lunes, 25 de mayo de 2009

O home da foto: Luis de Sá


A Mª Luisa de Sáa, filla de Luis, continuadora nas súas ideas e custodia da súa memoria. ¡Ánimo!


O primeiro de maio de 1936 tivo lugar na praza de touros de Pontevedra un multitudinario mitin. O fotógrafo pontevedrés Pintos, deixounos unha foto na que un home co uniforme das milicias, garabata, camisa arremangada ata os cóbados e man esquerda no peto, se dirixe á multitude. O home da foto é Luis de Sá Bravo ( na documentación consultada utilízase Sa, Sá ou Sáa), pontevedrés, nacido o 29 de decembro de 1909, mestre do pósito de pescadores da illa de Arousa, socialista e dirixente das xuventudes unificadas.

O xornal El País (2-5-36) ofrécenos a crónica do acto:

A continuación hace uso de la palabra el representante de las Juventudes unificadas, Luis de Sáa, que explicó el alto significado de la unificación juvenil proletaria haciendo un llamamiento a las juventudes campesinas para que se unan al movimiento juvenil.

Luis de Sá participara noutros mitins na campaña electoral de febreiro, como, por exemplo, os celebrados o domingo 3 de febreiro nos locais das sociedades agrarias de S. Xurxo de Sacos, Carballedo e Almofrei, en compañía de Alejandro Gama, Benito Méndez, Núñez Búa, Emilio Lois, Germán Pichel, Antonio Blanco e outros.

Nos días que preceden ao golpe militar participa, xunto con outros correlixionarios, na organización da defensa da república. Tras o éxito do golpe escóndese ata o mes de xuño de 1939 no que se presenta ás autoridades.

Como peza separada das causas 115 e 720 de 1937, instrúese causa contra Luis de Sá, Emilio Villar e Pastor Torres Paz, os dous últimos en rebeldía por estar en ignorado paradeiro. Actúa como Xuíz Instrutor o tenente de artillería Pedro Pereira Vilariño.

As declaracións de varios gardas de seguridade coinciden en sinalalo como un dos directores dos grupos que se formaron no goberno civil e o consabido informe da G. Civil, cualifícao coa reiterada frase: De mala conducta y antecedentes, comunista y propagandista de este ideal.

A testemuña C. Lois acúsao de ser elemento destacado das Juventudes Socialistas Unificadas e de estar no grupo que fixo explotar un petardo ao paso da procesión o día de Venres Santo e cantar a Internacional, cando aquela pasaba diante do local socialista en Santa María. Tamén afirma que, formando parte o declarante do servizo de orde pública ( garda cívica) ás ordes da G. Civil nos primeiros días do alzamento, andaron á súa busca sen atopalo.

A alcaldía de Pontevedra emite un informe onde o tacha de esquerdista, membro da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza (ATE), presidente das Juventudes Marxistas Unificadas e xefe das Milicias Marxistas, apoderado nas eleccións de febreiro do 36 e

individuo exaltado y de peligrosidad por su propensión a la acción que en todo momento desplegó a favor de su ideario. En los sucesos revolucionarios de Julio de 1936 intervino en la requisa de armas efectuadas en esta capital, asistiendo igualmente a la organización de la defensa del Gobierno Civil, contra el Glorioso Ejército Nacional, como uno de los más destacados.

O informe da comisaría sobre a súa participación no mitin do 1º de maio, recolle os puntos importantes da intervención:

se congratula de la perfección del desfile que acaban de realizar las milicias y masas obreras por las calles de Pontevedra [...] Alienta a todos a seguir firmes en el ideal y la disciplina haciendo votos porque el primero de Mayo del año venidero, se pueda celebrar ya en pleno régimen auténtico de trabajadores [...] Y haciendo una invocación a la reunión de los trabajadores en un solo grupo y combatiendo al fascio, termina su discurso.

