miércoles, 19 de agosto de 2015

Lembranza en negro


       Adicado a Enrique Acuña, bo coñecedor da historia (e da intrahistoria) pontevedresa  daqueles anos e dos que seguiron.
O seu nome, xunto co de Víctor Lis e algúns outros, sempre está na boca das testemuñas que nos falan dos “paseos” na bisbarra pontevedresa. A morte nunca foi allea á súa biografía, dende a profesión de sepultureiro do seu pai ata a traxedia familiar nos seus anos máis novos: dous irmáns, Isolino e Evaristo, de 20 e 17 anos respectivamente, que emigraron en busca de fortuna ao Brasil no 1912 foron degolados polas tropas do coronel Fabricio Vieira en novembro de 1914; o seu asasinato dou lugar a unha intervención do deputado Eduardo Vincenti no parlamento español.
Ligado ao partido de Acción Popular, do que foi vogal en 1935, acompañaba a Secundino Esperón cando o mataron en maio de 1936. Ás cinco da madrugada do 30 de maio foi detido pola Garda de Asalto no lugar das Laxiñas, no seu Mourente natal, como consecuencia de ser denunciado por un garda municipal por estar armado e pretender dar morte a algunha persoa en vinganza pola morte de Esperón. Tiña como profesión a de ferreiro. Nunha declaración afirma que, antes do golpe militar, fora presidente do sindicato antimarxista de oficios varios a causa do cal fora detido, extremo que non puidemos comprobar documentalmente.
Foi un dos primeiros voluntarios que se presentaron no cuartel da Guardia Civil en xullo do 36 e aparece nos partes de servizo das milicias de Acción Popular, nos meses posteriores ao golpe, figurando como xefe de garda. A súa actuación sempre estará ligada ao grupo de “cívicos” que baixo as ordes de Víctor Lis e de mandos da Guardia Civil actúa na represión máis cruenta nos días posteriores ao golpe. Testemuños orais e escritos así como documentación oficial e tamén declaracións ante as autoridades do propio protagonista, dan conta de moitas das súas actuacións.
No diario elaborado por un detido aparece como un dos torturadores máis crueis que exercían no cuartel do antigo campo da feira pontevedrés; alí, nas cortes dos cabalos, funcionou un lugar de tortura e morte para moitos pontevedreses. Tanta era a sona da crueldade deste personaxe que, nos interrogatorios, os presos eran ameazados con serlle entregados como maneira de facelos aceptar as acusacións; así o manifestan moitos deles diante dos xuíces. Actuou como acusador en diversos atestados, varios contra veciños de Mourente.
Unha lectura da entrada “Na morte deAlberto Martínez” pode servir como exemplo do seu papel en determinadas actuacións. Aparece tamén relacionado con casos de corrupción, como o protagonizado por un conxunto de “cívicos” acusados de expedir salvocondutos aos irmáns Rodríguez Fariña a petición da muller do médico de Poio Ramón García “O Paxaro”.
Cando as sinistras actuacións deste grupo de “cívicos” e falanxistas resultou inconveniente para os vencedores, o protagonista desta entrada marchou á fronte encadrado nun batallón de falanxistas pontevedreses; temos novas da súa estancia en Salamanca en febreiro de 1937 pois aparece nunha relación de solicitantes de madriñas de guerra. Tamén serviu no Tercio. Tras o remate da guerra tivo algún incidente violento e unha condena por lesións da que foi indultado.
Escoitei moitas veces relatos de pequenas vinganzas contra el, como deterse un coche na parada do autobús convidándoo a subir e, cando se acercaba, deixalo plantado; tamén lle atribuían o costume de facer unha marca no cinto por cada vítima, etc. Son historias a camiño entre a realidade e a lenda. Tamén  escoitei de xeito repetido que traballara como verdugo oficial; esta afirmación, da que foi imposible comprobar a súa certeza, debeu estar moi estendida por Pontevedra e así o recolle o número 2 do xornal clandestino Mundo Obrero (25-12-1946), editado polo Comité de Galicia do PCE, nunha columna asinada por “Roque” e titulada “Vacantes de Verdugo.” Logo de facer consideracións sobre a perigosidade de ser verdugo “oficial” debido a que eran eliminados pola “mano justiciera del pueblo”, refírese ao noso personaxe, a quen cualifica como “tristemente famoso asesino” e acúsao de ser autor material da morte de 238 antifascistas galegos:
-238 agujeros hechos en su cinto, que ostenta como trofeo- ha cursado instancia solicitando una de las vacantes de verdugo “con título.” Se dice que es la de Burgos. Ese monstruo que actuó a sueldo de la Falange y Guardias cívicos de Pontevedra, cometiendo los más repugnantes asesinatos, merece justamente, una plaza oficial de verdugo por su gran experiencia y técnica. La cuestión está en saber si antes de su debut, no aparece en una esquina muerto a pedradas como perro rabioso que es.
Non se explicita o método seguido para contabilizar os asasinatos pero o humor negro do escrito ten o seu aquel.
Hai ocasións nas que a historia achégase a quen a escrebe: semanas despois do golpe militar, Benito Castro, veciño tamén de Mourente, volvía á casa ben entrada a noite levando pola corda unha xovenca que mercara e trouxera a Pontevedra na camioneta da empresa. Xunto o carballo de santa Margarida doulle o alto a partida de Lis. Acusábano de roubo e de  romper o toque de queda e a situación prestábase a darlle o “paseo” sen máis miramentos; pero un dos compoñentes intercedeu diante de Víctor Lis: Eu respondo por este home que é o encargado da empresa de Bugallo. Non sen resistencia deixárono marchar. Benito, home afoutado e sen medo, non mirou para atrás e chegou á casa tremendo. Moitas veces me contou estes feitos e así souben como a miña existencia ou, polo menos, algunhas circunstancias dela, ten unha débeda con aquela persoa, pois Benito era meu avó e foi salvado pola intervención do protagonista desta entrada: Manuel Mirón Vázquez “O Cheira.”

No hay comentarios: