domingo, 1 de septiembre de 2019

Golpistas e verdugos de 1936.

Nos últimos tempos diversas publicacións (en Galicia foi importante o éxito en vendas de “Os nomes do terror”, editado por Sermos Galiza) testemuñan un feito relevante nos estudos sobre a represión: o obxectivo diríxese aos verdugos fronte á dinámica imperante de centralo nas vítimas. O papel central das vítimas estivo xustificado polo seu esquecemento fronte ás dos golpistas e a necesidade de poñerlle nome e biografía tras o silencio; tamén o seu estudo presentaba unha menor complexidade fronte aos problemas, mesmo de definición, dos verdugos. Isto non quere dicir que non se nomearan os verdugos, moitas publicacións fixérono dende fai anos e algúns autores tiveron que enfrontarse a diferentes accións, mesmo de carácter xudicial, por lembrar os perpetradores dos crimes.
Pero é agora cando o papel dos verdugos comeza a ser tratado en toda a súa complexidade, máis alá da mera relación de nomes e indo ao fondo do problema: as motivacións, os procedementos, os antecedentes e consecuencias, o entramado do poder que posibilitou e executou a violencia. En resume, realizar novas preguntas sobre o pasado antepoñendo a complexidade aos discursos simplistas; complexidade que comeza, como xa apuntabamos, pola propia definición de verdugo.
A finais do ano 2018 publicouse o libro “Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo” (Editorial Galaxia) do que son editores os profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho e que se inserta na liña de traballo apuntada anteriormente.
Este libro marca un fito no estudo deste “pasado incómodo”, incómodo tanto para os herdeiros – familiares ou ideolóxicos- dos verdugos como tamén para os autores. Tenta superar a consideración, común a franquistas e opositores ao réxime, da memoria (memoria pervertida) da 2ª República como propiciadora da guerra civil e inevitablemente ligada a aquela, para poñer o foco no golpe de Estado e, fundamentalmente, nos verdugos. Rompe así co relato que se mantivo durante a transición e ligado á doutrina da reconciliación nacional: a equiparación da violencia, a loita entre irmáns, o “todos fomos culpables”.
Contextualiza a violencia desatada tras o golpe de xullo de 1936 no marco dos fenómenos de violencia masiva que se manifestaron a nivel global, coa particularidade, no noso caso, da impunidade total dos verdugos. É de agradecer que, nun tempo de eufemismos, chame as cousas polo seu nome: golpe de Estado (e non Alzamiento Nacional nin guerra civil, que en Galicia non houbo), e verdugos, responsables da eliminación planificada e sistemática de miles de vítimas nun contexto, como dixemos, de ausencia de fronte de guerra.
Destacariamos, en canto á autoría, a presenza de novas e novos autores, cuns traballos de investigación que prometen moi bos froitos xunto a autores de traxectoria ben recoñecida, e tamén a paritaria presencia de investigadoras. Isto último, por desgraza, é un feito non habitual. A pesar de que se percibe un alto nivel de comunicación entre os autores, de traballo en grupo, como é lóxico nun libro colectivo, o interese dos apartados é desigual, dentro do alto nivel xeral.
As fontes utilizadas son, en primeirísimo lugar as causas militares e, en menor grao, as orais, hemerográficas e outras; confírmase así a relevancia da documentación depositada nos arquivos militares, pois as causas son documentos que nos contan o que fixeron os sublevados narrado por eles mesmos, o “testemuño dos verdugos”; a inxente documentación xudicial militar, a pesar de ser bastante utilizada nos últimos anos, aínda nos garda moito que descubrir.
Abre o libro un estudo dos profesores Fernández Prieto e Míguez Macho que ten como eixe central o proceso instruído contra o contralmirante Azarola e que se presenta como o paradigma dos procesos por rebelión militar. Como apuntan os autores (páxina 60), o punto de referencia non se pon nos feitos sucedidos en Ferrol neses días de xullo senón no que se escribe na causa, “na construción do relato fundacional do golpe de Estado de 1936, da violencia subseguinte e por extensión da propia ditadura franquista”.
Ao longo do capítulo podemos apreciar como os golpistas se atribúen a condición de autoridades lexítimas mediante un discurso que falsifica a lexitimidade, a “xustiza ao revés” que dixera Serrano Suñer; neste proceso de apropiación da autoridade lexítima, o asasinato das persoas que a exercían sería un paso necesario.
Outro apartado que resulta relevante para Pontevedra e comarca, é da autoría de Aldara Cidrás que analiza o papel dos procesos militares como estratexia de lexitimación do novo réxime, a normalización da violencia e a integración de novos grupos sociais facéndoos participar nos mecanismos do terror, ou sexa, a función da violencia como cohesionadora e xeradora de adhesións. Aldara Cidrás parte do estudo das causas militares instruídas a pontevedreses pero co obxectivo posto nos verdugos. O triángulo da violencia presenta tres vértices: a) Os compoñentes do entramado do terror (xuíces instrutores das causas, fiscais, auditores, membros dos tribunais...) b) Os acusados e acusadas e c) Os declarantes nas causas (delatores, testemuñas...). Quen presentan maior interese para o estudo son os integrantes do apartado c) pois os outros son máis previsibles nos comportamentos, automático e burocratizado no primeiro e exercicio da defensa no segundo. A investigación que está a levar a autora será, sen dúbida, referencia imprescindible para completar o que coñecemos sobre os mecanismos da violencia na nosa capital e comarca.
Iria Morgade, autora fai un tempo dun moi interesante traballo sobre o tratamento didáctico da memoria e da represión nos centros de ensino, achéganos, nesta ocasión, a un aspecto pouco estudado: as accións colectivas de memoria na transición. Tras a parálise imposta polo medo nos anos do franquismo, durante a transición empezan os actos de recoñecemento e atopámonos que os verdugos estaban esquecidos, ocultos, nestes actos. Sobre as razóns que poden explicar o anterior trata o seu artigo. Por certo, probablemente a primeira homenaxe ás vítimas (que trouxo de cabeza á “brigadilla” da Guardia Civil) debeu ter lugar en Pontevedra (Monte Porreiro e volta do Couto, lugares de execución ben coñecidos) cando no ano 1944, no día de defuntos, apareceron sendas cruces de madeira, coroas de flores e unha cinta coa lenda “Honor a nuestros mártires”.
Aparte de Pontevedra, hai outros estudos de zona: Compostela (Rafael García Ferreira) e Ribadeo (Xabier Buxeiro); este último amosa como os “paseos” son parte dunha actuación consentida e controlada polas autoridades militares e que os perpetradores foron máis que os que apertaron o gatillo: os que facilitaron as “sacas” dos cárceres, os comandantes militares, etc. Judit Carbajo analiza as fontes orais en relación cos represores e Conchi López escribe sobre os diferentes perfís de comportamentos en relación coa participación social na violencia; apunta tamén unha interesante proposta de clasificación tendo en conta a actuación que tiveran nas causas militares.
En suma, un libro imprescindible, que revisa interpretacións ata agora aceptadas e que, en moitos dos apartados, apunta camiños a seguir en futuros traballos. Entre as moitas conclusións destacaría o que moitas veces expresa un dos coordinadores, Lourenzo Fernández Prieto: os verdugos foron menos do que se pensaba aínda que causaron moitas mortes e que, nos sublevados, houbo persoas que en momentos decisivos elixiron camiños alleos á violencia.

