miércoles, 18 de febrero de 2026

Unha foxa no cemiterio de san Amaro, Pontevedra?


No mapa de foxas publicado polo Ministerio de la Presidencia, Justicia y Relaciones, atopamos que no territorio que hoxe comprende o concello de Pontevedra existen dúas foxas catalogadas. Unha delas é a que está situada ao lado da igrexa de santo André de Xeve e outra a que sitúan no cemiterio de san Amaro. Sobre a foxa de Xeve xa escribimos noutras ocasións polo que non a trataremos nesta entrada, fóra de destacar a incongruencia de sinalar dúas datas distintas de enterramento para os alí sepultados. Está comprobada a existencia dunha saca do grupo alí enterrado o mesmo día así como testemuñas presenciais do enterramento. A disparidade pode ser debida a que na documentación xustificativa da aplicación da "lei de fugas" (elaborada a posteriori e sen moita preocupación pola veracidade) non sempre se paraban a comprobar a data.

O caso da foxa de san Amaro, catalogada como 1091/2009, presenta na súa ficha unha serie de erros que nos fan dubidar que existise un mínimo traballo de documentación.

Cando falamos de foxas referímonos de xeito habitual ás chamadas foxas comúns e, utilizando o escrito polo historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, en relación coa foxa dos asturianos en Celanova, 

en el contexto de la represión franquista y, en especial, desde la perspectiva de la memoria, añade a su significado original otros, el primero "enterramiento masivo", pero también los de "fosa clandestina" o "enterramiento irregular", que implican un componente de ocultación, el intento de esconder las pruebas del crimen cometido e, incluso, el de una humillación más hacia las personas asesinadas, al no permitir la realización de un entierro digno i

No caso que nos ocupa, o informante (Patrimonio Nacional) sinala como enterrados na suposta foxa a sete persoas, unha delas descoñecida. Son: Alfonso Dal Minguillón, Descoñecido, José López Álvarez, Vicente Manuel Losada Arnejo, Francisco Rodríguez Bote, Manuel Toro García e Benito Pardo Méndez. No caso deste último, fan constar a súa condición de militar aínda que erran ao consideralo tenente, pois era capitán. Precisamente a presencia de Benito Pardo fixo saltar as alarmas sobre a condición de represaliados (polo menos directamente) dos citados. Unha consulta no libro rexistro de enterramentos do cemiterio, documenta a condición de falecidos na fronte de guerra de todos eles combatendo no bando sublevado; nada sabemos das militancias políticas agás a de Benito Pardo. Capitán retirado do exército pola lei Azaña, africanista, foi un destacado militante fascista en tempos da República; logo do golpe noméano xefe de milicias da Falange e actuou como membro de tribunais militares. Falece na fronte de Asturias o 11 de marzo de 1938. O enterramento foi multitudinario con asistencia de altas xerarquías falanxistas.

Todos os citados foron inhumados en sepulturas individuais numeradas e, polo tanto, coñecidas. Por certo, hai dous erros nas datas de enterramento: a do capitán Pardo foi o 17 (non o 11) de marzo de 1938 e a de Francisco Rodríguez o 3 de abril de 1937 (non do 38). Unha pregunta que cabe facerse é a do motivo polo que se consideran só sete cadáveres e se obvia o resto de combatentes alí enterrados nas mesmas condicións. No período entre xullo de 1936 e xuño de 1944 figuran rexistrados no cemiterio un total de 94 persoas mortas na fronte de batalla. Certo que podemos considerar vítimas do franquismo os soldados recrutados á forza, imposible sería facelo cos militantes e mandos falanxistas, algúns implicados anteriormente en prácticas represoras.

Analizando o rexistro de enterramentos, ata a data do 11 de maio de 1941 aparecen enterrados 147 represaliados polo franquismo nas diversas modalidades: execución tras sentencia, fusilados por incursos no bando e "paseados". Facemos notar que esta cifra non equivale ao total de asasinados na capital e contorna pois bastantes foron enterrados noutros cemiterios ou en lugares descoñecidos. Os cálculos de mortes na zona (tamén veciños doutros lugares que son asasinados aquí) é de como mínimo 220. Na ficha non se fai referencia a ningún deles, como tampouco se fai ao maior fusilamento colectivo efectuado en Pontevedra: o dos 28 asturianos executados na estrada a Monte Porreiro (A Seca) o 2 de xullo de 1938. Procedían de Camposancos e foron enterrados na zona 2 e 3 en dous grupos de 14. A partir de 1939 comezan a enterrarse mortos procedentes do penal de Figueirido; estes falecemento son debidos ás enfermidades propiciadas polas moi deficientes condicións hixiénicas e de alimentación naquel recinto, polo tanto eran tamén vítimas do franquismo. Na nosa opinión, non debemos falar de foxa no caso de san Amaro, pois os enterramentos alí efectuados foron individuais, estaba identificada cada sepultura cun número (no caso das situadas nas zonas 2 e 3, que eran a maioría) ou se efectuaron en panteóns familiares e algúns dos que se sinalan como vítimas eran militantes de organizacións que provocaron o golpe de estado. Non é o único caso pois, na propia comarca de Pontevedra, en Cerdedo sinálase unha pretendida foxa na que o único enterrado era Luis Gutiérrez Torres, destacado falanxista e membro do Batallón de Voluntarios de Falanxe, de quen o xornal El Pueblo Gallego afirma:

la exaltación de tu fe religiosa, tesoro espiritual heredado de tus buenos padres, tu encendido amor a España, tus fervores a Falange y tu adhesión imperecedera a José Antonio, fueron los que encendieron las llamas de tu juventud para ofrendársela a la Patria.ii

Figura na ficha que a "fosa" (?) de san Amaro foi "trasladada al Valle de los Caídos y dignificada" o 27 de marzo de 1959. Estes traslados foron consecuencia da orde de 23 de maio de 1958 do ministro de Gobernación, Camilo Alonso Vega, na que ordenaba aos gobernos civís a elaboración dunha relación de enterramentos colectivos coa finalidade de trasladalos a Cuelgamuros "sin distinción del campo en que combatieron" pero, iso sí, de relixión católica e españois. Bastantes represaliados foron levados a Cuelgamuros sen o permiso dos seus familiares.

Pero antes ocorreron outras cousas en san Amaro: o 23 de xullo de 1939, a instancias da Cruz Vermella, inaugúrase o Mausoleo aos Caídos. Este monumento deseñado polo arquitecto municipal Emilio Quiroga, axudado polo directivo da Cruz Vermella e dirixente falanxista Luis Huesa, ten 12 metros de longo, 7 de fondo e 6 de alto. Nos laterais graváronse os nomes dos "caídos", incluso os de aqueles que estiveran enterrados en panteóns familiares ou por outras circunstancias non puideran estar no monumento. Na inscrición figuran 76 nomes, entre eles os relacionados na ficha que comentamos. Como se dixo no acto da inauguración "la amplia cripta ha de guardar los restos de los héroes pontevedreses caídos en la Santa Cruzada de redención y cuyos nombres figuran a los costados del monumento funerario". Nese acto, con presencia de autoridades militares e de Falanxe, inhumouse na cripta o primeiro dos cadáveres, o dun soldado descoñecido que estaba enterrado na sepultura 895. No libro rexistro aparece tamén a indicación de "pasó al monumento a los caídos" na anotación do tenente da Bandeira Lexionaria Galega de Falanxe, Agustín Mariné Alemany, que morrera na fronte o 11 de setembro de 1936.

Non se explicita o significado de "dignificada" pois nos lugares de enterramento non se aprecia ningunha referencia. O monumento aos caídos é obxecto anualmente, o día de defuntos, dunha ofrenda por parte da BRILAT, con base en Figueirido, aos soldados falecidos en todos os tempos. Os actos consisten nun responso, descarga de fusilería e ofrenda floral.


iRodríguez Teijeiro, D. "Sobre memoria e historia. Reflexiones en torno a la "fosa de los asturianos" y la prisión del monasterio de San Salvador (Celanova 1936-1945). Minius nº 30, 2025.

iiEl Pueblo Gallego, 11-10-1938.

jueves, 5 de febrero de 2026

Os anos do volframio.


