domingo, 15 de diciembre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (e 6): Lérez.


Non todas as sociedades do rural pontevedrés contaban con bens de seu; as que tiñan propiedades soían ser as de agricultores pero algunhas tampouco contaban con local propio e tíñano alugado. A parroquia de Lérez, cunha vida asociativa moi intensa, era a que tiña máis locais pois contaba co da Sociedade de Agricultores, o de “Juventud Lerezana” e o da Caixa Rural. Os tres foron obxecto do proceso de incautación, se ben o da Caixa Rural tivo unhas características especiais ao estar hipotecada por unha débeda. Das tres entidade lerezás temos escrito noutras ocasións: Caixa Rural, “JuventudLerezana” e Sociedade de Agricultores. Da Caixa aínda se conserva o edificio (na actualidade de propiedade privada), no caso da “Juventud Lerezana” aproveitouse o solar para construír o novo edificio da Casa da Cultura, de propiedade comunal, e o da Sociedade de Agricultores foi derrubado fai anos. Cando  incautaron este último describíano como 

casa de planta baja en el lugar de Piedra Picada, parroquia de Lérez. Superficie 50 metros cuadrados. Linderos: Frente, carretera; derecha, izquierda y fondo, terreno propio. Valor 1750 pesetas. Imponible 36 pts. Folio 5616 del Registro Fiscal (Delegación de Facenda,15 de marzo de 1937).

En realidade, a casa tiña 80,52 metros cadrados de superficie, cun terreo de 32 metros cadrados, e fachada á estrada de Santiago. No ano 1963, na tan citada inspección de Facenda, indican que

En el solar, ya que no hay indicios de edificio alguno, se ha hecho una excavación que da acceso a una boca de túnel del f.c. desviación Pontevedra- Coruña; quedando un pequeño trozo de 2 m de fachada por 4 de fondo que ofrece duda, si se trata de sobrante de vía pública o si pertenece al solar que fué de la Sdad, aunque lo lógico es considerarlo sobrante porque la expropiación no distingue propietarios privados.

Nese ano (1963) arquívase o expediente “por inexistencia de bienes”.

Rematamos esta serie de traballos sobre a incautación de sociedades pontevedresas, copiando un escrito que o delegado de orde pública emite con destino á comisión depuradora (4-8-1937)

Existió una sociedad denominada Sociedad de Agricultores de Bora, en cuanto a su actuación política existían dentro de sus asociados distintas tendencias prevaleciendo la derechista. En la de Tomeza existió en un principio una sociedad y, por discrepancia de ideales políticos, varios socios se separaron de ella fundando otra denominada “Agricultores y Obreros de Tomeza”, ésta era de carácter extremista, su actuación política con tendencia a la incorporación al Socorro Rojo Internacional. En la parroquia de Marcón, como en la anterior, también existió una sola sociedad separándose varios de los elementos de ella y se creó una nueva entidad denominándose “Sociedad de Agricultores y Obreros de Marcón”, antes de las elecciones se fusionaron las dos en esta última, su tendencia y acción política debe de hacerse extensiva por depender todas de la misma comarcal. Respecto a la parroquia de Lérez existía la llamada Agricultores de Lérez, de tendencia izquierdista, con la misma actuación política que las anteriores, cuenta también como bienes con un local social, y por último, en la parroquia de Salcedo, existen dos sociedades, una de ellas denominada Sociedad Antimarxista de Agricultores propietarios de Salcedo, creada en el año 1933, con tendencia derechista. Actualmente funciona esta sociedad. La otra que había se denominaba “Sociedad de Agricultores de Salcedo”, de carácter comunista, su actuación política era de apoyo con el Socorro Rojo. Posee como bienes el local social.

Como vemos, esqueceuse da sociedade de agricultores de Mourente, pero é un bo resume da consideración que as autoridades golpistas tiñan sobre estas entidades.

Foto: Juventud Lerezana.

domingo, 8 de diciembre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (5): Agricultores e obreiros de Tomeza.

 


A Sociedade de agricultores de Tomeza fundouse oficialmente o 11 de xuño de 1897. Como o resto das sociedades agrarias, desde o primeiro momento recibiu críticas dos sectores máis conservadores e dos eclesiásticos. En 1920, no Correo de Galicia, órgano das colectividades galegas na Arxentina, un tal José Rey Ares, criticaba a petición dunha bandeira que os agricultores de Tomeza fixeran aos seus veciños emigrados en Bos Aires:

Todavía no se han dado cuenta nuestros agricultores que dichas sociedades han sido fundadas por cuatro “vivos” con fines electorales para armar “bochinches” en días de elecciones y hacer presión sobre la libertad de voto (se han dado casos bochornosos). ¿Si estas sociedades no reportan utilidad a la agricultura ni a los agricultores, para qué demonios sirven? La de agricultores de Tomeza tiene, casi, veinte años de existencia ¿y aún no cuenta con fondos para hacer, de su peculio propio, una risueña o triste bandera? ¡Es triste y vergonzoso! ¡Estámosche frescos!...¡ Ay Manuela, probe de min, pra nada serve ela! (29-8-1920).

A pesar das críticas, os fillos de Tomeza naquela cidade envían unha bandeira na que estaban bordados os atributos da agricultura; a confección importou a cantidade de 350 pesos arxentinos.

A sociedade sufriu varias clausuras, unha delas foi a ditada polo gobernador civil con motivo da folga agrícola de 1922.

As liortas entre distintas faccións políticas determinaron unha fractura na sociedade; a entidade integrouse na federación formada polas sociedades disidentes da Comarcal Agraria. Estes problemas foron aproveitados pola prensa dereitista e católica. En El Ideal Gallego escriben:

Es curioso ver como las sociedades de la Comarcal que integraban un fuerte bloque, cuando se las quiso llevar al comunismo, inmediatamente reaccionaron originando esta disidencia que está adquiriendo importantes proporciones; y es que al campesino gallego, de muy buen sentido y sobre todo práctico, no le pueden convencer ni halagar las teorías comunistas.

A consecuencia desta integración, ao igual que noutras sociedades, foi a división da entidade.

Na relación de expedientes de responsabilidades políticas procedentes de entidades marxistas, figura, co número 28, a sociedade Agricultores y Obreros de Tomeza. Incautáronlle unha casa de planta baixa duns 66 metros cadrados de superficie, cun fondo de terreo propio duns 30 metros cadrados, no lugar de Lusquiños. Estes bens intégranse na Delegación Nacional de Sindicatos por unha disposición do 12 de agosto de 1944 e rexístranse no ano seguinte (Tomo 398, libro 133, folio 57v. e finca 9873). No ano 1967, a organización sindical véndea á Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos por un prezo de 5.000 pesetas. Tratábase dun terreo de 149,16 metros cadrados en dúas parcelas triangulares e unha casa de planta baixa.

Un borrador manuscrito elaborado pola inspección de Facenda describe a situación dos bens:

Está sin techo, sin puertas ni ventanas, cayó un trozo del techo lateral izquierdo donde parte el tejado, es de piedra, con huecos para 6 ventanas y una puerta. En su interior, y a su abrigo trabajan en usos canteros labrando la piedra de sus contratas, en el terreno anejo ha hecho algunos cultivos la Maestra.

jueves, 28 de noviembre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (4): Agricultores de Bora.


A sociedade de agricultores de Bora inscríbese no rexistro de asociacións o 10 de maio de 1897; o 25 de xaneiro de 1903 aparece unha nova inscrición de Agricultores de Bora xunto coa anotación de que a disolveran no ano 1917. O 1 de xuño de 1919 volve a reaparecer e a súa directiva está composta por Valentín Rey como presidente, de secretario figura Manuel Cendón, o contador é Benito Martínez e o tesoureiro Marcelino Candendo Paz. Este último sería elixido presidente da Federación Agrícola Municipal e foi alcalde de Pontevedra en dúas ocasións, así como concelleiro agrario na 2ª República. Como o resto das sociedades agrarias, ao longo da súa existencia tivo diversas influencias; no ano 1910 estaba na órbita dos liberais e defendía o redencionismo foral.

