Como consecuencia
dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934 producíronse
numerosas detencións, entre elas a do mestre Víctor Fraiz Villanueva, a súa
dona Placeres Castellanos Pan e tamén os seus fillos, Vicente e
Ramón que, polas súas idades de 14 e 13 anos respectivamente,
quedaron en liberdade pero a disposición da autoridade militar.
Nesta ocasión non falaremos de Víctor Fraiz, acusado de dirixente
do movemento sedicioso, senón dunha historia derivada do rexistro da
súa casa e da documentación que alí atoparon. A maior parte estaba
relacionada coa Federación de Trabajadores de la Enseñanza, que el
presidía; entre os escritos aparecen algunhas cartas de mestres ou
familiares nas que daban conta de feitos relacionados coa situación
daqueles días.
As autoridades
tomaron nota dos nomes dos autores destas cartas e deron ordes de
rexistro dos seus domicilios; entre eles estaba o de Antonio Morales
Belmonte, antigo mestre da Illa de Arousa, que fora un dos detidos
como consecuencia da “implantación del comunismo libertario”
naquela localidade. Fora posto en liberdade e tomara posesión do seu
novo destino en Almuñecar (Granada), onde residía en novembro de 1934. Debeu
ser no rexistro na casa deste mestre onde atoparon un escrito,
anterior aos sucesos de outubro de 1934, no que se daba conta dos
acordos tomados nunha asemblea da Agrupación Socialista da Illa de
Arousa celebrada o 29 de xullo dese ano. O asunto tratado fora a
petición de apoio que fixeran a dita agrupación para a celebración
da festa de san Roque. O acordo foi o seguinte:
En la Asamblea de hoy se acordó, en vista de la proposición del Presidente a la fiesta de S. Roque, lo siguiente:1º Si la fiesta es religiosa, oponerse a ella y considerar ofensivo que solicite apoyo a nuestros afiliados.2º Si la fiesta es popular, entonces debe estar controlada por esta Organización y su programa discutido en Asamblea y que tenga lugar en día que no haya ninguna fiesta religiosa.Vº Bº El Presidente: Antonio Morales. El Secretario: Luis Bóveda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario