jueves, 25 de abril de 2019

Epistolario (V). Presos de Mourente. 1934.


Sr. Dn José Ruibal
Apreciable camarada, erecibido la tuya en compañia de mis camaradas, pues Reibal [ José Ruibal López] aqui estamos, bien de salud pues me preguntas si yo se cuando es el goisio pues yo no se nada el dia que yo lo sepa ya te lo mandaré dicir el abogado bino aguntami una beces y me digo que abia bolber y aun no a bolbido el 29 [29 de outubro de 1934] fuimos declarar yo y billaberde [José Villaverde Cendón] guaquin [Joaquín Martínez Vázquez “O Marión”] meis [ Ramón Meis Pintos] ynocente [Inocente Filgueira] y ami me digo el señor furonda [ comandante Salvador de Foronda, instrutor da causa] me digo que no tenia inportancia.
Reibal me mandas dicir como esta gracia [ García Filgueira?] y olibera el biego [ José Oliveira Posada] y todos camaradas de ese otel que no sabemos nada de ellos y queremos saber de bosotros ermanos. [...]
pues Reibal qui abenido tu cuñado de gebe [Xeve] y la nobia de eligio  y me pregunto por ti y yo le dige que estabas en marin pues que le escribas agebe y que le mandes la direcion tuya. [...]
Reibal me diras como esta olibeira [ Alfredo Oliveira Durán] el domingo estubo en este otel argentina [Argentina Villaverde, compañeira de Alfredo] y barias de murente [Mourente] y de gebe y maruga a escarallada [ Maruja, futura muller de Manuel Torres]. Simas por mi asta la tuya.
Muchos recuerdos de fandiño [Antonio Fandiño] para todos de ai y muchos rrecuerdos de billaverde [José Villaverde] para todos de esa y muchos rrecuerdos de todos camaradas que estan en mi camarote para los camaradas de esa porque somos ermanos ijos de una misma madre y amas tenemos que unirnos para la comida de los enemigos [...] salud y rrebolucion y un abrazo fraternal en nombre de la rebolución atodos camaradas salud. [...] le das recuerdos a torres [Manuel Torres Lorenzo] olibera a gracia a olibeira el biego a rrei [ Andrés Rey Rey] y todos los camaradas.
Asina esta carta, na que se respectou redacción e ortografía orixinais, Constante Tomé Tomé. Consta como dirección a do cárcere de Pontevedra na rúa da Oliva 47 (actual Audiencia Provincial).
Con motivo da corta de varios piñeiros para interromper o paso na carreteira de Ourense, así como danos na liña de condución eléctrica da empresa “La Hulla Blanca” (da que a posterior FENOSA herdaría o nome na boca dos nosos avós: "a Hulla"), foron detidos varios veciños de Mourente e Bora: Manuel Torres Lorenzo, Manuel Dacosta, Herminio Coto, José Villaverde, Ramón Meis (pai e fillo), Joaquín Martínez, Inocente Filgueira, Jesús Pereira, Alfredo Oliveira, José Ruibal e Constante Tomé. Outros veciños de Mourente con postos destacados no sindicalismo pontevedrés e, como os anteriores, membros do partido comunista e das centrais CGTU e UGT, tamén estaban detidos: José Oliveira, Manuel Ruibal, Manuel García Filgueira, Manuel Martínez, entre outros.
As detencións eran consecuencia da represión sobre os militantes das organizacións obreiras que apoiaran a folga xeral revolucionaria de outubro de 1934; o autor da carta está detido, xunto con varios compañeiros, no cárcere pontevedrés, cualificada ironicamente por el de hotel e o destinatario, José Ruibal, forma parte do grupo de presos no pontón Minerva do polígono Janer de Marín. Noutras entradas deste blog analizamos o ocorrido nesas datas en Pontevedra. (Véxanse tamén as tres entradas seguintes á enlazada).
Foto: José Oliveira Posada. De "Mourente nos anos do medo". CMVMC de Mourente.

martes, 26 de marzo de 2019

Memoria pontevedresa na década dos noventa.

