O tenente Francisco
González Rodríguez, alcumado “O Rabioso”, estaba satisfeito;
nas súas mans tiña un documento que podía dar moito xogo na súa
persecución de desafectos: unha fotografía tomada o 25 de xullo no
salón Las Cabañas de Vigo, nunha comida con motivo do Día de
Galicia. Nela aparecían retratadas varias figuras do galeguismo e
outros persoeiros do mundo cultural, político, empresarial e
asociativo vigués.
“O Rabioso”
detivo a vista en dous deles, ambos eran comerciantes coñecidos, con
posibilidades económicas e, por conseguinte, capaces de achegar unha
significativa cantidade de pesetas mediante multa ou a consabida
achega “voluntaria” aos alzados. Eran Ángel de la Gándara
Cividanes, comerciante, moi ligado á Unión de Fabricantes de
Conservas e o comerciante de calzado Cayetano Bastida Vázquez.
No informe que
redacta, dirixido ao comandante militar da praza Felipe Sánchez,
acusa a De la Gándara de separatista e galeguista aínda que
recoñece que non puido comprobar que acollera na súa casa a
Humberto Solleiro (xa fusilado) e a súa dona, nin que cotizase para
o Socorro Rojo; tampouco puido atribuírlle pertenza á masonería
(unha das súas teimas) pero si ao Rotary Club de Vigo. Neste senso,
non deixou de relacionar no informe as ligazóns que, ao seu xuízo,
presentaban ambas organizacións pois destaca que os rotarios eran
unha sociedade condenada pola Igrexa Católica en diversas pastorais
de bispos
que la consideran secta de la masonería, en plan aristocrático y a la que los Masones Universales tienen declarada su protección por las coincidencias con su credo izquierdista y revolucionario, aparte de que está considerado que un ochenta por ciento de los afiliados “rotarios” son también masones.
Un detalle
importante no informe era a relación de bens do denunciado.
O escrito que Felipe
Sánchez envía, o 26 de decembro de 1936, ao xeneral xefe da 8ª
división e que contén a denuncia do “Rabioso”, engade un
parágrafo no que, pola súa parte, afirma que a opinión pública
era moi rigorosa con De la Gándara a quen lle atribuía “actividades
que concuerdan y aún acentúan el informe que tengo el honor de
transcribirle.” Estas razóns valéranlle ao comandante militar
para detelo e imporlle unha sanción de 5000 pesetas.
Ángel de la Gándara
tiña os suficientes apoios para que o xeneral Aranda, xefe militar
da 8ª rexión, o recibira para desmentir as acusacións, cousa na
que tamén se ratifica por escrito.
A Cayetano Bastida
impóñenlle unha multa de vinte e cinco mil pesetas para “el fondo
de Abastecimiento del Ejército Salvador”. Tampouco queda calado
Cayetano e fai valer a súa condición de “Patriota y de verdadero
afecto al Régimen y movimiento del Ejército Glorioso Salvador de
España, la que desea con todo el entusiasmo llegue a ser una, grande
e Imperial”, como manifesta na reclamación ao xeneral xefe datada
no 16 de febreiro de 1937. Lembra tamén a súa condición de
católico, doante a varias congregacións relixiosas, adherido ao
Bloque Nacional de Calvo Sotelo, contribuínte a todas as
subscricións para os sublevados, etc.
En relación coa
foto do banquete, manifesta que a celebración non tiña carácter
separatista e que Santiago Apóstol era patrón de España, o
banquete fora un acto de expansión alleo á política e el nunca
estivera afiliado ao partido galeguista.
Dirixe tamén un
escrito ao “Rabioso” no que se queixa por estar detido por
figurar na foto e aduce que se fixera con motivo dunha festa pública,
fiesta de exaltación de Galicia, pero no de una Galicia separatista y mezquina, sino de una Galicia unida a toda España, una más en el conjunto de nuestra unidad nacional
lémbralle tamén a
súa condición de membro da Guardia Cívica viguesa así como as
doazóns feitas para o exército e as forzas de seguridade.
Pero Francisco
González “O Rabioso”, xa ascendido a capitán, contraataca cun
informe no que afirma que se comprobou, sen lugar a dúbidas, a
asistencia de Bastida, como afiliado, a reunións do partido
galeguista e que, segundo o cobrador, pagara os recibos ata o de
xullo do 36; aparte de consideralo “amoral” por unhas vendas de
bens en Cacabelos, afirma que estivera afiliado ao Partido de
Derechas (sic) satisfacendo unha cota dunha peseta (“en el
Galleguista pagaba 2”) e cos recibos a outro nome por non
prexudicar o negocio; en suma, dá a entender que era un caso de
dobre militancia interesada.
As influencias e
argumentos de Bastida puideron máis que a opinión do capitán da
Guardia Civil e do comandante militar da cidade pois, con data do 13
de marzo de 1937, o xeneral Antonio Aranda considera que a conduta
política de Cayetano quedaba esclarecida como dunha persoa que
ni antes ni después del Glorioso Movimiento Nacional hizo oposición a las ideas que defiende, antes al contrario colaboró en él; acuerdo dejar sin efecto la sanción de 25000 pesetas que le impuso la Comandancia Militar de Vigo y por ende las retenciones o embargos practicadas para su aseguramiento.
3 comentarios:
Hola estoy intentando contactar con usted, es por una investigación histórica en la que puede estar relacionado su padre, si me da un correo me pongo en contacto con usted.
Gracias
Hola estoy intentando contactar con usted sobre una historia de la guerra civil, en la que pudo estar relacionado su padre. Si me da un correo me pongo en contacto con usted.
gracias
Hola,yo le enviè a usted un correo que me gustaría saber si lo ha recuerdo, dicho correo era para comentarle algo que me interesa y saber su opinión al respecto
Publicar un comentario