jueves, 28 de enero de 2016

Seique


Fai uns días asistimos en Pontevedra á presentación do libro “Seique” de Susana Sánchez Aríns(Através editora); casualidades da vida fixeron que, poucos días despois, atopase algunhas novas sobre o protagonista, “un fascista tan sen importancia que nin sequera aparece nos arquivos” como di a autora; pero si que aparece, hai moitas máis pegadas documentais do pasado do que habitualmente se pensa, o difícil é atopalas pero algunhas veces, como neste caso, a sorte está con nós.
Algúns dos que traballamos na investigación da represión temos un caderniño no que imos apuntando cousas: misterios a descifrar, cousas que non cadran, peticións de información, nomes de desaparecidos, en fin, zonas de sombra que esperan o día no que un raio de luz ilumine a historia. No meu caderno tiña apuntado o nome de Manuel García Sampayo, sobre quen me preguntara Susana fai bastante tempo.
O 28 de marzo de 1937, entre as doce e doce e media da noite, foi asasinado en Ribadumia o taberneiro Daniel Varela Muñíz. O xuíz de Cambados, Manuel Lojo, procede a incoar o sumario; poucas veces atopei unha descrición tan minuciosa nunha dilixencia de recoñecemento de cadáver:
el cadáver de un hombre, boca arriba, bañado su rostro en sangre [...] se le aprecian nueve heridas contusas en la cabeza, cuatro de ellas en la región frontal, dos en la temporal izquierda, una en la comisura labial derecha y dos en la parte inferior del occipital; también presenta en el párpado superior del ojo izquierdo, un orificio de entrada de un proyectil con salida por el lado derecho de la región occipital y en el tercio superior del brazo derecho y en su cara posterior de dicho miembro, se aprecia un orificio de salida de un proyectil y que tiene su entrada en su cara anterior, con probable fractura de húmero.
O cadáver estaba a medio vestir e hai sinais de violencia por todas partes. Sucédense as declaracións; a Guardia Civil recolle os rumores que apuntaban ao cura de Ribadumia como indutor. O trece de xuño, o xuíz decreta a detención de Manuel García Sampayo, que ingresa no cárcere de Cambados o día seguinte, un día máis tarde ingresa Adolfo Martínez; ambos eran militantes recoñecidos da Falanxe que, o 17, expúlsaos por “indeseables e indignos de vestir la camisa azul.” O auto do xuíz aprecia indicios racionais de que os citados, xunto con Ricardo Caamaño (criado dos de Portarís, a familia de Sampayo) e un tal Aguiño, foran os autores do crime. Ricardo e Aguiño xa non se atopaban na localidade pois parece ser que estaban combatendo na fronte.
Como os inculpados eran falanxistas e estaban militarizados, o xulgado inhibiuse e a causa pasou á autoridade militar.
O acusado presentou de xeito reiterado escritos nos que defende a súa inocencia e apunta cara outros posibles culpables e intúese que coñece moi ben as declaracións que prestan as testemuñas; sucédense as declaracións ao seu favor e achégase unha batería de informes favorables a Sampayo, por exemplo o do cura de Besomaño:
no solo observó siempre buena conducta moral y religiosa, sino que es uno de los feligreses que merece ocupar un puesto de los más distinguidos por su docilidad, humildad y religiosidad nada comunes, contribuyendo con su buen ejemplo a la moralización de sus compañeros y vecinos. En cuanto a política tanto el como toda su familia fueron de derechas y desde que se inició el glorioso movimiento nacional fué, en la localidad, el más destacado defensor del mismo.
