lunes, 10 de noviembre de 2025

Censura de espectáculos.

 


Dentro dos espectáculos de variedades, as revistas estaban suxeitas a unha especial vixilancia pola censura. De feito, as revistas ou xéneros arrevistados só podían representarse nas capitais de provincia e nas cidades con máis de 40.000 habitantes (no caso de Galicia: Vigo, Compostela e Ferrol). Un oficio da Dirección General de Cinematografía y Teatro (8-3-1955), ordenaba vixiar especialmente as formacións de vicetiples, sobre todo se eran contratadas na localidade, pois este feito era indicativo case sempre "de una bajísima valoración artística del espectáculo o de inadecuación y exigüidad excesiva de los vestuarios hasta llegar a hacerlos inadmisibles".

As normas non sempre eran respectadas e isto supoñía a imposición de multas ás empresas. A sala de festas viguesa Fontoria, foi expedientada por reincidente nestas faltas en novembro de 1962; a proposta de sanción era de 1500 pesetas.

As autorizacións concedidas eran moi detalladas en canto ás condicións que debían cumprir. Na que obtivo a compañía de variedades "Festival en Gila color" para actuar no teatro García Barbón no mes de agosto de 1958, insístese en que debe aterse en todo momento ao repertorio e vestiario autorizados pola Dirección Xeral e visado pola subdelegación viguesa e "observar estrictamente cuantas indicaciones le sean hechas durante el ensayo general y en el curso de las representaciones por el Servicio de Inspección". Ademais, deberían ter moi en conta as seguintes normas:

1. Non poderían usar emblemas relixiosos ou patrióticos nin condecoracións.

2.- Os traxes axustaranse estritamente aos bocetos autorizados, non podendo usar os de dous corpos que non estivesen totalmente unidos.

3.- Corrixir enerxicamente o costume inadmisible dalgunhas actrices de recollerse o pantalón de baile alterando a liña normal.

4.- "En los gestos, ademanes y diálogos se evitará todo cuanto esté en pugna con la moralidad y buen gusto, prohibiéndose las interpolaciones, así como la intercalación de textos o combinaciones de actualidad".

5.- Prohíbese que as artistas se dirixan ao público ou que este interveña na representación.

6.- "En los bailables de carácter tropical- mambos, sambas, rumbas, etc- no se permitirán los movimientos acentuados exageradamente que resulten groseros y obscenos y se empleen como recurso para suplir la carencia de recursos artísticos".

7.- A pasarela só podería utilizarse para o desfile das artistas, sempre con traxes longos e prohibíndose a execución de números coreográficos ou bailables.

O delegado provincial de Información e Turismo non deixaba de lembrarlle a normativa ao subdelegado vigués para que os traxes e texto "se ajusten con absoluta exactitud a los libretos y figurines autorizados". Ademais debería vixilarse a actitude dalgúns intérpretes para que se axeitase "a fundamentales principios de orden moral y ético".

Cando a cantante Lilian de Celis, a "emperatriz del cuplé", actuou en Vigo, no mes de maio de 1959, co seu espectáculo "Ayer, hoy y siempre", as indicacións foron: 

Queda prohibida toda alusión, parodia o imitación relativa degeneración sexsual (sic). Deberá cuidarse que no sean ejecutados movimientos manifiestamente groseros e inmorales. Queda absolutamente prohibida la presentación de números arrevistados indibiduales (sic) cuyas características y vestuarios sean los propios de las revistas.

 Esta artista xa tivera problemas coa representación en Ourense. Nunha entrevista (El Pueblo Gallego, 29-5-1959), afirmaba: "Además de cantar cuplés, sé lavar, planchar y cocinar, como toda mujer...que sea mujer, claro".

Ao Ballet Hispano Americano indicábaselle que "Se prohíbe toda clase de contorsiones y movimientos que, en su exageración, lleguen a despertar apetitos sensuales". Non estaba de máis as advertencias pois, na súa actuación na sala Brasil, o 14 de febreiro de 1956, denunciouse que: 

los ademanes indecentes y repulsivos de que en dicho apartado se habla consistieron en contorsiones exageradas de cadera del dicho artista masculino y ademán de lanzarse hacia los pechos de la artista en forma impúdica y dando saltos como enfurecido por la pasión sexual, originando expresiones de asco en parte del público.