Na declaración ante o xuíz (o consabido relato exculpatorio pois había que salvar a vida), expresa como motivo da súa fuga o medo a ser “paseado”, xa que varios suxeitos se presentaran, o 22 de xullo do 36, nunhas casas que seu pai tiña no Camiño Novo, con esa intención; unha conversación posterior con Mirón (elemento significado nas tarefas represoras), reafírmao nas sospeitas.. Afirma que estivo oculto na casa do seu irmán Joaquín, nun oco practicado baixo unha ventá, non podendo enterarse das requisitorias que se lle fixeron. Tamén nega que estivera no Goberno Civil e que requisara armas na de Santos Villaverde. En canto á súa participación no referido mitin, afirma tomar parte nel por compromiso con xente da illa de Arousa, recoñece que dixo unhas cantas vulgaridades e

Hoy reconoce el dicente la equivocación de los puntos de vista sustentados y se siente arrepentido del mal que halla (sic) podido causar a España con su intervención en aquel acto, pues habiendo obrado de buena fe, no vuscaba (sic) sino el engrandecimiento de la Patria (AIMN Ferrol)

As testemuñas propostas por Luis de Sá corroboran, en xeral, a súa boa conduta, sorprendendo que unha delas, o padre franciscano Luis Fernández, veciño e coñecido da familia, afirmase non coñecer ao encartado e, polo tanto, ignorar a súa actuación, tanto como mestre como na súa vida pública e privada.

A causa celébrase o 26 de febreiro de 1940 sendo condenado a 12 anos e un día por un delito de auxilio á rebelión, pedindo o tribunal a conmutación por dous anos de prisión menor.

Luis de Sá aparecera na relación de mestres suspensos no cargo (BOP 1-9-36) e fora separado do servizo con baixa no escalafón. (BOE 11-5-40). Posteriormente reingresou no corpo.


A foto da ilustración foi elaborada a partires da que aparece en Museo de Pontevedra (editor) (1985): Pintos: unha vida na fotografía. 1881-1967 [Exposición coordinada por X. Henrique Acuña] Pontevedra: Museo de Pontevedra.

viernes, 17 de abril de 2009

Constantino Gómez Rodríguez, mestre .

Sobre o papel xogado polos mestres na II República e tamén sobre a represión que un elevado número dos mesmos sufriron logo do golpe militar, trataron en diversas publicacións os compañeiros Anxo Porto, Antón Costa e Xosé Manuel Cid, entre outros. En Pontevedra capital, foron varios os que pagaron coa súa vida o seu compromiso coas ideas de progreso e liberdade: Manuel Iglesias, Xermán Adrio, Benigno Rey, José Meis, Paulo Novás, Eduardo Muíños, José Cortés... e tamén Constantino Gómez, do que falarei hoxe, cando se cumpren 72 anos do seu pasamento.

Constantino nacera en Pontevedra no ano 1911, mestre nacional con destino en Setecoros (Valga) e veciño de Pontevedra.

O seu procesamento na causa 115/37 está directamente ligado á actividade do suposto grupo, cualificado polos sublevados como “Tcheka” do goberno civil de Pontevedra e polo intento de asasinato do gobernador Gonzalo Acosta.

Sobre estes feitos, o xulgado de instrución abre a causa 245/36, que se aporta á causa militar. Na mesma, consta que fora presentado na comisaría polo axente Cienfuegos, manifestando que, segundo testemuños que

de momento no están determinados y concretos, andubo (sic), antes de la declaración del estado de guerra, haciendo registros domiciliarios y recogiendo armas en unión de algunos otros, intentó asesinar al gobernador y encañonó así mismo a los Guardias y Agentes que allí se encontraban (AIMN. Ferrol)

Este é o núcleo da acusación que, en diversas declaracións, será completada con outros matices: compoñente dun grupo de “destacados Jefes sindicales y de las milicias rojas” do que era xefe Jacobo Zbarsky ou, como aporta o informe da comisaría (13-1-37):

Individuo afiliado a la Juventud Socialista y de los sistemáticos provocadores contra las personas de ideología derechista o que eran conocidas por sus creencias religiosas; fanático marxista que se distinguió por su actuación en los sucesos de julio último manifestándose activamente y con armas en el Gobierno Civil [...] Individuo de extremismo peligroso; maestro afiliado a Trabajadores de la enseñanza, de significación marxista.

As probas testificais coinciden na existencia dun grupo de persoas armadas no goberno civil e no malestar que produciu a decisión, tomada polo gobernador, de resignar o mando nos militares; tamén parece fora de toda dúbida o feito das ameazas e mesmo algún disparo contra Acosta. A declaración de Amancio Caamaño, presente no lugar ao lado de Acosta, e do mesmo gobernador que afirma o insultaron gravemente chamándolle traidor e que oíu dous disparos, coincide en liñas xerais coas das testemuñas da acusación. No que disenten é en atribuír a autoría ao acusado ou ao seu compañeiro Gonzalo Guillán.

Na causa actúa como defensor o tenente de artillería Jaime Aranda Totsans. O fiscal acusa a Gómez de formar parte da “Tcheka” do goberno civil cualificando o feito como un delito de rebelión militar.

Constantino Gómez manifesta ante o presidente do tribunal, que ten dous irmáns na fronte loitando a favor do exército, un deles foi ferido, e que son o orgullo da súa anciana nai para a cal pide clemencia ao consello xa que a súa condena a afectará directamente.

O resultando da sentencia referido a este acusado conclúe:

Que Constantino Gómez Rodríguez, Maestro Nacional, de filiación socialista y propagandista de estas ideas se le ve en el Gobierno Civil en los primeros días del Movimiento Militar repartiendo armas, lanzándose a la calle al frente de grupos de paisanos armados, quienes practican por la violencia registros en varios domicilios y al enterarse de que el ex-gobernador civil de esta provincia trataba de rendir el mando, amenaza a aquella Autoridad intentando asesinarlo.

O 17 de abril do 37 foi fusilado en Monte Porreiro, recibindo tres feridas de arma de fuego en la región precordial determinante de hemorragia interna.

Na práctica totalidade das publicacións que recollen a súa morte aparece, inexplicablemente, como “paseado” cando, en realidade, foi executado por sentencia de consello de guerra xunto a varios compañeiros. Foi enterrado no cemiterio de San Amaro, fosa nº 29, zona 2ª e fila 1ª.

jueves, 9 de abril de 2009

Menú falanxista


A guerra psicolóxica entre os sublevados e os republicanos está presente en diversos aspectos. No bando sublevado, o servizo de Prensa e Propaganda de FET y de las JONS ten unha alta actividade, facilitando aos medios de comunicación materiais como o que ilustra este artigo. O xornal El Pueblo Gallego (22-12-37) amósanos unha tarxeta postal na que está impreso o menú que a 2ª Bandeira de FET de Pontevedra, destacada na fronte de combate, elaborou para celebrar a festividade da Inmaculada Concepción. Sen entrar a dilucidar a existencia real de tan elaborado menú, non cabe dubidar do seu efecto propagandístico, tanto de cara ao propio bando como no bando republicano, este último nunhas peores condicións en canto ao abastecemento de víveres. No texto que acompaña á mesma non fallan referencias:
...y desde luego pensamos en los rojillos de la acera de enfrente a los que seguramente el buen humor de nuestros falangistas no habrán dejado de hacer llegar alguna invitación...Ellos entretenidos con la lírica rimbombante de los discursos huecos de sus “responsables” y con los “avances radiados” de sus mesnadas, sin ilusiones ni moral, pero con muchas y prosaicas ganas de comer, habrán sentido sin duda la tragedia del niño ante el escaparate repleto de una confitería, al par que el tufillo de la buena cocina, mientras nuestros camisas azules, recordaban con esta suculencia el día grande de la Purísima...

* Para aumentar a imaxe, clicar na mesma.

sábado, 28 de marzo de 2009

Víctor Moldes Carro ( e II )

O atestado é instruído polo alférez da G. Civil Francisco Muñoz, prestando declaración, entre outros, Víctor Lis que manifesta:

Que el Víctor Moldes es dirigente de la Comarcal Obrera Agraria de Pontevedra, elemento peligroso, que ejerció una verdadera dictadura sobre los obreros, imponiendo multas, declarando Boicot y privando del trabajo a aquellos obreros y labradores que no se sometían gustosos a sus imposiciones; que dicha comarcal está intimamente ligada a la federación y secundaba todas las huelgas y demás conflictos de orden público que se producían, sin motivo ni fundamento alguno, obedeciendo solo a su capricho.
Non menos duras foron as declaracións do axente Cienfuegos e de membros da Guardia Cívica, sobre todo dun veciño de Lérez, ao parecer enemigo persoal de Moldes.