jueves, 22 de agosto de 2019

Contra o esquecemento: Joaquín Fernández Barcia.

Moitos familiares das vítimas da represión levada a cabo tras o golpe do 36 sufriron ( e sofren) o silencio imposto nas propias familias; o medo que abafaba nos anos do silencio na maioría dos casos, o rexeitamento da conduta política do seu antepasado a quen responsabilizaban da súa situación precaria, noutros, algunhas veces a falla de interese ou as informacións manipuladas... A falla dunha política de divulgación, alonxada de mitos e manipulacións, do sucedido e que vaia máis alá dos círculos de historiadores e persoas comprometidas, posibilita a existencia na actualidade, máis de 80 anos despois, de persoas que carguen coa lousa do descoñecemento sobre a vida (e a morte) de antepasados seus vítimas da represión e, tamén, do esquecemento.
Veñen a conto estas apresuradas reflexións a partir da lectura do emotivo artigo de Víctor Fernández FreixanesMemoria do tío Joaquín”, na Voz de Galicia do pasado día 18. Nel podemos atopar ese desexo de saber máis e tamén o testemuño de como as pesadas cargas dos “antecedentes políticos familiares negativos” continuaron pesando moitos anos sobre as familias.
Esta situación, repetida ao longo de moitos anos de traballo neste tema, lévame a inaugurar un apartado neste blog, que titularemos “Contra o esquecemento” e no que, cada certo tempo, achegaremos a biografía das vítimas esquecidas.
Joaquín Fernández Barcia “O negro” naceu o 10 de agosto de 1906 en Mourente (Pontevedra), era fillo de Saturno e Elvira, ebanista, afiliado á Sociedade de Ebanistas afecta á UGT. Estivera preso no 1934 polos sucesos revolucionarios de outubro. Foi detido en Vigo o 25 de agosto de 1936 onde, ao parecer, se refuxiara na casa duns parentes; tivo a mala sorte de ser recoñecido por un policía pontevedrés que fora a aquela cidade a efectuar un servizo.
Incóaselle a causa 1118/36 por rebelión, causa militar que sería acumulada á 1098/36 que se abrira contra Eduardo Muíños Búa e outros; todos estaban acusados de participar nos rexistros domiciliarios e en armerías para incautar armas. Estas actuacións leváronse a cabo todas elas amparadas en ordes escritas do gobernador civil. As persoas acusadas destes feitos ou de participar na defensa do goberno civil o 19 e 20 de xullo foron moi perseguidas e sufriron fortes condeas de cárcere ou a pena de morte.
A Joaquín acusárono de participar na requisa efectuada na armería de Ruperto Santos; alí foran acompañados do inspector de policía Castor Prieto, que portaba a correspondente orde; a actuación de Joaquín e compañeiros descríbea o dono da armería cando foi preguntado por se tiveran “actitude tumultuosa” e respondeu que todos estiveran moi atentos e respectuosos.
Pero as acusacións contra Joaquín acumulábanse: ademais das requisas tamén fan as de participar destacadamente nos feitos revolucionarios daqueles días de xullo arengando e alentando os grupos rebeldes; ademais os seus antecedentes, como os dos outros acusados, eran os de significados axitadores e dirixentes das “organizaciones extremistas” ás que pertencían.
Diversos informes considerábano membro da agrupación socialista e persoa de confianza do deputado Amando Guiance; o da Guardia Civil, coa falla de fiabilidade habitual, considera que militara no partido comunista, afiliado á CNT e que “según informes que no se pueden precisar [!!!] desde su domicilio estuvo haciendo disparos el día 20 de Julio último con una pistola”. Algunhas testemuñas afirmaron que participara nos tiroteos contra as tropas que procedían á lectura do bando de guerra.
Un erro no apelido evita que o leven na saca dun grupo de presos que acabarán “paseados” a finais de setembro.
O 20 de novembro de 1936 celébrase o consello de guerra contra Joaquín Fernández Barcia, Nemesio Laya Abal, Ciriaco Licer Cons, Manuel Dios Costado, Ramón Rey Juncal e Eduardo Muíños Búa; na sentencia consideran a Joaquín responsable do delito de rebelión co agravante de perversidade e condénano a morte, do mesmo xeito que ao mestre Muíños e ao albanel Manuel Dios. Ademais deberían indemnizar ao Estado por responsabilidades políticas coa cantidade de cinco mil pesetas cada un.
Execútano o 2 de decembro de 1936, ás sete horas e trinta minutos da mañá no alto da Caeira. Foi enterrado en san Amaro na sepultura 49, cadro 1, fila terceira. A morte foi anotada no Rexistro Civil pontevedrés no folio 281 volto, tomo 117, partida 560 e como causa figura a de “colapso cardíaco”.
Dous dos seus irmáns serían detidos na década dos corenta acusados de actividades subversivas: Antonio, detido no 1947 por recadar diñeiro para Mundo Obrero, foi posto en liberdade polo xuíz por non haber cargos probados e Saturno, detido e procesado no 1948 por presuntas implicacións co partido comunista, foi absolvido.
Nos anos 90 un dos seus irmáns,  probablemente asesorado polo inesquecible Gonzalo Adrio, solicita (e consigue) que se subsanen as falsidades que constaban na anotación do rexistro civil no senso de que o lugar da morte (A Caeira, O Vao) non pertencía a Pontevedra senón a Poio, polo que debía rexistrarse naquel concello e a causa fundamental da morte: fusilamento despois dun consello de guerra por defender ideas políticas.
Serva este breve apunte para lembrar a un home para quen, como escribe o seu sobriño Víctor F. Freixanes, o Día da Galiza Mártir tamén foi o seu día, aínda que a súa execución fora en decembro.

jueves, 1 de agosto de 2019

Fundadores da Sociedade de Agricultores de Salcedo (1): Antonio Balchada.

O primeiro de agosto de 1936, o capitán da Guardia Civil e xefe nominal da Guardia Cívica pontevedresa Emilio Lledós, con forzas ás súas ordes, rexistra o domicilio de Gumersindo Estévez Cerqueiro atopando diversa documentación, tanto súa como do seu fillo Genaro (sería executado o 21 de setembro de 1936) que andaba fuxido. Gumersindo, presidente da Sociedade de Agricultores de Salcedo entre marzo de 1935 e o mesmo mes de 1936, sería detido posteriormente, xunto co seu irmán Manuel, cando se presentaron no cuartel da Guardia Civil para solicitar un certificado de boa conduta para poder marchar cara o estranxeiro.

Nunha relación titulada “Nombres de los fundadores de la Sociedad de Agricultores de Salcedo y compañeros más significados” figuran os nomes dos fundadores en 1892 ( foi rexistrada oficialmente en 1897). Estas persoas estaban propostas pola directiva que presidía Gumersindo para recibir unha homenaxe aos fundadores falecidos. Aparecen no listado: co apelativo de presidente: Martín Pintos Lucas, Lorenzo Montes, Antonio [Balchada] Sousa, Juan Piñeiro e Ignacio Da Pena; co de organizador: Santiago Sanmartín; cos de secretario: Antonio Carragal e Manuel Acuña Pena e sen indicar condición: Manuel Regueira e Francisco Soto.

A idea da directiva era celebrar un acto con varios oradores e adquirir as fotografías dos primeiros fundadores.

O texto destinado a ler na homenaxe adicado a Antonio Balchada, albanel de orixe portuguesa, era o seguinte:

La Sociedad de Agricultores honrra a sus Luchadores por la Livertad. Antonio Balchada Sousa Vecino y uno de los organizadores de esta Sociedad de Agricultores el año 1892, trabajó incesantemente después de organizada, para que el Cacique no la derrumbara porque con sus uñas de rrapiña quería desbaratar a lo que no le convenía, porque si hoy los Caciques le estorban las Sociedades, que harían entonces que no había más [ilexible] que ellos hacían de la justicia lo que querían del Servicio iden de Contribuciones Consumos y por último Cédulas también; así que las Sociedades eran el ostáculo mas grande para ellos enriquecer y dominar. Así que los directivos eran perseguidos amenazados y acosados a las peores torturas; mas Antonio Balchada Sousa nunca temió a las Amenazas, donde no se fundaban Sociedades Allí iba el tanto que fueran Agrícolas como Obreras. Celebraba mítines por todos los contornos, en los primeros de Mayos era Antonio Balchada Sousa quien rresibía los Mayores aplausos y felicitaciones por su buena oratoria y energía en busca de defensa de las justas rreivindicaciones de los Esplotados. Fue tan perseguido que por no tener por donde cojerlo judicialmente influýan los dominadores para que no tubiera trabajo en ninguna parte y por el hambre someterlo al Cacique: pasó sin sabores y se arregló, pero al Cacique nunca se doblejó. Como su oficio era Pintor y aquí no le daban trabajo tubo que aprender la arte de Albañil para poder mantener su mujer y hijos que eran mártires por las ideas de su padre. Llevó la vida tan agitada en busca de la rredención humana y sin tener apresio de la labor por el rrealizada dejó de existir de entre nosotros por la tuberculosis que lo arrebató a los cuarenta años lo mejor de su edad para la lucha.
(Ortografía e redacción orixinais). Documentación: Arquivo Intermedio Militar do Noroeste e AHPPO.

miércoles, 3 de julio de 2019

Himno revolucionario.

O 15 de marzo de 1937, ás oito da tarde, o sarxento Miguel de Miguel Marcos, comandante de posto da Guardia Civil de Lavadores, ao mando dun grupo de “cívicos”, gardas e falanxistas, localiza unha cova debaixo de dúas casas e cuns 20 metros de longo no lugar da Bouciña. Atopan varias armas, diferentes obxectos, roupa (algúns uniformes falanxistas e de soldado) e varios “cantares e himnos revolucionarios y de propaganda tendenciosa en contra del Movimiento”. Practícase a detención dos habitantes das casas: Alfredo Fernández González, Paulino Posada González, Alfonso Fernández Posada, Matilde González Rodríguez, Magdalena Caride Fernández, Carmen Fernández Posada e Mercedes Posada González.

O capitán da Guardia Civil Francisco González, “O Rabioso”, desprázase ao lugar dos feitos ás dúas da madrugada para comprobar o lugar; os detidos como presuntos encubridores e o material atopado foron conducidos ao cuartel do posto na rúa de Magallanes.

Entre as variadas cancións ( Himno de los perseguidos, Joven Guardia, Pioneros Rojos e varios tangos) que aparecen nun caderniño feito con follas mecanografadas con tinta vermella, atopamos un titulado “Himno revolucionario” que copiamos a continuación:

No desmayes pueblo Ruso,

seguid luchando con tesón,

que la Internacional se adhiere

a vuestra revolución, (revolución)

Fiera venganza tomaremos,

contra la canalla plutocrática,

corra la sangre aristocrática,

por las calles sin cesar (y sin cesar).

Empezaremos por Gil Robles,

terminaremos por el clero,

que es el animal más fiero,

que devora la nación,

Viva la revolución, la revolución social.

Arriba trabajadores

triunfe la lucha social, (lucha social)

Viva la juventud comunista, (viva)

Viva Rusia y la Internacional.

Arriba trabajadores

triunfe la lucha social (lucha social)

Viva viva el ejército rojo (viva)

Viva Stalin, Lenin y Carlos Marx.

De todos os detidos só sobreviviron Magdalena Caride e Carmen Fernández, que serían xulgadas posteriormente e absolvidas. Os restantes foron “paseados” e as súas mortes constan no rexistro civil de Lavadores: Alfredo Fernández González, 36 anos, xornaleiro, casado, un fillo; Paulino Posada González, 47 anos, casado, xornaleiro, tres fillos; Alfonso Fernández Posada, 20 anos, solteiro, xornaleiro; Matilde González Rodríguez, 35 anos, viúva, xornaleira, dous fillos; Mercedes Posada González, 48 anos, casada, de profesión “sus labores”. Os cadáveres aparecen no cemiterio de Lavadores o 17-3-37 e a causa de morte que figura no rexistro é a de “herida por disparos de arma de fuego”. Outros “paseos” relacionados son os de José Caride Fernández, 19 anos, serrador, o seu corpo aparece en Naia o 18-3-37 e a causa da morte consta como “hemorragia cerebral”; Severino Carrera Martínez “Farrapillas”, 26 anos, casado, xornaleiro, aparece o cadáver no cemiterio de Lavadores o 17-3-37 e a causa da morte é “heridas por disparo de arma de fuego”.

Neses días tamén hai outras mortes na zona; o propio sarxento Miguel de Miguel, en escrito datado o 1 de abril de 1937, detalla os “individuos muertos en el monte que se hallaban fugados”, no tempo que el levaba no posto: Ramón Conde Gutiérrez (27-1-37), Aniceto Campos Caride (29-1-37), Aniceto Marcos León (31-1-37), José Viéitez Miras “Loto” (4-2-37), Antonio Alonso Comesaña, Manuel Vázquez Lamas e Higinio Fernández Fernández, todos o 16-2-37, Fernando Castro [Domínguez] (13-2-37) e o mencionado Severino Carrera. En canto a Aniceto Campos, posiblemente se refira a Antonio Campos Caride do que consta a morte o 30 de xaneiro e o seu cadáver aparece no cemiterio de Lavadores. O sarxento apunta tamén que ten noticias de que “han sido muertos otros individuos por fuerzas de los Destacamentos de Bembrive y Castrelos ignorándose quienes sean estos.”

Xoán Carlos Abad, na súa magnífica publicación “Héroes o forajidos”, editada polo Instituto de Estudios Vigueses, afirma:

Una vez hecha en las propias casas la selección de los que iban a ser asesinados y los que iban a vivir – pues al final de estas tres familias sólo sobrevivieron las dos mujeres que estaban embarazadas y los niños – se procedió a llevar acabo la requisa de todos los bienes de valor que había en ellas; y no contentos con ello, se procedió, posteriormente, a la quema de las casas. (Abad, 2005: 287)

Abad tamén achega declaracións de testemuñas presenciais dalgúns dos asasinatos e engade o feito do asasinato do cabeza de familia, Domingo Fernández Lago, home de Mercedes e pai de Alfonso, o 9 de abril.

miércoles, 5 de junio de 2019

Comisión depuradora do maxisterio (e 2)

Os mestres integrantes da comisión foron Jorge Vázquez Fernández, o famoso “don Jorge”, e o coñecido pintor e debuxante Luis Pintos Fonseca.
Jorge Vázquez Fernández ademais de mestre en Lérez era cura. Ligado familiarmente á patronal da construción (un dos seus irmáns foi dono da empresa Raymundo Vázquez S.A., as siglas da empresa RV deron lugar ao apelativo popular de “reventa vivos”) e con boas relacións coa todopoderosa familia Riestra. A súa primeira misa, en 1926, foi na capela da Peregrina e foron padriños de mans a marquesa viúva de Riestra e o seu fillo Raimundo, marqués de Riestra; a celebración foi por todo o alto e mostra do poder económico da familia Vázquez. No Palace Hotel numerosos convidados asistiron a un espléndido banquete; como curiosidade, o menú foi: 
Entremeses, Potage (sic) a la castellana, Huevos a la Cerigord (sic), Paella a la marinera, Vieiras al gratín, Lenguado y merluza a la romana, ensalada, flan a la vainilla, tarta de almendra, quesos y frutas. Vinos: Paternina, Champagne, Café, licores y cigarros.
Exerceu de capelán das Siervas de María e do convento de santa Clara, coadxutor de san Bartolomé, consiliario da Asociación de Maestros Católicos, da Juventud Católica Femenina e director espiritual do colexio privado Inmaculada Concepción. Tamén participou na comisión que visitou Italia no 38 e, ao regreso, publicou no Boletín de Educación o artigo: “Roma eterna, síntesis de la Excelencia del Viaje”. Foi nomeado inspector.
En tempos da República pertencera á Unión Regional de Derechas (URD) e no 36 afiliouse a Falange sendo mobilizado pola Jefatura Provincial de Milicias no ano 1938. O ministerio do exército concedeulle a medalla de campaña co distintivo de retagarda. Prestou servizos como garda cívico. Tamén foi capelán de campamentos do Frente de Juventudes.
Luis Pintos Fonseca era membro dunha coñecida familia pontevedresa con ligazóns coa masonería e a teosofía; na casa familiar da rúa Charino aínda se conservan elementos simbólicos como a estrela de cinco puntas na fachada e flores de loto esculpidas no portal. Debuxante e pintor, traballou como mestre e como profesor auxiliar de debuxo no instituto de Pontevedra. Exerceu como interino na graduada do Areal (Vigo) e en maio de 1934 noméano como mestre en Lusquiños (Tomeza). Foi socio fundador da Casa del Maestro.
Ordenouse sacerdote no ano 1947 e oficiou a primeira misa na capela de Xesús Nazareno, na que fora bautizado. Foi padriño de altar o catedrático de relixión don Lino García e padriños de mans o seu íntimo amigo José F. Filgueira Valverde e a señorita Ramona Losada Fernández. Colaborador habitual da revista católica SPES.
Participou en diversas actividades do Seminario de Estudios Gallegos. En 1931 foi directivo do Grupo Nazonalista Galego, presidido por Castelao. Sorprendentemente tamén figura como afiliado á Unión Regional de Derechas (URD) na que causaría baixa.
Sobre a súa actitude cando o golpe de estado do 36 circula unha versión nas súas biografías que non parece compadecerse co realmente sucedido; vexamos a xeito de exemplo, o que se afirma na publicación “Pontevedreses”:
Está vinculado con fuerza al movimiento galleguista, lo que en 1936 tiene cierto peligro; Luis, asustado, se refugia en el Monasterio de Poio y allí permanece. Saldrá después de la Guerra para entrar en el Seminario de Tui y de ahí al de Santiago; en 1947 es ordenado sacerdote.
 Noutras biografías afírmase que estudara a carreira internado en Poio cousa imposible por non ter seminario.
 A realidade é que, en decembro de 1935, fora elixido presidente da Asociación de Maestros Católicos e no 36 e anos seguintes, segue  exercendo como mestre en Tomeza ata que no ano 1938 solicita unha excedencia por máis dun ano e menos de dous; a finais do 37 tamén exerce como axudante numerario de debuxo no instituto. Aparece como doante en diversas subscricións patrióticas; en setembro de 1936 (Diario de Pontevedra, 1-10-1936) noméano delegado de ensino na Junta Carlista de Guerra e o 18 de decembro integra a comisión depuradora do maxisterio. En agosto de 1936, como presidente dos mestres católicos, diríxese ao comandante militar da praza cunha “patriótica” carta anunciando un donativo de 250 pesetas (todos os fondos da asociación) e anuncia que os seus membros cederán un día de soldo co mesmo fin (Diario de Pontevedra, 29-8-1936). En setembro de dito ano a Asociación de Maestros Católicos que presidía diríxese á Junta de Defensa Nacional 
felicitándoles entusiastamente por las acertadas disposiciones sobre la destructora enseñanza, coeducación, libros de texto y demás medidas para la restauración moral y cristiana en la escuela española.
 Como se pode comprobar, toda unha serie de actividades documentadas pouco compatibles co suposto refuxio en Poio.
A pesar do seu aliñamento cos sublevados, Pintos, como todos os mestres, tamén será obxecto (ao igual que Jorge Vázquez) de expediente de depuración que, como cabía esperar, resólvese con todos os pronunciamentos favorables o 11 de xaneiro de 1939. O xefe da Falange pontevedresa, Ramón Portela, non vía con bos ollos a composición da comisión depuradora nin a súa actuación, que considera persecutoria contra mestres do SEM (Servicio Español del Magisterio) que estaban na fronte de guerra; nun informe aproveita para acusar a Luis Pintos: 
Hipócrita redomado galleguista de Castelao. Sucesor de el en la Auxiliaría de Dibujo del Instituto a propuesta de Vilanova. ¡Que más querían Castelao y Pintos que esta sucesión!... Su finado padre era masón, uno de los pocos pero conocidos, que había en Pontevedra. El hijo hace una vida de fervoroso católico, pero también lo hacían los separatistas de Bilbao. Fué el autor de los carteles murales del Estatuto Gallego donde se decía: ANTES MORTOS QUE ASOBALLADOS (antes muertos que españoles).
 Como pode apreciarse, duras acusacións incluída a curiosa tradución de “Asoballados”.
En agosto do 36 a ficha de inspección considerábao como de ideoloxía de dereitas e o alcalde informa que durante o período da Fronte Popular fora presidente da Juventud Católica. En 1947 noméano coadxutor en san Bartolomé e no 1948 consiliario da Acción Católica (A.C.) masculina; no 1951, consiliario da rama feminina de A.C. da parroquia. Foi o principal impulsor da “refundación” da Semana Santa pontevedresa a finais da década dos 40, tarefa na que ademais de personalidades como Filgueira Valverde e Vicente Riestra tamén participa a Jefatura Provincial de Ex-combatientes con Saturnino Paz Peón, os irmáns Puig Gaite, Fernando López Viaño e outros que fundan a confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas (máis coñecida na cidade como Cofradía de Excombatientes ).
Afiliado a FET y de las JONS logo da unificación, aparece citado o 10 de abril de 1940 nunha relación de camaradas militantes que debían recoller o carnet na xefatura na rúa Michelena 30. En 1945 continúa aparecendo nos listados de Falange. En 1955 participa como poñente nos actos do Día del Dolor organizados polo Consejo Provincial de Falange.
Ricardo Melero Pereira era representante da Asociación de Padres de Familia e un dos pesos pesados da sociedade capitalina, tanto no mundo empresarial como político. Presidente da patronal pontevedresa, a súa fábrica de alpargatas fora obxecto, en febreiro de 1936, dun vandálico ataque por parte dos sectores máis extremistas da esquerda obreira; o pretexto aducido fora a protesta contra manobras electorais da dereita. Tamén foi directivo do Círculo Mercantil e Industrial, da Cámara de Comercio e da xunta do club de fútbol Alfonso XIII C.F.
A Asociación de Padres de Familia era moi conservadora e belixerante contra determinadas medidas do goberno republicano, nesta orde visitara ao gobernador civil para expresarlle a súa protesta polo proxecto de lei sobre as ordes relixiosas.
Ricardo Melero tiña un perfil político profundamente dereitista: en 1932 participara activamente, xunto con Víctor Lis, Ramón Gómez, Tomás Abeigón, Enrique Paredes, Antero Marescot e outros, na articulación da Unión Regional de Derechas (URD) que nace para “actuar en defensa de los santos principios de la Religión, la Patria, la Familia y la Propiedad, que son la base de la paz pública y el elemento necesario para el trabajo fecundo.”
Nas eleccións de 1933 presentouse como candidato polas dereitas e o xornal El País, órgano de Izquierda Republicana, aproveita para atacalo mediante unha caricaturesca e imaxinaria entrevista: 
en cuestiones políticas reconozco mi falta de preparación y competencia”, os motivos de tomar parte na propaganda dereitista serían “mi vocación de hombre de orden, amante de la religión y de la familia” [...] Pero cree V. que los que tenemos algo que perder podemos soportar estos avances de la República? Yo le puedo enseñar los libros de mi fábrica y verá por ellos que mis ingresos se han reducido al tener que cumplir las leyes sociales que mejoran la situación del obrero. Y eso que los sueldos que pago no son exagerados”
No proceso de crecente radicalización da dereita, foi detido en abril de 1936 por consideralo relacionado con incidentes provocados por fascistas; compañeiros de detención foron significados fascistas como o capitán retirado Benito Pardo, Secundino Esperón, José Outerelo e outros; daquela Melero era tesoureiro da CEDA.
Como podemos apreciar, a compoñente relixiosa militante na súa versión máis integrista está presente en todos os compoñentes da comisión: podemos considerar este aspecto como o factor ideolóxico dominante. Na orde política, a afiliación nos partidos da dereita autoritaria e, en dous casos, no galeguismo de dereitas, deu paso á militancia nas filas falanxistas ou carlistas; militancia non ocasional senón prolongada en décadas desempeñando postos en órganos do chamado Movimiento Nacional e como concelleiros nos axuntamentos franquistas. A documentación de varios arquivos e as fontes hemerográficas e outras permiten completar os perfís biográficos, ocultados ou terxiversados (de xeito intencionado ou non) nas haxiografías ao uso, e comprender mellor o marco da represión sobre o maxisterio.

miércoles, 29 de mayo de 2019

Comisión depuradora do maxisterio (1)

Sobre a depuración do maxisterio na provincia de Pontevedra temos a sorte de contar cos excelentes traballos do profesor Porto Ucha; é de salientar o seu magnífico artigo publicado no último número da revista Sarmiento: “A depuración do maxisterio na provincia de Pontevedra”, de autoría compartida con Raquel Vázquez Ramil.

Nesta entrada tratarase sobre a comisión depuradora de mestres no referente ás características ideolóxicas e militancia política dos seus compoñentes; coñecendo estas comprenderase o apuntado por Andrés Santalla no congreso sobre a represión franquista en Galicia (Narón, 2003) sobre a dureza desta comisión, que orixinou advertencias das instancias superiores pola severidade que tiña nos seus ditames.

A pesar da notoriedade e relevancia social dos seus membros (ou acaso por iso), na maioría das súas biografías  omítese todo o relativo á súa implicación no labor depurador e o seu compromiso co réxime franquista. Non son casos illados na (aínda!) construción mítica, e nalgúns casos interesadamente manipulada, do sucedido en Pontevedra naqueles “anos do medo”.

O presidente, Secundino Vilanova Rivas, catedrático de matemáticas, foi nomeado, sen posibilidade de renuncia, na súa condición de director do instituto pontevedrés. Fora compoñente da xunta da Unión Patriótica, organización política creada polo ditador Primo de Rivera. Aparece como doante nas subscricións patrióticas, tanto nas efectuadas no ano 1934 para “los mantenedores del orden” nos sucesos revolucionarios de outubro, como tras o golpe do 36.

Afervoado católico, fora presidente do Círculo Católico e nesa condición foi elixido para portar o estandarte das Dores na procesión de Semana Santa en 1917; tamén desempeñou o cargo de presidente da Adoración Nocturna e foi membro da Venerable Orden Tercera (V.O.T.) franciscana. O órgano da Juventud Católica de Pontevedra, a revista SPES, no seu número de xuño de 1952, define fielmente o carácter da súa relixiosidade:

Recientemente falleció uno de ellos, D. Secundino Vilanova Rivas, católico, integrista de pura cepa, Catedrático y Director que fué de nuestro Instituto, el cual puso su clara inteligencia al servicio de la Verdad.

Esa condición de “integrista de pura cepa” vai ser, como veremos, unha característica común a todos os compoñentes da comisión pontevedresa.

Na comisión foi o primeiro secretario o inspector Juan Novás Guillán, persoa ligada a organizacións de tipo benéfico como a Asociación Protectora del Obrero, da que foi presidente; membro do padroado do museo de Pontevedra dende 1930, ano no que sucedeu a Antonio Losada Diéguez; posteriormente foi cronista oficial da cidade. Colaborador de SPES, en 1952 publica unha conferencia súa co título: “El Nacimiento del Hijo de Dios y la Nochebuena en los hogares cristianos”. Viúvo de María Viñas del Monte, casa posteriormente cunha compañeira da inspección, María Cruz Pérez.

Politicamente participou do pensamento galeguista encadrado no sector dereitista, foi un dos accionistas do Seminario de Estudios Gallegos e asinante do manifesto de intelectuais galegos a favor do Estatuto en 1936.

Faleceu en abril de 1967 e o seu amigo e correlixionario, José F. Filgueira Valverde, alcalde da cidade, pronuncia no pleno do concello (Novás fora concelleiro e tenente alcalde) un discurso necrolóxico, do que reproducimos o seguinte parágrafo: “bueno, generoso, activo, dispuesto al servicio de todos, entregado con fervor al cultivo del espíritu y a los intereses de la ciudad”.

En 1945 estaba afiliado a Falange Española e así consta nun listado de depurados favorablemente dentro da organización. Durou poucos meses na comisión e foi substituído, en marzo de 1937, por outro inspector, Olimpio Liste Naveira, de perfil inequivocamente implicado cos sublevados.

Olimpio Liste Naveira, mestre e inspector, presidía en 1937 a Asociación de Maestros Católicos e participa en abril dese ano nun cursiño pedagóxico-relixioso, organizado por esta asociación, no que se imparten leccións de pedagoxía “pero de Pedagogía Religiosa y patriótica que era la Cenicienta, la desterrada de nuestra querida España por el laicismo que gangrenó la vida española en estos últimos y desdichados tiempos.” (El Noticiero Gallego, 4-4-1937). Olimpio Liste imparte as leccións: “La señal de la Cruz” e “Los Sacramentos”.

Foi concelleiro no axuntamento de Pontevedra, inspector xefe de educación, director do Boletín de Educación e integrou o grupo que visitou Italia no ano 1938 para estudar o modelo educativo do goberno fascista de Mussolini.

Con anterioridade ao golpe, no ano 1934, foi presidente da sección de Información, Prensa e Propaganda da Casa del Maestro, institución na que convivían tendencias políticas contrapostas. A presencia de persoas de dereitas e o tipo de actos que organizaba fixeron que fora contemplada con receo por algúns mestres dos sectores máis comprometidos politicamente. Un deles cualificábaa de “ reaccionaria, guarida de catedráticos y señoritos, que por medio de bailes, fiestas, banquetes, procura desviar a los maestros de las Casas del Pueblo”.

Foi elixido en decembro de 1936 presidente da Asociación de Maestros Católicos.

Na orde política, Liste militaba en Falange e ocupou postos de mando nas milicias desta organización (xefe de centuria), así como desempeñou o posto de sarxento da temida Guardia Cívica mandada por Víctor Lis. Estas dúas milicias estiveron implicadas na represión cruenta na comarca pontevedresa. En anos posteriores ocupou postos como o de presidente da xunta provincial da Mutualidad de Enseñanza Primaria e axudante provincial das Falanges Juveniles.
                                        (Continuará nunha próxima entrada)

miércoles, 1 de mayo de 2019

Primeiro de maio de 1949.

O primeiro de maio de 1949, a edición galega de Mundo Obrero, voceiro do partido comunista, facía un chamamento ao pobo galego alertando contra a recente sinatura ( 4 de abril) do pacto do Atlántico Norte que daba orixe á OTAN. Transcribimos integramente a publicación:
¡PUEBLO GALLEGO! EN ESTE PRIMERO DE MAYO, MANIFESTEMOS NUESTRA REPULSA ANTE LAS NUEVA MANIOBRAS DE LOS IMPERIALISTAS YANQUIS ENCAMINADAS A FOMENTAR UNA NUEVA GUERRA.
En este primero de mayo, cuando los trabajadores de todo el mundo pasan revista a sus fuerzas, elevemos nuestra propuesta vigorosa ante los intentos imperialistas, tendentes al desencadenamiento de otra conflagración mundial.
Con el tambaleante régimen franquista todavía en el poder, sostenido por los imperialistas yanquis a cambio de nuestra independencia y soberanía nacional, los comunistas, desde la vanguardia de la lucha, fundidos con las masas populares, democráticas y progresivas, nos sumamos a la protesta mundial contra los fomentadores de una nueva guerra.
Es ahora precisamente, cuando la clase trabajadora de todo el mundo tiene que esforzarse más por desenmascarar ante toda la humanidad los fines que se persiguen con la firma del llamado Pacto Atlántico del Norte, realizado hace poco más de un mes en los Estados Unidos de América, con fines agresivos.
Tenemos que recordar a todos los trabajadores, que las raíces del fascismo no han sido arrancadas aún de cuajo, como algunos honradamente creyeron al haber sido derrotados los países más imperialistas y agresivos, Alemania, Italia y el Japón, y que hoy como ayer la amenaza de una nueva guerra se cierne sobre los pueblos, fomentada por los mismos que en Munich amañaron la “no intervención” a espaldas del pueblo español, que llevó al derrocamiento de la República y al reforzamiento del régimen fascista de Franco.
Millones y millones de personas desfilarán con pancartas en todo el mundo en este primero de mayo, desplegando sus banderas en manifestación de protesta contra este pacto, cuya única finalidad es la de crear las condiciones para arrastrar a los pueblos a una nueva guerra, esta vez contra la Unión Soviética y los países de las nuevas democracias.
Hay que impedir que los incendiarios de guerra lleven a cabo su fatal propósito, uniéndonos todos en un solo frente anti-imperialista y democrático, por la salvaguarda de nuestras libertades.
Los trabajadores gallegos, manifiestan su voluntad inquebrantable de marchar al lado del gran país del socialismo victoroso (sic), la Unión Soviética, al lado de las democracias populares; al lado y en apoyo de los pueblos oprimidos y sojuzgados por el fascismo y el imperialismo, hacia el total aniquilamiento de las clases opresoras.
¡TRABAJADORES!: En esta fecha conmemorativa, a la lucha unidos, bajo la gloriosa bandera de la Unión General del Trabajo (sic), para acabar con este régimen criminal que vende España al extranjero, e intenta hacer de los españoles carne de cañón al servicio de los herederos de la política de Hitler y Mussolini.
¡VIVA LA LUCHA UNIDA DE LOS TRABAJADORES GALLEGOS!
¡GUERRA A MUERTE A LOS TRAIDORES Y VENDEPATRIAS !
¡MUERAN LOS INCENDIARIOS DE GUERRA!
¡ VIVA EL GRAN PARTIDO COMUNISTA DE ESPAÑA!
¡VIVA LA REPÚBLICA!
Partido Comunista de ESPAÑA. Comité de Galicia.