No ambiente de medo e de control abafante da poboación existente tras o golpe militar, houbo tamén ocasións para actos de resistencia de distinto tipo e intensidade. A finais de decembro de 1938, na vila de Redondela, uns falanxistas denunciaron que, ás sete da tarde do día catro, un grupo de redondeláns de “ideoloxía extremista” cantaran publicamente a Internacional co fin de “incitar y animar a la rebelión a los elementos de su misma ideología”. Foron varios os denunciados pero, logo da instrución da causa militar 3/39, os definitivamente xulgados serían Maximino Soto Lamas, mariñeiro de 44 anos, Alejandro Castro Pérez, de 30 anos, fora directivo do sindicato de zapateiros e apoderado da Fronte Popular; Enrique Ramón Rodríguez Chamorro, 32 anos, afiliado á Casa do Pobo,e propagandista da Fronte Popular, segundo as acusacións declarárase en folga tras o golpe abandonando o seu traballo no café América e apoderado da FP nas eleccións e o soldado José Villaverde Figueroa, 24 anos, afiliado á Casa do Pobo e con antecedentes de propagandista da FP. Todos estaban considerados como desafectos.
O xuízo celebrouse o 10 de marzo de 1939 e a acusación foi de auxilio á rebelión.
É significativo da xustificación dos motivos do golpe militar que os sublevados queren transmitir un dos resultandos da sentencia ditada (cunha redacción igual ou semellante repítese noutras sentencias):
Que el dieciocho de Julio de mil novecientos treinta y seis el Ejército Español recogiendo y haciéndose intérprete del sentir nacional se hizo cargo del Poder que había sido detentado por el denominado Frente Popular con su gobierno perseguidor de lo genuinamente español y que era fiel vasallo de los dictados extranjeros, encaminados a destruir el arsenal de virtudes, cualidades y conquistas espirituales de la raza a través de los siglos, viéndose desde el principio el poder legítimo atacado por los españoles de la antipatria, que aún en algunas regiones hostilizan con las armas y bajo mando militar a las fuerzas del Ejército mantenedoras del Poder legitimamente constituído.
O canto do himno revolucionario tivo graves consecuencias para os acusados pois foron condenados a seis anos e un día de prisión e ás accións civís para pedir a reparación do dano e indemnización de prexuízos. Saíron en liberdade condicional en 1940.
No hay comentarios:
Publicar un comentario