Asi mesmo, no informe de antecedentes, actividades e ideoloxía, consta que

...y el Moldes asistía asiduamente a las reuniones íntimas de dirigentes del centro obrero en las que se trataban asuntos de especial confianza. Con motivo del Movimiento Nacional del 20 de julio último, Víctor Moldes transmitió órdenes a las aldeas para que se apoyase el movimiento obrero y estuvo en la tarde del día 20 en el gobierno civil y posteriormente en el Ayuntamiento hasta su evacuación por los rojos. Fué detenido en octubre del 34.

Víctor Moldes declárase inocente e cita a varias testemuñas que poden corroborar o que afirma.

En oficio dirixido ao comandante militar polo Subdelegado de Orden Público, datado no 22-9-36, ponse a disposición do mesmo ao acusado, que estaba ingresado na prisión provisional da Escola Normal e que está considerado como uno de los principales dirigentes del movimiento contra el Ejército en el mes de julio último.

Nun informe da G. Civil (4-1-37) aparece como De mala conducta y antecedentes, comunista y propagandista del frente popular.

O 19-12-36, Moldes declara ante o xuíz militar ratificándose na anterior declaración ante a G. Civil. Recoñece que os elementos obreiros tentaban que as sociedades agrarias fixeran política de esquerdas pero sen conseguilo. Afirma que foi apoderado de candidaturas de dereitas o que amosa as súas ideas de orde.

Na indagatoria celebrada o 15-1-37, fanse constar as sinais persoais do acusado: cabelo castaño, ollos azuis, un metro sesenta e cinco de estatura, nariz longo,boca regular, cara redonda, cellas redondas e viste traxe gris. Ratifícase na súa inocencia e na non participación nos sucesos de xullo. Relata a súa presencia no comercio na mañá do día 20 de xullo e que, ás cinco e media da tarde, marcha para á súa casa de Lérez, coincidindo no camiño con outros veciños, permanecendo no seu domicilio na compaña dos seus fillos Manolo e Víctor.

O consello de Guerra contra Víctor Moldes e compañeiros celébrase os días 16 e 17 de febreiro de 1937, estando o tribunal presidido polo tte coronel Francisco Lorente Armesto e actuando de fiscal o alférez habilitado do corpo xurídico militar D. Manuel María Puga y Ramón. O seu defensor é o tenente de artillería D. Julio Conde González.

A acusación do fiscal é de delito de rebelión en concepto de autor, concorrendo a agravante de perversidade. Apoia esta acusación nas declaracións e documentos antes reseñados. O defensor basea a defensa en diversas testemuñas favorables ao acusado, entre outras a de Víctor Cervera Mercadillo e varias persoas nada dubidosas de oposición á nova situación e tenta desmontar as acusacións dos axentes de vixilancia e outros. Afirma:

y no se diga en contra que los campesinos concurrieron armados a esta capital, influenciados por Moldes, harto lo estaban ellos por personas de intelectualidad y cultura superiores a las de un modesto comerciante de ultramarinos y pobre agricultor. Por si no bastara lo anterior; tenemos también la de que este encartado desempeñaba el cargo de Presidente del Gremio de Comerciantes de Ultramarinos de esta capital, entidad en un todo de tendencia derechista y de orden, pues tal carácter tiene, según es de dominio público, la mayoría de sus componentes, que fueron los que eligieron a Víctor Moldes para que los presidiera.

Preguntado polo presidente do tribunal se tiña algo que expoñer, V. Moldes di que non era máis que un pequeno industrial alleo a toda intervención política, sen que nunca tivera armas nin executado feito delituoso algún e que non tiña máis que dicir.

A sentencia condena a Moldes, Claudio Magdalena, Albino Sánchez e Constantino Gómez á pena de morte. No resultando referente a Moldes afirma:

Resultando que Víctor Moldes Carro, de mala conducta, propagandista del comunismo y presidente de la federación agraria comarcal en esta provincia, con gran ascendencia sobre los obreros del campo, al enterarse del Movimiento Militar se persona en el Ayuntamiento y Gobierno Civil de esta capital y después de cambiar impresiones con elementos destacados marxistas, se pone en comunicación con los obreros del campo afiliados a la sociedad de la que era presidente y consigue concentrar a masas de obreros, los que patrullan por esta ciudad algunos de ellos con armas, y dispuestos a enfrentarse con las fuerzas del Ejército.

