lunes, 11 de mayo de 2015

No cabodano do fusilamento de Francisco Reiriz.


Francisco Reiríz Lago tiña 34 anos, estaba solteiro, era toneleiro de profesión, vicepresidente de Izquierda Republicana e primeiro tenente de alcalde do concello de Vilanova de Arousa. Na indagatoria que aparece no seu proceso consta que tiña un metro e setenta e seis centímetros de altura, pelo castaño escuro, ollos grises, parálise nas extremidades inferiores e atrofia da perna esquerda.
O seis de setembro de 1936 foi detido por un grupo de falanxistas. No atestado, con redacción peculiar, faise constar que 
en funciones de alcalde [...] tomó por cuenta propia el mando supremo de aquella localidad, ordenando que todas las personas de orden les daba un plazo de veinte minutos, para que entregasen las armas que tuvieran, y que por el contrario, sería el citado pueblo un segundo Casas Viejas.
Reiríz recoñece ter convocado aos veciños para que entregasen as armas, por ser orde do gobernador civil, que se entregou recibo por cada arma recollida e que foron entregadas á Guardia Civil o 21 de xullo; tamén manifesta que no 1931 organizara un sindicato afecto á UGT.
A Guardia Civil considérao elemento destacado da CNT, lembra que nunha folga no ano 31 distinguírase por coaccións e agresións aos traballadores que se negaban a secundala. Indica que suplantou ao alcalde e ordenou a recollida de armas e que, armado cun revólver, golpeou a algúns veciños que discutiron con el. Remata conceptuándoo como “sujeto de acción y peligroso”.
O novo alcalde nomeado polos golpistas, Luis Rodríguez, informa que “vino actuando siempre en cuantas huelgas o conflictos sociales existieron en este municipio, siendo el alma de la organizacion del Sindicato de la C.N.T.”
Foi procesado, xunto co concelleiro Manuel Chaves Dios, por un delito de rebelión militar, coa circunstancia agravante da perversidade dos delincuentes. O consello de guerra celébrase no pazo da Deputación pontevedresa ás catro da tarde do 18 de marzo de 1937. Cando lle conceden a palabra, Francisco Reiriz considera excesiva a pena solicitada e engade que non é un elemento tan perigoso como din os informes, xa que seguiu á fronte da alcaldía nove días despois do golpe con consentimento das autoridades, procurou manter a orde e non foi detido ata o seis de setembro “y que su actuación no debía de ser tan perjudicial cuando estuvo en libertad tanto tiempo.”
Francisco e Manuel son condenados a morte e o segundo foi indultado.
O 11 de maio de 1937, ás seis da mañá, na avenida de Bos Aires, unha sección de artillería foi a encargada da execución. A defunción certifícase constando como causa da morte inmediata unha hemorraxia interna e causa fundamental “una herida por arma de fuego en la región orbitaria izquierda con enucleación y tres en la región precordial.”
O cadáver foi conducido ao cemiterio de san Amaro, no que foi enterrado na sepultura número corenta e un, primeira fila e segunda zona.
O seis de abril de 1940 abriríaselle expediente por responsabilidades políticas. O seu irmán Ramón morrería nun campo de prisioneiros en Francia.
Dos sufrimentos e da loita pola vida das persoas máis próximas a Reiriz e a outros represaliados daranos conta Montse Fajardo nunha esperada publicación; hoxe, no día en que se cumpren 78 anos, lembramos o proceso que o levou á morte.

lunes, 13 de abril de 2015

A Tapatía guerrilleira.