 Con motivo da folga agraria de 1922 foi clausurada, o mesmo que as sociedades de Salcedo, Liga Agraria de Campañó, Alba, Unión Agrícola de Lérez, Tomeza, Mourente, Unión Agraria de Cerponzóns, Lourizán, Federación Agraria Municipal e Agricultores e Oficios Varios de Marín.

No mitin celebrado no Teatro Principal o 7 de xaneiro de 1932, organizado polas federacións agraria e de traballadores, interviu o seu dirixente Manuel Souto, que afirmou sobre os foros que tiñan unha orixe inxusta e inmoral e pediu a súa abolición.

O 20 de abril de 1920 pediron ao concello un terreo para construír o local social, foille concedido por un prezo de 20 pesetas.

A raíz do golpe militar, incautan o local. Os informes sobre a sociedade son equívocos; o gobernador considéraa 

entidad que se mantuvo siempre sin matiz político determinado, porque se impusieron los elementos de orden, quienes se vieron precisados, algunas veces, a pedir auxilio a la Guardia Civil, ya que [...] otros elementos pretendían tenazmente y por medios violentos, unirla a la Comarcal de franco matiz comunista (20-5-1942).

 O certo é que tivo presidentes sinaladamente de esquerdas como Nicanor Couto ou o comunista Benito Tenorio.

O local incautado consistía nunha casa de planta baixa, situada no lugar da Igrexa, e tiña unha superficie aproximada de 70 metros cadrados. Lindaba á fronte con camiño que conducía á estrada de Ourense e o resto con terreo comunal ou municipal. Estaba valorada por Facenda en 770 pesetas.

Na sesión da Comisión Calificadora de Bienes Marxistas celebrada o 14 de marzo de 1944, determínase que se integre no patrimonio sindical e inscríbese no rexistro da propiedade a nome da Delegación Nacional de Sindicatos o 24 de marzo de 1945. Tomo 396, libro 132, folio 180, finca 9838.

Na tan mencionada inspección que realiza Facenda no ano 1963, afírmase que a utiliza a Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Pontevedra, estaba cerrada, deshabitada e en mal estado de conservación, especialmente as portas e ventás.

No inventario de patrimonio inmobiliario da Administración Institucional de Servicios Socioprofesionales (AISS),creada en 1976 para facerse cargo dos empregados e bens do sindicato vertical, figura que foran vendidos o solar (798 metros cadrados) e o edificio (66,65 metros cadrados) á Hermandad Sindical Provincial de Labradores y Ganaderos por 11.000 pesetas; a venda realizouse diante do notario de Vigo Alberto Casal Rivas.

jueves, 31 de octubre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (3): Sociedade de agricultores de Salcedo.


A tradición combativa, singularmente no campo sindical e agrario, da parroquia de Salcedo é ben coñecida. Nos seguintes enlaces damos información sobre ela: A loita veciñal en Salcedo  e Represión en Salcedo 

A sociedade de agricultores existía dende anos antes da súa inscrición no rexistro de asociacións, feito que se realizou en marzo de 1897. Como podemos ver nun dos artigos enlazados anteriormente, xa estaba detrás dos sucesos do Campo da Porta en 1894. Non foi a única entidade deste tipo que actuou en Salcedo; sen ánimo exhaustivo, coñecemos a existencia das seguintes sociedades agrícolas ou gandeiras, de distintas tendencias, que existiron oficialmente na parroquia ata 1936 (a data de inscrición vai entre os parénteses): Sociedad san Isidro Labrador (16-1-1903), Socorros Mutuos Siniestro del Ganado (5-8-1911), La Mutual. Socorros Mutuos en siniestros de ganado vacuno (30-8-1912), Sociedad de defensa y protección de los propietarios agrícolas (17-5-1931), Agricultores propietarios de Salcedo (10-2-1935) e Seguros de Ganado “La Unión” (6-4-1936).

Hai constancia que as de propietarios eran de carácter antimarxista e estaban impulsadas polos homes de Víctor Lis na parroquia. Silva Ferreiro afirmaba que contaban con douscentos afiliados. A sí se refería a ela o xornal El País (7-2-1936):

existe una sedicente Sociedad Agraria inspirada en el credo fascistoide que fué engendrada por unos individuos insolventes, con el único objeto de reducir por hambre y conquistar a la antigua sociedad de agricultores, de significación proletaria que hace muchos años está constituída.

