domingo, 21 de abril de 2013

Vigo: ocupación de libros e documentos.

Ás catro da tarde do 19 de agosto de 1936, forzas da Guardia Civil mandadas polo coñecido tenente Francisco González Rodríguez “O Rabioso”, chegaban ás “casas baratas” de san Roque (Vigo). O motivo era rexistrar o domicilio e horta do concelleiro socialista José Caldas Iglesias por “tener sospechas de que se ocultasen armas o documentación relacionadas con el actual movimiento”.
No domicilio incautan libros e documentación variada da que xulgamos interesante dar conta polo miúdo; libros: “El esperanto”, “Crimen de Salvatierra”, “La Guerra Carlista”, “Abajo las Guerras” [ Abajo las armas?], “Política Española”, e 19 novelas de distintos autores; 5 “Cuadernos Socialistas”; folletos: “Historia de la Internacional”, “Nuevas formas del capitalismo”; un caderno coa memoria da Federación de Traballadores de Vigo; 4 talonarios do homenaxe a Pablo Iglesias, 56 exemplares do xornal “Solidaridad Obrera” [Solidaridad ?], unha tarxeta de “Guerra a la Guerra”, unha carta do dirixente obreiro Botana e varios oficios do concello.
Nunha caixa enterrada na horta atopan os seguintes efectos: 2 pistolas antigas sen munición, un puñal, unha conta pola comida no cárcere de varios detidos en outubro de 1934 por un importe de 1484,40 pesetas, unha carta dun mestre de Ourense marxista, o libro “El arte de la insurrección”, unha folla con textos contra a pena de morte, unha carta do “revolucionario I. Seoane” á Juventud Republicana, varias cartas de camaradas e convocatorias de reunións das que salientamos unha sobre o Bloque Popular asinada por Seoane e Bilbatúa e outra do sindicato de tranviarios dirixida aos obreiros e campesiños; tamén se atoparon regulamentos de sociedades e listados de afiliados a organizacións obreiras, estes listados serán utilizados na persecución de dirixentes obreiros como se pode comprobar nas anotacións feitas nos mesmos con posterioridade. Todo este material estaba envolvido por un xornal con data do 17 de xullo de 1936. Ademais, “por debajo de la caja un puñal con mango en forma de cruz con la hoja sinuosa”.
Todo o anterior aparece asinado polos gardas e polo propio José Caldas nun “Atestado por detención de un presunto sedicioso y ocupación de libros y documentos, en su casa y una huerta” que forma parte da causa 714/36. (AIMN).
En declaracións de Pilar Alonso, muller do dirixente socialista José Araujo, veciño de Caldas, asegúrase que foi ela a que mandou enterrar estes efectos na horta de Caldas “por tener a su marido en la prisión del partido y para evitarle los compromisos que pudieran alcanzarle o responsabilidades”; esta declaración é confirmada por unha criada.
José Caldas Iglesias, mestre de taller na Escuela del Trabajo, recoñece como seus algúns dos libros relacionados anteriormente, entre eles “San Manuel Bueno, mártir”, “Abajo las armas” e “La araña negra” pero afirma descoñecer a existencia dos efectos enterrados na horta.
O 20 de abril de 1937 celébrase en Vigo un consello de guerra contra José Caldas e Antonio Carballo Vázquez, este último tamén concelleiro (Izquierda Republicana) e masón; actúa como defensor o capitán de infantería Fabián de Caso. Nun resultando da sentencia afírmase que se reuniran o 20 de xullo con 
personas destacadas del extremismo en el Ayuntamiento con objeto de dirigir desde allí por medio de agentes de enlace que constantemente entraban y salían en el despacho del Alcalde, donde la reunión tenía lugar, a las turbas que en la calle se enfrentaban a la fuerza pública.
 Decláranos responsables, en concepto de autoría, dun delito de rebelión militar coa agravante de perversidade e transcendencia da súa actuación polo que son condenados a morte. Foron executados o 12 de maio de 1937 no castelo do Castro.

domingo, 31 de marzo de 2013

O dereito a saber. Antonio Chaves del Río.


Manuel Vázquez de la Cruz, para moitos de nós Manolo O Ferruxo, é un home de múltiples saberes que, periodicamente, nos ofrece na súa sección de O Punteiro  no Faro. Nas últimas semanas o seu relato achéganos ás historias de vida dalgúns tudenses asasinados no 36. Emprega ese punto de sensibilidade que nos fai partícipes do drama vivido polas vítimas e polos seus descendentes. O amigo Manolo desculparame que faga meus uns parágrafos do seu último artigo:
Por eso queremos que se estudie y esperamos que la memoria histórica, con ley o sin ley, funcione. No podrán ahogarla y no debieran pretenderlo. Ellos, los que dicen que no hay que remover, no lo hicieron pero si quieren sumergir las conciencias es como si lo hubieran hecho y se convertirán en cómplices [...] Después de conoceros, pienso que vosotros quizás los perdonaríais porque sois una familia excepcionalmente buena. Con vuestro núcleo familiar no han podido. ¡Pero cuanto daño os han hecho y os siguen haciendo predicando el olvido! ¿Cuanta miseria hay en no querer recordar?  ( Faro de Vigo, 29-3-2013.)
Reconforta que, cada vez máis, haxa persoas que defendan a necesidade de lembrar, de explicar, de facer historia sobre o sucedido naquelas datas. Que lonxe as súas palabras do lido fai uns días nun xornal no que se sostiña que ese período bastaba con enumeralo, porque cousas así agora non se deben sacar!. A vella historia de non remexer as feridas, de non mancar a sensibilidade dos descendentes dos verdugos... E a sensibilidade dos descendentes das vítimas?. Como ben escribe Manolo, hoxe ninguén busca a vinganza, os responsables directos ou indirectos da masacre foron morrendo nas súas casas e os seus descendentes nada teñen que ver cos crimes dos seus antepasados. Pero algúns aspectos da represión aínda non están suficientemente esclarecidos e moitos descendentes, setenta e seis anos despois, queren saber máis sobre a vida e a morte dos seus.
    Un destes familiares entrou en contacto comigo fai un par de anos en busca de información sobre a morte de Antonio Chaves del Río. Os datos que se tiñan eran escasos e contraditorios.  Algúns investigadores afirman que foi executado en Pontevedra o 13 de decembro de 1936 (Nomes e Voces), outros sosteñen que foi “paseado” e apuntan diversos lugares para tal feito. Esta disparidade corrobora as dificultades existentes  no estudo deste período; ogallá  fora tan fácil como poñer no buscador da hemeroteca “patrullas nocturnas”, mirar as actas de defunción ou manter unha charla de café, como alguén afirmou estes días.
Hoxe podemos aportar datos relevantes sobre o caso e que publicamos esperando que cheguen a ese familiar pois temos dificultades para facelo directamente.
Antonio Chaves del Río, casado, mariñeiro, fillo de Ángel e Pilar, naceu en Cambados o 17 de setembro de 1886. Era presidente do Sindicato de Industrias Pesqueiras y Oficios Varios (CNT). No atestado para descubrir aos “promotores del movimiento antimilitar”, apúntase que foi Antonio Chaves (a) Ñopo quen se presentou, ás dez da noite do 20 de xullo, na casa dun dos propietarios da ferretería Otero demandando municións para repartir entre os elementos obreiros.
    Ese mesmo día houbera unha reunión na que participaron o alcalde, José Manuel Silva (socialista), Antonio Chaves (CNT), Peregrino Pontevedra (IR) e outros; nesta reunión decidiuse formar grupos  para a recollida de armas.
O 24 de setembro, o delegado de Orden Público puxo a disposición do comandante militar de Pontevedra a Elías Porto Trigo, Manuel Silva Losada, e Antonio Chaves del Río, detidos no cárcere  de Cambados e comunícalle que José Varela Oubiña e Manuel Bugallo Martínez xa estaban presos no cárcere da capital.
    O informe da Guardia Civil sobre Antonio Chaves afirma que 
Observa mala conducta moral, pública y privada. Profesa ideas extremistas muy arraigadas, mostrando siempre su odio al capital.
 Continúa afirmando a súa condición de dirixente cenetista, impulsor dunha longa folga de mariñeiros, propagandista da Fronte Popular e que 
 se distinguió en organizar el movimiento antimilitar, formando grupos a los que designaba aldeas y parroquias para la requisa de armas y otros para la ocupación de municiones y explosivos, alentando a dichos grupos para que con valentía entrasen en las casas particulares, pudiendo asegurarse que, después del Alcalde, era en la localidad el alma del movimiento. Por lo expuesto puede considerarse muy peligroso para la situación actual y es completamente opuesto al movimiento salvador de la Patria. (Informe do comandante de posto da Guardia Civil. 14-10-36. AIRMN).
O consello de guerra contra Chaves e outros cambadeses celebrouse o 10 de decembro de 1936 e foi condenado por rebelión militar a unha pena de reclusión perpetua coa accesoria de interdición  e inhabilitación absoluta perpetua.
    O 28 de decembro de 1936 aplícanlle a “lei de fugas” co pretexto dun traslado dende a illa de san Simón  ao cárcere de Pontevedra. A comunicación asinada polo comandante Velarde segue a redacción habitual nestes casos:
Al ser conducido en la noche del 28 de Diciembre último por fuerza del puesto de esta Capital el preso ANTONIO CHAVES DEL RIO, desde el Lazareto de San Simon a la Carcel de esta Capital, segun orden al efecto, al pasar por la carretera de vilaboa a Santa Cristina debido a una avería del automovil que los conducia fue preciso parar para su reparación en cuyo momento el conducido, aprovechando la obscuridad de la noche intentó fugarse no consiguiéndolo por que a los primeros disparos que hizo la fuerza cayó a tierra gravemente herido falleciendo a los pocos momentos siendo conducido su cadáver al depósito del cementerio de esta Capital. Tengo la distinción de participarselo en contestación a su atento escrito de ayer. Dios guarde a V.S. Muchos años. Pontevedra, 6 de marzo de 1937. El primer Jefe accdtal. Joaquín Velarde Velarde. (AIRMN. Causa 1123/36. Ortografía orixinal)

lunes, 11 de marzo de 2013

Genaro Estévez Posada


Algunhas fontes orais contáronme que un carteiro lle abrira algunhas cartas de compañeiros e entregárallas aos falanxistas, que delas se desprendía unha hipotética homosexualidade e esa fora a motivación do seu “paseo”. Nunha lectura detida da correspondencia incautada non atopamos ningún indicio do apuntado por ditas fontes e si unha forte carga de camaradería e militancia revolucionaria compartida; tampouco foi asasinado mediante o método do “paseo” senón por fusilamento logo dun consello de guerra.
O día un de agosto de 1936 un grupo de “cívicos” e gardas civís mandados polo capitán Lledós rexistra a casa de Gumersindo Estévez, coñecido dirixente agrario de Salcedo. Entre outros documentos atopan correspondencia particular, selos de cotización e carnets de organizacións revolucionarias e que pertencían ao seu fillo Genaro que estaba fuxido.
Genaro presentouse no cuartel da Guardia Civil ao saber do rexistro “ y en virtud de la invitación que se le hizo a su padre”. Tiña 23 anos, solteiro, carpinteiro de profesión; no interrogatorio 
reconoce que cuando estaba en el servicio y quizá debido a las malas compañías con que se reunía, pensaba de la forma que demuestran sus cartas.
 Declara pertencer a unha célula comunista de Salcedo e estar asociado á Sociedade Cultural Deportiva á que pagaba unha cota de 25 céntimos mensuais. Nega que baixara a Pontevedra o día 20 formando parte dun grupo de persoas armadas.
Un coñecido militante fascista de Salcedo declara que é 
un individuo peligroso por ideas extremistas, ejerce el cargo de organizador y secretario de las células comunistas de Salcedo y lo ha visto el día 20 del pasado julio desde las ventanas de la cárcel, portando una escopeta, con la cual al parecer trataba de hacer frente a la fuerza pública.
O informe emitido polo concello afirmaba a súa boa conduta, a pertenza á Juventud Cultural de Salcedo e ignoraba antecedentes políticos.
O xuíz instrutor, capitán Leonardo Enríquez, considérao como integrante dos grupos armados que baixaron a Pontevedra “sin demostrar que hiciera frente a la fuerza”e eleva consulta á superioridade sen efectuar auto de procesamento. A resposta da autoridade militar conclúe que incorreu nun delito de rebelión militar: 
 La confirmación de los indicios de culpa apreciados depende de que se demuestre o no en autos que obraron por su propio impulso como cabecillas, propagandistas o dirigentes o por el contrario como seducidos entre tantos pobres obreros españoles.
Dítase auto de procesamento o 7 de setembro. Un dos resultandos deste auto pode ser un perfecto exemplo dos fundamentos nos que se baseaba a chamada “xustiza ao revés”: 
RESULTANDO: que el 20 de julio último, los elementos extremistas de esta Capital y de otros pueblos de la provincia, en relación con sus afines de toda España se levantaron en armas con el propósito de transformar el régimen social y político español, implantando el soviético y a tal fin se reunieron en la Alameda de esta Capital en las proximidades del Cuartel del XV Regimiento de Artillería Ligera numerosos individuos armados con el propósito de impedir que las fuerzas del Ejército salieran de sus cuarteles, declarasen el estado de guerra y malograsen sus criminales y antipatrióticos propósitos.
Tamén se afirmaba no auto que Genaro tiña ideas comunistas, ocupáraselle abundante correspondencia e documentación deste carácter e que fora visto pasando por diante do cárcere armado cunha escopeta.
Diversas testemuñas declaran ao seu favor, entre elas o alcalde de barrio do Birrete e da Esculca, Benito Acuña (detido ao acabar o xuízo e morto por un sospeitoso suicidio no calabozo); tamén presta testemuño un relevante falanxista da parroquia que apunta as ideas extremistas de Genaro pero xúlgao incapaz de cometer o menor acto de violencia e afirma que non sabe que cometera ningún, non sendo máis que “uno de tantos inducidos en la parroquia de Salcedo por los dirigentes extremistas” e que estaba case seguro de que non era secretario nin organizador da célula comunista.
No relato de feitos, o fiscal Hernán Martín Barbadillo, logo de confundir Salcedo con Salceda de Caselas, pide pena de reclusión perpetua a morte. O consello de guerra contra Genaro e Salvador Pastoriza celébrase na tarde do 18 de setembro de 1936, presídeo o tenente coronel Francisco Lorente e actúa como defensor o alférez de artillería Félix de la Cuesta que pide a absolución.
A sentencia é de pena de morte; afírmase que foi organizador dunha célula comunista e que estaba en comunicación directa con elementos comunistas de Tui, Ferrol e Asturias e mantiña correspondencia con eles para organizar a revolución e que estas actividades tamén as levaba a cabo cando cumpría o servizo militar na armada, pois nunha das cartas “vierte toda clase de conceptos injuriosos contra sus oficiales y Jefes.”
Genaro Estévez Posada foi executado ás seis da mañá do 22 de setembro de 1936 no quilómetro un da carreteira de Campañó (A Caeira) e enterrado no cadro 4, sepultura 888, do cemiterio de san Amaro.

domingo, 17 de febrero de 2013

Xuventudes Socialistas Unificadas (e 2)