A actividade de extracción e comercio do volframio na provincia de Pontevedra nos anos corenta tivo moita importancia, non só económica senón tamén na orde social, política e nas relacións internacionais. O feito de ser un mineral estratéxico, moi demandado nos tempos de guerra fixo que a competencia entre nazis e aliados, principalmente Gran Bretaña, tivera como campo de manobras esta zona. Os prezos do metal acadaron cifras astronómicas no mercado internacional; por exemplo, a tonelada pasou de venderse a 1300 dólares en 1941 a 20.000 no 1942.

Os principais xacementos estaban no concello de Vila de Cruces coas minas de Fontao, pero tamén noutros lugares houbo minas de moita menos importancia.

Alemaña precisaba de inxentes cantidades de mineral para soster o esforzo bélico e creou un enramado de empresas (SOFINDUS e as súas filiais) que facilitaron a compra, por medios legais ou ilegais, de volframio. O interese dos aliados estaba en evitar ou dificultar este negocio mediante compras a maior prezo e outras accións. As actividades duns e doutros estaban moi ligadas aos servizos de espionaxe, que tiveron en Vigo un importante centro de actuacións.

En Fontao estaba localizada a empresa máis importante, Sociedad Estaños de Silleda; en 1939 era xerente o enxeñeiro de minas Fernando Cort que, no ano 1940, pasa a ser director técnico. Nese ano, o seu irmán César Cort Botí faise co control das accións aproveitando unha lei que limitaba o capital estranxeiro. Deixa de estar nas mans francesas e pasa a denominarse Wolfram Hispania S.A. e, en 1945, Fomento Hispania S.A.. César é o presidente do consello de administración. 

Na parroquia de Saidres (Silleda) funcionaba unha sociedade alemá controlada polo residente en Vigo Otto Gerdtzen Boyé, propietario dunha fábrica de salgadura en Meirande (Rande, Redondela), da empresa Minerales Galaicos S.A. e subministrador de volframio e outros produtos para o III Reich. Outros alemáns relacionados con este tema eran Richard Kindling, cónsul alemán en Vigo, Meino von Eitzen, con residencia en Soutomaior e subministrador dos submarinos nazis así como o responsable do servizo secreto alemán en Galicia, Walter Giese.

O número de traballadores das minas variaba, segundo etapas, entre 800 e 1500; procedían de diferentes lugares de Galicia e Asturias. Tamén había presos políticos no chamado Destacamento penal de las minas de Silleda dependentes da Comisión de Redención de Penas por el Trabajo. Os obreiros cobraban entre 6 e 10 pesetas diarias pero estaba xeneralizada a venda clandestina de mineral roubado na propia mina ou atopado nos residuos, polo que os ingresos da maioría eran moi elevados. Ademais dos obreiros das minas, chegaran á zona centos de homes e mulleres que se adicaban ao estraperlo e a actividades de todo tipo: bares, casas de prostitución, roubo, xogos prohibidos, etc. Residían en chabolas, cortes e todo tipo de construcións habilitadas a tal fin, nun ambiente de promiscuidade e sen as mínimas condicións de hixiene. Dános moi boa idea de como era a situación o documental de Antonio Caeiro "A memoria nos tempos do wolfram".

Ademais das empresas mineiras sinaladas, había declaradas moitas outras explotacións, de pouco ou nulo rendemento, espalladas pola zona. Aparecen como titulares dalgunhas persoas como o médico de Lalín, membro do partido Radical, Gumersindo Castro, o contratista pontevedrés Manuel Gulías Porto ou Victoriano Galiño. En moitas ocasións tratábase dun subterfuxio para, ao amparo da concesión legal, obter guías de mineral que se empregaban como cobertoira do roubado ou comprado clandestinamente. Foron moi elevadas as solicitudes de rexistro de xacementos e moitas fortunas se fixeron con este método. Moitas das compras destas pseudoexplotacións facíanse aos recuperadores ou "buscóns", que eran persoas que obtiñan o mineral fóra das pertenzas minerais e de xeito ilegal. Formaban redes ou cuadrillas que podían reunir cantidades importantes de mineral. Na provincia da Coruña, o 20 de xullo de 1942, a policía incautou en Noia 4200 quilogramos de volframio que foran subtraídos por unha rede de "buscóns" das minas de Lousame, dirixida por un tal Ramón Rudiño "elemento de antecedentes francamente adversos a los principios morales de nuestro glorioso Movimiento" (ABC, 20-7-1942). Xunto a el detiveron a numerosas persoas: donos de hoteis, industriais e intermediarios. Os policías, no papel de compradores, ofrecéranlle máis de novecentas mil pesetas.