O vindeiro 18 de abril, en Abellá (Frades) terán lugar unha serie de actos “na memoria dos tres Manueles”, Manuel Ponte, Manuel Díaz e Manuel Rodríguez, que atoparon a morte en Fontao o 21 de abril de 1947.
En xaneiro dese mesmo ano, máis de dúas ducias de gardas civís, policías e un funcionario do departamento de Información do Movimiento detiveron ao veciño de Rutis, Ramón Seoane Suárez; entre os obxectos incautados figuraba un papel escrito a imprenta coa letra dunha canción e que indicaba no seu encabezamento que debía cantarse co ritmo da “Tapatía.” Este escrito aparece na documentación da causa 36/47 contra o pontevedrés Alejandro Gama e outros (AIMN) e que utilizamos para a transcrición.  ( Unha versión con pequenísimas variacións xa foi publicada por Luis Lamela no Anuario Brigantino nº26 en 2003 nun interesante artigo sobre a “guerrilla del llano”)
A Tapatía era unha canción mexicana moi coñecida e que interpretaba o actor Jorge Negrete na película “Así se quiere en Jalisco”.
Ay que orgullo tengo de ser camarada
de ser camarada de los guerrilleros
que están en el monte
y entregan su vida para liberarnos de esta tiranía.
¡Vivan las guerrillas!
Aquí no queremos Franco ni Falange
que son los culpables de nuestra ruina
sino que queremos a hombres valientes
como Manuel Bello y Cristino García
¡Vivan las guerrillas!
Yo tengo el orgullo de ser un marxista
y estar afiliado con los comunistas
donde nos juramos con la propia vida
terminar con Franco y con su pandilla
¡Vivan las guerrillas!
Valientes guerrilleros
cunplir (sic) con vuestra consigna
que es de terminar con Franco
Falange y su camarilla
Gritos de la libertad en horas de fuego
esa es la consigna de los guerrilleros
Vivir en el monte
luchar con denuedo
para libertar
a los hijos del pueblo.
¡Salud guerrilleros!

Manuel Bello e Cristino García foron guerrilleiros executados no ano 1946.
Esta canción non debeu ser cantada moitas veces en voz alta pois as circunstancias non eran as máis axeitadas. O día 18, nas terras de Abellá, no pensamento ou a viva voz, estarán presentes os sons da Tapatía guerrilleira.

miércoles, 8 de abril de 2015

María Alonso Perez, mestra de Mourente.