Os problemas locais son tratados no segundo apartado. Recoñece contar con moi poucas mulleres afiliadas e apunta a necesidade de convencelas a través de conferencias sobre problemas que as afectan e que se deben tratar de solucionar mediante a xuventude unificada, enrolalas  na fronte contra a guerra e o fascismo, facilitar que teñan unha organización propia dentro da Casa de la Juventud. Así mesmo, as mozas deberían afiliarse sindicalmente tomando como exemplo a decisión das xastras pontevedresas de constituírse nun sindicato.
    Outro dos obxectivos a nivel local sería organizar o maior número posible de Casas de la Juventud nas cales 
además de charlas sobre problemas de interés, de una escuela que además de enseñar a leer y escribir, sirva de orientación marxista, con su rincón de lectura, una sección femenina en la que se enseñe corte a las jóvenes, haciendo ropa para los parados y sus hijos, labor en  que se puede atraer hacia ella a personas católicas humanitarias, y en donde además se dan toda clase de enseñanzas para la juventud laboriosa, como cuadros artísticos, masas corales...
    Está presente tamén a necesidade de captación na idade infantil (pioneiros) e crear un “rincón infantil” na Casa de la Juventud 
buscándole solución a sus problemas deportivos, culturales, etc; luchando por un funcionamiento regular de las cantinas y roperos escolares; porque las escuelas funcionen como debe hacerlo toda escuela de la Nueva Educación, en la que el niño pobre cuente con toda clase de apoyo, aumentando y creando becas, etc; ayudándole la J/Unificada en todo lo posible, sin perder aquellas su carácter autonómico, y cuando se les presente un problema, al tiempo de solucionárselo, hacer ver en el por qué esta sociedad capitalista no se preocupa de el, mientras que de nosotros merecen la máxima atención.
    Neste ámbito local, tamén existe unha referencia á necesidade de controlar as Culturales Recreativas.
    O punto terceiro do documento trata do campo sindical e do campesiño. 
 Es necesario la formación de grupos juveniles sindicales que, en el seno de los sindicatos, luchen por mejoras económicas y culturales de la juventud, de mutuo acuerdo con el P.C. y el ala izquierda del P.S.
    Logo de repasar os problemas do campo e a necesidade dun novo enfoque económico, defende un cultivo racional con selección de sementes, posta a disposición dos campesiños da Misión Biolóxica, creación de organismos de financiamento  das colleitas con pago de  abonos, sementes e xornais que se devolverían, sen intereses, á recollida da colleita e, no caso de perda, estarían exentas de pago.
    No ámbito cultural recomenda, sempre que sexa posible, o emprego dos mestres “para que dé conferencias sencillas sobre temas importantes y que nosotros podíamos insinuarles”
    O punto cuarto (no texto aparece nomeado como 5º) trata das eleccións de delegados e do comité.
    Remata o documento co punto quinto, de proposicións xerais, cunha petición de revisión xeral de impostos de xeito que todo campesiño que pagase menos de 100 pesetas de base impoñible quede exento de pago, aumentándollo aos podentes e tamén piden que a nova organización 
deberá pertenecer a la I.J.C. [Internacional Juvenil Comunista] manteniendo relaciones cordiales con la I.J.S. [Internacional de la Juventud Socialista] para dentro de ella laborar por la unificación de toda la juventud en una sola organización.”

martes, 12 de febrero de 2013

Xuventudes Socialistas Unificadas (1)


    Os dias 18 e 19 de xullo de 1936 foron as datas fixadas para a celebración en Vigo do congreso de unificación das xuventudes comunistas e socialistas pontevedresas; en Pontevedra capital celebrouse o día 14 unha asemblea para preparar o congreso citado. Fai uns días tiven acceso a unha copia do documento utilizado como guía para o debate polos  pontevedreses afiliados ás xuventudes unificadas pois, na capital, xa  estaban unificadas de feito dende o mes de abril. O documento é un escrito mecanografado que está dividido en varios puntos que  analizaremos nos aspectos máis relevantes. Non está datado pero debeu ser escrito no mes de xuño ou xullo de 1936.
    Lembremos que naquel momento sopraban ventos de unidade entre as forzas de esquerda, no eido xuvenil estábanse dando os últimos pasos para a unión orgánica entre comunistas e socialistas. O xornal comunista Mundo Obrero publicaba o 26 de marzo de 1936 as liñas nas que debería estar baseada a unificación das xuventudes e que se resumían en: a) Defensa diaria dos intereses e dereitos económicos, políticos e culturais da xuventude traballadora e educación no espírito da loita de clases, do internacionalismo proletario e do marxismo-leninismo. b) Captación dos mozos obreiros, campesiños, estudantes así como das mozas e, en suma, de toda a xuventude traballadora. c) Loitar, mediante a agrupación e educación da xuventude pola liberdade e contra a reacción, o fascismo, a guerra imperialista, contra o réxime capitalista e pola vitoria do socialismo.
    O “material de discusión para la asamblea” pontevedrés aparece moi influenciado polo apuntado no xornal comunista e recolle nos seus apartados as súas liñas básicas.
    No punto primeiro, que trata sobre a xestión da executiva, recoñece e desculpa a inactividade desta “por falta de apoyo material y espiritual de numerosas secciones” indicando que se debe apoiar a xestión tratando de limar asperezas e non profundizar nas divisións.
    O punto segundo, titulado “Tareas y métodos de la nueva organización en Galicia” está dividido en dous apartados que tratan sobre problemas xerais e locais respectivamente. No apartado de problemas xerais recálcase a importancia do sector campesiño polo que a xuventude, coa nova estruturación, debe ser a que controle a inmensa maioría da mocidade deste sector.
     Segundo o documento, todos os mozos atopábanse afectados por problemas como a loita pola paz, pola cultura e por melloras económicas e, aínda que reunida en distintas asociacións, debía reunirse nun Frente de la Juventud  que acollera dende os libertarios aos católicos non fascistas.
 Ese frente ha de realizar un intenso trabajo, y no se crea que porque figuren en él los jóvenes católicos está ya condenado al fracaso porque no nos entenderemos. Nada de eso, el joven católico, no fascista, siente esos problemas que citamos porque como nosotros es de carne y hueso. ¿Por qué si la unión hace la fuerza no nos habemos de unir a ellos?.
    Tamén sinala a necesidade de traballar no campo sindical como lugar para a captación dos mozos sindicados e para facerlles ver a necesidade de que axuden ás xuventudes para o seu ben e o de todos.