As empresas burlaban a política intervencionista do goberno e desviaban parte da produción ao mercado negro, no que se pagaban prezos máis elevados. Moita mercancía pasábase de contrabando a Portugal onde a mercaban axentes británicos.

Unha faceta a destacar é a política; na zona confluían traballadores penados, moitos deles asturianos, cun alto grao de formación política, outros estaban en liberdade condicional. Artelláronse redes clandestinas de resistencia contra o réxime. Foi o caso da reorganización do partido comunista que, en 1943, conta coa presenza en Fontao de Víctor García "O Brasileiro" a quen elixen secretario rexional. Tamén hai actuacións da guerrilla, que ten presenza co grupo do Corcheiro en Bandeira (Silleda).

A situación na zona causa preocupación nas autoridades do réxime que se ven con moitas dificultades para controlala, a pesar de destinar alí un elevado número de gardas civís.

Para obter información precisa do que sucede, o 6 de maio de 1944, o delegado nacional de prensa dirixe un escrito da sección de Documentación y Auscultación ao delegado provincial. O escrito ten o selo de "secreto" e pide "con carácter reservado y urgente" un estudo detallado das persoas adicadas á explotación do volframio, detallando ideas políticas, antecedentes persoais, xénero de vida, etc. Debe facelo cunha exposición "concreta, clara y sobre todo veraz".

O delegado, camarada Vicente Muñoz Calero, elabora un detallado informe1 que envía á Vicesecretaría de Educación Popular de FET y de las JONS, tamén con carácter secreto, o 16 de maio de 1944. Este informe é unha interesante e moi completa fonte de información sobre a situación na zona e tamén da visión que ten sobre ela o xerarca falanxista.

Sobre Fernando Cort afirma que era "de ideología no bien definida y de sus antecedentes personales antes de la guerra, aunque no muy claros, se le puede considerar como un técnico". Afirma que fora colocado por intermedio de Rafael Sáenz-Díez, enxeñeiro de minas e xerente de "La Toja S.A.", de "ideas derechistas y cuya hostilidad a la Falange es publicamente conocida". Efectivamente, Sáenz-Díez, tivo unha forte actividade rexistrando numerosas pertenzas mineiras de todo tipo nesa época; no 1939 solicita vinte pertenzas de estaño en Fontao, no 1942 cento sesenta e oito de andalucita en Tomiño e Oia e moitas máis noutras ocasións. Confírmase a súa desafección ao réxime, a pesar de ter sido membro da Garda Cívica pontevedresa (El Pueblo Gallego, 30-5-37) e concelleiro designado en novembro de 1936, pois no ano 1943 múltano con 10.000 pesetas "por falta de cooperación al Movimiento Nacional" (El Pueblo Gallego, 20-8-1943). Fernando Cort, durante os anos de xerente,

ha conseguido reunir una fortuna personal que oscila entre los treinta y cuarenta millones de pesetas [...] ha preferido ir invirtiendo sus ganancias fabulosas en la compra de inmuebles fincas en la provincia y en negocios navieros y de pesca.

Os colaboradores de Cort non saen ben parados no informe de Muñoz Calero. Sobre o xefe de oficinas, Luis Garrido Otero, afirma que era un "individuo de pésimos antecedentes" que fora afiliado á CNT en Madrid, "miliciano rojo armado", cometera varios desfalcos e "según noticias, perteneció a la brigada del Campesino". Era o home de confianza de Cort na compra de mineral a recuperadores e "buscóns". Segundo informes confidenciais "vive una vida de escándalo y orgía constante" e, ao parecer dos veciños, tiña negocios persoais no estraperlo do volfram. O capataz xeral, un tal Maximino, non tiña antecedentes políticos pero a súa conduta deixaba bastante que desexar. Chamábanlle "el estraperlista de la cesta" debido a que a súa muller saía da mina cunha cesta na que, presuntamente, levaba mineral para vender clandestinamente. Outros capataces subordinados tiñan antecedentes de esquerdas e cualifícaos como indesexables. Todos tiñan un tren de vida moi alto. Sobre o contable e o oficinista opina que son de "ideales marxistas" e un deles "pudiera ser un agente político". Respecto aos traballadores, a maioría eran de "antecedentes políticos marxistas y de conducta licenciosa o inmoral".