A memoria escrita sobre a represión en Pontevedra capital na última década do século pasado estaba dominada polo silencio ou polo relato mítico. No desenvolvemento da primeira transición, tanto os diversos grupos políticos como a sociedade, de xeito maioritario, fuxían de calquera apelación aos tempos republicanos e, moito máis, a calquera mención da brutal represión levada a cabo polos golpistas no 1936 e anos posteriores.
Deixando a un lado publicacións pioneiras, como as de Bernardo Máiz ou monográficos editados por A Nosa Terra, polo seu carácter xeneralista, aparecían referencias parciais á nosa cidade en libros editados na década anterior como El alzamiento de 1936 en Galicia. Datos para una historia de la guerra civil de Carlos Fernández (que publicaría tamén Alzamiento y guerra civil en Galicia no ano 2000), en memorias como Cuatro años a bordo de una isla de Evaristo Mosquera, que achegaba diversa información, especialmente sobre a súa estancia no “lazareto”; neste aspecto sería moi superado polo magnífico libro, e documental correspondente, de Antonio Caeiro e outros Aillados, que combinaba testemuñas persoais con fontes documentais e que segue sendo referencia obrigada para todo o referente á illa de san Simón, xunto coas posteriores publicacións de Gonzalo Amoedo.
Ao relato mítico sobre o sucedido en Pontevedra contribuíra, anos atrás, a Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda de Xerardo Álvarez Gallego, editado en Bos Aires no ano 1972; esta publicación, con abundantes erros e afirmacións inexactas, tivo unha ampla circulación. Outra das publicacións apaixonadas dos primeiros momentos, tamén editada en Bos Aires no 1938, foi Lo que han hecho en Galicia. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas contadas por quienes los han visto e que presenta características parecidas ao anterior.
Xa na década que tratamos, a dos noventa, aparece Historia de la ciudad de Pontevedra de Xosé Fortes, que adica un par de páxinas a tratar a represión; o carácter da obra non propiciaba un tratamento polo miúdo do tema e explica a extrema violencia desatada como consecuencia de “una sangrienta locura colectiva, en la que los odios y rencillas acumulados afloraron violentamente a la superficie.” As fontes utilizadas por Fortes neste tema parecen ser exclusivamente orais (non hai referencias documentais) o que explica omisións e erros no relacionado coas vítimas. En relación cos responsables da represión destaca acertadamente o papel sobranceiro da Guardia Cívica mandada por Víctor Lis.
Outra publicación do mesmo ano, 1993, é Inmolados gallegos. Alexandro Bóveda, Víctor Casas, Telmo Bernárdez, Adrio Barreiro... de Luis Lamela; este libro marca un fito na historia da represión en Pontevedra capital pois, por primeira vez, aparece un relato sistematicamente documentado do sucedido nos días inmediatos ao golpe. Centrado nos xuízos a Bóveda e aos “dez do doce de novembro”, é un relato sen concesións á mitoloxía. Luis Lamela sinala dun xeito claro a responsabilidade última da violencia: 
De la totalidad de los fusilamientos – la llamada “represión legal” - hay que aplicar la exclusiva responsabilidad a los militares. Asimismo, la otra represión “legal” (sic), esto es, los “paseos” practicados por las patrullas del amanecer falangistas, son también de su completa responsabilidad, pues ellos, los militares sediciosos, ejercieron la exclusiva autoridad en todos los campos del orden – su orden – durante aquella época.
A comezos desta década visita Pontevedra unha investigadora francesa, Marie-Pierre Bossan, coa intención de realizar unha serie de entrevistas a persoas que viviran a guerra civil. Cando realiza a primeira visita (1991) participaba nun programa de investigación pluridisciplinar sobre a memoria oral; entra en contacto con Historga (as entrevistas serían depositadas nesta entidade) e elixe Pontevedra pois era unha cidade que non tiña fondos de entrevistas recollidos.
Entre os anos 1993-1994 fixo varias visitas a Pontevedra e contactou con 80 posibles testemuñas, rexeitaron a entrevista 28 e, con máis ou menos reticencias, aceptaron efectualas 52 persoas; delas 19 preferiron gardar o anonimato, aínda que polo contido non é difícil coñecer a identidade.
A partir destes testemuños e a posterior verificación dos feitos mediante a confrontación con outros testemuños e publicacións e a análise da coherencia interna dos relatos, elaborou a tese doutoral Émergence d’une mémoire de la guerre civile en Galice. Le cas de Pontevedra.; estivo dirixida polo profesor Michel Moner e foi defendida o 17 de xaneiro de 1998 na universidade Stendhal – Grenoble III.
Sería moi desexable a tradución e publicación da tese, tanto polo interese do conxunto de testemuños ( accesibles e coñecidos polos investigadores pero non pola sociedade), como pola análise que fai a autora sobre os mecanismos, problemática e estado da memoria sesenta anos despois do conflito.
En canto ao contido das entrevistas, na actualidade e despois de numerosas publicacións sobre a represión en xeral e a pontevedresa en particular, ven a confirmar o que xa coñecemos; abondan os erros e as omisións, lóxicas neste tipo de traballos pois, como afirma a autora: “ As fontes orais presentan pouca fiabilidade para unha análise precisa da represión. Na cita de exemplos concretos, os erros son frecuentes e facilmente localizables.” Considera que son erros de tipo cronolóxico e que, nos datos cuantitativos a tendencia xeral dos testemuños parece ser a esaxeración.
Debemos ter en conta a dificultade existente nos anos noventa para analizar a veracidade dos testemuños debido á escaseza de publicacións documentadas; neste aspecto, a autora é bastante reticente coa obra citada de Lamela por basearse unicamente en documentación dos arquivos e non ter en conta testemuños orais. Para M.P. Bossan isto daría lugar a supostos erros; é certa a existencia dalgún erro no listado de vítimas de Inmolados Gallegos (comprensible polas dificultades que este tipo de investigacións conleva), pero moitos menos que no resto de publicacións que utiliza a autora como referentes. Precisamente o exemplo escollido por Bossan acredita todo o contrario do que aduce a investigadora francesa: o caso do taxista José Pintos, que Lamela cita (acertadamente) como “paseado” e que Fortes e outros testemuños consideran como sobrevivente ao “paseo”. Na actualidade está perfectamente documentada a versión de Lamela e totalmente errada a contraria.
Destaca a autora o papel dominante ou exclusivo da represión como eixe dos relatos, agás unha minoría (en xeral partidarios dos sublevados) que afirma que en Pontevedra nada sucedera: 
aquí se pasó hambre en el 41, en el 40, pero durante la Guerra Civil, Pontevedra fué un oasis de paz y de tranquilidad, los muertos estaban enterrados, la gente estaba...las viudas y los huérfanos estaban tristes y desconsolados pero después aquí ya no pasó nada.
 Tamén considera significativa a incomprensión diante da violencia gratuíta, sen atopar motivos para a súa existencia; as testemuñas non parecen comprender por que as vítimas foran vítimas e os verdugos foran verdugos. No conxunto dos testemuños, é salientable para a autora a ausencia de consideracións sobre o exilio ou a guerrilla.
Respecto aos verdugos, aparte de Víctor Lis, nome asumido pola práctica totalidade dos entrevistados, moi poucos citan outros nomes; ao sumo media ducia e dos que nos consta fehacientemente a súa participación directa nos “paseos”. Isto ven a confirmar que nas distintas localidades sempre se coñeceu o nome dos verdugos. Algúns dos que citan nomes de represores son testemuñas que preferiron quedar no anonimato. Varios piden silenciar a gravadora e son frecuentes os que se botan atrás e piden que non se mencionen cando revisan a entrevista. O medo (aínda!) e a pertenza a coñecidas familias pontevedresas dalgúns deles poden estar detrás desta actitude.
“Y Víctor Lis, el criminal número uno. De los muchos criminales que había, ese era un cabeza visible: Víctor Lis Quibén.”
Outro feito destacado é a exculpación (ou cando menos o esquecemento) dos militares como responsables da represión. As testemuñas sinalan como executores a Guardia Cívica e os falanxistas sen facer referencia ás autoridades militares de quen dependían; atribúense as mortes ás envexas e vinganzas persoais, moitas veces por motivos profesionais, singularmente entre médicos, e ponse como exemplo o fusilamento de Caamaño.
Non faltan tampouco as alusións á necesidade de non remover o pasado e á conveniencia de esquecer. Dende o anonimato, unha profesora galeguista exprésao do seguinte xeito:
¿Cómo vas ahora a poner todas esas cosas sobre el tapete...? ¿Y cómo vas ahora en las familias a suscitar todo eso? Pero es cierto, ¿Cómo vas a sacar esas cosas? Gracias a Dios pues...las familias están cruzadas, están entrelazadas completamente. Entonces es mejor no recordar.

domingo, 24 de febrero de 2019

Sindicalistas en Vigo (e 2)

A continuación complétase o listado que aparece na entrada anterior.

Sociedad de constructores de envases y gomas de Vigo.
Presidente: Eduardo Araújo. (en rebeldía)
Vicepresidente: Manuel Rivas.
Secretario: Agustín Permuy.
Vicesecretaria: Jesusa Cruz.
Contador: Urbano Piñeiro.
Vicecontador: Antonio Álvarez.
Depositario: Gerónimo Costas.
Vogais: Asunción Pujales, Balbina Covelo, Rosa Collazo, Marina Buján.
Vogais no comité da Federación: Felipe Fandiño, José González, Jaime Rodríguez.

Sindicato de tranviarios de Vigo y sus contornos.
Presidente: Manuel del Río Vázquez. ( fusilado)
Vicepresidente: Alejandro del Río Álvarez.
Secretario: Justo Sánchez Lorenzo.
Vicesecretario: Francisco Comesaña Salgado.
Contador: Antonio Pérez Fernández.
Depositario: Miguel Pérez Martín.

Federación Gráfica Española. Sección mixta de Vigo.
Presidente: Rafael Ruíz.
Secretario: José Martín.
Vicepresidente: Manuel Durán.
Vicesecretario: Francisco Regido.
Contador: Manuel Pose.
Depositario: Guillermo Vázquez.
Bibliotecario: Benjamín González.
Vogais: Antonio Sánchez, Rafael Rodríguez.

Sindicato nacional ferroviario. 3ª zona. Consejo obrero de Vigo.
Presidente: Ramiro Vieira. (declaró)
Secretario: Eloy Pereira (muerto por la fuerza páblica)
Tesoureiro/contador: Oracio (sic) Rouco.
Vogal de movemento: José Pérez.
Vogal de Vías y obras: Gumersindo Costa.
Vogal de Estacións e centrais: Franklin Acevedo.
Vogal de oficinas: Emilio García.

Sociedad de obreros y empleados de la Junta de Obras del Puerto.
Presidente: Benito Pazo.
Vicepresidente: Salustiano Quinteiro.
Secretario: Manuel González.
Vicesecretario: Antonio Lago.
Tesoureiro: Francisco García.
Contador: Antonio Pérez.
Vogais: Emilio Sanmartín, Víctor González, Gerónimo García, José Guride.

Consejo Obrero Ferroviario del Oeste.
Presidente: José Marcos Astor.
Secretario: Laureano Rodríguez Aranís.
Tesoureiro: -
Vogais: Joaquín Álvarez Piña, Juan Cruz García Coco, José Sánchez, Celso Parada Collazo, Constantino Pérez Durán, Manuel Izquierdo, José Moralejo Santos.

Federación Gráfica Española. Sección mixta de Vigo.
Presidente: Leoncio Silva Sobral. (declaró)
Vicepresidente: Rafael Ruíz Vega.
Secretario: Álvaro Galloso Novas.
Vicesecretario: Juan Fernández Jares.
Contador: Fernando Rivas Rodríguez.
Depositario: Guillermo Vázquez Godoy.
Bibliotecario: Enrique Rodríguez Garrido.
Vogais: Juan Rodríguez Vicente, Cesáreo Santiago González.

Sociedad de camareros, cocineros y similares La Galaica. Sección de camareros.
Presidente: Fulgencio Ramos Fernández. (declaró)
Vicepresidente: José Pena Arias.
Secretario: Ricardo Callejo.
Vicesecretario: Ángel Casas.
Tesoureiro: Manuel Valiño Mariño.
Vicetesoureiro: José L. Moreiras.
Vogais: Benito Lorenzo, Leandro González, Ramón Lorenzo López, Manuel Jurado Franco, Moisés Calle Ruano, Agustín Domingos Barreiro.

Sociedad de camareros, enfermeros y cocineros marítimos “La Internacional”.
Presidente: Ernesto Argibay Blanco. (declaró)
Vicepresidente: Antonio Bermúdez.
Secretario: Rafael Cid. (aparece subliñado)
Vicesecretario: Serafín Vázquez.
Depositario: Pastor Montenegro.
Vogais: Arturo Moreno, José Benito Vázquez, Juan Vázquez, Dolores Villaverde.
Secretario xeral: José Paz Freiría.

Asociación de Trabajadores de la Enseñanza.
Presidente: José Criveiro González.
Secretario xeral: Isidoro Cid Rivo.
Secretario administrativo: Antonio Juanes Crespo.
Secretario de propaganda: José Meis Martínez.
Tesoureiro: Antonio Vidal Bordoy.
Vogal 1º : Manuel Martínez Preiro (sic)
Vogal 2º: Víctor Sánchez Martil.

Sindicato de trabajadores del crédito y de finanzas.
Presidente: Rafael Barreiro Pérez. (declaró)
Vicepresidente: Antonio Cabaleiro Lago.
Secretario: José A. Ruíz Varela.
Contador: Antonio Ares Díaz.
Tesoureiro: Fernando Fernández Pérez.
Vogais: Federico Ferreiro López, Guillermo Fernández Vicente, Luis Domínguez Lago, Jesús López Otero.

Asociación de empleados de comercio e industria.
Presidente: Demetrio Bilbatúa. (fusilado)
Vicepresidente: Manuel Verísimo.
Secretario: fernando Martínez.
Vicesecretario: Manuel Rodríguez.
Contador: Julio Prado.
Tesoureiro: José Vilas.
Bibliotecario: José María López.

Sociedad de camareros, cocineros y similares “La Galaica”.Grupo cocineros.
Presidente: Sabino Portela Míguez. (declaró)
Vicepresidente: Manuel Vilariño.
Secretario: Jesús Campos.
Vicesecretario: Francisco Vidal.
Tesoureiro/contador: Francisco Martínez.
Vicetesoureiro: Manuel Vidal.
Vogais: Andrés Valuja, Román Amoedo, Tomás Campo, Luis Vidal.

Descargadores de carbón, sal y sus similares.
Presidente: Rogelio Rodríguez Nogueira.
Vicepresidente: Antonio Vila Barciela.
Secretario: Dionisio Rouco Barreiro.
Vicesecretario: Orencio Abalde Rodríguez (subliñado).
Contador: Rogelio Leirós.
Tesoureiro: Domingo Alonso Vila.
Vogais: Manuel Duarte Carrera, Guillermo Leirós Vila, Germán Freiría.

Sindicato de empleados y obreros municipales.
Presidente: Gregorio Martínez Ros.
Vicepresidente: Constantino Iglesias.
Secretario: Ramón González Brunet. (fusilado)
Vicesecretario: Ramón Otero Franco.
Tesoureiro/contador: Manuel Torres Ramos.
Vogais: Cecilio Comesaña Alonso, Hermenegildo Lago Pérez, Edmundo Novoa Barros, Florindo Fernández Fernández.

Para engadir algunha información máis aos listados anteriores, engadimos algúns dos enviados á autoridade militar pola comisaría viguesa na data de 23 de agosto de 1936.
Sindicato de Boteros (CNT)
Presidente: Eduardo Gil Fernández.
Secretario: Dalmacio Bragado Ruíz.
Contador: Arturo Navarro.
Depositario: Antonio Otero.
Delegados do pleno: Cándido Cascallar Viejo, Eduardo Álvarez Montes.
Sindicato de Industrias pesqueras y sus derivados.
Presidente: Manuel Fandiño Ricart.
Vicepresidente: José Santiago Torres.
Secretario: Germán Parga Varela.
2ª secretario: José Paz.
Tesoureiro: Ezequiel Collazo.
2º tesoureiro: Germán Rodríguez.
Vogais: Mariano Pintos, Andrés Cordero, Robustiano Collazo e Indalecio Rodríguez.
Sindicato de Hojalateros.
Presidente: Heliodoro Fernández (subliñado e con aspa vermella).
Secretario: Manuel Maqueira (sic).
Vicesecretario: Manuel Ponete.
Contador: Federico Carbajo.
Vogais: Primitivo Castro, Manuel Trigo e Máximo Tojo.
Sindicato de Confiteros y similares.
Presidente: Guillermo Barros Cela.
Secretario: Ramón Martínez Rodríguez.
Tesoureiro: Agapito Rodríguez.

domingo, 27 de enero de 2019

Sindicalistas de Vigo (1)

A causa 711/36 contra os procesados José Caldas Iglesias, Antonio Carballo Vázquez e Julio Vilaboa Villar, presos no cárcere de Vigo, así como contra dezaoito máis declarados en rebeldía, contén unida unha peza separada da 142/36; nesta peza separada aparece interesante información sobre o xuízo seguido contra os concelleiros vigueses Caldas (socialista) e Carballo (Izquierda Republicana), así como unha relación de informes, confeccionados polo capitán da Guardia Civil Joaquín Teresa, que conteñen listados de dirixentes de diversos sindicatos vigueses. As comunicacións están datadas en decembro de 1936 e, á marxe, hai anotacións manuscritas sobre a detención, toma de declaración ou fusilamento dalgúns dos integrantes.
No xuízo, celebrado o 12 de abril de 1937, o fiscal, alférez honorífico Alejandro García Ballesteros, no seu alegato contra a intervención do defensor (capitán Fabián de Caso) – a quen gaba por defender de xeito “brillantísimo” a quen, de ter triunfado, houberan esnaquizado a institución castrense - efectúa unha serie de consideracións sobre a masonería e o sindicalismo. Afirma que a masonería 
secta judaica, extendida en casi todos los países del Mundo, aunque por desgracia llegó a arraigar en algunas Instituciones de nuestra Patria tales como la Magistratura, etc, no llegó a introducirse en la Iglesia, la cual por medio de la Compañía de Jesús, fué en nuestra Patria el dique que se opuso a dicha organización secreta y por ello sufrió tantas persecuciones y su expulsión de nuestra España.

         En canto ao sindicalismo, referíndose á militancia de Caldas, considera que “su significación sindical es más que suficiente para considerarlo como elemento peligroso y disolvente para la Sociedad”.
        José Caldas e Antonio Carballo foron condenados a morte e executados o 12 de maio de 1937.
        A continuación ofrecemos unha primeira entrega (terá continuidade na próxima entrada) cos listados referidos anteriormente:

Sociedad de Pintores albañiles.
Presidente: José Madalena.(sic)
Vicepresidente: Anacleto Gallego.
Secretario: Alfredo López.
Vicesecretario: Manuel Acuña.
Contador: Manuel Comesaña.
Vicecontador: Mario Davila.
Depositario: Antonio Abeleira.
Vogais: José Barbeito, Álvaro Viéitez.

Sociedad de obreros gasistas, electricistas y similares.
Presidente: Manuel Fernández Collazo. (declaró)
Secretario: Félix Hernández García.
Contador: Juan Bautista Redondo.
Tesoureiro: Emilio Rodríguez.
Vicesecretario: Ricardo del Amparo.
Vogais: Manuel Campos Méndez, Enrique Mora.

Sociedad de obreros y construcción naval.
Presidente: Jesús Cordeiro Pazo. (declaró).
Vicepresidente: Cándido Reiríz.
Secretario: Guillermo Barreiro.
Vicesecretario: Rafael Farallo.
Contador: Enrique Bao.
Depositario: Antonio Paredes.

Sociedad sindicato tranviario de Vigo a Ramallosa.
Presidente: Marcelino López. (declaró).
Secretario: Eloy Pereira. (muerto por la fuerza pública).
Tesoureiro/contador: José Andrez (?)
Vogal de movemento: José Cabreira.
Vogal de vía e obras: Emilio Giráldez.
Vogal de estación e subcentrais: Manuel Rincón.
Vogal de oficinas: Humberto Solleiro.
Delegado de liña: Ramiro Vieira.
Sociedad de obreros panaderos y sus similares.
Presidente: Agapito Vidal Vilas. (declaró).
Vicepresidente: José Lameiro Vázquez.
Secretario: Antonio Míllara Rodríguez.
Vicesecretario: Jesús Méndez Míguez.
Contador: Francisco González Núñez.
Depositario: Joaquín Fernández Iglesias.
Delegado de turnos: José Ramón Martínez.

Sindicato de tranviarios.
Presidente: Ángel Rúa Cabañas.
Vicepresidente: Alejandro del Río Álvarez
Secretario: Jacobo Barreiro Pereira.
Vicesecretario: Francisco Comesaña Salgado.
Contador: Antonio Pérez Fernández.
Depositario: José Rodríguez Cea.

Federación de Trabajadores de Vigo. (Suplentes no comité da Alianza Obrera)
Manuel González Brunet (fusilado)
Manuel Fernández Collazo (declaró)
Julio Rodríguez Porto.

Sindicato de la goma. “La unión de las fábricas de gomas”.
Presidente: José Laredo.
Vicepresidente: Eliseo Otero.
Secretario: Antonio Otero.
Vicesecretario: Antón Salgado.
Contador: Alfonso Araújo.
Depositario: Servando Lago.
Vogais: Juan Docet, Victoria Lafuente, Domingo Fereriza (sic), Carmen Dacosta.
(Continuará)



jueves, 20 de diciembre de 2018

O nome de José Antonio.


O 20 de novembro de 1941, os edificios oficiais de Pontevedra apareceron con colgaduras de loito e bandeiras a media hasta; as campás de todas as igrexas tocaban a morto e, a partir das once da mañá, pechou o comercio e a industria para que a poboación puidese asistir ao “solemnísimo” funeral, a celebrar na basílica de santa María, organizado pola xefatura provincial do Movimiento. Na nave central da igrexa destacaba un túmulo coas bandeiras e facían garda escuadras de falanxistas.
Como era de costume, no xornal, incautado a Portela Valladares e agora de obediencia falanxista, El Pueblo Gallego destacados escritores do réxime ocupaban a portada cos seus artigos: Juan Aparicio escribía sobre “La renovación de la muerte en Europa”, Raimundo Fernández Cuesta afirmaba que unha das máis fondas preocupacións de José Antonio fora a sorte do proletariado e un escritor local, José María Castroviejo, criticaba a retórica organizada sobre a figura do Ausente, chea de “ frases hueras, tópicos en estremecedora avalancha”, pois José Antonio non podía ser un “pretexto chabacano para que cualquier espontáneo entusiasta vierta estupideces en torno a su limpia figura”. Aproveita para pedir un minuto de silencio na honra do xefe falanxista pero quitándolle á frase “su sentido laico, francés y antiespañol con que los masones de allende el Pirineo, chaqué, bombín e intenciones ocultas” pretendían honrar os seus mortos da gran guerra.
Neste ambiente de inflamado culto ao Ausente, non era sorprendente a noticia de que 
     
El militante de F.E.T. y de las J.O.N.S camarada Bernardo López Durán, ha entregado al jefe provincial del Movimiento, la cantidad de quinientas pesetas, que destina a dos libretas de la Caja Postal de Ahorros de doscientas cincuenta pesetas cada una, para los dos primeros varones que nazcan el día de hoy, 20, y se les bautice con el nombre de José Antonio. 
(El Pueblo Gallego, 20-11-1941.) 

O desexo deste destacado membro da Guardia Cívica pontevedresa, da que foi oficial, foi cumprido e o 29 de xaneiro do ano seguinte, o gobernador civil daba conta de que a cantidade entregada por Bernardito López fora adxudicada a un neno de Lérez e a outro de Meis.

sábado, 24 de noviembre de 2018

De Mourente a Gusen: Urbano Sanmartín Abilleira.

Pouco sabemos da vida de Urbano Sanmartín Abilleira: que naceu en Mourente (Pontevedra) o 15 de marzo de 1902 e que o seu último domicilio coñecido en España era na travesía Salmerón en Almacellas (Lleida).

Coa derrota do exército republicano, Urbano súmase aos miles de españois que cruzan a fronteira francesa no ano 1939. No sur de Francia son internados en campos de refuxiados. Diante dos que non puideron ou quixeron exiliarse a América preséntanse diferentes opcións: volver a España e enfrontarse á dura represión franquista, alistarse na Lexión Estranxeira francesa, ingresar nos campos de concentración ou formar parte das Compañías de Traballadores Estranxeiros (CTE). Un decreto do goberno francés, ditado en abril de 1939, establece que os estranxeiros con idades comprendidas entre os 20 e 48 anos deberían integrarse nas CTE; era un xeito de encadrar a estas persoas durante un tempo equivalente ao que cumprían os franceses no exército regular. Nas CTE, que eran unidades militarizadas e cun oficial francés ao mando, realizaban tarefas relacionadas coas fortificacións militares e outras obras de defensa así como traballos agrícolas e industriais, isto último para substituír os franceses mobilizados. A partires de setembro de 1939, o ingreso de estranxeiros nas CTE convértese en obrigatorio.

Urbano intégrase na 22 Compañía de Traballadores Estranxeiros e, nos combates que tiveron lugar no territorio francés entre maio e xuño de 1940, foi capturado polas tropas do III Reich o 19 de xuño dese ano en Epinal, no departamento francés de Vosges. En data descoñecida ingresa no Stalag VIII- C, situado en Kunau (Polonia), co número 57132, e o 26 de novembro de 1940 ingresa no Stalag XII-D en Trier (Alemania) con idéntica numeración. (A documentación é contraditoria sobre en que Stalag ingresa primeiro pois aparecen VII-C, VIII-C e XII-D.)

Os Stalag (Stammlager) eran campos para prisioneiros de guerra e, polo tanto, só custodiaban militares e dependían do exército alemán, ao contrario que os campos de concentración que eran controlados polas SS.

O 25 de xaneiro de 1941 trasladan a Urbano ao campo de concentración de Mauthausen (Austria). Aparece relacionado co número 3508. Un mes despois destínano ao subcampo de traballos forzados de Gusen no que ten o número 10070 (nalgún documento aparece como 10020). Neste campo morre ás 4 horas e 20 minutos do 24 de novembro dese ano, fai 77. Na documentación figura como causa da morte a de pericardite e foi incinerado no crematorio do campo o 27 dese mes.

A súa dona Rosa Domínguez, residente en Oloron, nos Baixos Pirineos, deixou de ter novas de Urbano a primeiros de xaneiro de 1941 e iniciou unha serie de xestións diante das autoridades francesas de excombatentes e da Cruz Vermella para obter datos. No ano 1943 reitéralle ao director da Cruz Vermella que continúen as pescudas para dar co paradeiro do seu home “co fin de poñer termo á cruel incerteza que me atenaza dende fai máis de dous anos”. Será no ano 1974 cando o secretario de estado francés para excombatentes comunica o falecemento e as vicisitudes sufridas por Urbano Sanmartín.

Hoxe, no día en que se cumpren setenta e sete anos da súa morte, lembramos a este veciño de Mourente.

Documentación utilizada dos arquivos ITS de Bad Arolsen (Alemaña) e do portal PARES (España), entre outros.
Foto: Liberación dos presos de Mauthausen coa pancarta elaborada polos internos españois.

miércoles, 14 de noviembre de 2018

José Núñez Montes.

        Pasaran catro meses e medio do golpe militar cando detiveron a José Núñez Montes; o dous de decembro de 1936 un grupo de gardas civís mandados polo cabo Jesús Barja levárono preso. José era viúvo, vivía no Carramal (Salcedo), fora vicesecretario da sociedade de agricultores e traballaba como garda xurado e conserxe de dita sociedade. O motivo aducido para detelo era o de tomar parte activa contra o “Glorioso Movimiento” e tamén había informacións de que, nos sucesos de outubro do 34, coaccionara as leiteiras para que non abasteceran a poboación.
        Segundo o patrón habitual na actuación da Guardia Civil, un grupo de veciños, significados militantes da dereita e membros da Guardia Cívica, participan como acusadores e afirman que baixara armado a Pontevedra o 20 de xullo e así o viran nas inmediacións do goberno civil. Coinciden todos en cualificalo de comunista destacado e un deles aproveita para lembrar que coidaba fora un dos que apedrara a súa casa, logo das eleccións do 36.
       José non pode máis que recoñecer que baixara á capital coa súa arma regulamentaria pero alega que o fixera por motivos particulares e para cobrar uns recibos; a carabina entregáralla días despois a un significado garda cívico de Salcedo.
       Nos informes sobre o detido hai división de opinións: o concello informa favorablemente sobre a súa conduta pero a Guardia Civil afirma que tiña ideas comunistas aínda que non figuraba como afiliado a este partido; tamén sostiña que, a pesar de que non se sabía tomara parte activa o 20 de xullo, adicárase a inducir as masas para opoñerse ao estado de guerra.
      Unha curiosa acusación foi a de que solicitara á sociedade de agricultores un aumento de soldo de 10 pesetas mensuais “cuyo aumento lo pagarían los de la Banda Negra”; “Banda Negra” era o apelativo que recibían os fascistas de Salcedo por parte dos militantes da esquerda. A Guardia Civil recoñece que non se atopara ningunha documentación sobre esa petición, pero afirma que puideran queimala as forzas sublevadas “en unión de otros documentos recogidos en las distintas sociedades” en virtude de orde superior; recoñécese así oficialmente a queima de documentación por parte dos golpistas.
      A causa 777/37 xúlgase en Pontevedra o un de xullo de 1937. O defensor, tenente de artillería Juan José Astor, basea a defensa na suposta escasa cultura do procesado e, polo tanto, estar influído pola propaganda e ideas disolventes nesta “nefasta etapa”. Segundo este tenente, José Núñez non podía ser culpable senón o ambiente social creado polos propagadores de doutrinas antinacionais.
     O tribunal non tivo en conta estas alegacións e José Núñez Montes foi condenado a cadea perpetua.