Adicado a Helena Torres, Mª Xesús Escudeiro e Montse Fajardo, coordinadoras
 da exposición "do Gris ao Violeta"
A la Yglesia no la ví nunca en ésta, ni aún en aquellas solemnidades que por su rango o tradición atraían a los mismos descreídos de Mourente, tampoco figura para nada en los anales parroquiales.
Deste xeito informa o cura párroco de Mourente, Ignacio Triñanes Fariña, de tan mala lembranza na parroquia, sobre a mestra da escola de nenas número 1 María Alonso Pérez. Continúa coa afirmación de que arrancara da porta da entrada da escola unha estampiña do Sagrado Corazón e, o primeiro de maio, adornara de xeito extraordinario o balcón “para regodearse luego con la chusma callegera (sic), como lo hizo, mientras la gente se encerraba en sus casas." Aínda así recoñece que “En lo restante de la enseñanza, muy bien.”
María foi unha das mestras suspendidas polo gobernador Macarrón o 31 de agosto de 1936.
O complexo proceso de depuración e revisión que padeceu é unha mostra clarísima da parcialidade e falla de consistencia, amen da falsidade, dos informes emitidos; pode constatarse como as mesmas institucións (Guardia Civil, Concello...) emiten informes totalmente contraditorios, podemos sospeitar que dependendo das influencias, en contra ou a favor da mestra, de diversos persoeiros. Vexamos algúns exemplos:
a un (sic) cuando no pertenece a ningún partido político es afecta al Frente Popular donde militaba su esposo, en la escuela según versión pública hizo retirar el crucifico (sic) y los niños que tenían estampas en los libros se los hacía romper y acosejaba (sic) la no asistencia a la iglesia. (Informe Guardia Civil, 25-2-37).
ha observado y observa intachable conducta moral, pública y privada, goza de igual concepto en el orden profesional y religioso, es apolítica sin que figure afiliada a ninguna sociedad ni organizaciones de resistencia y está considerada como afecta a la Causa Nacional. (Informe Guardia Civil, 16-9-39)
es de buena conducta, simpatizante del marxismo ya que cuando venían de su parroquia manifestaciones de ese carácter adornaba el balcón de la escuela. Se la considera antirreligiosa por haber arrancado la estampa del Sagrado Corazón de Jesús de la entrada, así como por aconsejar a las niñas y premiarlas para que no fuesen a la iglesia. (Informe concello, 4-3-37)
según datos proporcionados por Agentes de Autoridad y testimonio de personas veraces, es de intachable conducta. (Informe alcaldía, 2-9-36)
 Os dous últimos informes son asinados pola mesma persoa: o alcalde Eladio Becerril.
Logo da suspensión inicial, o reitorado sanciónaa cun mes de suspensión e volve a ocupar o seu posto; o informe da inspección, asinado por Gerardo Álvarez Limeses, recolle as diversas acusacións que se lle facían e considera que “ la conducta de esta maestra no es en el orden ciudadano ni el profesional de las que pueden considerarse ejemplares, siendo calificada solamente de “regular” por la Inspección”; propón a sanción dun mes de suspensión.
Pero a postura máis dura contra a mestra virá da man da Comisión Depuradora pontevedresa que, con data 27 de abril de 1937, acorda sancionala coa separación definitiva do ensino baixo a acusación de: Anticatólica, simpatizante do Frente Popular, aconsellar e premiar ás nenas para que non fosen á igrexa e de adornar a escola o primeiro de maio con motivo da “fiesta del marxismo”. De nada valeron as consideracións que aparecen no informe asesor, que consideraba demasiado dura a sanción por non atoparse debidamente comprobados os cargos máis graves polo que propoñía a suspensión por dous anos e traslado.
Contra estas sancións, María presenta diversos escritos de alegacións nos que desmonta punto por punto as acusacións e reitera os innumerábeis informes e testemuños que acreditan a súa conduta.
En xuño de 1939 mantén que os informes acusatorios están “desprovistos de todo fundamento y no ajustados a justicia y verdad.” Por aquelas datas o cura Triñanes foi chamado a comparecer diante da comisión depuradora e ratifícase no informado, pois aínda que en 1937 e 38 a mestra cumprira o precepto na parroquia, non había nada que puidera modificar o afirmado sobre a súa conduta no “período revolucionario.”
En abril de 1940, a comisión superior dictaminadora dos expedientes de depuración recoñece que os documentos aportados pola mestra desvirtúan “en su casi totalidad” os cargos e admite que os relativos á súa actuación relixiosa estaban baseados principalmente nos informes do párroco de Mourente que “disminuyendo sucesivamente la gravedad de sus acusaciones” acabaría por manifestar finalmente que “no figuró nunca en los anales de la parroquia.” A sanción revísase e convértese en traslado dentro da provincia, perda de haberes no tempo da suspensión e inhabilitación para cargos directivos e de confianza en institucións culturais e do ensino. (Orde do 24-4-40).
María Alonso solicita a revisión da sanción, aporta certificados como o do servizo de información e investigación de FET y de la JONS, no que se afirma que é persoa afecta á Causa Nacional e de conduta pública, privada e profesional intachable. A mestra conta co apoio da influínte familia Olmedo da que era empregado o seu home, afiliado a Unión Republicana. Lembra a documentación aportada no expediente: Declaracións favorables dos pais das nenas das escolas nº1 e 2 nos que testemuñan a súa “adhesión incondicional al buen proceder sobre lo religioso y excelente conducta profesional”; testemuños ao seu favor do médico Loureiro Crespo, de significados gardas cívicos e militares veciños, de José Olmedo, do alcalde de barrio José López Fondevila, do alcalde de Pontevedra, capeláns do Asilo e do Hospital, do tenente coronel da Guardia Civil, do delegado de Orden Público, recibos de ter cumprido o precepto pascual o ano anterior ao golpe e de contribuír ao sostemento do Asilo e axudar o clero.
Nesta alegación apunta á posible causa da persecución sufrida:
 Ni siquiera, aún poniéndose en juego todos los resortes de la intriga y de la pasión política por personas de marcado carácter galleguista, que tenían y tienen interés por ocupar su Escuela, ha podido ser objeto de la más mínima sanción de orden económico ni de ningún otro por las Autoridades Civiles ni militares.
 Asegura que esa intriga derívase da súa defensa do dereito a ocupar a escola de nenas nº1, no Camiño Novo, e que, logo de serlle adxudicada por concurso, atopouse con que estaba ocupada por outra mestra porque
 el Inspector de zona, de ideología galleguista, trasladó sin doctrina legal a la Maestra (de familia también galleguista) de la Escuela nº 2, [Casas Novas] que venía sirviendo muchos años, para la nº 1.
Certa ou non, a acusación parece referirse á mestra Josefa Iglesias Vilarelle e ao inspector Gerardo Álvarez Limeses, os dous antigos membros de Dereita Galleguista, grupo que na práctica totalidade adoptou unha postura colaboracionista cos sublevados. Temos documentada a existencia de reclamacións feitas por María contra as irregularidades na localización destas escolas ata a resolución definitiva (BOE 22-5-34) que concede a razón a esta mestra.
Por fin, o 23 de xaneiro de 1941, rematan as penalidades da depuración para esta mestra pois a revisión do expediente determina a confirmación no seu posto.

Fontes: Documentación Archivo General de la Administración, BOE, xornais da época.

sábado, 14 de marzo de 2015

Pontevedreses no forte de san Cristóbal

"Non des a esquecemento" é o título dun blogue no que, dende fai tempo, cóntannos historias de vida de persoas que padeceron a represión. Ao seu autor, Lois Bará, vai adicada esta entrada, pola súa sensibilidade e compromiso, ao longo de moitos anos, coa historia esquecida.

No universo carcelario do franquismo hai unha serie de prisións míticas como San Simón, O Dueso, Saturrarán, Figueirido, o forte de San Cristóbal, Valdenoceda... que foron lugar de sufrimento para moitos presos e presas que, nunha sorte de “turismo” carcelario, foron desprazados da súa terra nun castigo engadido á condena orixinaria.
Imos lembrar nesta entrada a veciños do concello de Pontevedra que participaron na fuga do 22 de maio de 1938 e tamén a aqueles que, presos no penal, optaron por quedarse na prisión ou que faleceron antes da fuga.
Foron tres os veciños da capital pontevedresa que participaron na fuga e que foron capturados polas tropas franquistas ou polos requetés:
José Arribas Hermida, natural de Lérez e casado en Mosteiro, foi dirixente da Fraternidade Obreira dos Agricultores e alcalde republicano daquel concello. Condenado a cadea perpetua, participou na fuga, foi capturado e condenado por este feito a 17 anos 4 meses e un día por auxilio á rebelión.
Timoteo Blanco Abal era xoieiro. Foi condenado a reclusión perpetua por participar nos rexistros domiciliarios en Campo Lameiro en xullo do 36. Anos despois, tras a caída do aparato do partido comunista, volve a ser xulgado na Coruña (causa 36/47), por dar apoio e aloxamento ao pontevedrés Alejandro Gama. Condenado a 1 ano de prisión.
Maximino Domínguez Ramírez, de 52 anos, mariñeiro, vivía no barrio da Moureira e estaba emparentado cunha familia que sufriu moita represión: os Fariña. Estivera fuxido e, tras entregarse, foi xulgado; estivo preso tamén na illa de san Simón. (Información facilitada por Montse Fajardo)
Os presos que non participaron na fuga foron:
Laureano Bao Rúa. Canteiro, 43 anos, un dos seus irmáns (Gerardo) fora fusilado en Pontevedra. Laureano foi xulgado en Ourense. Morreu por embolia cerebral o 11 de decembro de 1937.
Raúl Casados Besada. Tiña 22 anos, latoeiro,  xulgado en Tui por rebelión militar.
Eladio Fernández Leiro residía en Bilbao onde estaba destinado como garda de asalto. Era natural da parroquia de Bora, estaba solteiro e tiña 29 anos. Foi xulgado por auxilio á rebelión e condenado a cadea perpetua. Dado de baixa no corpo de asalto o 17 de setembro de 1937. (BOE 19-9-37)
Ciriaco Licer Cons era baldeiro (nalgunhas fontes aparece como dependente) e tiña 35 anos. Encartado na causa 1098/36 por participar en requisas de armas en Xeve. Xulgado por un delito de rebelión militar foi condenado a morte, que posteriormente foi conmutada pola de cadea perpetua. Pasou a prisión atenuada o 26-8-1940.
Modesto David Pérez Estévez. Oficinista de 25 anos, estaba condenado a reclusión perpetua por un delito de rebelión militar.
Francisco Rio Barros foi xulgado en Ferrol por traizón e tiña 67 anos.
Juan Silva Názara tiña 22 anos, xulgado en Pamplona e condenado a cadea perpetua.
Vicente Soto Martínez. Era mestre, socialista, 25 anos. Participou na defensa do goberno civil pontevedrés e na requisa de armas. Un informe da Guardia Civil considerábao De dudosa conducta y antecedentes, simpatizante del frente popular, propagandista de izquierdas. Condenado a cadea perpetua por rebelión militar.
Un caso aparte foi o de Nemesio Laya que, ao parecer, tivo unha actitude contraria á fuga, segundo se desprende de diferente documentación.
Nemesio Laya Abal , traballaba de representante de seguros, era nativo de S. Vicente de Nogueira (Meis) pero veciño de Pontevedra; o 20-11-36 fora condenado por participar en requisas de armas en Xeve. Segundo os informes policiais era de extrema esquerda. En San Cristóbal ocupou postos de confianza: escribinte, ordenanza da xefatura de servizos...Foi indultado por Franco xunto con outros presos que non secundaron a fuga “distinguiéndose notablemente por su actuación en favor del restablecimiento del orden”, “cooperando en el sofocamiento de la rebelión tumultuaria”. Non teño referencias de como foi a súa colaboración pero rebaixáronlle 2/3 de condena. O 19 de xullo de 1940 obtén a prisión atenuada no seu domicilio.