O 18 de febreiro Víctor Moldes escribe unha carta de súplica na que suponiendo ha sido condenado a la última pena, fai un repaso da súa vida política e asociativa. Nega que se promovera ningunha folga polas sociedades agrarias e afirma que traballaban solo por e para o campo. En canto aos cargos do xuízo, un era fillo do apaixonamento dun inimigo persoal e os outros estaban equivocados, pide tamén que, se se dubida da súa conduta, se pregunte ao gremio de ultramarinos porque se decide a vida dun pai de familia honrado e bo. Pide clemencia e remata:

Hago nueva súplica a fin de V.S.I. se digne conmutarme la pena por la que crea soy merecedor, teniendo en cuenta que la de muerte es irreparable y que Dios nuestro señor ha sabido perdonar.

A conmutación chega para dous dos condenados, Manuel Buján Rivas e José Acuña Lamas, pero non para Víctor Moldes, Magdalena, Albino Sánchez e Constantino Gómez.

A execución é sinalada para as sete da mañá do 17 de abril, no km 1 da Avenida do Uruguay (Monte Porreiro). A capela instálase nos baixos do cuartelillo da Guardia Cívica e ás catro da mañá léselle a sentencia e fáiselle saber aos reos que podían pedir os auxilios que necesitaran ao que contestan que nada teñen que pedir. Ás sete son conducidos ao lugar da execución:

Colocados los reos en dicho campo, frente al piquete, a las órdenes del Teniente de Asalto Don José Rodríguez Vicente fue dada por este la orden de fuego, recibiendo los condenados los siguientes balazos [...] VÍCTOR MOLDES CARRO, cuatro heridas de armas de fuego en la región precordial, determinantes de hemorragia interna; según manifestó el médico Don Tomás Abeigón Pazos que reconoció los cuerpos de los ejecutados y certificó su defunción, desfilando acto seguido las fuerzas por delante de los cadáveres.

Os corpos dos fusilados son conducidos ao depósito e logo son inhumados no cemiterio de San Amaro da seguinte forma:

...el de VÍCTOR MOLDES CARRO, recibió sepultura en la número 37, zona segunda, fila primera, yendo vestido con zapatos negros, traje castaño a rayas, calcetines castaños y camisa blanca a rayas.

Á dor da súa morte, os familiares teñen que engadir a incautación dos seus bens, o 9 de setembro de 1937, o xuíz de 1ª instancia, D. Serapio del Casero saca a poxa pública os efectos e xéneros embargados sendo os bens mobles taxados en dúas mil duascentas noventa pesetas e trinta céntimos, anunciando o remate da mesma para o día 28 de dito mes. Dita cantidade corresponderíase cuns seis ou sete mil euros actuais.

E logo a volta a empezar e o silencio...

domingo, 22 de marzo de 2009

Víctor Moldes Carro ( I )

Vai camiño dun ano que publicabamos neste blogue unha entrada sobre os fusilamentos do 17 de abril do 37 en Monte Porreiro, hoxe, froito de novas investigacións, posuímos documentación que nos dá máis luz sobre os feitos e sobre as persoas condenadas na causa 115/37. Entre os condenados a morte, a figura de Víctor Moldes Carro ten un lugar destacado polo importante papel desempeñado como un dos líderes do agrarismo pontevedrés.

Para o autor deste blogue, aparte da inxustiza que significa o esquecemento de Moldes ( e, en xeral, de represaliados que non ocuparon postos políticos de carácter institucional relevantes) tamén ten unha compoñente afectiva pois, nas conversas familiares, tivo noticia da súa existencia e morte e das visitas compartidas á illa de San Simón.

Víctor Moldes Carro, fillo de Constante e de Juana, nacera na parroquia de Campañó no ano 1886 e estaba domiciliado en Casaldarado (Lérez), era propietario dunha tenda de ultramarinos na rúa das Cinco Calles, sendo tamén presidente da Federación comarcal Agraria e da patronal do gremio de ultramarinos.

