano de Falanxe, aproveita para encirrar co gallo da segunda cuestación para o Auxilio Social:
El público pontevedrés no ha contribuído como debiera y correspondió en otras ocasiones [...] Muchas personas se negaron rotundamente a hacer la modestísima aportación que de ellos se solicitaba; otras con socarronería insulsa, contestaban a las postulantes que “a la vuelta”, muchos sacaban una moneda de cinco o más pesetas, como excusa para contribuír, alegando “no tener suelto” como si en tal día, no podrían ya salir de casa con trinta míseros centimillos para dar de comer a los niños hambrientos [...] señor gobernador, hay mucho rojo, hay mucho emboscado, hay mucho egoísta y es en estas ocasiones cuando se revelan. Es preciso tomar contra ellos medidas urgentes y eficaces [...]no tienen derecho a figurar en el padrón de los españoles de la digna España de Franco.

Ao gobernador non fai falla que lle dean ánimos para sancionar, entre os moitos sancionados están os veciños de Lérez: Benito García, con 50 pta por negarse a satisfacer a súa cota polo prato único e con 15 pta, José Lores, Ramón Dios Blanco e Ramón Piñeiro. Hai algúns que lle botan valor, como o lalinense Joaquín Jorge, sancionado con 100 pta,
quien no obstante su posición económica desahogada, se negó a que le fuese impuesta la insignia del Auxilio Social rechazando su adquisición [...] en tono despectivo y en ocasión que su conducta entrañaba un ejemplo perturbador para la labor recaudatoria. (Diario de Pontevedra, 1-12-37).
Outra ameaza era a que o mesmo Torres Bestard apuntaba en decembro do 37:
que quienes lo realicen menguadamente o lo escamoteen merecerán ser considerados como desafectos y ser incluídos en las LISTAS NEGRAS (maiúsculas no orixinal) de malos españoles, mandadas formar a tal evento por el gobierno general...

De todo o anterior, apuntar só un par de ideas: a) O recoñecemento da existencia de dificultades (pobreza, fame, etc) en sectores da poboación no bando sublevado. b) A adhesión ao “Movimiento Nacional” non parece ser todo o entusiasta que se dicía, pois un alto número de persoas non contribuía economicamente e mesmo- aínda naquelas circunstancias- se opoñía activamente.

lunes, 4 de agosto de 2008

Donativos



Un capítulo moi importante no financiamento do bando sublevado foi o relativo ás aportacións, voluntarias ou non, en subscricións patrióticas, selos e emblemas, entregas de ouro e xoias, talleres de fabricación de roupa para a fronte, etc.


Nesta entrada imos centrarnos nos donativos, deixando para outra ocasión campañas como a do Prato Único, Día sen postre ou semellantes.


Sen ánimo exhaustivo, na Pontevedra da época, atopamos listas de donativos para: avión Pontevedra (tratábase de mercar un avión para o exército como aportación pontevedresa ), Garda Cívica, Pro acorazado España, Pro Exército e milicias do Oitavo Corpo, Pro Causa Nacional, Aguinaldo do soldado, Batallón de Voluntarios de Pontevedra, Mausoleo aos nosos heroes, Asistencia a Frontes e Hospitais, para os templos devastados de Asturias, Xunta de Socorros para defensa da Patria, café para a fronte, etc.


Ás veces as subscricións obedecían a un feito máis ou menos puntual: en novembro do 36, cando se pensaba que a toma de Madrid era inminente, artéllanse iniciativas como “Para el altar del Apóstol en Madrid” para o que se tiña ata decidido o lugar de emprazamento, que ía ser na Glorieta de Cuatro Caminos ou a organización dunha comida para pobres que, por iniciativa de Falanxe, daríase para festexar a entrada na capital.


Atopamos tamén colectas singulares como a que, a iniciativa de Renovación Española, encabeza Víctor Lis con 25 pta para regalar unha imaxe da Virxe do Pilar ao xeneral Franco en novembro do 36.


Os listados de donantes por estes conceptos e tamén de ouro e xoias, son unha radiografía da sociedade pontevedresa. En ocasións, os nomes son substituídos por expresións como: Un niño con un Viva España, 25 pta, Dos españoles de veras, 10, Viva España Gloriosa, 25, etc. Tamén atopamos contías moi elevadas como a de Casimiro Gómez con 50.000 pta e outras de carácter corporativo como a do Colexio de Rexistradores que, o 12-3-37, aportan 705,85 pta. Sirva como dato de referencia que, en xullo do 1937, o goberno militar de Pontevedra fai público que o recadado no mesmo Pro Causa Nacional dende a data do golpe militar, ascende a 1308412,96 pta.


Aparte da xa mencionada recollida de ouro, prata, xoias...tamén se aportan donativos en especie, por exemplo o concello de Cotobade, en decembro do 36, doa 12 galiñas, 1 botella de coñac, 1 de ron, 109 chourizos, 1 cacho de xamón, 2 pedazos de cacheira e un paquete de carne de porco (Diario de Pontevedra, 17-12-36).


As listas aparecen, ás veces, encabezadas por párrocos, empresas e ata entidades disoltas tras o golpe, como é o caso da Caixa Rural de Lérez na que “ se recogieron” pola Garda Cívica os víveres ( comestibles, bebidas, ferramentas...) que había na cooperativa incautada e se publicitaron como donativo ao “Movimiento”.


Eran tamén abundantes os ofrecementos de parte dos haberes ou da súa totalidade, como é o caso do cura de Lantaño, Vicente Cortizo, que pide ao marqués de Riestra (habilitado do clero) que ingrese a súa nómina no tesoro nacional “mientras dure la reconquista de nuestra Patria del inaudito salvajismo jamás visto en la historia de la humanidad” (Diario de Pontevedra, 24-8-36).


En ocasións organizábanse postulacións como a que se fixo para o exército, con motivo do Día da Raza e que recadou 1192,75 pta:

lindas manos femeninas en constante ofrenda patriótica dejaron unos instantes los “monos” y las lanas de los jerseys, saltando a las solapas de los hombres para prender en ellas unas cartulinas con los colores de la gloriosa enseña nacional.

Outro tipo de donativos podían causar maiores problemas polo seu posible contido, este era o caso dos libros para os soldados feridos, que debían ser entregados na Biblioteca Pública porque era o corpo de arquiveiros o encargado de que “ se haga realmente una selección escrupulosa en las lecturas” e recomendando a temática dos mesmos:

agradeceremos igualmente todo donativo que tienda a la exaltación de la hispanidad, la Historia de nuestra raza y a la glorificación del Movimiento que inició y lleva hacia el resurgimiento de España nuestro Caudillo. (El Pueblo Gallego, 27-4-37).

As discriminacións que puideran xurdir cando se trataba de repartos aos soldados, tamén podían estar previstas como no Paquete Aguinaldo, que podía ser mercado na confitería Ureta ou en La Abundancia, confeccionado en exclusiva para o aguinaldo do soldado de xeito que todos recibiran o mesmo contido. (Delegación de Asistencia a Frentes y Hospitales, 13-12-37).


Non sempre os donativos son tan voluntarios como se facía constar, por exemplo, unha nota do goberno civil do 3-9-37, resalta que os empregados da conserveira Herrero, de Marín, “ están dando una prueba de su gran patriotismo con lo que contribuyen cada uno” aos donativos pro Causa Nacional, pero solo entre ellos hay una sola excepción: la obrera NATALIA OTERO que no solo no contribuye, sinó que llega a exteriorizar su mal ejemplo entre sus compañeros; lo cual, unido a sus antecedentes durante el funesto frente Popular, me precisan, como primera providencia a imponerle una multa de CINCUENTA PESETAS (maiúsculas no orixinal).

Non sabemos se froito da “primera providencia” do gobernador ou a consecuencia de outras “providencias”, o certo é que na colecta voluntaria (sic) da citada fábrica de conservas publicada no Diario de Pontevedra o 10-11-37, Natalia Otero aparece cun donativo de 2,70 pta.


De todos os xeitos, a contía recadada non debía acadar as expectativas das autoridades, pois son repetidas as advertencias do goberno civil. Así, o gobernador Ricardo Macarrón, xa nos primeiros momentos da sublevación (24 de agosto de 1936), escribe:

Pero es tristemente obligado hacer constar, con la indignación que el hecho produce, que, al lado de estos ejemplos nobilísimos y en violento contraste con ellos, podrían citarse ( y se citarán, si es necesario) otros ejemplos de refinado egoísmo, de tacañería avarienta y de cerrada incomprensión, en no pocas personas adineradas [...] viva agazapado el monstruoso egoísmo de estos “emboscados” que solapadamente procuran obtener buena parte en los beneficios de la situación sin aportar en cambio la parte que en los beneficios le corresponde [...] Será doloroso tener que sacar a la vergüenza pública estos casos [...] Será doloroso ciertamente, pero este deber de justicia se cumplirá sin contemplaciones cuando se crea necesario, sin perjuicio de adoptar también otras medidas más expeditivas y eficaces. Todos deben darse por notificados de esta admonición y obrar en consecuencia para evitarse contratiempos.

A nota anterior e outras na mesma liña, son suficientemente esclarecedoras.

domingo, 27 de julio de 2008

Mulleres.

Confeso que non estaba previsto escribir esta entrada, pero o xornal de hoxe trata sobre o avance do número de vítimas pontevedresas do golpe, feito polo proxecto de investigación Nomes, voces e lugares e, de pasada, afírmase no artigo que solo houbo unha muller fusilada de Pontevedra.


Abro un paréntese: 1º.- Debemos distinguir entre as vítimas de Pontevedra (68 segundo o informe) e as vítimas en Pontevedra, que superan amplamente os dous centos de persoas. 2º Hai, polo menos, dúas mulleres fusiladas de Pontevedra, ámbalas dúas tras consello de guerra: Consuelo Acuña Iglesias (en sitios aparece Janeiro), o 14-12-36 e Elvira Lodeiro González o 19 do mesmo mes, as dúas de Salcedo e fusiladas en Monte Porreiro. ( Véxase: Morrer en Salcedo).

Pois ben, a lectura do xornal faime lembrar que o papel das mulleres como vítimas da represión tras o golpe, queda moitas veces nun segundo plano, eclipsadas- do mesmo xeito que moitos obreiros- polos casos de persoas máis coñecidas por ocupar postos politicamente máis relevantes.


Non hai maior castigo que a morte pero a dor máis grande, o maior sufrimento, acaso sexa o que afecta a aqueles que sobreviven aos seus seres máis queridos, é unha sorte de morte que se prolonga no tempo. E as sobreviventes foron as mulleres. Elas van sufrir a represión directa do cárcere, das malleiras e outras vexacións que non custa traballo supoñer e que se calan, pero tamén serán as que teñan que tirar para adiante, moitas con fillos pequenos, cos seus homes mortos, no cárcere ou fuxidos e cos seus bens incautados pola lei de responsabilidades políticas. Algunhas andando no estraperlo ou na busca do volframio ou traballando de sol a sol, como a filla e neta de R. Meis que aproveitaban a lúa chea para sachar o seu millo porque de día tiñan que ir ao xornal.


Poñámonos no lugar de Celia, Marina, Angelita...ás que lle cortan o pelo ao cero e lles pintan UHP na fronte por teren desfilado coas milicias, soportando as burlas, mesmo as cancións da época ( Pelonaaa, sen pelos/cuatro pelos que tenías/ los vendiste de estraperlo...).

Poñámonos tamén no das mulleres que, escondidas na xunqueira do Cobo, escoitan cantar aos seus homes e familiares e logo os disparos, un 17 de abril do 37.


¿Cal sería a dor da muller dun dos fusilados de Marín que, segundo me contaba a súa filla, bótase a correr detrás da camioneta que saía da Normal ata Monte Porreiro e, cando chega alí, xa o seu home estaba morto e volta a unha funeraria para que lle fíen unha caixa que leva ao lombo para que non o enterren sen ela?


Tampouco é difícil imaxinar a cara de terror cando os cívicos entraban na casa furando os bocois, indo o viño a monte, co pretexto de ver se había escondidos dentro.

¿ Que pasaría pola cabeza de Maruja cando vai correndo a ver o corpo torturado e mutilado do que fora, facía anos, o seu mozo e que no agosto do 36 aparece na subida a Bora?


Tamén é o momento de lembrar á señora Carme e as idas ao monte para buscar toxo e deixarlle comida e roupa aos seus irmáns, fuxidos entre Mourente e Marcón.


¿Cal non sería a dor de Ita Lia Kuper mentres le a carta (estarrecedora di un comentarista neste blog) que lle dirixe o seu fillo Jacobo Zbarsky antes de morrer?

¿A cantas mortes equivale a dor da muller entrada en anos que aparece nunha foto abrazada ao piñeiro da carretera de Campañó, na Caeira, onde xunto a outros compañeiros, fusilaron ao seu fillo Víctor Casas?.


Calquera día, hoxe sen máis, é preciso lembrar a Consuelo e Elvira e aos centos de mulleres que sufriron, nelas e nos seus, a barbarie.

martes, 22 de julio de 2008

Ramón Meis, o da vontade de ferro.

Vivía en Cons, parroquia de Mourente, serrador, de condición moi humilde. En Acción Obrera (17-8-1918) aparece a seguinte carta:

Estimado amigo y compañero, acabo de enterarme con pena que Ramón Meis, el abnegado y consecuente compañero, se encuentra en el Hospital, de un padecimiento que para su curación echará largo tiempo. Me consta que su esposa e hijos-todos menores de edad- no tienen recursos de ninguna clase. A Vd y demás compañeros dejo las iniciativas para mejorar la condición de esta familia, para lo cual remito cinco pesetas. Soy de Vd y de los oprimidos compañero, José Viñas.

A redacción do xornal dá conta da apertura dunha subscrición para “el humilde y esforzado Meis, el de la voluntad de hierro” e na que aparecen aportacións do dito Viñas, Manuel Portas, Isidro Casasbellas, Vicente García Temes, entre outros. A sociedade de canteiros entrégalle a Meis 25 pesetas.

Participa no mitin antiforal do 29 de novembro de 1908, organizado pola sociedade de agricultores de Lérez, representando aos agricultores de Mourente dos que era dirixente; é unha das primeiras intervencións destacadas dun membro do partido socialista en mitins agrarios.

En outubro deste ano fala nun mitin “Pro Pan y Moralidad” organizado polo partido socialista e a Federación de Traballadores e no 1930, é elixido membro do Comité executivo da Federación Agraria Comarcal.

Persoas que o coñeceron din que tiña un carácter “un pouco botado para adiante” e contan que con ocasión da morte dun neno fillo dun compañeiro, levou aos nenos e nenas de Cons, cun laciño vermello no brazo, acompañando ao defunto e logo botou un discurso no cemiterio.

Cando o golpe do 36, xa entrado en anos, anda escapado pero é capturado polos cívicos na zona de As Zorretas. Unha filla e unha neta removen a terra fresca en Monte Porreiro pero non atopan o cadáver. Os rumores dicían que o enterraran deixándolle un puño fóra. Con posterioridade, chega algún escrito á súa casa con comentarios humillantes sobre os seus últimos momentos: a vinganza máis alá da morte. Do seu pasamento non hai constancia en ningún rexistro nin listado.

As penalidades familiares non acaban aí, unha das fillas, Otilia Meis Pintos, é detida polos cívicos, as présas dun deles, tamén veciño de Mourente, fan que queira levala a medio vestir cun biso, un dos xefes permite que se vista. Estivo detida acusada de esconder armas, estar na Alameda de Pontevedra o 20 de xullo e tomar parte en todos os desfiles,tampouco escapou ao conseguinte rapado ao cero e outras humillacións.

miércoles, 16 de julio de 2008

Balillas, flechas, luceros, margaritas...



O adoutrinamento da xuventude é unha característica común aos réximes totalitarios calquera que sexa o seu signo. A partires do golpe militar do 36, atopámonos con varias organizacións xuvenís encadradas nos distintos grupos políticos que apoiaron o levantamento. As organizacións independentes, como os Exploradores, serán disoltas en Galicia no ano 1938.


Os carlistas ou requetés contan cos seus Pelayos, caracterizados pola boina vermella:


Somos niños los Pelayos

mas seremos sin tardar

los soldados más valientes

que a su Patria salvarán

A Falanxe viste de azul mahón aos seus mozos, Flechas:


Somos los flechas la guardia del mañana,

que en los luceros su puesto tienen ya.

Los camaradas caídos nos esperan;

el santo y seña, Falange nos lo da.


As Juventudes de Acción Popular (JAP) contan tamén coa súa sección de Chavales que fortalecen corpo e espírito con camiñadas como a que nos describe o Diario de Pontevedra (3-2-1937):

En la tarde de ayer fueron a Puentecaldelas y La Lama, una sección del Batallón infantil de los “Chavales” de la J.A.P., con escuadra, banda y bandera, al mando de su jefe Enrique Montes Blanco. En La Lama, fueron obsequiados por el alcalde, don Ramón García, con pastas y copitas de Jerez. En Puentecaldelas también se les hizo un gran recibimiento, teniendo que desfilar los “Chavales” repetidas veces porque el público no cesaba de aplaudir a estos valientes soldados del mañana.


A linguaxe e as formas marciais, como se ve, non están ausentes de todo o referido a este tipo de agrupacións. De todas elas vai ser a de Falanxe a que impoña a súa hexemonía. Nun primeiro momento non adoptarán o nome de Flechas senón o de Balillas, nome tomado das xuventudes fascistas italianas (Obra Nacional Balilla), creadas por Mussolini no ano 1926, e que, xunto coas Xuventudes Hitlerianas, servía de modelo ás Organizaciones Juveniles (OOJJ), nome co que eran coñecidas pois o Frente de Juventudes non se crea ata o ano 1940.

O primeiro delegado nacional de organizacións xuvenís de Falanxe foi o coronel e falanxista Mateo Torres Bestard, moi relacionado coa nosa provincia pois foi nomeado gobernador civil da mesma no 37, impoñendo un estilo singular no desempeño deste cometido. Segundo parece foi o impulsor dun lema que ía ter un longo recorrido no réxime : Por el Imperio hacia Dios.


A unificación política tamén afecta ás distintas seccións xuvenís que quedan estruturadas do seguinte xeito:

Nenos: Pelayos (7-11 anos), Flechas (11-15), Cadetes (15-17).

Nenas: Margaritas (7-11), Flechas ou Luceros (11-14), Flechas Azules (14-17).

A esta unificación non escapan nin as respectivas revistas de carlistas (Pelayos) e falanxistas (Flechas) que, en novembro do 38 se refunden en Flechas y Pelayos que vai ser referente do cómic falanxista da época.

En Pontevedra, con letra de Carmen Gallástegui e música de Faustino Temes, oficial da Garda Cívica e director da banda de música municipal, estréase en agosto do 36 un himno aos Balillas titulado: ¡ Arriba España!:


¡Arriba España,

balillas,

balillas!

gritemos todos

con firme corazón.

¡Arriba España,

balillas,

balillas!

no desmayemos

en nuestra misión.

[...]

Con alma de soldado

nacemos a la vida

que ya estará regida

por códigos de honor.

Sabemos que la Patria

nos llama y nos espera

y para su bandera

es todo nuestro amor.

[...]

Somos hombres del mañana

somos juventud en flor

y desde esta edad temprana

nuestra Patria es nuestro honor.

Nunca el odio nos engaña,

pues nos guía amor y fe

y el anhelo de que España

sea grande como fué.