domingo, 22 de febrero de 2015

Mulleres nas requisas.


  Para Queta Molas e compañeiros e compañeiras da asociación para a recuperación da memoria histórica de Marín, polo seu traballo exemplar e compromiso coa verdade, a xustiza e a reparación.
Na entrada anterior falamos de Atilano Godoy e dos feitos que o levaron a estar preso e ser fusilado no forte de san Cristóbal. Nos rexistros efectuados o 20 de xullo en Marín, nos que foi acusado de participar, estivo acompañado por numerosos militantes da Fronte Popular, que tamén foron xulgados con el na causa 1286/36. Entre eles estaban catro mulleres ás que se lles abriu sumario; elas van ser as protagonistas desta páxina.
O seu calvario comeza a principios de agosto de 1936 cando o delegado gobernativo en Marín, José Alcántara Fernández, acompañado de varios gardas cívicos, de madrugada, presenta no cuartel da Guardia Civil a
cuatro individuas una de ellas Presidenta de la Confederación de trabajadoras, las cuales se dedicaban acuacionar (sic) a las mugeres (sic) y otras se dedicaron el día veinte por la tarde en unión de varios jóvenes a efectuar registros domiciliarios. (Causa 1286/36. AMN)
 Entre os domicilios rexistrados falábase do do propio Alcántara, de Maestú e do de Ezequiel Massoni.
A Guardia Civil comeza os interrogatorios.
 Dolores Santiago Troitiño, de 32 anos, solteira, veciña de Cantodarea, era presidenta da sociedade de chaboleiras e empacadoras e nega as acusacións que se lle fan.
Antonia [Ramona] Otero Martínez, 28 anos, Cantodarea, recoñece que, logo de estar no concello xunto con multitude de xente, foi requirida por unha comisión de persoas para acompañar nos rexistros de casas, cousa que fixo, sen entrar dentro dos domicilios, ata a saída dos militares, momento que aproveitou para fuxir cara á casa.
A irmá da anterior, Adelina, 23 anos, manifesta que estivera na zona do concello, que se deron á fuga ao saír as tropas e que, de camiño, viron como se rexistraba a casa de Eusebio Santiago. Recoñece que o primeiro de maio, foi á xira campestre en unión da súa irmá e os comunistas “formados y uniformados como igualmente la declarante y su hermana.”
Estas irmás eran coñecidas polo alcume de “As Casqueiras” que na causa converten en “Las Canasteras” e Antonia parece ser que se chamaba Ramona aínda que nas declaracións asina como Antonia.
Asunción Vilas López, 23 anos, solteira, domiciliada en As Pedreiras (Lourizán), coincide no relatado polas anteriores e proporciona máis detalles sobre os actos do primeiro de maio aos que asistiu 
en unión de los comunistas y milicias socialistas que fueron formados a la jira (sic) campestre que tuvo lugar al punto conocido por la Raña, al frente de estos en primera fila iba la declarante con la Avelina (sic) y Antonia [Ramona], vestidas algunas contrage (sic) rojo pero la que dice lo llevaba azul. (Causa 1286/36. AMN)
Ezequiel Massoni declara que lle rexistraran a casa logo de ameazalo cunha pistola e que só coñecía dos participantes a unhas irmás coñecidas por Las Canasteras. Outra testemuña acusa a Antonia [Ramona] e Asunción de entrar nas casas, rexistrar habitacións e mobles así como de cachear ás mulleres.
O informe do concello atribúelles mala conduta e profesar ideas políticas de extrema esquerda.
O instrutor non atopa cargos contra Dolores Santiago Troitiño, polo que queda fóra da causa, aínda que fai constar o cargo sindical que ocupaba e indica que percibía como retribución por desempeñalo a cantidade de cento cincuenta pesetas mensuais.
O consello de guerra tivo lugar o 19 de decembro de 1936 e a sentenza considera a Ramona, Adelina e Asunción como autoras dun delito de auxilio á rebelión e condénaas á pena de doce anos e un día de reclusión.
As tres estiveron presas no tristemente celebre cárcere de Saturrarán, en Mutriku (Guipúscoa).