O seu labor na defensa dos campesiños ven de moi atrás: no xornal Nueva Aurora (12-12-1920) aparece un artigo titulado “Lérez Redimido” no que se le:

Hará aproximadamente dos años cuando un grupo de animosos jóvenes, a la cabeza de los cuales se puso Víctor Moldes, tomaron posesión de la directiva de aquella sociedad. [agricultores de Lérez] Al encargarse de sus destinos se encontraron frente a frente, con un verdadero cadáver social. Los dos bandos políticos de la parroquia con sus luchas de baja estofa, la habían cogido en medio, apretándola, hasta matarla. Pero ellos, valiente y animosos, empezaron a reanimarla con el calor de la idea; le extirparon la mala yerba; le inocularon el virus de la emancipación, y gradualmente, desde noventa y tantos socios que había en ella, la elevaron a cerca de quinientos con los que cuenta hoy.

O cambio de rumbo na veterana sociedade lerezá foi notable, sen estar ausentes as expulsións de persoas ás que se cualificaban de caciques; no mesmo xornal (15-08-20), José Paz conta:

La Junta Directiva, observando que en el seno de la Sociedad había elementos podridos, inició el saneamiento logrando la expulsión de alguno de ellos y trabaja activamente en busca de los demás traidores de la causa agrícola... e remata cun chamamento: Trabajadores del campo, explotados agricultores, el continuar pagando foros en el siglo XX, es una cobardía.

Na constitución da Federación Agraria Comarcal aparece como vocal; sobre a ideoloxía que aparece detrás da mesma naqueles momentos, non está de máis o que dí o mesmo xornal (20-6-20).

Esta Federación tiene consignado, en sus estatutos, que marchará de acuerdo con la táctica y orientación del Partido Socialista Obrero español.

Víctor Moldes alcanza a presidencia da federación e durante o seu mandato ten lugar en Pontevedra un Congreso Agrario, os días 25 e 26 de maio de 1935. Os acordos deste congreso, combinan os de carácter político e social cos de temática especificamente agraria ou gandeira; así, piden a amnistía dos presos políticos e sociais, opóñense activamente á pena de morte e o estado de excepción , a liberación nacional e social de Galicia, levar a cabo unha campaña contra o fascio e a guerra e, xa no ámbito agrario, a anulación do tratado co Uruguai e Arxentina como prexudiciais para a gandería galega así como toda importación de carnes conxeladas, libre destilación e venda de augardente, libre introdución do millo, abolición total dos foros, creación de comités de campesinos en toda a provincia, defensa do ferrocarril, protexer a gandería levando a cabo unha loita intensa contra os intermediarios e o contrabando do gando, crear bodegóns na capital para a venda de viño do país, etc.

Remata o congreso cun chamamento ás organizacións disidentes para que se integren na Federación e a unificarse nas distintas parroquias sin represalias de ninguna especie e imposiciones de una u otra parte. Lembremos que, nos anos 32 e 33 e froito das tensións entre socialistas, comunistas e outros, houbera escisións en diversas sociedades de agricultores: Marcón, Alba, Cerponzóns, Tomeza, entre outras.

Moldes tamén participa na campaña electoral dando mitins do Frente Popular como o que ten lugar en Campañó o 8 de febreiro do 36, xunto con García Filgueira, Víctor Casas e Echeverría. Logo das eleccións de febreiro do 36, a actuación de Víctor Moldes foi posta en cuestión por algúns, mesmo pola sociedade de agricultores de Lérez, sendo acusado de tachar da lista da Fronte Popular os nomes de Alonso Ríos e de Viana para acoplar candidatos doutras listas, tamén se estende o rumor de que actuara como apoderado dos centristas. No xornal El País (19-3-36), aparece un solto asinado por X e titulado “Maniobras Sucias” con diversas acusacións contra Moldes. De todos os xeitos, nunha acta de Unión Agrícola de Lérez (31-3-36) proponse, por maioría de votos, a Víctor Moldes e José Cons para candidatos ás futuras, e nunca celebradas, eleccións municipais.

