lunes, 27 de octubre de 2014

Dionisio González, garda urbano de Pontevedra.


O catorce de outubro de 1936, no alto da Caeira, ás sete da mañá, unha sección de gardas de asalto fusilaba a seis persoas: Joaquín Blanco Vázquez, barbeiro, de 45 anos e Serafín López Otero, ebanista, de 34 anos, os dous veciños de Caldas de Reis; José Vidal Puga, zapateiro, 45 anos, Manuel Puente Porto, labrador, 33 anos, José Rico Gaiteiro, peón, 33 anos, veciños de A Estrada e Dionisio González Pérez, 52 anos, garda municipal de Pontevedra. Deste último falaremos hoxe nestas páxinas.
Dionisio era natural de Tui, ocupaba o cargo de subcabo de municipais e xa tiña antecedentes pois fora detido en outubro de 1934, acusado de coaccionar ás leiteiras e outras mulleres que viñan con alimentos á cidade e non secundaban a folga; fora posto en liberdade o primeiro de novembro.
Ao triunfar o golpe militar do 36 foi detido e instrúese a causa 978/36 na que aparece como acusado. Actúa de instrutor o comandante Fernández de los Ríos que lle atribúe os cargos de ter requisado e distribuído armas, capitanear grupos armados e tratar de deter a dous oficiais do polígono de tiro Janer de Marín así como de requisar un automóbil militar. O consello de guerra celebrouse o sete de outubro de 1936 e estivo presidido polo tenente coronel do rexemento de artillería Durán Salgado. No xuízo precísanse máis as acusacións e o fiscal considérao axente de enlace do “alcalde comunista de la capital”, que se distinguía como extremista; os informes cualifícano como
  individuo militante y de acción, revolucionario comunista afiliado también al partido socialista, destacado siempre por su intervención en cuantos actos de tendencia revolucionaria tuvieron lugar en esta capital.
 En canto á intención  de deter aos oficiais da Marina que, na noite do 19 de xullo, viñan a animar aos militares acuartelados  a que deran o golpe,  o intento de Dionisio e o grupo que o acompañaba para detelos foi frustrado pola saída das tropas da garda do cuartel. Outra acusación era a de pertencer á “Checa” (utilizamos a nomenclatura dos golpistas) do goberno civil, que era como cualificaban ao grupo máis activo que alí actuaba. Ademais era un dos “elementos agitadores de las masas congregadas en Pontevedra para hacer frente al Ejército.”
O seu defensor foi o capitán Leonardo Enríquez que tratou de xustificar ao seu defendido baseándose no deber que tiña de obedecer as ordes do alcalde, polo que pide a absolución ou unha suavización da pena. Condénano a morte por un delito de rebelión militar.
Ás catro da madrugada do día de execución entraron en capela, foron acompañados polos seus defensores, os xuíces e dous cregos: o franciscano padre Luis (Luis Mª Fernández Espinosa) e o carlista, capelán das monxas clarisas de santa Clara e que, posteriormente, sería capelán do penal de Figueirido, Marcelino Torres Villar (o coñecido “Miss Clero”). Dionisio e dous reos máis rexeitaron os auxilios espirituais. Os cadáveres foron levados ao cemiterio de san Amaro.
Nestas datas nas que todos os representantes municipais pontevedreses acordaron homenaxear aos políticos e funcionarios municipais represaliados, non está de máis que fagamos un recordatorio de Dionisio González.
En entradas anteriores xa nos temos referido a outros concelleiros e funcionarios represaliados.

lunes, 6 de octubre de 2014

Franco, o condutor da nova España


Así titulaba en primeira páxina e a cinco columnas o Diario de Pontevedra do 30 de setembro de 1936, referíndose ao nomeamento do xeneral Franco como máxima autoridade dos sublevados. O 21 de setembro, nunha finca do gandeiro salmantino de touros bravos  Pérez Tabernero, reúnese a Junta de Defensa que, ata aquela data, gobernaba o territorio baixo control golpista. Agás o seu presidente, o masón e republicano xeneral Cabanellas, os demais compoñentes deciden nomear un mando único. O día 28, inmediatamente despois da toma do Alcázar de Toledo, aceptan o mando supremo do xeneral Franco, que pasa a ser xeneralísimo das forzas de terra, mar e aire e “xefe do Goberno do Estado”; esta denominación sofre unha controvertida modificación pola que se convirte en “xefe do Estado” sen limitacións temporais o que era unha xefatura de goberno de carácter provisional. Das intrigas que se sucederon en torno ao nomeamento hai moito publicado, só lembrar as proféticas palabras de Cabanellas, lembradas polo xeneral Kindelán (que non tardaría en arrepentirse de ter proposto a Franco): 
Ustedes no saben lo que han hecho porque no lo conocen como yo, que lo tuve a mis órdenes en el Ejército de África como jefe de una de las unidades de la columna a mi mando, y si, como quieren, va a dársele en estos momentos España, va a creerse que es suya y no dejará que nadie lo sustituya en la guerra ni después de ella, hasta su muerte.
Franco pronuncia unha alocución diante dos compoñentes da Junta de Defensa: 
Podéis estar orgullosos de vuestra obra. Me entregáis en estos momentos una España. Recibísteis nada más que pedazos de España. Os alzasteis en distintas regiones desplegando la verdadera bandera de España, la bandera de España encarnada en las tradiciones y en el espíritu del pueblo. La bandera de España, el símbolo de una raza que no quiere morir, que entrañaba la civilización en trance de desaparecer por las hordas rojas de Moscú. [...] Ponéis en mi mano a España. Mi mano será firme, mi pulso no temblará y yo procuraré lanzar a España al puesto que le corresponde, conforme su historia y al que ocupó en épocas pretéritas.
En Pontevedra o 30 de setembro foi declarado inhábil, o comercio pechou as portas en sinal de xúbilo e moitas casas apareceron adornadas con bandeiras. As autoridades cursaron telegramas de felicitación; a título de exemplo, copiamos o enviado polo gobernador militar Leoncio Aspe: 
 Me permito elevar a VE en nombre de esta provincia y en particular de las fuerzas armadas la felicitación más entusiasta e inquebrantable adhesión por su elevación a la primera Magistratura de España, que no dudamos he de hacer una, grande y gloriosa. Viva España.
Coa presencia do gobernador militar Leoncio Aspe, o civil, Ricardo Macarrón, tenente coronel Durán Salgado, presidente da Audiencia Ildefonso Baquero, comandante da Guardia Civil Joaquín Velarde e outras autoridades así como  dunha batería do 15 Rexemento lixeiro de Artillería, o alférez Ferreirós dá lectura ao bando co nomeamento mentres se disparan 21 canonazos.
Pero nestes días de fins de setembro e comezos de outubro tamén houbo novas interesantes: o bispo Pla y Deniel asina a pastoral “Las dos ciudades” na que, por primeira vez, denominábase cruzada ao golpe militar. O Papa autorizaba o uso de vasos e copas de cristal “de presentación decente” naqueles templos onde “la barbarie roja ha realizado profanaciones que privaron a dichos sagrados recintos de estos elementos indispensables para la misa y comunión.” 
 A toma de Toledo é motivo para a celebración de manifestacións, oficiais ou “espontáneas”; a máis soada foi a celebrada na noite do 27, con banda de música, cívicos, requetés, disparo de bombas de palenque, etc. Logo do consabido discurso diante do cuartel de san Fernando recorren o barrio da Moureira e disólvense diante do cuartel de Falange á unha da madrugada.
Os xornais dan conta da morte do garda de asalto, destinado en Pontevedra, José Jartín de Castro, que morrera na fronte de Asturias; hai que facer notar que en varias publicacións aparece erroneamente como fusilado polos sublevados.
Pero unha morte que conmociona a Pontevedra é a do funcionario do servizo de repoboación forestal da Deputación José Álvarez Limeses. Xornalista que utiliza o seudónimo de Zaavrel e tesoureiro da asociación da prensa. Membro dunha coñecida familia pontevedresa con varios membros cruelmente represaliados (fusilamentos de Bóveda e Darío Álvarez, persecución e depuración doutros membros...), de José podemos dicir que morreu de pena o 29 de setembro. Varios xornais publican unha nota idéntica, o que indica a súa inserción obrigada, da que reproducimos un parágrafo: 
 Todo cuanto se diga de la bondad, simpatía y afabilidad del finado sería poco, ya que puede asegurarse atesoraba en sí todas las virtudes cristianas y todas las condiciones que pueden exigirse en la vida social a una persona.
 O escritor Prudencio Taboada Tabanera escribe unha sentida nota necrolóxica no xornal Progreso: 
Nada hay tan emocionante al borde de la muerte como la saudosa evocación de la vida; pero el viajero que rindió ahora su camino ha trazado su vida en silencios magníficos, ha realizado su labor brillante, maestra, con humildad implacable [...] Su gran modestia es la que más nos obliga a reconocer y publicar sus virtudes.