viernes, 6 de febrero de 2015

Atilano Godoy Calvelo: Tenorio, Marín, forte de Ezcaba.

O vindeiro xoves achegarase a Pontevedra Fermín Ezkieta, autor do libro “Os fugados do forte de Ezcaba”; falará sobre o sucedido na fuga que tivo lugar nesa prisión navarra o 22 de maio de 1938. Moitos dos fugados foron galegos, entre eles algúns pontevedreses que alí cumprían condena.
Un deles foi o  nativo de Tenorio (Cotobade), aveciñado en Marín, Atilano Godoy Calvelo. As circunstancias e a data da súa morte aparecen reflectidas de xeito contraditorio na documentación oficial. Na páxina los fugados de ezcaba 1938 trátase o caso e cóntanos como, no rexistro de Cotobade, inscríbese nunha anotación á marxe como fusilado en Juslapeña o 25 de maio de 1938; no rexistro de Ansoain figura como morto en Esteribar e como causa da morte aparece que “resultó muerto por la Fuerza pública encargada de su captura al hacer armas contra ella.” Trátase da acostumada terxiversación oficial  do que, en realidade, foi unha  caza do home contra os fugados.
Nesta entrada non imos falar destes feitos senón dos que deron lugar ao encarceramento de Atilano.
Atilano Godoy nacera en Tenorio o 1 de abril de 1915, estaba solteiro e traballaba en Marín de panadeiro. A principios de agosto sucédense unha serie de detencións de mozos e mozas acusados de participar nos rexistros de varios domicilios marinenses na procura de armas. Entre os detidos atopábase Atilano; no interrogatorio a que foi sometido o 16 de setembro, manifesta que, o 20 de xullo, atopárase cunha serie de persoas, das que coñecía a José García Busto (“paseado” o 5 de agosto), que lle dixeran que os acompañase a rexistrar casas; el dixéralles que non ía e ameazárono con que o suspenderían no seu traballo e que non pasaría nada, pois levaban unha orde do alcalde. Indica que foi ameazado por Busto, que non levaba armas e que pertencía á Sociedade de Oficios Varios para poder traballar.
    O informe do concello indica que estaba afiliado ás xuventudes marxistas, das que era elemento destacado pois era considerado xefe e que dirixira os asaltos e rexistros en casas particulares, aplicándose igualmente á propaganda  das súas ideas dentro e fóra da localidade.
 Xunto con outras persoas foi encartado na causa 1286/36; o seu defensor foi o capitán de artillería Rafael Reyes. O consello de guerra tivo lugar en Pontevedra o 19 de decembro de 1936.
    Nun dos resultandos da sentencia consta:
 Que en la Villa de Marín de esta provincia, secundando órdenes del Gobernador, desde el día veinte y siguientes del mes que se cita, el Alcalde y directivos del Frente Popular agotaron los medios a su alcance para la recluta de personal y material con que oponerse al Ejército, organizando partidas armadas integradas por los afiliados políticos y sindicales, los que requisaron armas y practicaron registros domiciliarios con tal fin y así, los procesados en esta causa, formando grupo allanaron las moradas de los vecinos DON JOSÉ ALCÁNTARA, DON LUIS NUÑES Y DON EZEQUIEL MASONI (sic), distinguiéndose entre ellos el ATILANO GODOY, que empuñando pistola amenazó a los propietarios que a su vez fueron objeto de insultos por parte de las tres mujeres procesadas.”
Condenan a Atilano á pena de reclusión perpetua coa accesoria de  interdición e inhabilitación absoluta perpetua. Ramona e Adelina Otero, Asunción Vilas e Ignacio Caeiro impóñenlles doce anos e un día e a Ricardo Soto 15 anos de reclusión.
Sirvan estas letras de lembranza para Atilano e para todos os fugados do forte de san Cristóbal.