Tras o golpe militar do 20 de xullo, Víctor Moldes ao igual que numerosas persoas comprometidas coa república, anda fuxido polos arredores da capital. Segundo as súas declaracións, no monte Castelo estivo con Alejandro Gama, Claudio Magdalena, o mestre Guillán e outros. Foron axudados por varios veciños da zona do Castelo ( varias fontes orais apuntan tamén á protección do párroco Don Leandro que o acollería no mosteiro). Días despois foi fuxindo ata Padrón e volveu por Vilanoviña, onde estivo varios días, para regresar a Lérez onde foi detido polos homes de Lis o 15 de setembro do 36. (A data do atestado é esta, en contraposición coa dada polos xornais nos que figura o 16).

lunes, 2 de marzo de 2009

Un desaparecido: Jesús González "O Suma y sigue"

Na represión subseguinte ao golpe militar non solo debemos considerar a os mortos ou encarcerados senón que hai un grupo importante que son os desaparecidos. Algúns serían persoas asasinadas mediante os “paseos” e que os seus cadáveres non foron atopados ou identificados, outros foron fuxidos á zona republicana ou ao estranxeiro e que as voltas da vida lles impediron dar novas á súa familia ou ben refixeron a vida desbotando calquera tipo de contacto coa súa terra e, por último, temos a aquelas persoas que morreron no intento de fuxida ou por outras circunstancias.

Fai algún tempo, Dª Elisa González Álvarez, muller exemplar comprometida no movemento cidadán contra a droga, falounos do caso dun destes desaparecidos: o seu pai, Jesús González González, o “Suma y sigue”, desaparecido no mes de agosto de 1948.

Diversas pescudas non aportaron ningunha pista sobre as circunstancias da desaparición pero sí sobre a personalidade do mesmo.

Jesús era natural de Toén (Ourense), propietario da taberna “Suma y sigue” na rúa Riestra nº 34, en Pontevedra e que, logo do golpe, tivo outra en Joaquín Costa cerrada a miúdo pola policía. Tamén era propietario dun coche do punto.

Cando a sublevación militar, escapou a Ourense sendo detido e estando preso un tempo naquela provincia, posteriormente permanece na illa de S. Simón sendo posto en liberdade o 18 de maio de 1937. Nun informe da comisaría pontevedresa datado no 22-6-38 (AIMN de Ferrol), afírmase que non estivera inscrito en ningún partido da F. Popular pero que a súa ideoloxía era “completamente izquierdista”.

O mesmo día, 22 de xuño de 1938, publícase unha requisitoria a varias persoas e, entre outros, atópase Jesús González (a) “Suma y sigue” ou “ Sumata” como encartado nun delito de rebelión debendo comparecer no prazo de 48 horas no xulgado militar. Nun rexistro efectuado na casa de Ricardo Villamil, atopan un número de Mundo Obrero, propaganda comunista, munición, carnets da Guardia Cívica e “ una tarjeta de Jesús González González, automóviles de alquiler = Servicio Permanente = Teléfono 338. Riestra 34= Pontevedra”.

Xa nos días posteriores ao golpe, nunhas declaracións atribuídas a Alfonso Vega (fusilado o 7-12-36), maniféstase que Ricardo Villamil, Desiderio Gómez Comesaña, un tal Manolo, chófer de Cangas do Morrazo [ Manuel G. Corbacho, morto o 12-12-36 en Salcedo], xunto con Jesús González e nun coche propiedade deste último, esconderan, primeiro no bar Grove e logo nunha casucha en Campolongo a Antonio Fandiño, implicado no asasinato de Secundino Esperón. No mesmo coche sacárano da cidade e, cando volvían, foran tiroteados pola Guardia Civil recibindo o coche varios impactos que Jesús González leva a reparar a Vigo.

O día 25-6-38 comparece o “ Suma y sigue”e desmente os feitos que se lle imputan. Sofre diversas detencións e na súa casa dispón dunha imprenta na que se tira diversa documentación clandestina. A presión policial era cada vez máis abafante e foi encausado nun sumario pola xurisdición especial sobre actividades subversivas.

Segundo lembra a súa filla, o 14 de agosto de 1948 , na víspera da Peregrina [ data aproximada pois a Peregrina foi o 8 de agosto naquel ano], nun camión de chatarra propiedade dun construtor pontevedrés, foi trasladado a Cangas. O plan era unha fuxida por mar dende aquel porto xunto cunha trintena de persoas tamén perseguidas, utilizando un barco vello mercado para tal fin. As sospeitas son de que houbo “un soplo” e o barco foi afundido.

Os anos 1947 e 48 foron de moita presión policial sobre os opositores ao réxime coa desarticulación de numerosas células do partido comunista polo que entra dentro da lóxica a idea da fuxida. Porén non temos constancia da desaparición doutras persoas da zona nesas datas.