Nos xornais repítese unha consigna: Saluda al estilo romano. Con el brazo extendido hacia adelante y la mano abierta. Somos latinos y este es el saludo de nuestra raza.

jueves, 18 de septiembre de 2014

Memoria do mar de Cangas.



Acaba de saír á rúa un novo libro: “A alianza mariñeira de Cangas 1914-1936” editado pola A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas. Os autores son Antonio Nores Soliño e Iago Santos Castroviejo; os dous teñen demostrado o seu bo facer e coñecemento da historia do Morrazo na exhaustiva “Historia de Cangas, 1900-1936”; de feito este libro é unha versión dun dos seus apartados, posta ao día coas últimas investigacións e coa documentación achegada polas causas militares contra dirixentes mariñeiros de Cangas.
O libro está estruturado en tres grandes apartados: o ascenso do movemento obreiro e democrático, 1914-1923; a segunda república, 1931-1936 e a traxedia, 1936. Non falta unha reflexión final significativamente titulada “Cen anos despois.”
No primeiro capítulo prestan especial atención ás folgas xerais de 1917 e 1919 así como á oposición que a Alianza mariñeira levou a cabo contra o entramado caciquil que controlaba a situación política do momento.
No capítulo segundo detállase a situación social deste período, sobre todo o devir do sindicalismo mariñeiro co avance da implantación da CNT; a folga xeral de outubro de 1934, que tivo bastante repercusión en Cangas, é outro dos obxectos de análise. No plano estritamente político trátase especialmente a organización e programa da Fronte Popular.
O terceiro capítulo titúlase “A traxedia” e serve para adentrarnos paso a paso no sucedido no período inmediatamente anterior e posterior do golpe militar. O máis destacado, xunto coa completa relación de asasinados, é a selección de testemuños persoais. É un apartado que, acaso, se queda curto á espera dunha desexable publicación monográfica e máis global sobre a cuestión e para a que os autores estarían especialmente capacitados polo coñecemento do sucedido en Cangas neses anos de terror; dende aquí animamos aos autores a abordar o tema.
Todo o anterior está artellado con abundantes referencias documentais e contempla aspectos que van máis alá dos laborais, pois enmárcase todo o proceso na situación política, social e económica da primeira metade do século XX; sen cinguirse só a Cangas senón que nos informa da situación provincial e galega.
Conta tamén cun interesante apartado fotográfico e con diversos gráficos que sintetizan aspectos importantes do tratado no texto.
Parabéns aos autores e á A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto por esta publicación que contribúe a completar o mapa da historia galega da primeira metade do século XX.

viernes, 25 de julio de 2014

Depuración no maxisterio

“ En cuanto a sus ideas religiosas más bien le tengo por frío e indiferente.” Así opinaba o cura da parroquia pontevedresa de san Bartolomé no preceptivo informe que emitía sobre un mestre; nesta ocasión o mestre sae ben librado pois, como tamén afirma  dito cura “ nunca se dejó llevar por extremismos, ni dió enseñanzas contra los principios de la moral.” Na represión do maxisterio, a Comisión depuradora do persoal do maxisterio primario solicitaba informes a diferentes instancias: cura, pais de familia “de boa reputación”, Guardia Civil, alcaldía, inspección...
    O mestre que nos ocupa non parece dubidoso nas súas simpatías (repárese no que entendía o concello por  carencia de filiación política), o informe municipal afirma:

 “ es de buena conducta en todos los órdenes, carece de filiación y actuación política, estando considerado como apolítico con tendencia derechista. Es entusiasta del Glorioso Movimiento Nacional en cuyos primeros momentos salió de esta Capital en el Batallón de Voluntarios.”
    Cada mestre tiña unha ficha na que figuraban apartados como Relixión, Moral, filiación e actuación política, simpatías por algún partido. Na inspección educativa tamén se elaboraba unha ficha na que, ademais dos aspectos relacionados coa profesión, tamén se contemplaba a ideoloxía política e a moral cristiá.  Non era  infrecuente que os informantes, por non querer prexudicar ao mestre ou por outros motivos, redactasen o escrito dun xeito impreciso ou obviando os puntos máis conflitivos; para evitalo existía un modelo-guía do que  tratamos os apartados e preguntas máis significativas.
Conduta profesional, con preguntas centradas na súa actuación pedagóxica; conduta social, con preguntas como: 

¿En que relaciones estaba o está este Maestro con las Autoridades? ¿Y con el vecindario? ¿Se mezcló en asuntos de obreros o del campo? ¿en que sentido?; conducta particular, ¿su conducta ha sido y es digna de un maestro? Conceptuación religiosa que le merece. 
 No referente á actuación política, aparte de solicitar a conceptuación política a xuízo do informante, as preguntas son máis precisas:
 ¿Estaba afiliado a algún partido del Frente Popular? ¿Y a la Masonería, Federación de Trabajadores de la enseñanza o alguna otra entidad parecida? ¿Simpatizaba con la política izquierdista, centro o galleguista? En la Normal ¿hizo propaganda izquierdista? ¿Ostentaba periódicos de izquierda? ¿cuales? ¿Cantó la Internacional o algún otro himno parecido? ¿Saludó en alguna ocasión con puños en alto? ¿Concurrió a actos o manifestaciones extremistas? ¿Hizo propaganda de esta política fuera de la Normal? ¿Sabe V. Si tomó parte en actos políticos de un modo directo?.
    Como remate do procedemento, a comisión depuradora emitía unha resolución que sería confirmada (era o habitual) pola Comisión de Cultura y Enseñanza.
     O gobernador civil, tte coronel Macarrón, publica o 1-9-36 unha resolución que, con posteriores ampliacións, suspende de emprego e soldo a 438 mestres e 95 mestras de toda a provincia e que en Pontevedra capital son: Germán Adrio Mañá (escolas Maceda), María Alonso Pérez (Mourente), Casimira Amigo Barallón (Marcón 2), Manuel Carrera Gómez (Ponte do Couto), Ulpiano Castro Iglesias (Escolas Maceda), Josefa Crespo Bóveda (Lourizán), Juan Fernández Seisdedos (A Moureira), José Ferro Cerviño (O Burgo), Francisco Ignacio García García (Alba), Alfredo García Hermida (escolas Maceda), Felipe Lage Portela ( Salcedo), Mª Carmen Lago Lois, Isolino Martínez Pérez (Mourente), Gonzalo Martín March (preparatoria), Antonio Morales Bea ( Marcón 2),  Paulo Novás Souto (preparatoria), Teresa Núñez Vila, Antonio Pereiró Villanueva (Marcón), José Ron Cabarcos (Salcedo), Francisco Tilve Adrio (A Moureira) e Eduardo Muíños Búa (Verducido). A maioría foron sancionados  e algúns como Ulpiano Castro confirmados no posto. En xaneiro do 38 aparece como sancionado con seis meses e traslado a Cáceres o mestre da Seca Emilio Álvarez Gallego, e con suspensión de emprego por un mes Gloria Seoane e Antonio González Novás e cun mes e traslado dentro da provincia Herminia Castrillón. Tamén foron depurados profesores do instituto (Castelao, Tafall, Lozano), da escola do traballo ( Echeverría, Otero, Ferreira), inspectores ( Rogelio Pérez, José Gabaldón, Pedro Caselles, José Linés) e da Normal como Ernestina Otero ou Luis Santos.
    A comisión de depuración de mestres estaba presidida polo  director do instituto Secundino Vilanova Rivas e actuaba como secretario o inspector Juan Novás, posteriormente substituído por Olimpio Liste Naveira; eran vogais o mestre Luis Pintos Fonseca, antigo membro do Grupo Nazonalista Galego, da Unión Regional de Derechas e afiliado a FET, posteriormente sacerdote e presidente da asociación  de mestres católicos, Ricardo Melero, presidente da asociación de pais de familia e personaxe destacado da patronal e da dereita e Jorge Vázquez Fernández, mestre, (máis tarde inspector), sacerdote, “cívico” e falanxista. Como se ve, comisión cunha forte compoñente clerical e reaccionaria. Con posterioridade sufriu cambios nalgún dos seus compoñentes, un dos seus presidentes foi o director do Instituto pontevedrés José Fernando Filgueira Valverde que, durante un tempo, simultaneará o cargo co de delegado do xulgado superior de revisións, desde este último cargo hai constancia da súa intercesión a favor de varios mestres.
Esta comisión foi a encargada de levar a cabo a tarefa de represión sobre os mestres, por certo xa anunciada nos primeiros días do golpe, véxase o xornal El Compostelano que, nunha data tan temperá  como o 5 de agosto de 1936,  apuntaba:
“ La culpa está más arriba. Esos maestros de todas las esferas que tienen a gala predicar el sin Dios, sin Patria, y sin ley, por encima de toda Moral, o mejor aún desbordando toda Moral, esa es la montaña que hay que volar con dinamita, sin aplazamientos.”

viernes, 13 de junio de 2014

O caso Lago Búa.


Fai algún tempo, un dos amables comentaristas deste blogue suxería que se adicase unha entrada a tratar a figura de Fernando Lago Búa; atendemos a suxerencia e facemos un breve relato sobre este personaxe.
Fernando Lago Búa era membro dunha coñecida familia de carniceiros pontevedreses; en 1934 ingresou por oposición (co número 140) no corpo de seguridade interior de prisións. Amante do fútbol, ocupou o cargo de vicepresidente do colexio galego de árbitros en 1935. Estivo destinado no penal de El Dueso. En setembro de 1936 foi nomeado inspector das prisións provinciais de Pontevedra, ou sexa, a máxima autoridade penitenciaria da provincia. Daquela militaba no partido carlista.
Dende os primeiros días da súa toma de posesión organizou un sistema de donativos, con moita publicidade nos xornais, destinados a remediar as carencias do elevado número de presos; este labor humanitario foi moi gabado nos medios de comunicación.
Noutras entradas deste blogue demos conta do sinistro sistema de “sacas” dos cárceres (A Normal, san Simón...) que remataban co “paseo” dos presos en diversos lugares. O coñecemento deste feito provocaba o lóxico terror nos presos e a situación propiciaba que detidos e familiares tentasen, por todos os medios ao seu alcance, evitar ser obxecto destas “sacas”. Isto foi aproveitado por algúns cargos do réxime golpista que viron a posibilidade de aproveitarse economicamente ou doutras maneiras.
Foi o caso de Fernando Lago Búa e do médico de prisións Francisco Bustelo Bustelo (algunhas fontes apuntan tamén a outras autoridades máis relevantes), que extorsionaban a presos facéndolles crer que estaban nas listas para “pasear” e que con determinadas cantidades de diñeiro poderían influír para evitalo. Tamén se testemuñan demandas de tipo sexual sobre as mulleres dalgúns presos. Posiblemente estas actuacións non transcendesen de non ser o caso que tivo como protagonista ao coñecido médico vigués José Ramón de Castro Rodríguez, antigo afiliado á loxa masónica Vicus nº 8 co nome simbólico de Bernard, afiliado á CEDA e detido no cárcere da rúa do Príncipe e logo en san Simón por atoparlle no seu domicilio unha escopeta sen licenza. Sabedores da boa posición económica do recluso, conseguiron que asinase un documento comprometéndose a pagar a cantidade de 200000 pesetas, como medio para ser tachado da lista. A familia do médico puxo o sucedido en coñecemento dun influínte amigo, Severiano Martínez Anido, ex-ministro de Gobernación na Ditadura de Primo de Rivera, presidente do Patronato Nacional Antituberculoso e futuro responsable de Orden Público do réxime; iniciáronse investigacións que deron como resultado a comprobación destas e doutras irregularidades e a detención de Lago, Bustelo e un presunto colaborador, Cándido Barros Martínez, ignorante dos feitos. Foron detidos o 14 de novembro de 1936 e abriuse a causa 1219/36 na que actuou como instrutor o comandante Luis de Vicente Sasiain. O consello de guerra, presidido polo tenente coronel Lino Cordal, celebrouse en Vigo o 21 de decembro. O fiscal sostivo que, ademais destas extorsións, beneficiábanse ilicitamente dalgúns servizos da prisión en prexuízo dos presos e dos intereses nacionais. Solicitou a pena de morte e dous millóns de indemnización. Os procesados renunciaron a asistir ao xuízo.
O comandante militar da praza de Vigo, Felipe Sánchez, asinou o 5 de xaneiro de 1937 a seguinte nota:
En el día de hoy han sido pasados por las armas después de recibir los Santos Sacramentos, los paisanos Francisco Bustelo Bustelo y Fernando Lago Búa, que hubieron de ser juzgados y condenados a la última pena en Consejo de Guerra sumarísimo celebrado el día 21 de Diciembre del año anterior.
O fusilamento tivo lugar no Castro, ás once da mañá, por un piquete mandado polo tenente da Guardia Civil Francisco González Rodríguez “O Rabioso” a quen algúns consideran como outro dos integrantes da trama extorsionadora ( outros nomes que se apuntan son os de Víctor Lis, Ricardo Macarrón, capitán Gándara...)
Sobre a figura de Lago Búa e o funcionamento da colonia penitenciaria de san Simón existen interesantes publicacións como os clásicos: Caeiro, Antonio e outros. Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de san Simón. Vigo: Ir Indo, 1995. Mosquera, Evaristo. Catro anos a bordo dunha illa. Vigo: A Nosa Terra, 2006. Amoedo, Gonzalo e Gil, Roberto. Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón. Vigo: Edicións Xerais, 2006.

jueves, 1 de mayo de 2014

Primeiro de maio de 1936.

Para os compañeiros da tertulia dos mércores.
        Hoxe, primeiro de maio, non está de máis lembrar os actos celebrados neste día en Pontevedra no ano 1936. A expectación era moi alta pois na cabeza de todos estaba o sucedido o ano anterior: o goberno de dereitas prohibira a utilización de bandeiras pero, cando a manifestación discorría pola rúa do arcebispo Malvar, ondeou unha bandeira vermella; nas inmediacións da praza de touros, ante a intervención da forza pública, produciuse a desbandada dos manifestantes. Foron detidas varias persoas. O mitin, no que interveu  “Pasionaria”, foi moi soado e falaremos del noutra ocasión.
    En 1936 non había prohibicións, pero na cidade espalláranse rumores de que algo grave ía pasar e de que dereitistas marcharan cara Portugal. O xornal El País facía alusión a este feito na primeira páxina:

 No se atemoricen las cotorronas ni tiemblen las lechuzas que en sus penumbras auguran para el 1º de Mayo motines y fieros males porque en las tiendas se ha agotado la percalina roja. La percalina roja será en las calles, con sus vivos matices, el símbolo de la alegría popular y de la esperanza de las multitudes que trabajan y esperan, no de los parásitos que viven a su costa. Habrá, pues, alegría y júbilo, y alborozo en medio de la paz. Los que tienen mucho que temer nada teman. ¡ Bastante castigo tienen con su estado cotidiano de sobresalto y excitación!
    No transcurso do acto, varios oradores farán fincapé nas súas intervencións sobre estes rumores e destacarán a ausencia de incidentes nos actos. O mesmo xornal, ao día seguinte, aproveita para seguir sobre o tema:
 Los “patriotas canallas” demostrando una vez más su gran amor a la patria, huyeron cobardemente al extranjero temerosos de que “algo” ocurriese. Ahora se darán cuenta de que el pueblo si no se le provoca, no se sale nunca de los cauces de la legalidad.
    Pola mañanciña, as bombas de palenque e as dianas interpretadas pola banda municipal de música despertaban á poboación. Pouco a pouco chegaban á praza do Muelle grupos de persoas pertencentes a organizacións agrarias, obreiras, xuventudes... que se concentraban nas inmediacións do Centro Obrero.  A manifestación toma a saída ás 10 e media; durante todo o traxecto soa a música da Internacional, interpretada pola banda e coreada polo Orfeón Obrero e polos asistentes. Detrás da presidencia desfilaban as milicias antifascistas uniformadas, compostas por xente moza de ambos sexos. O percorrido discorreu polas rúas da Ponte, Pi e Margall (actual rúa Real), Curros Enríquez, Ferrería, Peregrina, Oliva, Riestra, Palmeiras, Montero Ríos, praza do concello, Echegaray (hoxe rúa Alameda) e praza de touros. Ao pasar diante do Goberno Civil (actual Deputación) detívose a marcha e cantouse “La Commune” diante do gobernador e do comandante xefe da Guardia Civil que estaban no balcón. Pasadas as once chegou á praza de touros e deu comezo o mitin ao que asistiron, segundo a policía, unhas seis mil persoas.
    Fixo a presentación o vicepresidente da Federación Obrera, Rogelio González Suárez, [  na prensa era habitual invertirlle a orde dos apelidos], que falou sobre a significación do acto e insistiu na sensatez e cordura dos asistentes. Luis de Sáa, presidente das Xuventudes Unificadas, explica a importancia que tivo a unificación das xuventudes e invita a que se unan tamén as xuventudes campesiñas. Chama a superar o equívoco de considerar aos campesiños galegos como burgueses polo feito de posuír minúsculas propiedades e di que son tan obreiros como os das fábricas e talleres polo que deben agruparse nas organizacións obreiras e cooperar na unificación da clase traballadora.
      En representación da Federación Obrera toma a palabra José Acuña Gallego, que se centra no problema  do elevado paro e critica aos gobernos anteriores por non ter feito nada para arranxalo. Tampouco esquece a problemática agraria e gandeira así como a da pesca. Pide á xuventude que loite para implantar unha sociedade máis xusta e equitativa.
    Francisco Fernández Blanco, “Sacheiro”, ten unha intervención  moi dura: critica os novos impostos que agravan, aínda máis, a situación dos agricultores, ataca ao capitalismo e considera que a situación non está para facer xogos florais senón que hai que organizarse para dar a batalla final

 con los emblemas del trabajo que figuran en la bandera proletaria aplastaremos -agrega- y segaremos la cabeza del odioso capitalismo e implantaremos nuestro Gobierno obrero y campesino. (El País, 2-5-36).
 O informe da policía achega máis información sobre a intervención deste dirixente agrario  indicando que se doera de que o sistema actual facía posible a existencia de terras sen campesiños e de campesiños sen terra, e que había que ir dereitos á implantación do réxime comunista, único que daría xustiza ao obreiro da terra e que “llegará un día en que los martillos de los obreros machaquen las cabezas de los burgueses al unísono de la hoz campesina que irá segando estas.” (Informe da comisaría, 1-5-36. AIMN)
    O partido comunista ten a súa voz en Manuel García Filgueira que insiste no bo comportamento que tiveran os asistentes á manifestación; tamén fai alusións a que a clase obreira non ía facer este primeiro de maio a revolución pero que se fará ao seu debido tempo, que xa está en marcha e que o triunfo será inevitable. Serán só os obreiros  os que dean a batalla para derrubar o fascismo porque non teñen o apoio de ninguén máis; denuncia o trato desigual que se daba nas comisarías a fascistas e antifascistas e que, en outubro do 34,  “ en unos calabozos de apenas dos metros de cubicación se encerró a catorce hombres que se morían de asfixia.”
    Miguel Villalta, deputado do PSOE por Alicante, fai un chamamento á unidade sindical para impedir a implantación do fascismo e chama a implantar a ditadura do proletariado como paso intermedio para o réxime socialista e espera que o vindeiro ano “sea ya un hecho la consecución del verdadero significado de esta fiesta.”
    O acto remata pasada a unha da tarde e sen incidente algún, pola tarde houbo xira pola avenida de Buenos Aires e verbena.

       En moitas publicacións faise referencia a uns incidentes con falanxistas en Pontevedra, en realidade estes sucederon en Tabeirós  (A Estrada) nunha pelexa entre falanxistas e esquerdistas e na que os irmáns Castro Pena (falanxistas) foron detidos por ferir a un esquerdista. Estes feitos levaron á declaración de folga xeral naquela localidade.
    As peticións que se elevaron ao goberno foron as seguintes:
1º Recoñecemento polo goberno español do goberno da URSS.
2º Inmediato cumprimento do Pacto do Bloque Popular, e no que se refire a responsabilidades, pedimos o rápido encarceramento de todo o goberno Lerroux-Gil Robles.
3º Xornada de 44 horas semanais.
4º O mesmo salario para homes e mulleres que realicen igual traballo.
5º Creación ininterrompida de escolas e acceso da xuventude obreira ás aulas universitarias.
6º Dereitos políticos para os mozos de 18 anos, incluso os soldados.
7º Abolición dos foros, que sexan reintegradas aos campesiños as cantidades achegadas para a súa redención e que se rebaixen todos os impostos que gravitan sobre os campesiños pobres e medios.
8º Extensión do crédito agrícola.
9º Socorro polo Estado aos obreiros sen traballo.
10º Expropiación dos bens do clero e da igrexa, en beneficio dos obreiros e campesiños pobres.
11º Expulsión do exército e corpos armados de todos os xefes e oficiais monárquicos e fascistas.
12º Suspensión de toda a prensa monárquica e fascista, incautación das súas imprentas e encarceramento dos seus dirixentes.
13º Recoñecemento polo Estado das milicias obreiras e campesiñas.
14º Humanización do réxime de prisións.
    A sorte dos oradores que interviñeron no mitin foi mala: Miguel Villalta, fusilado en 1942 en Alicante; José Acuña  e Francisco Fernández foron “paseados”, Rogelio González, Luis de Sáa e Manuel García estiveron fuxidos e sufriron cárcere.

martes, 1 de abril de 2014

A celebración da Victoria.

    Hoxe cúmprense 75 anos da vitoria das tropas franquistas  sobre as republicanas; nesta entrada falaremos  de como se viviu en Pontevedra este feito.
As tropas galegas mandadas polo xeneral Aranda entraran en Valencia e o presidente da Deputación pontevedresa, Jacobo Rey Daviña, envíalle un telegrama de felicitación do que  destacamos  este ardoroso parágrafo:

 “El honor español es ya religión de los combatientes. Banderas de victoria, uniformes disciplinados, himnos nacionales, patriotismo ganado a sangre, iluminado por la creencia y mantenido por la escuela guardan la realidad venturosa de la Imperial soberanía de España.”
 Os xornais do día 2 de abril de 1939 ilustraban a portada co parte de fin da guerra e, algúns, reproducían a charla que o xeneral Queipo de LLano, lembrando os tempos en que o facía a diario, efectúa en Radio Sevilla; nesta charla anunciábanse  os padecementos que se aveciñaban para os vencidos:
 “La justicia de Franco caerá sobre los animales que combatieron a su Patria, y la justicia de Dios caerá sobre los animales exóticos, pues no puede quedar sin castigo tanto estrago, tanta ruína, tanta desolación y tanto crimen como ha ocurrido en España.”
 Tamén se refería ao sucedido no santuario de santa María de la Cabeza e un grupo de “camisas viejas” pontevedreses queren ser os primeiros en contribuír para reconstruílo e achegan 150 pesetas, este grupo está formado por: Alfonso e Felipe Temes, Pedro Castiñeiras, Emilio Boullosa, José Viñas, Carlos Hermida, Juanito Vázquez, Eduardo e Andrés Rodríguez, José Estévez, Manuel Rodiño, Manuel Noval, Jaime Carral e Eduardo Silva.   
    Os “camisas viejas” da Falange pontevedresa e outros “elementos de probado patriotismo” organizan unha cea no café Méndez Núñez, ao remate sucédense os cantos dos himnos de Falange e dos países amigos, Italia, Alemania e Portugal, así como os vivas aos seus dirixentes; o coñecido poeta “El Abuelo” aproveita para recitar uns poemas que foron moi aplaudidos.
Sucédense os donativos, entre eles o de Alejandro Mon Landa que aporta mil pesetas “con motivo de la total liberación de España”, días despois sería detido, xunto con varios membros da vella dereita pontevedresa, por manter reunións non autorizadas.
O domingo 2 de abril, o xornal El Pueblo Gallego publica un soneto titulado “A Franco”:

Del Hacho al Pirineo has ascendido,
Vega de Espadas, con el pie ligero;
Y desde tu Galaico mar primero,
El de Ulises contemplas redimido.
Al oficio de Alcázar ascendido,
De campamento duro y sol guerrero,
Sueña otra vez el Orbe por sendero
Tu solar de Castilla defendido.
Padre de armas y paz; por tu promesa
Vuelve Occidente a revelar su empresa,
Y el Levante dilata su hermosura,
En proa al Sur y el Norte asegurado,
Y tú en cuartel, de pueblo acompañado,
Que exige en ti su joven aventura.
    A igrexa  tamén se suma: o arcebispo de Santiago dita unhas disposicións para a celebración de actos relixiosos con motivo do final da guerra e os párrocos pontevedreses dispoñen que o “sábado de gloria” se cante un Te Deum na igrexa de santa María, con asistencia das autoridades, e anunciado por retoque de campás en todos os templos; na capela da Peregrina reunirase “bajo precepto grave” todo o clero, regular e secular,  para cantar unha salve á Virxe e a antífona e oración  a Santiago, en acción de gracias polo fin da persecución relixiosa, así como o rezo dun padrenuestro polos relixiosos asasinados.
    Os presos do cárcere non podían quedar á marxe: logo dunha preparación chea de “celo y apostólico fervor” que efectúa o coñecido xesuíta  Petronilo Nieto ( de triste recordo pola súa actuación cos presos de san Simón), cumpren co precepto pascual nunha misa na que canta un coro de presos e toca a banda de música da Falange. Reciben a comuñón 269 presos. Obséquiase aos reclusos cun almorzo e xantar especiais ofrecidos polas autoridades.
    No terreo político sucede un feito importante: a substitución do gobernador civil, Mateos Torres Bestard, por un  comandante da Guardia Civil, o controvertido Manuel Gómez Cantos, recén ascendido por méritos de guerra pola súa actuación no exército do sur. Tamén se produce a baixa no exército, por desafecto, do  que fora coronel xefe do rexemento de artillería, Mario Sánchez.
    Pero os actos oficiais de celebración prográmanse, de xeito unificado para toda España,  para os días 18 e 19 de maio. Nestes días, Pontevedra aparece adornada con bandeiras, cerra o comercio e moitos escaparates exhiben o retrato de Franco; a chuvia non impide o desenvolvemento dos actos. O día 18 amañece co son das  bombas e das dianas interpretadas pola banda de música de Falange, ás once, misa de campaña na Alameda seguida de desfile militar e traslado do altar e imaxe da Peregrina a lombos de falanxistas, pola noite verbena popular; o 19, ás seis da tarde, na praza da Ferrería, faise unha lectura da proclama de Franco en xullo do 36 e do parte de fin da guerra, concerto da banda de Falange e, pola noite, gran retreta militar que recorre as rúas da capital.