O informe da Guardia Civil de Cambados destaca a pertenza ás Milicias de FET y de las JONS (xefe da escuadra de Ribadumia) e que, dende os primeiros momentos, ofrecérase para actuar contra os revolucionarios colaborando con entusiasmo no restablecemento da orde pública e nas batidas nos montes para a detención de extremistas; recalcan que sempre cumpriu as ordes exactamente e sen extralimitacións.
O seu pai, Manuel García Moreira, concelleiro na Ditadura de Primo de Rivera e membro da Comisión Xestora logo do golpe,
 después de haber criado quince hijos, de los que uno murió en la guerra de África, dos se hallan actualmente sirviendo a la Patria en el Glorioso Ejército en los frentes de combate, una hija monja y otra trabajando para el Ejército, otro hijo desempeñando el cargo de Teniente de Alcalde del Ayuntamiento de Meis
 tamén intercede polo fillo e culpa a familia do falecido de que
busca, entre sus amigos, compinches y correligionarios , individuos que se presten a declarar contra mi citado hijo. Así y todo, no pudieron encontrar, ni entre esa gentuza, quien hiciese cargos concretos contra mi hijo, y reducen sus manifestaciones a decir que suponen, que creen, que oyeron, que fulano le dijo, etc, etc, dándose el caso que la acusación principal la ponen en boca de un sujeto de filiación comunista que desertó de nuestras filas pasándose a los rojos.
Aduce que, polos seus achaques e a falta do fillo, non pode facer fronte ao peso da casa.
O capitán que exerce de xuíz instrutor, de maneira reiterada, rexeita as peticións de liberdade porque, se ben non foron confirmados os indicios e sospeitas, tampouco se presentaran probas que os desvirtúen. Tamén se permite responder ás queixas do pai de Sampayo lembrando que, cunhas propiedades que valían máis de trinta e cinco mil duros, ben podería valerse de xornaleiros, como facía antes, e non precisar a axuda do fillo detido. A irmá Waldina, de 17 anos, renuncia a declarar.
Algunha testemuña apunta que se viu a Sampayo, antes do crime e fronte á casa da vítima, dicir a media voz: 
este home non aprende, vai con unha, vai con dúas e ás tres non vai a chegar; calquer día voulle a voar os sesos da cabeza por enrriba (sic) das tellas [...] Boeno, total ten poucos días de vida
 Outras apuntan a que o cura de Ribadumia negárase a publicar as amoestacións do falecido e dixéralle a familiares da moza que o casamento sería funesto, pois Daniel “tenía que aparecer muerto cualquier día”. Pero hai moitas persoas que declaran contradicindo os testemuños acusatorios e negando manifestacións anteriores.
O instrutor acaba por recoñecer as dificultades e non poder “hacer más luz en las sombras que rodean el hecho de autos”. O auditor de guerra considera procedente o sobresemento provisional e os detidos saíron en liberdade o 12 de novembro de 1938. A familia da vítima, en abril de 1939, solicita a revisión da causa alegando que a falta de garantías procesais, determinada pola anormalidade da guerra,  propiciara que os inculpados tivesen “sobra de medios para preparar la confabulación”. As súas pretensións foron estériles diante da dificultade de atopar testemuñas e probas máis contundentes, xa que ás testemuñas que serían definitivas non se conseguiu que viñesen a declarar.
Como se ve, as incertezas continúan pero a documentación perfila moito máis o personaxe e, sobre todo, amosa de maneira moi real a realidade da época e do lugar. Con todo, non da para borrar ese “Seique” omnipresente no libro, pero seguro que aporta vimbios para unha nova narración que, estou seguro, Susana non deixará de escribir.

domingo, 3 de enero de 2016

Morrer en Gusen.


Ao remate da guerra de España, milleiros de persoas pasaron a fronteira con Francia. A primeira decepción foi o trato recibido polas autoridades francesas: internamento en campo de refuxiados (máis ben campos de concentración), dos que os máis coñecidos son os de Argèles e Saint Ciprien. Fame, falta de hixiene, enfermidades, malos tratos, son as características que definían a situación, só paliadas pola axuda das organizacións francesas de esquerdas e pola capacidade de autoorganización dos excombatentes republicanos.
Semanas despois, coa declaración de guerra contra Alemaña, preséntanse dúas alternativas: apuntarse na Lexión Estranxeira francesa ou ingresar nas militarizadas Compañías de Traballadores Españois. Moitos foron capturados polos alemáns e internados en Stalags (campos de prisioneiros). Coa invasión alemá de Francia e a instauración do goberno colaboracionista do profranquista Petain, a situación foi a peor: o común acordo entre alemáns, franceses colaboracionistas e o goberno de Franco conlevará o traslado a campos de concentración alemáns. Algúns lograron integrarse na resistencia francesa pero cando caían prisioneiros tamén eran enviados aos campos.
Mauthausen e Gusen (un dos seus subcampos), ubicados en Austria, foron o lugar de martirio da maioría de españois baixo o réxime de terror das SS e os seus kapos (presos de confianza).
O recibimento en Mauthausen non puido ser peor: un capitán nazi lembroulles que nunca volverían saír pola porta, a única saída era pola cheminea que botaba o fume negro procedente da queima dos cadáveres. Alí recibiron o uniforme de raias azuis cun triángulo invertido dentro do que estaba bordado un S (de spanier, español).
Fusilamentos, suicidios, malleiras, temperaturas extremas, traballos extenuantes nas canteiras, fame, asasinatos por inxección de gasolina nas veas ou directamente no corazón, cámaras de gas, experimentos médicos atroces...e todos os tormentos imaxinables.
Que pouco se fala do sufrimento dos españois nos campos de concentración alemáns! Moito máis grande é o silencio sobre as mulleres republicanas, moitas loitadoras na resistencia francesa, cun papel determinante sobre todo en labores de información, propaganda, transportes de armas e sabotaxes. Detidas, torturadas salvaxemente nos interrogatorios da Gestapo e conducidas ao campo de exterminio de Ravensbrück; alí, nas mans da sección feminina das SS, sufriron todo tipo de penalidades, entre elas os experimentos médicos de esterilización mediante a inxección de produtos químicos no útero. As sobreviventes do horror tiveron que convivir o resto dos seus días cos traumas psicolóxicos e físicos xerados no cautiverio.
Lembramos hoxe a dous veciños da capital pontevedresa que toparon a morte en Gusen. Pouco sabemos das súas vidas e ignoramos cal foi o proceso que os levou a Francia. Urbano Sanmartín Abilleira nacera en Mourente o 15 de marzo de 1902; Nun primeiro momento estivo internado no Stalag XII-D, ou sexa, un campo de traballos forzados para prisioneiros de guerra, situado en Trier (Alemania), o seu número de prisioneiro era o 57132. O 25 de xaneiro de 1941 foi deportado a Mauthausen, alí recibiu o número 3508. Faleceu o 24 de novembro de 1941. Manuel Coto Martínez era de Marcón onde nacera o 11 de decembro de 1912. estivo preso no Stalag XI-B de Fallingbostel, na Baixa Saxonia, tiña o número de prisioneiro 87568; foi trasladado a Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941 e recibiu o número 5123. Faleceu en Gusen o dous de xuño de 1942 (algunhas fontes indican que foi no 1943).

jueves, 17 de diciembre de 2015

Día de defuntos, 1944.


Se hai unha tradición popular e estendida por todos os pobos de Galicia, esa é a de lembrar os defuntos adornando con flores e alumeando con velas as tumbas dos cemiterios no mes de Santos; pero fóra dos camposantos aínda existen lugares de morte ou de enterramento de vítimas do golpe militar do 36. Moitos destes lugares son descoñecidos para a maioría da poboación, sen unha placa ou símbolo que nos lembre o que alí sucedeu. Non ocorre así co malecón de Monte Porreiro, lugar de fusilamento de máis dun cento de persoas e que conta cun monumento que nos lembra o sucedido. Outro destes lugares é a chamada “volta do Couto”, na carreteira de Ourense, entre Bora e Tenorio; alí non hai símbolo que nos lembre os crimes cometidos no lugar pero está na memoria das xentes.

No ano 1944 aínda o terror estaba presente con toda intensidade, algúns presos saían das cadeas grazas aos indultos, eran anos de medo e de fame. A guerrilla actuaba nas zonas próximas e a resistencia contra o réxime contaba cunha organización incipiente vinculada, fundamentalmente, co partido comunista. Non eran tempos doados para lembrar publicamente as vítimas republicanas, aínda así, a resistencia foi capaz de efectuar o que foi a acción máis espectacular e inimaxinable da propaganda antifranquista.

Na mañá do primeiro de novembro de 1944, forzas do Servicio de Información da Guardia Civil pontevedresa observaron no malecón de Monte Porreiro e “sobre la trinchera donde durante el Glorioso Alzamiento Nacional se estuvieron verificando los fusilamientos de los condenados a la última pena por los Tribunales en los Consejos de Guerra.” que aparecera unha cruz de madeira cravada no chan, sobre ela unha coroa de flores naturais e, pendente desta, unha cinta de crespón negro dun metro de longo e 14 centímetros de ancho, que tiña pintada con esmalte branco a frase: HONOR A NUESTROS MÁRTIRES. Outra cruz, con coroa e cinta semellantes, foi recollida ao día seguinte na “volta do Couto”, na marxe esquerda da carreteira en dirección á capital.

A ousadía do feito puxo en máxima actividade á “Brigadilla” da Guardia Civil así como á comisaría de policía, pero as xestións para dar cos autores non deron resultado e só puido saberse que as coroas foran adquiridas no establecemento da viúva de Rivas, en Poio, por un home vestido cunha prenda de coiro; para engadirlle máis aquel ao asunto, quen as despachara fora un policía, xenro da propietaria, que, evidentemente, pouco podía sospeitar do destino das mesmas.

A xustiza militar abre unha causa contra “autores desconocidos de un delito de propaganda subversiba (sic)”. 

Adicado aos compoñentes da tertulia dos martes.

lunes, 7 de diciembre de 2015

Epistolario: carta a Adela e compañeiras.


José Domínguez González era tenente de alcalde de Salvaterra, nativo da parroquia de Corzáns, foi fusilado no castelo do Castro en Vigo ás once da mañá do 24 de febreiro de 1937, xunto con nove persoas máis. Domínguez escribira unha carta de despedida á súa moza Angelina, publicada por Carlos Fernández en Alzamiento y Guerra Civil en Galicia (Ed. Do Castro) e por Alonso Montero no seu libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte. (1936-1948) editado por Edicións Xerais. Esta carta dou lugar a un magnífico artigo de Manolo Rivas, no xornal El País, titulado A carta de amor/morte de Pepe a Angelina. Pero esa non foi a única carta escrita por José: na mañá en que o conducían á morte, no corredor do cárcere, José Domínguez entregou a un cabo un papel cunha carta; esta vez non vai dirixida á súa moza senón que o fai a unha muller, Adela Melijosa Suárez, e compañeiras presas. Os funcionarios leron a carta e, como a súa “literatura pugna y es contraria en todo al espíritu que anima al Glorioso Movimiento Militar”, dan parte da mesma á autoridade militar superior. Acompañan o escrito coa consideración de que, se fora dirixida a Adela e compañeiras, sería porque 
 éstas tal vez estarían pendientes de la suerte que sus “compañeros” pudieran correr, viendo contristadas la ejecución de aquellos que por sus doctrinas y sus ideales eran indignos de formar parte de la Nueva España, por la que todos con gran entusiasmo estamos labrando.
Ofrecemos a continuación o texto desta carta:
Queridas compañeras Salud: Cuando ésta llegue a vuestras manos ya no seremos más que un montón informe de materia sin espíritu, porque él habrá volado ya a otras regiones desconocidas. Vamos a formar un eslabón más de la cadena de los mártires que han caído víctimas del odio y la venganza de los enemigos de nuestra santa Libertad. ¡ A vosotras que supísteis dar un ejemplo vivificante de abnegación en este momento de honda tragedia! Os queda una larga y penosa etapa que recorrer todavía, pues ella será la que habrá de culminar en el asentamiento de las bases definitivas de la nueva Sociedad, más humana, más justa y equitativa.
Vosotras por el imperio de una autodeterminación histórica, llevaréis el faro potente que ha de iluminar el sendero que os ha de conducir triunfalmente en pos del ideal superior por el cual hemos ofrendado nuestras vidas!
Que el ejemplo de estas trágicas horas vividas sea un constante emolumento en la lucha en que estáis empeñadas... Vuestro y de la causa. José Domínguez.
A persoa a quen ía dirixida a carta, Adela Melijosa Suárez, “A Santanderina”, de 40 anos, presa por orde gobernativa no cárcere vigués, participara en numerosos actos da Fronte Popular e fora elixida vogal da Agrupación de Mujeres Antifascistas en marzo de 1936. O informe da comisaría (5-5-1937) era demoledor: mala conduta pública e privada (separada do seu home e convivindo cun “destacado revolucionario” fuxido), reventadora de mitins das dereitas, facer unha festa para celebrar o asasinato de Calvo Sotelo, abortista, e ademais tiña “una casa muy bien amueblada cuyos gastos no están justificados de una manera lícita, creyéndose que recibía de una manera directa o indirecta fondos de Rusia para favorecer la propaganda comunista.”
Con motivo da incautación desta carta ábreselle unha causa militar celebrándose o consello de guerra o 7 de xullo de 1937 en Vigo. O fiscal militar, logo de facer referencias á súa vida privada e significación política, non atopa “razón fundamental en que asentar y hacer forma una figura de delito” e retira as acusacións aínda que fai unha apelación para que sexa sancionada gobernativamente. O tribunal falla absolvendo á procesada.
Fontes: Causa 669/37. AIMN.
Adicada a Telmo Comesaña, Antonio Monroy e a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.

martes, 24 de noviembre de 2015

"Los cuchipandistas antifascistas"


Adicada a Ramón López Laxe, persoa comprometida na defensa do patrimonio histórico, ambiental, etnográfico... das terras de Salcedo e de Pontevedra, co agradecemento pola información facilitada.
 
O título desta entrada era o nome da “murga estraperlitifláutica” formada por un grupo de veciños de Salcedo, militantes ou simpatizantes de formacións de esquerdas, que tiña como obxectivo a sátira sobre personaxes e actuacións dos partidos da dereita, tanto a nivel estatal como, sobre todo, dos veciños da parroquia ligados á Sociedade de Agricultores Antimarxistas; estes eran coñecidos por “os carcas” e a sociedade fora organizada polos seguidores de Víctor Lis e o entramado caciquil actuante na parroquia.
Detrás dos “cuchipandistas” apréciase o enxeño de José Peón, personaxe insubstituíble e cunha longa traxectoria neste tipo de actividades.
O texto das cancións é todo un compendio de referencias cheas de ironía, ás veces sarcásticas e sempre críticas, aos adversarios políticos; non andan con rodeos e así o fan constar nunha estrofa da rancheira que leva por título “Todo para el jefe”:
Somos Los Cuchipandistas
hablamos sin disimulo
si hay a quien le parezca mal
que le den ...
No pasodobre “El estraperlo” o branco das críticas era o presidente do goberno Alejandro Lerroux, do partido Radical (relacionado coa corrupción e o asunto do estraperlo) e os seus socios da CEDA.
Nesta entrada ofrecemos a letra do valse “La banda negra” chea de alusións e advertencias aos organizadores do grupo fascista da parroquia. 

Todos sa/ todos saben que en Salcedo
una ple/ una plebe se formó
es una/ es una banda de negros
que Muley/ que Muley organizó
con otro tío que le ayudó.
ESTRIBILLO
Jefes de la “banda negra”
ya os podeis preparar
que os va caer el pelo
y todas juntas las vais pagar.
A los me/ a los medios más rastreros
tienen e/ tienen ellos que apelar
quitando/ quitándonos el ganado
por no le/ por no le querer votar
a tuvieron que amenazar.

Fan constar que “ Esta murga circula con la debida autorización de la brigada sanitaria, los animales cuadrúpedos que en ella se nombran son de la acreditada ganadería de Gil Robles.”
Na tarde do vindeiro sábado 28 de novembro terán lugar en Salcedo unha serie de actos en conmemoración dos sucesos do Campo da Porta, feito fundamental na historia desta parroquia. Alí estaremos...

jueves, 29 de octubre de 2015

Sobre o tío Euloxio.


                         Adicado a José Antonio Mera, José Luis , Javier e  Maite Caramés e Merche
                         Espiño, un retallo da historia familiar compartida.

Moitas veces escoitamos falar do “tío Euloxio”, contaban que agochara unha pistola entre as pedras dunha parede, falaban  das visitas ao lazareto de san Simón onde estaba preso, do alporizamento do “cívico” que, nun rexistro na casa de Xeve, atopou unha almofada confeccionada con retallos dunha tela coas cores vermella, amarela e morada: “nada menos que durmiendo con la bandera tricolor” foi o berro que deu ao tempo que a rachaba cun coitelo. Sobre o motivo da persecución a Euloxio, aparte de vagas referencias a cousas da política, falábase das denuncias dun cura por asuntos de caza; certo era que estivera procesado por infrinxir a lei de caza e tivera que fuxir a América, de onde volvera logo da promulgación dun indulto. A súa xuventude debeu ser algo axitada: sabíase da participación en pelexas entre mozos nas festas e atopamos novas, nos xornais, de que a Guardia Civil lle recollera unha navalla barbeira que usaba cando tiña dezasete anos.
A consulta de documentación da causa militar 1171/36, contra Manuel Villamayor (tenencia ilícita de armas) e Eugenio Espiño e Víctor José Bugallo (intento de organización de sociedades ilegais), proporcionou máis información sobre a personalidade de Euloxio Espiño Amil. As actuacións iniciáronse o 5 de agosto de 1936.
A Villamayor atopáronlle un sobre con documentos do partido comunista e outros escritos que lle foran entregados por Euloxio. Nas declaracións dos inculpados recoñecen que José Espiño Moreira, primo de Euloxio e tenente de alcalde de Silleda, lles falara de organizar o partido comunista, cousa que aceptaron pero que non chegaron a realizar na práctica e sen que Euloxio chegara a actuar como presidente. Entre o incautado aparece unha relación cos compoñentes da célula nº 11 constituída por: Eulogio Espiño (nº 89), José González, Ramón Sobrado, Ramón Conde, Manuel Villamayor, Ismael Rey, Perfecto Sobrado, José Iglesias e Víctor Bugallo.
Víctor José Bugallo, zapateiro de 32 anos, casado, foi detido no Carballiño o 30 de agosto. Será fusilado en Pontevedra o 11 de maio de 1937. José Moreira Espiño permanecerá agochado varios anos e as autoridades coidaban que fuxira a América.
O alcalde de Silleda informa ao xuíz instrutor que Euloxio non se atopaba en Fiestras pois estaba no lugar de “Granja de Espiño” en Poio; esta confusión entre a granxa dos Espiño na Bouza (Xeve) e o lugar da Granxa (na realidade en Sanxenxo e non en Poio), proporcionou un tempo precioso para que a familia puidese poñer a salvo a Euloxio e, a través dos seus contactos no Goberno Civil pois lle vendían o leite ao gobernador, preparase a súa posterior presentación a primeiros do mes de outubro.
Nas declaracións e nun careo con Villamayor, nega ser o presidente da célula comunista de Fiestras, manifesta que nunca lle entregaran o carnet nin, por suposto, cotizara para o partido, pero recoñece que lle entregara a Villamayor o sobre. Na indagatoria descríbese a Euloxio, de 27 anos, solteiro, albanel, como
 de estatura regular, ojos pardos, pelo castaño, cara enjuta y como señas particulares tiene la dentadura del maxilar superior postiza toda ella menos un diente.
O 12 de outubro ingresa en prisión segundo consta nun escrito asinado polo inspector provincial de prisións Lago Búa.
O informe do comandante de posto da Guardia Civil sobre Villamayor e Espiño, afirma que son persoas de boa conduta persoal pero en canto á política 
siempre han pertenecido a partidos de extrema izquierda, propagandistas del comunismo y desempeñaban ultimamente los cargos de secretario y presidente respectivamente de la Sociedad comunista de Fiestras
  Noutro informe posterior, a comandancia de Pontevedra confirma o anterior e engade a condición de “simpatizante con los revolucionarios de Octubre de 1934.”
O sete de novembro, o auditor de guerra considera que non se atopan méritos suficientes para reputar xustificada a perpetración do delito e pide o sobresemento provisional aínda que, por acreditarse a militancia comunista, os imputados debían pasar á competencia gobernativa para que actuara ao respecto.

lunes, 12 de octubre de 2015

Peregrina Martínez Santos, unha mestra antifascista.

Dentro duns días verá a luz un libro comunal sobre a historia de Cotobade: comunal na autoría, compartida por cinco historiadores (M. Reboredo, A. Concheiro, S. Fontenla e Xermán Fortes, coordinados por Xosé Fortes) e comunal na financiación mediante unha tábula gratulatoria.
Esta entrada vai adicada a dúas persoas comprometidas na tarefa: Afonso Ribas Fraga, animador incansable do proxecto, con Cotobade sempre no corazón e Serafín Fontenla Fernández, profundo coñecedor da historia cotobadesa e un home bo no senso machadiano desa palabra. Parabéns!

Nunha entrada anterior escribimos sobre as irmás Martínez Fernández “As corseteiras”, familia moi comprometida politicamente co socialismo e que contou con varios membros represaliados. Un irmán, Arturo Martínez, fabricante de mobles, foi multado con dez mil pesetas (todo un capital naqueles tempos) por ser “contrario al Movimiento Nacional y desafecto a la causa de España”; para cobrar a multa instrúese expediente de apremio e sácanse a puxa pública, en agosto de 1937, varios mobles e efectos embargados. Arturo morreu no ano 1951.
Nesta entrada falaremos dunha sobriña das Corseteiras: Peregrina Martínez Santos, filla de Arturo Martínez e de Paulina Santos, con 21 anos no 36, mestra de Rouxique (Sanxenxo). Estaba afiliada ás Xuventudes Socialistas Mixtas co número 14 e participaba nos actos organizados polas esquerdas pontevedresas. Foi detida o 27 de outubro de 1936 e posta en liberdade o 25 do mesmo mes de 1937 recibindo unha multa de mil pesetas imposta polo delegado de orden público por “actividades de carácter marxista.” En 1938 instrúeselle un novo atestado e ordénase arresto domiciliario; xunto coas súas tías e Maruja Fandiño é procesada na causa 379/38 por un delito de rebelión. O testemuño do cura de Vilalonga foi moi duro: as ideas que tiña eran comunistas, recibía xornais extremistas como El Socialista e Mundo Obrero, non formaba os nenos na educación cristiá e consentía que blasfemasen, mandara colocar pasquíns en diferentes puntos da parroquia “con las consignas del odioso comunismo” e non frecuentaba a igrexa nin cumpría cos deberes de todo bo cristián. Non faltaron outras acusacións de veciños da zona. Como as acusacións non quedaron demostradas, a causa foi sobresida en xullo de 1938. En 1941 ábreselle expediente de responsabilidades políticas que tamén foi sobresido en 1943.
Pero a represión foi máis alá do encarceramento e das sancións económicas, dende o primeiro momento foi separada do seu destino como mestra. A Comisión de depuración de mestres determina os seguintes cargos:
1º Mala conducta profesional, religiosa, social y particular, haciendo públicas manifestaciones de sus ideas comunistas. 
2ºQue ordenó a los alumnos a colocar carteles con la hoz y el martillo, habiendo orientado la enseñanza de acuerdo con sus ideales comunistas, antipatrióticos y disolventes. 
3º Facilitaba a los padres de los niños periódicos disolventes. 
4º En lo religioso era atea. 
5º En las últimas elecciones hizo propaganda marxista.
 O inspector considéraa con moral relixiosa mala e profesional boa.
As alegacións que Peregrina presenta contra os cargos da comisión deixan ver o seu forte carácter, contrariamente ao que era habitual e menos no ano 1937, non da sinais de arrepentimento e deféndese atacando aos acusadores. Como mostra copio algúns dos parágrafos do seu escrito:
Parece como si los denunciantes disfrutasen repitiendo las mismas frases de difamación para hacerlas más mortificantes. La conducta. Nuestra conducta es mejor o peor, según la que tengan aquellos que se toman la molestia de analizarla. Así, las personas de instintos perversos, consideran de peor conducta a otras que encaminan todos sus actos a practicar el bien. Sin que esto signifique propósito de aludir ni molestar a nadie. [Sobre o reparto de xornais] Esta falsedad se descubre sola ¿Cuando y en que parte se vió a los maestros nacionales repartidores de periódicos y del correo? Además, los moradores de Rousique (sic) no son tan infelices que necesiten andadores, pues, saben moverse perfectamente solos, igual que los de todas partes. [ Ateísmo] Como desconozco a los denunciantes, no puedo negar ni afirmar en absoluto; pues, si el de ellos fuese el dios de maldad, el de los fariseos, el de los que comercian con él, el de los que en su nombre cometen crímenes y villanías, tienen razón que lo repudio; porque mi Dios es el Magnánimo, el de Misericordia y Bondad; el de Amor al prójimo y libre de todo mal. 
Remata a alegación afirmando: Y, consecuente, compadezco y perdono a los que difaman tan despiadadamente; aunque jamás creí que un corazón humano pudiese abrigar tanta ruindad. Acompaña un escrito de cerca de cincuenta pais e nais que afirman a conduta intachable da mestra, a satisfacción polo seu labor educativo e desminten as acusacións contra ela. A sanción foi de separación definitiva do servicio. Na década dos cincuenta solicita a revisión do expediente e afirma que “ha purgado su pecado con exceso; 18 años apartada de la carrera que tantos sacrificios le costó y que fue la vocación de su vida.” Nesta ocasión os informes, tanto da Guardia Civil como do alcalde de Sanxenxo e do cura de S. Bartolomé, son favorables; non así os do cura de Noalla, encargado de Vilalonga, que afirma “ni siquiera por curiosidad entró en la iglesia además hacía propaganda de ideas ateas y comunistas.” O 28 de abril de 1958 proponse o reintegro no corpo e sanción de traslado fóra da provincia durante cinco anos.

Nota: Os textos reproducidos pertencen a documentación do Archivo Militar Noroeste e Archivo General Administración.