Non temos documentada a data de construción do local social pero unha placa no edificio sinala o ano 1912. Nos anos 1931 e 1932, a sociedade solicita ao concello a cesión do terreo que o circundaba.

O domingo, 13 de decembro de 1914, como consecuencia dunha tronada moi forte que afectou a localidade, un raio causou danos no local da sociedade. Puido ser unha traxedia xa que houbera unha reunión ata unha hora antes.

O carácter combativo da sociedade de agricultores de Salcedo dou lugar a multas, encarceramento de directivos e clausuras da entidade en diferentes ocasións. No 1914 foi clausurada e procesados os dirixentes por coaccións a un estanqueiro. En novembro do ano 1922, a directiva tivo que prestar declaración diante do xulgado; estaban procesados e baixo fianza de mil pesetas debido á folga agraria. Como consecuencia desta folga, procesaran tamén a varios xornalistas e impresores por publicación de follas clandestinas e prenderan varias persoas, entre elas o presidente da Federación Agrícola.

No mes de setembro de 1934 tivo lugar unha serie de tallas de cepas de viña nas parroquias de Salcedo (tallaron 60) e de Mourente (200). Este tipo de accións que, xunto á queima de palleiros, eran bastante habituais nos conflitos sociais, dou lugar á clausura da sociedade de agricultores e a imposición de multas, por un importe de 50 e 100 pesetas, a destacados militantes obreiros e agrarios de ambas parroquias. En Salcedo, o enfrontamento, ás veces grave, entre esquerdistas e dereitistas estaba á orde do día; noutras ocasións utilizábase a música e representacións festivas de ton satírico, como o facían “Os Cuchipandistas”.

O 24 de abril de 1932 a sociedade de agricultores estreou unha bandeira que, segundo fontes orais, estaba deseñada por Castelao e fora bordada por mulleres da parroquia. Afortunadamente, logrou sobrevivir á barbarie e foi doada ao concello por Arturo Estévez.

Como noutras parroquias, o local social foi un centro de iniciativas de diverso tipo: cultural, recreativo, xuvenil... Diversas asociacións desenvolveron nel os seus actos. A propia sociedade de agricultores desenvolveu ciclos de conferencias sobre temas agrícolas; entre os participantes estivo Cruz Gallástegui, que falou en 1931.

Dirixentes agrarios de Salcedo como Francisco Fernández Blanco "Sacheiro" ou José Gallego Acuña foron "paseados" no 36.

Co golpe militar do 36 o local foi incautado; a incautación de feito levada a cabo nos primeiros días adoptou forma legal o 26 de agosto de 1937 e inscribiuse a favor do Estado o 21 de setembro de 1938. Constaba como un edificio de 145 metros cadrados nun solar de 456.

Na relación de expedientes que se remite á delegación de Facenda para a súa tramitación, de acordo coa orde ministerial do 9 de xuño de 1943, figura co número 30. Curiosamente consta como situada nun inexistente concello de Salcedo.

A descrición que fai Facenda é:

Casa de planta baja en el lugar de Crucero, parroquia de Salcedo. Superficie 80 metros cuadrados. Linderos: derecha, izquierda y fondo terreno propio. Valor 1040 ptas. Imponible 24 ptas. Folio 5724 del Registro fiscal.

No ano 1944 figura como posesión (que non propiedade) da Delegación Nacional de Sindicatos.

O administrador provincial da Organización Sindical, Ramón Lago Olano, certifica (23-10-1963) que o local era propiedade da Delegación Nacional de Sindicatos e estaba inscrito no Rexistro da Propiedade no tomo 396, libro 132, folio 184, finca 9840 en 2ª inscrición; afirma que era utilizado pola Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Pontevedra.

O 29 de outubro de 1963, a delegación de Facenda informa do estado da propiedade e afirma que 

se encuentra en buen estado y ocupada por una familia, al parecer en precario, para que cuide del inmueble que posee un local donde celebra reuniones la Hermandad de Labradores.

 Non será ata o ano 1967 cando esta Delegación a venda á Hermandad Sindical Provincial de Labradores y Ganaderos por un prezo de 20.000 pesetas, a pagar en prazos de 2.000. Esta venda non se inscribe no Rexistro da Propiedade ata o ano 1991. Este tipo de sospeitosas vendas realizáronse tamén noutras parroquias; totalmente sospeitosa xa que as Hermandades Provinciales non existían nesa data pois integráranse nas Cámaras Oficiales Sindicales Agrarias (COSA) no ano 1947, só as de carácter local (Decreto do 18 de abril de 1947). Foi un mecanismo cheo de irregularidades nun contexto de impunidade xurídica.

jueves, 24 de octubre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (2) Agricultores de Marcón.


A sociedade de agricultores de Marcón foi, xunto coa de Lérez, unha das pioneiras do asociacionismo agrario galego. Comezou a funcionar legalmente en decembro de 1896, data na que foi presentado o seu regulamento no rexistro de asociacións. Aínda así, temos que significar que moitas destas asociacións xa estaban en actividade dende bastante tempo antes; algunhas, como a de Salcedo, estiveran detrás das revoltas que tiveron lugar na década final do século XIX e así o temos documentado noutras publicacións. No caso da de Marcón, o ano da súa fundación real aparece nunha lápida de pedra nos restos do seu local: “Sociedad de Agricultores S. Miguel de Marcón 1894”. Por desgraza, non se conserva documentación pois, o 7 de abril de 1933, incendiaron o seu local social; romperon unha ventá, botaron gasolina e queimaron os mobles e os documentos. Foi un incendio intencionado que, ao parecer, estivo motivado porque a directiva concedera autorización á patronal pontevedresa para celebrar unha conferencia sobre conflitos laborais.

A influencia sobre o agrarismo pontevedrés disputábana tres grupos principais: comunistas, socialistas e forzas da dereita. Os primeiros contaban con importantes dirixentes no sector, eran maioritarios e controlaban as federacións agrícolas municipal e comarcal; nas eleccións municipais de 1931, a candidatura afín, denominada obreiro-agraria, obtivo un soado éxito sendo a que logrou maior número de concelleiros. Os socialistas, que tiñan influencia nalgunhas sociedades do contorno pontevedrés, como as de Xeve, tentaban afiliar as sociedades nas súas filas e lograr que ingresasen na Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra, adscrita á UGT.

Non podemos subestimar o papel da dereita nalgunhas sociedades. No caso de Marcón, conta na súa directiva con significados dereitistas, entre outros o contratista Porfirio Diz, que sería militante do Partido Agrario Español e figurará nas listaxes da Falanxe e da Garda Cívica. En 1931, a directiva estaba composta por: Presidente, Inocente Tourón; vicepresidente, Ernesto Baltasar Blanco; secretario, Porfirio Diz; vicesecretario, Clemente Baltasar; tesoureiro, José Pintos; contador, Vicente Villaverde Baltasar e vogais, Manuel Estévez Paz e Antonio Acuña Peón.

De todos xeitos, o descontento coas tácticas dos dirixentes agrarios na órbita comunista é aproveitado polos socialistas para atraer estas sociedades. Baixo a súa influencia créase a Federación Municipal de Agricultores.

Marcón formará no grupo de sociedades escindidas da Federación Agrícola Comarcal causando baixa o 6 de maio de 1933, por non estar de acordo coa orientación política que se pretendía darlle. O presidente e o secretario da nova federación municipal, Benito Lorenzo González e Gerardo Lorenzo Sobrino, son de Marcón.

No mes de xullo, a sociedade retira a confianza nos concelleiros agrarios de esquerda, García Filgueira, Sanmartín e Loureiro, por

 pretender imponer en aquella parroquia un ideal con el cual siempre se mostró disconforme, imponiendo por la fuerza en aquella sociedad una directiva comunista; por haberse declarado en rebeldía con aquella parroquia, votando en contra, en todos los asuntos que la misma propone al Ayuntamiento, y por no cumplir el mandato de aquellos vecinos que fueron los que en principio propusieron su candidatura (El País, 31-7-1933).

Estas actuacións da sociedade de agricultores obtiveron a resposta da outra sociedade, de orientación contraria, que, ao igual que noutras parroquias disidentes, se formara en Marcón. Nunha nota asinada polo seu presidente, José Muiños, e o secretario, Manuel Asorey, a Sociedad de Agricultores y Obreros de Marcón, responde: 

tal sociedad, compuesta en su mayoría por elementos caciquiles, podrá acordar lo que quiera pero nunca en nombre de la parroquia de Marcón. Los dirigentes en las elecciones municipales votaron y acaudillaron la candidatura monárquica acaudillada por don Alberto Martínez, don José Costas y el señor Otero Piay, por lo tanto son los menos llamados a desautorizar a nuestros compañeros. Esta sociedad, compuesta por más de un ciento de asociados, se considera muy honrada con tener por representantes suyos en el municipio a los aludidos compañeros y les animan a seguir su labor en bien de los intereses de los obreros y campesinos de todo el término municipal. (Progreso, 12-8-1933).

Tampouco en Tomeza están de acordo coa crítica aos concelleiros e unha comisión de agricultores da parroquia visita ao alcalde para protestar polo acordo adoptado pola sociedade de Marcón.

En setembro de 1933, as sociedades de orientación esquerdista, “Sociedad de Agricultores y Obreros” de Marcón e a do mesmo nome de Tomeza, ingresan na Federación Comarcal.

A sociedade de agricultores de Marcón convoca as sociedades escindidas da comarcal para protestar contra o acordo comercial con Uruguai e diríxese ás autoridades para que “dejando a un lado todo lo que signifique política” apoien as protestas.

Anos despois, todas as sociedades volverán á Federación e no local de Marcón celébranse actos como unha conferencia do comunista Francisco Galán (xaneiro de 1936) ou un acto público con Ramón de Valenzuela.

Co golpe militar do 36, os seus bens foron incautados. Na relación de expedientes de incautación e inscrición a favor do Estado de entidades incautadas, feita pola Jefatura Superior Administrativa do Tribunal Nacional de Responsabilidades Políticas, aparece co número 44 o “Expediente seguido a la SOCIEDAD DE AGRICULTORES Y OBREROS DE MARCÓN Y AGRICULTORES Y OBREROS DE SAN MIGUEL DE MARCÓN.

Os seus bens consistían nunha casa de planta baixa, no lugar de Pazos, con fachada á estrada e lindante polo norte co camiño que vai cara a igrexa. Na relación de bens que figuraban nos rexistros fiscais, que Facenda remite á Comisión Central administradora de Bienes Incautados o 15 de marzo de 1937, está valorada en 900 pesetas.

Cando, en agosto de 1963, se inspeccionan estes tipo de edificios, a persoa encargada por Facenda de efectuar o recoñecemento anota: 

Se encuentra con algunas tejas, practicamente está sin techo, en el interior crecen zarzas, no tiene puertas ni ventanas, las paredes tienen huecos para 4 puertas y 6 ventanas.

miércoles, 9 de octubre de 2024

Incautación de sociedades pontevedresas (1): Agricultores de Mourente.

 


O primeiro de maio de 1914, un pouco antes de comezar a tradicional romaría que os obreiros pontevedreses celebraban xunto ao carballo de Santa Margarida (Mourente), colocábase a primeira pedra do local da Sociedade de Agricultores de Mourente. No acto tomou a palabra o dirixente agrario e, daquela, membro do partido socialista Manuel García Filgueira. As dificultades económicas impediron o avance dos traballos e non sería ata o 13 de novembro de 1927 (trece anos despois!) a celebración do remate das obras e a inauguración do edificio. Foi grazas ás achegas económicas dos sindicatos de canteiros e de albaneis pontevedreses e de particulares, como se puido rematar a obra; aínda así, a sociedade quedou empeñada e tivo que formarse unha comisión, presidida polo mestre Isolino Martínez, para recadar fondos. No ano seguinte xa se pagaran as débedas.

No acto inaugural estiveron presentes representacións das federacións obreira e agraria; falaron representantes das mesmas. A xunta directiva da sociedade estaba formada por Benito Couto, presidente; secretario, Víctor Baltasar; vicesecretario, Eduardo Rodríguez; contador, José Reboredo; depositario, Manuel de la Torre e como vogais Cándido González e Benito Abreu.

O local consistía nunha casa de planta baixa, no lugar das Laxiñas (cruce da estrada de Ourense coa que vai cara A Seca), de 120 metros cadrados.

Tras o golpe militar do ano 1936 foi incautado; na madrugada do dez de agosto dese ano, os falanxistas e “cívicos” prenderon lume ao local, que quedou só coas paredes. A Comisión Calificadora de Bienes Sindicales Marxistas determina que pase a ser propiedade da Delegación Nacional de Sindicatos.

Un informe da comisaría pontevedresa do 30 de agosto de 1937, dicía que todas as sociedades agrarias do concello de Pontevedra

estaban federadas en la Federación Comarcal Agraria, que a su vez coincidía ideologicamente con la Federación Obrera local, de significación comunista; en realidad el carácter de estas sociedades era absolutamente marxista

En setembro de 1937 faise unha valoración do solar e paredes, pois así quedara tras o incendio, e estímase en 4.058 pesetas. En outubro do ano 1963, con motivo dunha inspección efectuada pola delegación de Facenda sobre o estado dos “Bienes procedentes de Entidades Marxistas”, cóntase a situación da propiedade naquel momento:

han demolido las paredes que habían quedado del inmueble, por haberlo incendiado en 1937 (sic) y en el solar están construyendo un edificio destinado a la Sociedad Recreativa Mourente (De Labradores). 

Con data do 26 de outubro, a Organización Sindical comunica que “posee el edificio que utiliza la Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Pontevedra".

A intervención do concelleiro e home do réxime, José de la Torre, á fronte dun grupo de veciños, posibilitou que na propiedade (e con outros terreos comprados) se construíse o local da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente, aínda activa na actualidade.

 Foto: ATOPO. Deputación de Pontevedra.

domingo, 8 de septiembre de 2024

A sociedade de agricultores "El Adelanto" de Dorrón (Sanxenxo).


A noticia máis antiga da existencia dunha sociedade agraria na parroquia de Dorrón (Sanxenxo) é do ano 1916; un xornal pontevedrés danos conta das tarefas para constituír na parroquia unha sección dese tipo a cargo da sociedade “Progreso”. Era moi habitual que outras sociedades tentaran espallar estas agrupacións fóra dos límites das súas parroquias, como parece ser o caso xa que “El Progreso” era o nome que recibía unha sociedade agraria de Sanxenxo presidida, en 1915, por Juan López. No ano 1921, a sociedade de Dorrón participa no Congreso Agrario de Pontevedra, como integrante da federación provincial.

O 22 de decembro de 1935, organiza un gran acto de afirmación republicana no que anuncian a participación de Elpidio Villaverde, en representación de Izquierda Republicana, Laureano Poza Juncal e José Echeverría. Ao final, os oradores foron outros: Víctor Casas, en representación do Partido Galeguista e José Echeverría, por Izquierda Republicana. O local estaba completamente abarrotado e os oradores referíronse ao fracaso da política de dereitas, defenderon a autonomía galega e pediron a unión de todos.

Temos noticia tamén das xestións efectuadas diante do subsecretario de Obras Públicas por parte dunha comisión de sociedades agrarias (Bordóns, Dorrón e Sanxenxo) así como do Centro Republicano Agrícola Comarcal de Samieira, para, en unión das autoridades da zona, pedir que se construíse unha estrada que, partindo de Sanxenxo e atravesando estas parroquias, mellorara as comunicacións.

No expediente de depuración do mestre de Dorrón José Cancela Guzmán, que fora secretario da sociedade de agricultores “El Adelanto” desa parroquia, atopamos bastante información sobre ela así como un exemplar dos seus estatutos. “El Adelanto” parece ser unha continuadora da sociedade citada pois era habitual que se constituíran sociedades, ás veces con nomes distintos, para sortear a clausura por parte das autoridades ou por desavinzas ideolóxicas.