martes, 27 de enero de 2015

Unha protesta de mulleres pontevedresas.

Cada vez máis están saíndo á luz accións de protesta  e resistencia que tiveron lugar xa nos primeiros anos do franquismo; días pasados tivemos o pracer de asistir a unha interesantísima charla da historiadora Ana Cabana titulada: Mulleres diante. A protesta social nas primeiras décadas do franquismo na provincia de Pontevedra dende a perspectiva de xénero. Esta charla foi unha das actividades que está levando a cabo a concellería de patrimonio histórico do concello pontevedrés dentro da programación sobre a memoria das mulleres.
    Nesta entrada trataremos un caso no que foron protagonistas mulleres pontevedresas no ano 1948.
    Nos chamados anos da fame, singularmente na década dos corenta, a Fiscalía de Taxas cebouse na persecución de persoas, principalmente mulleres, que vendían ou mercaban fariña, patacas, aceite... no chamado “mercado negro”. Era unha actividade de subsistencia mediante un  clandestino mercado paralelo, que sorteaba a escaseza de certos produtos e tamén servía para obter algún beneficio fóra dos prezos oficiais marcados polas autoridades.
    A Fiscalía de Taxas creouse pola lei de taxas do 30 de setembro de 1940 e foi un dos instrumentos encargados de regular o mercado de produtos de primeira necesidade e de investigar e sancionar as infraccións a dita lei. Podía impoñer multas, decomisar mercancías ou clausurar establecementos. Era un dos corpos represores máis temidos nun momento no que actividades consideradas máis graves, como o acaparamento ou a elevación abusiva dos prezos, eran competencia da xurisdición militar con penas que, nos casos máis graves nos que se realizasen con “ánimo de perturbar la economía nacional”, podían ser de reclusión maior ou morte.
    As sancións económicas impostas eran moi numerosas e as sancionadas eran, na maioría dos casos, mulleres; tratábase da persecución do "pequeno estraperlo" pois os negocios do "gran estraperlo", con altísimos beneficios, estaba nas mans de influentes persoas do réxime. Membros da Fiscalía de Taxas e doutros organismos oficiais non foron alleos a prácticas corruptas relacionadas co abastecemento.
    Nesta fase autárquica e dirixista da economía do réxime, o control gobernamental sobre  a produción, almacenamento e comercio de mercancías, singularmente de alimentos, era total. A xeito de exemplo, o 15 de xuño de 1948 un bando da alcaldía pontevedresa  abría un prazo para a declaración da superficie sementada de patacas e legumes “por pequeña que ella sea”; o incumprimento da orde sería considerado como ocultación e os infractores postos a disposición da tan nomeada Fiscalía de Taxas. O 27 de dito mes recórdase aos labradores a obriga de entregar os excedentes de patacas das súas colleitas.
    Neste marco, no mes de maio de 1948, ten lugar na praza de abastos unha protesta de mulleres pontevedresas que da lugar a unha serie de incidentes coa Fiscalía de Taxas. Estes incidentes, como era propio na época, non aparecen nos xornais e pasarían desapercibidos de non ser  polo que contamos a continuación.

