No relativo aos deportistas pontevedreses que viaxaran para participar na Olimpíada Popular, o estudio máis completo está publicado por Enrique Acuña, referencia inescusable sobre a historia pontevedresa neses anos. Acuña publicou dous artigos, un nos Cadernos A Nosa Terra de Pensamento e Cultura, nº 17 (17-7-94) titulado “Futbolistas na Olimpíada Popular” e outro no Diario de Pontevedra (23-1-94) “De la Olimpiada Popular de Barcelona a un campo de concentración en Francia”. Agradezo a Acuña a súa xenerosidade por facilitarmos. A estas publicacións remito a quen queira saber máis sobre o tema. Nesta entrada limitareime a engadir algún resultado do Eiriña en partidos xogados en Madrid e a unhas imaxes pouco coñecidas do equipo pontevedrés en Madrid e do capitán da selección de Vigo, Manuel Pazó.
O 24 de agosto de 1936, o Eiriña vence ao Peña Amparo por 4-1, no Campo do Gas. O 3 de setembro, no Stadium de Vallecas, a beneficio dos hospitais de sangue, derrota ao Colonia Deportiva por 5-0. O 11 de outubro, tamén no Campo do Gas, vence ao Imperio por 1-0. O gol marcouno Coruña en combinación con Carolo.
As imaxes foron publicadas en Crónica e na Hoja del Lunes de Madrid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario