Hai persoas que tiveron unha actuación moi destacada e que, por diversas razóns, non serían coñecidas se non houbese alguén que as sacara á luz. Este sería o caso do xurista galego Enrique Peinador Porrúa. Fai pouco, o admirado e inesquecible Francisco Xabier Redondo Abal publicou, en Edicións Laiovento, a súa biografía co significativo título de “Un demócrata fronte ábarbarie fascista. Vida e martirio de Enrique Peinador Porrúa,republicano galeguista (1902-1940)”. A desgraza fixo que a morte nos arrebatara a Fran antes da saída do libro. Quen isto escribe tivo o privilexio de ler o manuscrito e compartir impresións sobre el co apreciado compañeiro.
Estaba claro, e así figura no libro, que Fran Redondo tiña como obxectivo “reivindicar a figura e personalidade de Enrique Peinador Porrúa para rescatalo do anonimato e o esquecemento” e abofé que o conseguiu. Cunha minuciosa investigación desmonta a narración manipulada que o franquismo construíra sobre el.
Fai moitos anos, localicei no CDMH de Salamanca un expediente do Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo (TERMC) a nome de Enrique Peinador; non aparecía o segundo apelido e isto fixo que, debido ao descoñecemento que tiña sobre a súa existencia, nun primeiro momento coidase que se refería a seu pai, Enrique Peinador Lines.
Na portada, encabezada coa consabida cruz e a lenda “IN HOC SIGNO VINCES” e a representación de san Xurxo combatendo o dragón, aparecían os datos do procedemento: xulgado especial nº 3, nº de xulgado 983/45, data da sentencia 30 de marzo de 1946 (sobresemento provisional) e unha anotación de “Situación: Presunto fallecido”.
Hoxe sabemos que Enrique Peinador Porrúa fora encausado no procedemento sumarísimo de urxencia 48310 e condenado a morte en abril de 1940. O 27 dese mes fusilárano, xunto 43 compañeiros, nas inmediacións do madrileño Cementerio del Este.
Neste artigo completamos o apuntado por Fran Redondo no epílogo do libro en relación con este procedemento por posible delito de pertenza á masonería, iniciado cando Peinador levaba máis de cinco anos falecido. Non era excepcional a incoación de procedementos xudiciais ou administrativos sobre persoas falecidas; por exemplo, son numerosos os de depuración do profesorado contra mestres e mestras que foran “paseados” ou executados anos antes.
As acusacións de presunto masón fundábanse en indicios que aparecían en varios informes pero eran tan inconcretas que non se podía atribuír cousas tan básicas como o nome simbólico, grao, loxa, etc. Non sería ata a investigación de Fran Redondo cando puido documentarse a pertenza á masonería; foi nunha declaración que Enrique fixo diante da Brigada Político Social, na que recoñece que fora membro da loxa NOMOS nº 5 de Madrid, co nome simbólico de Prisciliano.
Un certificado da Dirección General de Seguridad (17-10-45) informaba que nos Archivos Especiales figuraba o seguinte escrito:
CIRCULAR DE LA MASONERÍA MUY IMPORTANTE.- Masonería Universal. Familia Española. Libertad, Igualdad, Fraternidad. A:. L:. G:. D:. G:. A:. DE:. U:. Wall:. de Madrid, 6 de Agosto de 1936 e:. V:. A cuantos la presente vieren. SABED. Continuamos procurando mantener el contacto con los hermanos de la Regional que se hallan luchando por la libertad y la democracia. Nuestro espíritu está cada vez más confortado y optimista (lo estuvo siempre) al comprobar como estamos aportando un valioso contingente de hombres esforzados que saben actuar y saben morir. Aquellos que no se encuentren controlados en la presente relación, deben comunicar la actividad en que se ocupe a sus W:. MMaes:. o secretarios para que estos lo trasladen a la Regional. No es hora de desinteresarse de los acontecimientos ni de la disciplina. Cada cual en su puesto y la Institución como siempre, por encima de las fracciones y los individuos, procurando el bien de la Humanidad en todas partes.
Acompañaba un listado de membros no que aparecía Peinador.
A Brigada Político Social de Madrid (3-11-43) aclaraba que o segundo apelido era Porrúa, que vivira durante a “dominación roja” na Calle del Barco, nº 10
teniendo una actuación destacadísima, pues fué Fiscal del Tribunal de Alta Traición en las Salesas e intervino en asesinatos de personas de derechas y al terminar la guerra, por todo lo expuesto, fué juzgado y condenado a la última pena, siendo ejecutado el 27 de mayo de 1940 según manifiestan infinidad de personas de la Prisión de Porlier que conocen este hecho.
O 7 de febreiro de 1946, o Decanato dos xulgados municipais de Madrid comunica que os xuíces encargados dos rexistros civís non atoparon a inscrición de defunción.
O auto do xuíz declara terminado o sumario (11-2-46) e o sobresemento provisional ao non poder acreditar mediante a partida de defunción o falecemento. O TERMC confirma a decisión o 30 de marzo dese ano.
Pero o expediente seguiría acumulando documentación con posterioridade. Nada menos que doce anos despois, (o 9-7-1958) a Sección Especial da Delegación Nacional de Servicios Documentales, adscrita á Presidencia do Goberno, comunica ao presidente do TERMC que, na clasificación de documentos masónicos que levaban a cabo no arquivo, apareceran antecedentes de dito carácter relativos a Enrique Peinador Porrúa e que remitían certificación de novos antecedentes, que ampliaban os de 1945. O xefe da Sección Especial fai referencia á aparición dunha carta (6-7-1937) escrita por Peinador e con cabeceira da Academia Nacional de Jurisprudencia y Legislación, dirixida ao destacado socialista, subsecretario de Facenda, Jerónimo Bugeda, na que se interesa polo nomeamento dun amigo común, Antonio Bellver, como Teniente Auditor de Campaña
y como tú estás en inmejorables relaciones con el camarada Prieto y gozas de valiosa influencia en los medios milito-populares, a ti recurro con todo el apremio de nuestra buena y antigua amistad [...] Aquí me tienes a mi en este Madrid heroico acusando fascistas, y desde la banqueta fiscal te envío sin pareado un abrazo cordial.
Indican no certificado que na firma emprega os tres puntos masónicos.
Recomendamos o magnífico traballo de Fran Redondo para achegarnos a este galego que tivo unha destacada actividade naquel Madrid dos anos da 2ª República.