 Ás seis da mañá do 10 de xuño, un grupo de policías efectúa un rexistro nun alboio de Marcón e incauta unha multicopista. A máquina estaba dentro dunha caixa de madeira enterrada no chan, protexida por unha lona para evitar a humidade. O cura da parroquia tivo que madrugar aquel día pois aparece como unha das testemuñas do rexistro; esta actuación policial enmarcábase nas operacións de desarticulación da organización pontevedresa do partido comunista.
    Colocado na multicopista aparece un cliché que se corresponde cunhas follas que se distribuíron con motivo dos incidentes relatados; nesta folla o partido comunista recoñece o valor das mulleres pontevedresas e sinala a necesidade de dar maior amplitude a estas accións. Copiamos na súa totalidade o escrito respectando a redacción e ortografía orixinais:

MUJERES PONTEVEDRESAS
Con vuestra valerosa acción del día 14 contra los esbirros de la fiscalia habeis asestado un rudo golpe a la pandilla de asesinos y ladrones que han sembrado la ruina y la desesperación en los hogares españoles. Habeis logrado una brillante victoria, exponente de la fuerza del pueblo, que augura futuras y mas felices empresas.
Ese es el camino, valerosas mujeres. Pero, aún significando mucho, no es suficiente, ES PRECISO DAR A LA PROTESTA UNA MAYOR AMPLITUD; ES NECESARIO SIEMPRE QUE SEA POSIBLE, ORGANIZAR MANIFESTACIONES EXIGIENDO SE DEN SATISFACON (sic) A LAS DEMANDAS DE TODO EL PUEBLO y no solo a las de una  determinada clase o sector. Bien está que se defiendan los intereses de cualquier sector del pueblo frente a los verdugos franquistas, pero teniendo siempre presente los intereses de las demas clases que gimen bajo la tirania franquista.
Marchando unidos, se multiplica la fuerza del pueblo en el momento de plantear ante las autoridades falangistas las reivindicaciones populares. Las probabilidades de victoria son asi infinitamente mayores. Con ello dareis un paso para restablecer la REPUBLICA en nuestra querida Patria que volvera a traer a nuestros hogares la paz el bienestar y la abundancia que nos fueron arrebatados por los traidores fascistas sublevados en 1936 al servicio de extranjero.
Mujeres pontevedresas: Exigid el Mercado Libre. Reclamar el aumento de racionamiento. Protestar energicamente contra los intolerables abusos de los esbirros de Franco. Impedid con buestra (sic) acción que continue la obra vandalica de los espoliadores (sic) del pueblo que venden nuestra Patria a los capitalistas estrajeros (sic). La República y España. ADELANTE MUJERES PONTEVEDRESAS.
El Comité Local del Partido Comunista de España.
    A través de diversos testemuños podemos saber quen foi o redactor do escrito: o mestre e militante comunista Carlos Crespo Alfaya.  El era unha das persoas encargadas de recoller información sobre actos de protesta pública contra o réxime para publicalo na prensa clandestina, principalmente Mundo Obrero. Neste caso, ademais da redacción, encargouse de elaborar o cliché e entregalo ao responsable da multicopista. Sirva esta entrada de lembranza para Carlos Crespo Alfaya, os que o coñecimos terémolo sempre no grupo dos bos e xenerosos.
Imaxe: Cupóns de racionamento.