jueves, 31 de enero de 2013

Epistolario (1)


Ao longo destes anos publicamos algunha entrada con cartas; o volume de documentación recollida nos últimos tempos fai necesaria a apertura dun apartado que titularemos “Epistolario” no que periodicamente publicaremos aquelas cartas que poidan resultar de interese.
Estreamos o apartado cunha carta que escribe a un amigo Genaro Estévez Posada, carpinteiro, de 23 anos,  veciño de Salcedo e fusilado na estrada de Campañó (alto da Caeira), ás seis da mañá do vintedous de setembro de 1936. Fora condenado a morte por un delito de rebelión militar.
Nesta carta, logo dunhas reflexións persoais nas que xustifica a tardanza en escribir, pasa a un relato máis político sobre a situación da clase traballadora pontevedresa e a situación  organizativa das xuventudes en Salcedo. Coas referencias que temos non é doado aclarar o significado que Genaro lle daba a “régimen proletariado-Social Cristianismo”.
Salud camarada. U.H.P.
Querido camarada Rodrigo: celebraré que al recibo de esta disfrutes perfectamente de salud.
Mira camarada; antes de notificarte más nada, voy a rogarte me perdones el no haberte escrito antes, no creas que fue alguna intención contraria a la ausencia, por lo contrario, esto obedece directamente al “don” del que todos disfrutamos en mayor o menor cantidad, conocido vulgarmente como “Doña Pereza”. Esta “Señora” se ha apoderado como una fiebre de todo ser viviente, y yo que ya muchas veces me he analizado a mi mismo, devo (sic) contener con referencia a la escritura 99 1/2 % de pereza.
En relación a estas cifras bien puedes otorgarme el perdón.
En una Capital  de Provincia pequeña como la de Pontevedra con una población de unos 30000 habitantes, la clase obrera hasta hace cuatro años a esta parte no había abierto su espíritu, era cuanto ignoraban hasta esta fecha, han pasado los siglos en que los esclavos se compravan (sic), pues hemos llegado al siglo XX en que todavía los hombres se alquilan como se alquila un pollino, reducidos a un salario inferior al de el tiempo de los “Borbones Españoles”.
Y momentaneamente nos iremos organizando en Frente Común Obrero-campesino, y aplastar el fascio y el imperialismo, creador del hambre de la miseria y la esclavitud al trabajador.
En este Barrio donde yo vivo de unos 10000 metros cuadrados estaban formadas cuatro “Celulas afiliadas por la juventud Roja”, como tu bien sabes y desde que llegué aquí hemos organizado otra más o sea tenemos abarcado este Barrio, por el N. S. E. O. y la nuestra  en el centro, asi por lo tanto momentaneamente el obrero-campesino se prevertirá (sic) y luchar para dar un solo color a la bandera de España y organizarnos en régimen proletariado-Social Cristianismo.
Bueno no te voy a cansar mas hasta la tuya en otra te diré algo más. Se despide con un fraternal abrazo tu amigo
Genaro Estévez.      Pontevedra 3-9-35.    Salud Camarada.

miércoles, 19 de diciembre de 2012

Claudio Magdalena González

Adicada a Rogelio Torres  pola súa xenerosidade.

Un oficio  asinado polo comandante da Guardia Civil Joaquín Velarde acompañaba a posta a disposición da autoridade xudicial militar de Claudio Magdalena González, acusado de “ser uno de los cabecillas del movimiento iniciado contra el Ejército Español en el mes de julio último por los elementos obreros comunistas de Pontevedra y sus inmediaciones”
    Claudio Magdalena era natural de Vigo, traballara en Oviedo de electricista e establecérase en Pontevedra, onde, ademais de exercer o seu oficio, tiña unha taberna na rúa San Román;  fora directivo do Partido Radical Socialista e, máis tarde, integraríase no partido Unión Republicana.
    O xornal Progreso do día 9 de setembro de 1936 daba conta da súa detención e afirmaba que  a captura fora un tanto laboriosa, debido á boa situación estratéxica en que se atopaba o fuxitivo: un monte desde o  se divisaba toda a comarca. Logo  da saída dos militares á rúa, Magdalena e outros compañeiros buscaron refuxio nos montes de Lérez e no Acibal, durmían no monte ou en alboios das casas que non tiñan cans e consideraban seguras e, polo día, achegábanse a buscar comida ao lugar do Castelo. Pero as forzas represoras baixo o mando de Lis recibiran confidencias sobre os fuxidos e as batidas sucedíanse dia e noite, nunha delas, levada a cabo por un grupo de seis gardas civís e uns sesenta “cívicos”, lograron a detención de Claudio Magdalena o 8 de setembro.
    As acusacións contra el son moi graves e efectúanas destacados membros da Guardia Cívica. Víctor Lis afirma que era un dos principais dirixentes do movimiento obrero contra el Ejército que continuamente estaba en contacto con el ex-Gobernador Civil al que parece servir de asesor o Secretario. Tamén asegura que era  elemento de ideas moi avanzadas e disolventes e que o vira repartindo armas e organizando a xente o 20 de xullo na capital, así mesmo   acúsao de dirixir, xunto con Alejandro Gama, o asalto aos almacéns de Melero e ao local de Acción Popular en febreiro do 36. Outro dos acusadores foi o sarxento do Batallón de Voluntarios Eduardo Rodríguez para quen Magdalena é comunista perigoso, corrobora o dito por Lis e engade que participara na organización do asasinato de Secundino Esperón, que era “policía particular del Frente Popular” e que “ha hecho siempre alarde de su poder e influencia comunista, cuyas ideas propagaba y ensalzaba en su establecimiento de bebidas al que concurrían el Gobernador  Civil Señor Acosta...
    Claudio Magdalena deféndese asegurando que o día 19 foi ao goberno civil para curiosear e que permaneceu alí toda a noite saíndo só para buscar tabaco e cear algo na taberna de Urtaza; recoñece que o 20 acompañou aos que rexistraron a casa da marquesa de Leis, na que atoparon armas de carácter histórico, na do cura de Cerponzóns e noutras casas da zona.
    No consello de guerra o seu defensor, Jaime Aranda, minimiza a súa significación política:

 y Magdalena es un obrero de tantos, sin cultura como es natural, a quien se quiere hacer cabeza de turco cuando lo que el pretendía en estos tiempos era adquirir méritos para lograr la seguridad de un jornal alcanzando la plaza de electricista de la Diputación. [...] No podría Magdalena ser el representante de las organizaciones obreras, desde el instante que no aparece con cargo sindical alguno.
    Pero a sentencia recolle nun dos considerandos:
Que el procesado paisano CLAUDIO MAGDALENA GONZÁLEZ, de significación comunista y que con anterioridad a los sucesos se distinguió interviniendo en atentados contra  las casas y establecimientos de personas de significación derechista, al enterarse del Movimiento militar se persona en el salón de la Diputación de esta capital y con pistola en mano se le ve dando órdenes y repartir armas de fuego, distinguiéndose en las requisas de dichas armas de las casas de personas de significación derechista.
    Condenado a morte, entra en capela instalada no baixo do cuartel da Guardia Cívica e, xunto con outros compañeiros, é fusilado por un piquete de 40 gardas de asalto mandados polo tenente José Rodríguez  ás sete da mañá do sábado 17 de abril de 1937; rexístrase a morte como causada por  colapso cardíaco. Como estaba establecido, a documentación recolle a súa vestimenta: zapatos e calcetíns negros, camisa branca  e pantalón escuro; a sepultura recibiuna en San Amaro, na fosa 34, zona segunda, fila 1ª, en terreos propiedade do concello.