domingo, 6 de noviembre de 2016

Mulleres no estraperlo.


Eran tempos de fame e racionamento; na década dos corenta, o estraperlo a pequena escala foi o medio de subsistencia de moitas familias e, nesta actividade, foron as mulleres as máis activas. Había un circuíto de mercancías intervidas entre a zona de costa e o interior da provincia pontevedresa no que traían fariña, queixo e outros produtos do campo e levaban café, azucre, arroz etc, sempre burlando o control da Guardia Civil e dos axentes da fiscalía de taxas. Era habitual a utilización dos ómnibus que facían transporte de mercancías e persoas a feiras e festas dos pobos do interior; neles compartían viaxe feirantes e contrabandistas con carteiristas e moinantes. Un caso moi interesante e que serve de exemplo desta actividade e das circunstancias das mulleres que a ela se adicaban é o que relatamos a continuación.
Con motivo da feira na Estrada, ás oito da mañá do sete de xuño de 1948, a Guardia Civil montou un control no quilómetro 115 da carreteira a Santiago; tiñan confidencias de que varios contrabandistas levarían mercancías intervidas nos autobuses con destino a aquela. Deteñen dous ómnibus, un que tiña por propietario ao veciño de Xeve José Sanmartín no que atoparon: 18 kg de café, 54 de azucre, 35 de garavanzos, 6 de arroz, 2,4 de chocolate e 2 de sopa. No autobús de Manuel Palmeiro, de Vilaboa, 15 kg de café, 55 de azucre, 25 de garavanzos, 6 de sopa e 4 de xabón. Ningún dos pasaxeiros se presentou como propietario agás Isaura Pazos, que recoñeceu ser a dona dunha cesta con 6 kg de arroz, 4 de azucre, 1 de garavanzos e unha libra de chocolate.
Cando os gardas incautan a mercancía, Isaura, Rosalía Goris e as irmás Carme e Matilde Casalderrey baixaron do ómnibus 
insultando a la fuerza y tratando de agredirla, para lo que arrojaban sobre la misma los bultos de mercancía que había sido intervenida y piedras, excitaban al resto de los viajeros que se unieran a ellas en su propósito de agredirles e impedir el que se llevase a cabo la intervención de la mercancía.
 Parece ser que chamaran atracadores e ladróns aos gardas. Segundo a forza pública, os donos e o resto dos viaxeiros comportáronse ben e en todo momento estiveron de parte dos gardas.
O suceso podería ser un máis dos centos de incautacións de mercancías dos que dan conta os listados de sancións da época, pero a identidade das mulleres que se resisten á actuación policial préstalle singular relevancia ao caso. Rosalía Goris Cousido, 38 anos, casada, natural de Baión e residente en Pontevedra, era unha habitual do contrabando; en data tan tardía como no ano 1965 sería multada polo tribunal de Contrabando de Pontevedra por un importe de 1134 pesetas e o comiso dos xéneros intervidos. (BOE 5-4-1965). Recoñece que tirou os garavanzos á carreteira. Isaura Pazos Campos, 31 anos, viúva, natural de A Estrada e residente en Pontevedra, aduce que a mercancía era para súa nai, que residía naquela vila, e nega as agresións e insultos, pois só se limitara a forcexar co garda que lle quería retirar a cesta. Apunta o xesto solidario de moitas traballadoras do campo que dicían aos gardas que lles deixaran a mercancía ás mulleres. As irmás Casalderrey Dios, Carmen, 39 anos, viúva, e Matilde, 49 anos, casada, as dúas residentes en Lérez, declaran que non levaban mercancías xa que ían compralas á feira e que, vendo que Rosalía se desmaiaba, dixéranlles aos gardas “que había que tener más corazón, que todos eran de carne humana y que no había derecho.”
As catro son procesadas por un delito de insulto a forza armada; o consello de guerra celebrouse o 7 de decembro de 1948 e foron condenadas a seis meses e un día de prisión. Pero a esta condena había que sumarlle a sanción da delegación de Facenda. Carmen e Matilde, nun escrito no que solicitan a liberdade provisional para atender os coidados da casa e as necesidades familiares, fan constar que a cada unha lles impuxeran a multa de 1260 pesetas que estaban pagando en pequenos prazos por carecer de medios económicos. Preocupadas polos fillos menores de idade, escriben:
 Si ambas fuésemos encarceladas, estas tres criaturas, en edad tan crítica y de salud tan delicada, quedarían en el más completo abandono y miseria.
 De nada lles valería a súa carta, o 17 de xaneiro de 1949 reingresan no cárcere, na que estarían ata o 18 de xuño, data na que son postas en liberdade.
Carme Casalderrey Dios era a viúva de Albino Sánchez Leiro “ O Perrita” fusilado o 17 de abril de 1937. Isaura Pazos fóra a muller do membro da resistencia antifascista Higinio Carracedo Ruzo, morto o 28 de novembro de 1938 nunha acción na que foi abatido por gardas civís e falanxistas; na autopsia do guerrilleiro consta como causa da morte a de “inhibición cerebral”; Isaura fora condenada por un delito de auxilio á rebelión, acusada de esconder e axudar a Higinio. En consello de guerra celebrado o 9 de marzo de 1939 impuxéronlle a condena de 12 anos e un día de reclusión temporal que foi conmutada a dous anos. Queda para outra entrada escribir máis polo miúdo da vida das persoas protagonistas.

martes, 1 de noviembre de 2016

A morte de José Domingo González "O Tapiceiro"


José Domingo González Boullosa nacera na parroquia pontevedresa de Marcón e vivira algúns anos en Santiago, antes de residir en Vilagarcía, casou con Rosalía Génova coa que tivo tres fillas e un fillo; tapiceiro de profesión, era un destacado militante do partido comunista. No 1934 foi detido por excitación á rebelión e no 1935 multárono con 150 pesetas por distribución de follas clandestinas. Participou como vogal no Comité da Fronte Popular en representación do seu partido.
O 7 de agosto foi detido en Lantaño (Portas) por membros da Guardia Cívica daquela localidade e entregado á Guardia Civil. No interrogatorio manifesta que, o 20 de xullo de 1936, participou nunha reunión do Comité de Defensa da República que se celebrou no concello de Vilagarcía, que este comité veuse desbordado polas masas obreiras que pedían armas e que estaban dirixidas por membros da CNT e algúns da UGT, que rexeitaron a dito comité por non querer “concomitancia ni ingerencias de elementos políticos, a los que doctrinalmente consideran como indeseables.” Afirma que, como consecuencia do anterior, marchou para a súa casa ata que o día 24 de xullo detiveron a súa muller. Por medo aos fascistas, fuxiu e pasou a noite nunha casa de Abalo e de alí marchou a Setecoros (Valga) onde o acolleu o cura. Alí residiu ata o 3 de agosto, día en que desexando ver os seus fillos, marchou a Lantaño onde o deteñen.
O cura, Santiago Garrido Álvarez, coñecía a Domingo porque traballaba na ebanistería do seu cuñado e afirma “que cumpliendo con un deber de conciencia” o acollera na casa; tamén recoñece que tivera acollido uns días a outro fuxido de Vilagarcía: Miguel Sanmartín. Preguntado por se coñecía a militancia comunista de Domingo, dixo que sabía da súa militancia pero “al verlo en su casa en la actitud dicha le alabó su determinación de separarse de todo conflicto.”
Os días de José Domingo estaban contados, o acostumado informe do comandante da Guardia Civil, Joaquín Velarde, datado o 9 de outubro de 1936, confírmanos a realización do “paseo” amparado no habitual intento de fuga:
Al ser conducidos en la noche de ayer los presos Severino García Teijeiro, José Domínguez [sic] González Boullosa y Juan Bacariza Sánchez por el Corneta Casimiro Álvarez Rincón y Guardia segundo Agustín López Ferrero, ambos del puesto de esta Cabecera, al llegar a las inmediaciones de la Villa de La Estrada y como si previamente se hubieran puesto de acuerdo, aprovechando que el autocar que los transportaba acortó la marcha en una curva pronunciada, se arrojaron los tres del referido vehículo dándose a la fuga, siendo perseguidos por la fuerza conductora que inmediatamente se apeó del coche y les hizo varios disparos de fusil por consecuencia de los cuales resultaron muertos los referidos presos, cuyos cadáveres fueron trasladados al depósito del cementerio de La Estrada.
A defunción non aparece inscrita no rexistro estradense senón no de Vilagarcía nunha anotación feita o 3 de abril de 1937, efectuada de acordo coa comunicación e orde “de la Superioridad.”
Na ponte do Regueiro houbo nese día outros mortos, tamén “paseados”: Manuel Guillán Abalo, Ramón Muiños e Jesús Froiz.

sábado, 8 de octubre de 2016

Moaña, outubro de 1934.


Os sucesos revolucionarios de outubro de 1934 tamén deron lugar a diversas accións na nosa zona; nunha entrada anterior demos conta do sucedido en Pontevedra capital e nas tres entradas anteriores ampliamos a información. Nesta ocasión aproveitamos para dar a coñecer unha forma de propaganda revolucionaria moi alonxada da práctica sindical actual: os pasquíns  nos que se convocaba ou se impartían consignas aos obreiros, confeccionados a man na maioría dos casos, aparecían asinados, como se dunha carta se tratase, por algúns membros do comité de folga. Este foi o caso do sucedido no Morrazo cando se convocou folga xeral a primeiros de outubro do 34; dirixían o comité de folga destacados militantes socialistas da zona, principalmente de Marín, que elaboraron un manifesto pedindo aos traballadores que non se reincorporasen ao traballo. Utilizaron algúns parágrafos do escrito para elaborar avisos que se colocaron en distintas localidades, no caso dos exemplares atopados referíanse á vila de Moaña e estaban asinados por José Gómez Martí, Jesús Canda, Cristóbal Peñín, Miguel Briones e Francisco López Crespo. Pode apreciarse a importancia da agrupación socialista marinense na dirección do conflito. Os asinantes foron detidos naquelas datas e represaliados logo do golpe de 1936, un deles (Peñín) foi fusilado e de Gómez Martí non se tiveron novas ("paseado"?).
O texto do manifesto era o seguinte:
Al Pueblo de Moaña.
¡¡ Trabajadores!! ¡Ciudadanos!
España entera se revuelve ahora, y enérgica contra el fascismo degradante y opresor que pretende convertir al pueblo español en una manada de esclavos hambrientos y sumisos.
A este gesto sublime y significado de los trabajadores, se unió el pueblo de Moaña haciendo honor a su historia rebelde y ansiosa de libertad y trabajo. Y esta actitud viril ha de conservarla mientras nuestros hermanos libran batallas encarnizadas por romper las ligaduras de la esclavitud.
Que nadie absolutamente nadie vuelva al trabajo hasta que se dé la orden general de hacerlo.
Por nuestra liberación y hasta aplastar al fascismo reaccionario todos en pie.
El Comité de Huelga.

jueves, 15 de septiembre de 2016

Militantes das Mocedades Galeguistas en Pontevedra.


Nunha entrada anterior escribimos sobre diversas actividades da Federación de Mocedades Galeguistas en Pontevedra. Para completar a información, ofrecemos un listado dos membros das Mocedades na capital pontevedresa a finais do ano 1934. Facemos constar a profesión nos contados casos nas que non son estudantes, a idade figura entre parénteses e respectamos a ortografía orixinal.

Álvarez González, Antón, (19), R/ Benito Corbal.
Arines Escariz, Ramón (17), Estación de Figueirido.
Bastida, Francisco (18), Residencia de Estudiantes.
Blanco Lores, Celestino (18), O Burgo.
Buxán Rivas, Manuel (19), Pedra Picada (Lérez).
Buxán Rivas, Victoriano (18), Pedra Picada (Lérez).
Casalderrei, Manoel (19), O Socorro (Lérez). Dependente.
Castro Álvarez, Xulio (19), Bar Limpias.
Cores Abuín, Manoel (17), O Burgo.
Dios Vidal, Ramón (19), R/ Joaquín Costa.
Eiras, Telesforo (19), Pedra Picada (Lérez). Reloxeiro.
Filgueira González, Manoel (19), R/ Arzobispo Malvar.
Fontenla Méndez, Xosé L. (19), Rúa da Barca.
Gómez Otero, Demetrio (19), R/ Santa María.
González García, Enrique (19), R/ Sagasta.
Manso, Manuel (19), Residencia de Estudiantes.
Míguez Alonso, Antón (20), R/ Sarmiento.
Pérez Canicoba, Alfonso (18), Pedra Picada (Lérez).
Pérez Canicoba, Antón (17), Pedra Picada (Lérez).
Portas, Manuel (19), A Gándara (Lérez). Estudante/ Dependente.
Rodríguez Ruibal, Manoel (19), O Burgo.
Rodríguez Seoane, [non figura o nome] (19), R/ Isabel II.
Taboada Tabanera, Prudencio (19), Rúa Alta. Est./mestre.
Valenzuela Otero, Ramón (19), Alba.
Vilas Loureiro, Maximino (20), Hotel Madrid.
Vilas Peña, Xosé (19), O Burgo. Empregado.
Villar Agra, Amador (19), Ponte dos Gafos.

sábado, 20 de agosto de 2016

Federación de Mocedades Galeguistas.



A Federación de Mocedades Galeguistas (F.M.G.) era a organización xuvenil do Partido Galeguista e, en Pontevedra, ocupaba dependencias no local do partido na rúa Tetuán. A finais do 1934 contaba cunha afiliación de vinte e sete membros, na práctica totalidade estudantes de instituto e de maxisterio, con idades comprendidas entre os 17 e 20 anos e que pagaban unha cota mensual de 75 céntimos. Entre os afiliados atopamos os irmáns Buxán Rivas, Xosé L. Fontenla Méndez, Demetrio Gómez Otero, Manuel Rodríguez Ruibal ( “Malecho”), Ramón de Valenzuela, Ramón Dios Vidal e Enrique González García, entre outros. A secretaría executiva estaba composta por Prudencio Taboada Tabanera, mestre, como secretario xeral, Manuel Portas de secretario de organización e Amador Villar como secretario de propaganda.
Na capital pontevedresa tiveron moita actividade, cunha actitude moito máis radical que o partido galeguista, tanto nas actuacións na rúa como nos postulados políticos.
Proba do anterior son os sucesos que tiveron lugar o 17 de decembro de 1934: en pleno estado de guerra derivado dos sucesos de outubro e con Castelao e Bóveda no desterro, un grupo duns oito membros das Mocedades acompañados polo vogal da directiva do Partido Galeguista Francisco Gastañaduy Ozores, efectúa un reparto de propaganda “marcadamente separatista” na praza da Ferrería. Foron observados por un grupo de tres mozos dereitistas encabezado por Vicente Couceiro Amor que tentaron impedir o reparto; non o logran debido á desigualdade de forzas e denuncian os feitos ao capitán de asalto que se encontraba na praza. Tamén afirman que Gastañaduy os insultara chamándolles “desgraciados españoles fascistas y que les iba a aplastar los seis testículos.”
A folla que repartían tiña o seguinte texto:
Lembranzas da F.M.G. Hoxe: 17 de Nadal do 1934. Fai 451 anos que asesiñaron en Mondoñedo ao mártir da liberdade galega: Mariscal Pardo de Cela. ¡Viva Galiza Ceibe! 
 O custe da impresión correra a cargo de achegas persoais de galeguistas.
A policía detivo a Manuel Manso Rodríguez, Prudencio Taboada Tabanera, José de Castro Arines ( cumpría o servizo militar) e Francisco Gastañaduy, acusados de repartir as follas; rexistran o local do Partido Galeguista e incautan diversa documentación e propaganda, así como unha bandeira galega que nun dos ángulos tiña unha estrela de cinco puntas de cor verde. A cousa non remata aí pois, á noitiña, Vicente Couceiro denuncia na comisaría que fora maltratado e insultado por Xosé L. Fontenla debido á súa actuación nos feitos.
No eido cultural, destacamos a publicación do folleto “Berro en lembranza dos Herois de Carral”, texto dunha charla impartida en Pontevedra por Xosé Mª Álvarez Blázquez en maio de 1934; esta publicación era o número un da Sección de Educación Cultural e Patrióteca (sic) do grupo pontevedrés.
No terreo estritamente político, os seus plantexamentos achegábanse ao independentismo; como exemplo temos unha folla dirixida aos labradores galegos pero, contradicindo algúns dos seus parágrafos, escrita en castelán. Nela falan da riqueza de Galicia, das penalidades da emigración, dos impostos abusivos, do centralismo da monarquía e da república.
En Madrid son los amos y nosotros somos los criados. Los cuartos son nuestros, el sudor es nuestro, el trabajo lo ponemos nosotros, pero ellos lo administran para tener en Madrid y en Barcelona y en Sevilla buenos palacios, mientras nosotros no tenemos ni casa para la escuela y nuestros hijos y el maestro tienen que vivir en cuadras. Labrador, hermano labrador, piensa en esto que te decimos y no lo olvides nunca: si Galicia se separase de España, si Galicia no tuviese nada que ver ni con Madrid, ni con Barcelona, ni con Sevilla, Galicia sería la nación más rica del mundo.
Continúa cunha serie de consellos, nos que mestura castelán e galego (este nas respostas que deberían dar os agricultores):
- Cuando vengan a la aldea a echar discursos, tú contesta: que me falen da miña terra porque o demáis non me importa.
- Cuando te hablen en castellano, contesta siempre en gallego, que es tu lengua y todos tienen obligación de saberlo.
- Cuando eche los discursos un castellano, contéstale: vostede vaya arreglar a súa casa que aquí arreglámonos nós.
- Donde veas la bandera de España di: que poñan tamén a bandeira galega, que é a miña.
- Y si alguno te dice que Galicia es mala tierra, que nuestra lengua es fea, que aquí no sabemos gobernarnos, que tenemos que vivir siempre con caciques, que tenemos que dar el voto a los señoritos de Madrid, colle unha estaca e pártelle a cabeza.

domingo, 24 de julio de 2016

Un militar leal: Rogelio Bugallo Orozco.


Esquécese a miúdo – moitas veces de xeito interesado – que a postura do exército non foi unánime contra o goberno republicano, senón que moitos mandos permaneceron fieis ao seu xuramento de lealdade á República; algúns a pesar de non coincidir coa súa ideoloxía. En Galicia, os tres altos mandos da Mariña e do Exército ( contralmirante Antonio Azarola, xenerais Enrique Salcedo e Rogelio Caridad ) foron fusilados por non apoiar o golpe; en Pontevedra, o xeneral José Iglesias e o coronel Mario Sánchez, que se sumaron a última hora forzados pola oficialidade, pronto foron destituídos aínda que salvaron a vida.
Fronte ao esquecemento, rescatamos hoxe a historia dun deses militares que tiveron unha actitude de enteireza, valentía e respecto á legalidade non sumándose á rebelión militar, coas consecuencias que esta actitude lles ía supoñer.
Rogelio Antonio Bugallo Orozco pertencía a unha coñecida familia de Lérez; a súa irmá Carmen foi unha das mulleres pioneiras no acceso a estudos universitarios e residiu, dende 1932 a 1935, na madrileña Residencia de Estudiantes herdeira da Institución Libre de Enseñanza; foi profesora de Filosofía no instituto masculino de Pontevedra e casou co benquerido e inesquecible catedrático de Ciencias Naturais Mariano García Martínez (“Don Mariano”). Outro irmán, Emilio, estudou arquitectura e ocupou o cargo de arquitecto municipal de Vigo, cidade na que deseñou o auditorio de Castrelos ou, cousas da vida, o conxunto da cruz do Castro, símbolo franquista que aínda pervive naquela cidade.
Rogelio Bugallo foi un alumno brillante, a principios de século sempre aparecía nos listados da academia Balmes encabezando os cadros de honra con matrículas de honor e sobresalientes. Optou pola carreira militar e ingresou no corpo de Enxeñeiros; en 1936 estaba destinado como capitán no rexemento de Transmisións do Pardo.
O 18 de xullo chegou a Lérez de permiso antes de desfrutar dunhas vacacións no balneario de Guitiriz. Ante as noticias do levantamento militar, tenta comunicarse cos seus superiores a través do goberno civil, pero non o consigue. Triunfante o golpe en Pontevedra, non se presenta ás novas autoridades militares: máis tarde aduciría que non o fixera porque se enterara pola prensa, que o goberno desautorizara a proclamación do estado de guerra e, ademais, en Lérez, parroquia na que residía, a orde pública estaba en completa normalidade.
Recibida a orde, dada pola autoridade militar, de presentarse, négase a facelo e contesta co seguinte escrito:
En contestación a su atento escrito fecha 27 de julio pongo en su conocimiento que no perteneciendo a tropas insurectas (sic) no me presentaré en esa Comandancia mas que en calidad de arrestado o para restablecer el orden público. Lérez 27 de julio de 1936. El capitán. Rogelio Bugallo.
O comandante militar ordena a súa detención e instrúeselle causa militar na que actúa como fiscal o capitán de Artillería Guillermo Jack Caruncho, que considera a existencia dos delitos de inxurias ao exército e institucións armadas e desobediencia. No interrogatorio a que foi sometido, Rogelio Bugallo non se priva en especificar o que considera como tropas insurrectas: “todas aquellas que estén en contra del Gobierno formado legalmente con el apoyo de las Cámaras y por las Leyes vigentes en el País.”
Non sabemos se porque a mentalidade dos golpistas non concibía esta actitude de acatamento á legalidade por parte dun militar, ou se foi debido a un intento familiar para libralo dunha condena, ordénase a dous capitáns médicos que recoñeceran ao detido xa que, dende que estaba preso, padecía insomnio, excitación nerviosa que alternaba con estados depresivos e outras alteracións de carácter psíquico. Os médicos aprecian normalidade física e, no aspecto psicolóxico, fan ver a dificultade que sempre existe para afirmar o estado normal ou patolóxico da mentalidade, pero si poden afirmar que Rogelio Bugallo “razona con lógica, tiene concepto exacto de la honorabilidad y de la justicia, conserva en su totalidad la memoria actual y retrógrada y a todas cuantas preguntas se le hacen contesta tal y como podría hacerlo la persona más sentada y normal.”
Non negan a posibilidade da existencia dun “fondo neurósico” exacerbado pola reclusión, polo que consideran conveniente que se lle permita saír ao aire unha hora polas mañás e outra pola tarde; rematan o informe reafirmándose na constatación dun “fisiologismo completo” na exploración do seu sistema nervioso e mental.
O consello de guerra de oficiais xerais celebrouse en Pontevedra o 30 de outubro de 1936 e foi condenado a un ano de prisión por inxurias e a tres anos e un día de prisión militar por desobediencia; engádense as accesorias de separación do servizo e suspensión de todo cargo e dereito de sufraxio durante o tempo da condena.
O 13 de xuño de 1969 faleceu en Lérez (Pontevedra) destacando os xornais “lo mucho que se le quería por su caballerosidad, afable trato y carácter servicial.” (El Pueblo Gallego, 14-6-69)
No BOE do 12 de maio de 1949 declárase a caducidade dun rexistro mineiro de volframio en Camariñas, por renuncia do seu titular Rogelio Bugallo Orozco. Coincidencia ou non, este rexistro levaba o nome de “Lealtad”.
Documentos reproducidos: El Pueblo Gallego, Archivo Intermedio Militar del Noroeste.

martes, 12 de julio de 2016

Epistolario (3): Unha carta de Lago Búa.

O vindeiro 17 é o día no que moitas persoas visitarán a illa de san Simón no acto de homenaxe ás vítimas; na memoria de moitas delas estará a figura do inspector de prisións Fernando Lago Búa. Fai tempo xa lle adicamos unha entrada neste blogue, hoxe volvemos a facelo coa transcrición da carta que lle escribiu ao comandante instrutor Luis de Vicente horas antes de ser fusilado.
Vigo dos de Enero de 1937.
Sr Comandante Juez D. Luis de Vicente.
Muy Sr mio: Quiero morir con toda tranquilidad de conciencia y como mi propósito era hacer entrega de cincuenta y tres pesetas al padre del Maestro Nacional fusilado el dia veinte de Octubre en Pontevedra a las cuatro de la tarde en el Parque de Artillería; ese dinero ruego se lo entregue del que me cogieron a mi; pues quinientas pesetas de las entregadas por el barbero del Lazareto eran mías en ellas incluídas las pesetas del referido maestro. Yo pido perdón a todos los que por mi han sido ofendidos y ruego a Dios perdone a los que me juzgaron y a V; ya muerto que Dios no me tenga en su gloria si yo fui un traidor, ni merecía ser juzgado como tal; di por mi patria todo lo que pude; es incierto y la conciencia le remorderá al que pudo manifestar pretendiese sublevar a los presos; jamás por mi mente entró semejante locura; solo hice actuar con mucha disciplina; y meter temor a los detenidos para que cumpliesen. Deben estar todos con dolor de conciencia y algún dia esta les remorderá; yo ruego a Dios les perdone como yo lo hago.
    En lo de Ramón de Castro me cegó el [ egoísmo?] y en honor a la verdad, manifestaré que dos veces hablé con él, una de ellas metile temor; jamás se había pensado en aplicarle la ley de fugas; por todo ruégole algún dia manifieste a D. Ramón de Castro que solicito su perdón de la otra Vida; ya que en esta confesé mi pecado.
    La injusticia de mi muerte, les remorderá la conciencia a los que me juzgaron.
Esta carta asinada por Fernando Lago Búa  forma parte da documentación da causa 1219/36 pola que foi xulgado. (AIMN. Ferrol).