Un dos cargos que lle efectúan a José Cancela é o de que fora secretario da sociedade “El Adelanto” de “carácter izquierdista”. O cargo non era menor pois o réxime castigaba os mestres que colaboraban con este tipo de sociedades; de feito unha das preguntas do informe-tipo na depuración versaba sobre este tipo de relacións.

O delegado civil de Sanxenxo considerábaa como de “significación marcadamente izquierdista”, cousa que, comprensiblemente, nega Cancela na súa defensa afirmando que era unha “entidad dedicada a la defensa de los intereses de los labradores del pueblo y ajena en absoluto a todo partido o ideología política”.

A comisión organizadora da sociedade aproba os estatutos nunha data tan emblemática como o 14 de abril, no ano 1933, e preséntaos no goberno civil, a efectos da lei de asociacións de 1932, o tres de maio dese ano. A comisión organizadora estaba formada por: Prudencio García Beloso, Mariano Viéitez, José Sanmartín, Joaquín García e Pedro Otero. O domicilio estaba no lugar da Granxa, na casa de José Vilariño.

O lema da sociedade era “Unión y lealtad” e os fins declarados: o desenvolvemento e a defensa dos intereses agrícolas, o melloramento de toda clase de bens materiais, a mutua protección e o perfeccionamento moral dos asociados e as súas familias. Non se limitaba a temas estritamente agrarios pois tamén procuraría o fomento do ensino coas escolas, conferencias, bibliotecas e outros medios. Para a consecución dos fins materiais ocuparíase con todo interese do relacionado coa agricultura, institucións económicas de previsión como socorros mutuos para casos de enfermidade ou inhabilitación, seguros do gando, censos, foros, construción de fontes e camiños...

Fai constar que non pertence a ningún partido político nin admitirá discusións sobre cuestións relixiosas; non obstante, como era acostumado nestas sociedades, os asociados estarían na obriga de votar os candidatos que decidise a maioría.

Tamén prestaba axuda a asociados en paro determinando a preferencia destes nas obras acometidas polos demais asociados e sinalando que a directiva debería facer xestións para facilitarlle traballo aos afiliados que estivesen no paro. O seu artigo 13 sinalaba o deber de “protegerse, auxiliarse y respetarse mutuamente, considerándose como hermanos; ser correctos, corteses y prudentes, haciéndose acreedores al general aprecio”.

En canto ao papel das mulleres debemos ter en conta as concepcións da época: podían ser socias, en todo acto da sociedade ocuparían reunidas sitio de preferencia e votarían antes que os varóns. Non podían ocupar cargos pois estes serían para socios varóns, maiores de idade e que soubesen ler e escribir.

Tiña moita importancia nestas sociedades a tarefa de arbitrar nas disputas entre asociados; a tal fin, na sociedade “El Adelanto” existía o cargo de consiliario, que tiña como función vixiar a conduta dos socios fomentando entre eles a paz e boa harmonía, emitir informes nos asuntos sometidos a procedemento conciliatorio e denunciar os abusos contra os socios e defendelos nos seus dereitos.

É de interese relatar brevemente o procedemento conciliatorio regulamentado. As diferencias e discordias entre socios que non requirisen a intervención xudicial estarían suxeitas a este procedemento. O lesionado nos seus dereitos comunicaríallo ao presidente; este reuniría a directiva para oír os interesados e, co informe do consiliario, tentarán imparcialmente un acordo razoable e levantarán acta. De non chegar a acordo, obterase un ditame por escrito de tres avogados, elixidos un por cada parte e o terceiro pola directiva. Decidirá a cuestión a conformidade en dous dos ditames. Os avogados serán pagados pola parte que non teña razón e, se as dúas partes non se conformasen, serán pagados a medias. Se non houbese acordo e demandasen ao socio que non tiña razón, a sociedade axudaría nos gastos ao socio que litigase con razón, sempre que o permitise os estado dos fondos.

Co golpe militar de 1936, esta sociedade foi disolta.