Un misterio engadido é a recepción pola familia, tempo despois, dunhas tarxetas das que tiña como taxista cun texto escrito á man e coa letra de Jesús dicindo: Yo bien, busca chófer.

Polo momento a incógnita continúa...

miércoles, 4 de febrero de 2009

Outra volta sobre Abraham Zbarsky Geller

Noutra entrada deste blogue xa se tratou sobre a morte de D. Abraham Zbarsky Geller, ocorrida o 29 de decembro de 1936. Traballando con causas militares no Arquivo Intermedio Militar Noroeste, atopei algunha documentación que fai conveniente darlle outra volta ao tema, pois bota un pouco máis de luz sobre algunhas circunstancias da mesma.

Na causa 115/37 incoada contra numerosos pontevedreses por rebelión militar, figura a declaración do inspector de Investigación y Vigilancia, Antonio Iglesias Garcés; nela afírmase a continuada presencia de D. Abraham no despacho do Gobernador Civil en xullo do 36 asegurando que era o que podía influír máis eficazmente nos dirixentes da F. Popular porque os controlaba, colaborando con eles na organización da oposición ao exército. Afirma tamén que a súa influencia asentábase
en el hecho de ser Jefe de una organización Soviética y Judía, que disponía de fondos contiosos (sic), pues al declarante , por su cargo le consta que facilitaba subvenciones a los más significados elementos del Frente Popular, tales como Caamaño, García Filgueira, Andrés Rey, José Adrio Barreiro, a los que de este modo tenía a su servicio. (AIMN)

Mesmo un dos detidos, que tamén foi fusilado, declara o 2-12-36 delatando como compoñentes da organización sanguinaria al estilo de la Tcheka rusa y cuya finalidad era el exterminio de personas de orden de esta ciudad a Abrahan Zbarsky... (AIMN)
Abraham Zbarsky na súa declaración do 23-12-36 en Pontevedra, fai unha exhaustiva defensa do seu fillo Jacobo, xa fusilado.
Nun informe da G. Civil sobre a filiación política de 74 pontevedreses, asinado polo comandante Velarde, datado no 4-1-37 e, polo tanto, posterior á data do seu asasinato, figura co número 1 Abraham Zbarsky Geller como comunista, miembro de la Junta del socorro rojo, masón y propagandista. (AIMN)
Como podemos apreciar, as imputacións eran as máis graves que se podían facer naquel momento: comunista, masón, xefe dunha organización soviética e xudía, compoñente dunha tcheka ... pero difíciles de probar mesmo nun consello de guerra como os que se estilaban. A. Zbarsky era dirixente socialista e un respectado profesional. Todo o anterior parece confirmar o que apuntabamos neste blogue no senso de que foron estas acusacións, máis que as supostas ameazas de denuncia do caso do seu fillo diante da Sociedade das Nacións, as que determinaron a súa morte.
Entre a documentación da citada causa, atopamos un documento dirixido ao xuíz instrutor Sr. Pontijas , tachado por dous trazos en forma de X (como para indicar que se eliminase da documentación) e encabezado por un ¡ Viva España!, que di o seguinte:
Al ser conducido en la noche de ayer por fuerza del puesto de esta Capital el preso Abrahan Zbarsky Celler (sic), según orden al efecto, desde el Lazareto de San Simón a la cárcel de esta Capital al, llegar al punto conocido por “La Fracha” y debido a una avería que tuvo el coche que lo conducía hubo necesidad de parar para repararla, en cuyo momento el conducido aprovechando la oscuridad de la noche intentó fugarse, no consiguiéndolo por que (sic) a los primeros disparos de la fuerza fué gravemente herido falleciendo a los pocos momentos, siendo transportado su cadáver al depósito del cementerio de esta Localidad.
Tengo la distinción de participarlo a V. para su debido conocimiento.
Dios guarde a V. muchos años
Pontevedra 30 de Diciembre 1.936
El primer Jefe accdtal,
Joaquín Velarde Velarde.


Indo dende S. Simón a Pontevedra, hai que desviarse varios quilómetros para pasar pola zona da Fracha, a menos que o cárcere de destino fora Ponte Caldelas como afirma Bienvenido Lago no libro de A. Caeiro, Aillados. Foran cales fosen as circunstancias, os autores non ofrecen dúbidas.