As consideracións de Muñoz Calero cambian ao referirse á Sociedad Alemana de minas. O seu director, Otto Gerdtzen tiña unha conduta sen tacha e "se le supone a las órdenes de la Embajada Alemana". A produción da mina era escasa e o persoal tiña bos antecedentes políticos e boa conduta. Tiña relación directa co vicecónsul alemán de Vilagarcía, José Reboredo, con antecedentes monárquicos. Reboredo tiña a función de comprar o volfram a pequenos vendedores. Tamén existía unha rede de pequenos compradores clandestinos.

A nivel xeral, os axentes de compras principais atópanse en Vigo. Para os alemáns sería o citado Otto Gerdtzen e para os ingleses o xerente de La Mala Real Inglesa, Estanislao Durán, de "antecedentes monárquicos y gran fortuna personal".

A situación política e social era preocupante: atentados e roubos, varios asasinatos, o custe da vida era moi elevado chegando a pagarse 15 pesetas por un quilo de pan, a prostitución era alarmante...

No estritamente político, 

se ha creado un foco de infección marxista de extraordinaria gravedad, pues los cabecillas de estos aventureros son rojos y elementos peligrosísimos de izquierdas que han huído de su respectiva residencia o han sido deportados de ellas.

Recoñece o informante que a presenza de numerosos axentes da Garda Civil non resultaba efectiva e recoñece a corrupción presente nos gardas pois "contaminada por el lucro y la codicia ha dejado hacer con la más absoluta inibición (sic), lo que las bajas pasiones de esta masa de aventureros y maleantes les apetecía, sin respeto alguno por la ley".


1Fondo: Delegación Provincial do Ministerio de Información e Turismo. AHPPO. Galiciana.

jueves, 15 de enero de 2026

Alcaldes de Xeve no 1936.


O 28 de xullo de 1936, o mestre José Iglesias Rodríguez presenta no concello un oficio polo que se lle nomea delegado do gobernador para Xeve. Tamén se ordena o cese dos concelleiros e do alcalde, que foran elixidos democraticamente en abril do ano 1931. A este acto asiste o alcalde destituído, Lino Tilve Corbacho, que entrega a Iglesias as insignias propias do cargo. Os concelleiros cesados eran: Francisco Torres Lorenzo, Avelino Ruibal Sobral, Genaro Solla Calvo, José García García, Rogelio Corbacho Solla, Alfredo Blanco Casas, Manuel Landín Moldes e Manuel Riveiro Corbacho. Esta corporación xa fora cesada anteriormente con motivo dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934 (orde gobernativa de 15-10-34). O 21 de febreiro de 1936, logo do trunfo da Fronte Popular nas eleccións celebradas o 16 dese mes, foron repostos e cesou o alcalde designado, que era Ángel Morgade Solla.

José Iglesias Rodríguez, mestre, falanxista, fora nomeado alcalde-delegado gobernativo o 25 de xullo cando se atopaba de vacacións en Compostela. Segundo afirma, era “refractario a cargos de esta índole” pero, en atención ao perigo inminente no que se atopaba España, aceptou.

Sobre Iglesias xa escribimos noutras entradas neste blog; só lembrarnos aquí da súa vehemente paixón literaria, que o levaba a solicitar repetidamente a diversas institucións a compra de exemplares dos seus libros. Por exemplo, no Boletín de Educación (xaneiro de 1938), afírmase sobre o seu libro La España Triunfal ¡¡Gloria a Franco!! (Vigo, 1937) que era un “loable intento de presentar largas listas de acontecimientos históricos y actuales en poetizada prosa”.

Unha vez posesionado do cargo, publica un bando no que fai un llamamiento cordial para que en tales momentos de peligro y revolución se pusieran todos con reflexión y cordura al lado de la autoridad, ayudándola y colaborando con ella para establecer una nueva era de paz y tranquilidad entre todos los vecinos del ayuntamiento, sin tener en cuenta enemistades ni ideología política sino amándonos como hermanos.

Na represión subseguinte ao golpe militar, a actitude de Iglesias foi máis ben conciliadora e no concello de Xeve houbo poucos represaliados, agás os casos coñecidos de Manuel Dios Costado, Eduardo Muíños e os enterrados na foxa de S. André. Ningún deles era nativo da parroquia e as ordes de actuación viñan de instancias superiores.

Iglesias gábase de que 

se ha dado el caso consolador de que en más de 4 meses de mi actuación, ningún hijo de Geve ha pisado la cárcel. Unicamente el vecino de Berducido Manuel Hermida por hacer manifestaciones de poseer clandestinamente una escopeta y el de San Andrés Manuel Solla Castro por desacato a la autoridad.

As xestións do alcalde fixeron que só estiveran detidos 48 e 24 horas respectivamente. Tamén fai referencia a que, o día anterior ao seu cese, “por desgraza” detiveran Eligio Corbacho e Eligio Portela, reclamados pola autoridade militar como requisadores de armas o 20 de xullo.

Os labores do alcalde delegado nestes días foron de colaboración na recollida de armas, requisa de automóbiles, recadación de donativos, entrega de diñeiro e documentación das sociedades agrarias, formación da Garda Cívica e outros semellantes; todo baixo as ordes do gobernador.

No cumprimento desas ordes tivo que 

invertir toda la piedra labrada que la Sociedad de Agricultores y Obreros de San Andrés tenía en el punto denominado Bouza del lugar de Sobral de la mentada parroquia para levantar allí la Casa del Pueblo.

 Esta pedra usouse para facer un muro de contención no adro da capela de San Roque.

Un caso curioso foi a depuración do alguacil porteiro do concello Ramón Boga Reboiras por pertencer a “una asociación agrícola-obrera de este término que actuó en el Frente Popular”. Aínda así, cando cesa como alcalde-delegado fai constar que dito porteiro era dunha “honradez acrisolada”.

Segundo normas que aparecen nunha circular “que persigue la independencia, eficiencia y apoliticismo de las personas que hayan de administrar los intereses municipales” e debido tamén a “las circunstancias y sus muchos quehaceres”, cesan a Iglesias e nomean como novo alcalde-delegado civil a Benito Rivas Hermida e como vogais da xestora a Gerardo Fontán Pérez, Manuel Civeira Hermida e o propio José Iglesias, que ocupará o cargo de 1º tenente de alcalde.

Na pugna polo control de alcaldías, neste caso gañan os representantes da “vella política” da Restauración. Benito Rivas Hermida ocupara os postos de fiscal e de xuíz municipal en períodos anteriores. Fora elixido concelleiro no ano 1909 e desde 1912 exercera como alcalde. Estaría neste cargo ata a chegada da Ditadura de Primo de Rivera, que nomea a Manuel Fontán Rivas.

Benito Rivas, importante propietario que figuraba como maior contribuínte no censo industrial, non participa nos gobernos municipais da Ditadura nin da República e móvese no asociacionismo agrario. No ano 1930 figura como presidente do grupo cooperativo de Verducido na Caixa Rural de Lérez e, ademais, é membro do consello de administración da entidade. En marzo de 1933 aparece como secretario do congreso agrícola que se celebra en Pontevedra.

En 1938, de acordo coa orde do 30 de outubro de 1937, constitúese de xeito normalizado o concello de Xeve coa seguinte composición: alcalde, Benito Rivas Hermida; 1º tenente de alcalde, José Iglesias Rodríguez; 2º tenente de alcalde, Manuel Civeira Hermida; Síndico, Gerardo Fontán Pérez e, como xestores, José Fontán Costas, Cándido Mosteiro Fontán, Manuel Gómez Lafuente, Paulino Solla Sobral e Manuel Sobral Solla.

Benito Rivas non cesaría como alcalde ata a anexión a Pontevedra no ano 1944 e continuaría como concelleiro neste último, cun total de máis de 50 anos ocupando este cargo.