Sempre é motivo de ledicia a publicación dun libro, pero neste caso aínda o é máis: pola temática, o sucedido tras o golpe do 36; por quen o edita, o IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) que é referencia indiscutible no asociacionismo cultural galego e polo autor, Luís Bará, persoa implicada dende sempre no labor de recuperación e difusión da memoria e o patrimonio.
“Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade.” refrenda publicamente o que os que coñecemos o autor xa sabiamos: a autenticidade do seu compromiso coa memoria, compromiso que non é só a aposta conxuntural dun político senón que ven de lonxe, só hai que lembrar o seu labor no goberno autonómico coas actividades do Ano da Memoria, e todo o conxunto de iniciativas que poñen a Pontevedra como referente destacado nos procesos de recuperación da memoria, do recoñecemento social ás vítimas e os seus familiares; políticas de memoria que van máis alá de feitos puntuais e responden a unha planificación estable e de longo percorrido.
O libro está estruturado en cinco grandes apartados: 1- Memoria de Vilaboa. 2- O ronsel das silenciadas. 3- Memorial de san Simón. 4- Das casas refuxio. 5- Era a historia da noite. O título da cada un amósanos os eixes sobre os que xiran os relatos. Pero común a todos eles hai unha serie de notas a destacar:
A importancia dada á memoria oral, unha memoria que non busca a reprodución exacta e aséptica do sucedido, senón coñecer como viviron os feitos os protagonistas, o que nos achega son experiencias, emocións, sentimentos; en suma, a dimensión máis humana da historia, sen a que non se entendería a complexa realidade da represión e do terror. Nesta temática, a memoria oral é imprescindible porque houbo actuacións represoras que apenas deixaron rastro documental: que documentos acreditan as violacións e os abusos ás mulleres? Onde constan os nomes das mulleres rapadas ou gravadas co UHP na fronte? Onde están as actas das reunións nas que se decidía o paseo de moitas persoas?...
A memoria que Bará recupera neste libro é a memoria pouco publicada, a que se transmitiu caladamente; dá a coñecer o pasado de sectores da poboación que, case sempre, están ausentes das fontes escritas.
O autor adopta un enfoque subxectivo no relato, pero esa subxectividade non lle resta valor histórico ao libro, pois un historiador sempre é subxectivo, o que debe ser é rigoroso e veraz, sen ocultar nin manipular as fontes; e detrás deste libro hai un inxente labor de documentación, contraste de datos, de consulta bibliográfica, de hemerotecas, de arquivos de todo tipo.
E dentro das vítimas silenciadas destacan e están omnipresentes no libro as mulleres, o compromiso con elas xa aparece de xeito explícito na súa definición biográfica: “son o neto de Pepa das Laceiras, muller de coraxe e de labor. Todo comezou con ela.” En multitude de relatos translócese a empatía do autor coas perseguidas, coas vítimas, pero tamén coas mulleres resistentes que teceron redes de solidariedade e axuda (s. Simón, Figueirido); o autor ponse no lugar das vítimas que viron as súas expectativa vitais rotas para sempre, porque o franquismo, aparte do terror e a violencia, o seu maior efecto foi arruinar brutalmente o futuro, as expectativas vitais, de varias xeracións.
Destacan tamén as imaxes, a fonda tristura da mirada de Mercedes Magdalena e as súas fillas, o terror nos rostros dos vellos presos en san Simón, a resistencia e a dor de Cinta Rey na Caeira; como ben di o autor: “Hai imaxes que contan historias. Imaxes que falan, que berran, que claman, que proclaman” En suma, imaxes que nos chegan ao corazón, que nos conmoven e que nos transportan emocionalmente á época dos feitos.
Para rematar, libros como este non tratan, como algúns din, de reabrir feridas, porque as feridas nunca estiveron cerradas nin o estarán ata que coñezamos e comprendamos o que realmente aconteceu, e se faga xustiza, co recoñecemento social das vítimas, da superioridade moral dos valores democráticos sobre o fascismo e coa anulación dos xuízos sumarísimos. Cando así suceda, este pasado converterase definitivamente no que debe ser, historia.
domingo, 21 de mayo de 2017
sábado, 22 de abril de 2017
Lembranza de Juan Manuel Gómez Corbacho.
Juan
Manuel Gómez Corbacho naceu en Bos Aires e vivía na rúa García
Hernández, 17, 1º de Pontevedra, traballaba como chofer da
liña de autobuses entre Pontevedra e Cangas, era un activo membro do
Partido Comunista e dirixente sindical destacado no Centro Obreiro da
capital. Sen dúbida foi o máis coñecido dos presos a raíz dos
sucesos revolucionarios de outubro de 1934 na nosa cidade; o 7 de
outubro daquel ano fora detido nun confuso incidente nos locais
anexos ao antigo cuartel de Fonseca; estes locais estaban alugados
como garaxes e levaban tempo sen usar. Ao igual que outros sectores
obreiros, os choferes declararan a folga xeral; Manuel, militante do
sindicato de condutores, foi denunciado por Saturnino Paz Peón
(falanxista de triste lembranza) e outros mozos que viran como
entraba nos locais citados xunto con outros compañeiros. Dirixe a
detención outro coñecido personaxe: o comandante Vila Fano, que
tería un papel destacado en varias causas militares logo do golpe do
36. Corbacho xustifica a súa presencia no garaxe cun relato
bastante inverosímil: estaba paseando polo malecón e unha persoa
pedíralle que avisase a un soldado; ao chegar á altura do garaxe
déronlle un golpe na cabeza e metérono dentro. Non lembraba nada
do que pasou ata que o comandante Vila o levanta do chan dándolle
golpes; atribúe as agresións a que o consideraban oposto á folga.
O
certo é que lle atoparon unha pistola Star de 9 mm (para a que tiña
licenza) cargada e montada, seis botellas de gasóleo, xofre, salitre
e algodón en rama, materias que se usaban na fabricación de
explosivos; tamén portaba selos do Socorro Rojo Internacional e
recibos de cotas do sindicato de transportes “El Unitario” e do
Sindicato de Conductores y Similares.
Tamén
foron detidos Valeriano Riobó, Luis López Menéndez, Carlos Varela
Varela e José Fernández Mora, contra os que se abriu causa separada
e foron absoltos.
Juan Manuel Gómez Corbacho foi encausado (148/34)
polo delito de tenencia de materias inflamables e foi condenado a
vinte anos de cárcere, que empezou a cumprir no penal do forte de
San Cristóbal; con triunfo da Fronte Popular foi posto en liberdade
e regresou a Pontevedra en Unión doutro preso, Manuel Amoedo, e
foron recibidos con grandes actos de homenaxe pola esquerda obreira
pontevedresa.
En
xullo de 1936 participa na resistencia contra o golpe actuando en
rexistros domiciliarios e na recollida de armas para o que contaba
con autorización escrita do gobernador. Foi un dos asasinados nos
sucesos de A Torre (Lourizán). Un informe asinado polo comandante da
G. Civil Velarde o 5 mde febreiro de 1937 manifesta:
En contestación a su escrito de fecha de ayer, en el que se interesa informes respecto al comunista Gómez Corbacho, me complazco en participar a V.S. que el día 18 de Diciembre último al tratar de llevarse a cabo por fuerza del puesto de esta Capital la detención del mencionado sujeto y otros extremistas que se hallaban refugiados en una casa de la parroquia de Salcedo se hicieron fuertes tiroteando a la fuerza con armas de fuego viéndose la expresada fuerza obligada a incendiar la referida casa para someterlos, pereciendo entre las llamas el extremista de referencia.
Foi
inusual a repercusión que tiveron na prensa estes sucesos ocurridos
en Lourizán, xusto no límite con Salcedo; os xornais deron todo
tipo de detalles dos feitos e destacaban eloxiosamente a actuación
de Víctor Lis e os seus homes contra estes “peligrosos rojos,
licenciados de presidio”.
Estamos
a principios de decembro, a mediados do mes anterior detiveran ao
xefe de prisións Fernando Lago Búa e ao médico Bustelo por unha
trama de extorsións e favores sexuais; en Pontevedra estaban
estendidos os rumores sobre a implicación de Víctor Lis en tramas
deste tipo, tanto que un cidadán, Joaquín Lois, tivera que
publicar facía dúas semanas unha carta aberta nos xornais
desmentindo a súa implicación nos rumores “que ponen en
entredicho la honorabilidad y la actuación impecable y sin tacha”
de Lis. A Falanxe pontevedresa, con fortes enfrontamentos internos e
que nunca tivera simpatía polo médico, tiña informes sobre os seus
manexos que, con certeza, fixera circular entre as autoridades.
Influentes sectores da sociedade pontevedresa afecta aos golpistas
non viran con bos ollos o “paseo” e afondamento do avogado
Martínez Tiscar, no que tiveran responsabilidade directa algúns
mandos da Guardia Cívica e Velarde.
Era
necesaria unha actuación importante e publicitada de Lis e os seus
homes para facer ver o imprescindibles que eran. Atopou a ocasión
tras a delación sobre o paradeiro de dous dirixentes sindicais
importantes (Manuel Méndez e Juan Manuel G. Corbacho) e unha muller
obxecto de requisitoria militar, Elvira Lodeiro. Manuel Méndez era
dirixente da Federación Obreira de Marín e Corbacho era
coñecidísimo pola súa militancia.
Para
subliñar aínda máis a importancia desta actuación faise un
consello sumarísimo en domingo, cunhas penas durísimas, moi raras
contra as mulleres, e ademais non contemplando a eximente, ou polo
menos a atenuante, do código militar cando os acollidos tiñan lazos
afectivos cos acolledores. E foi o propio Lis quen mandou o pelotón
de fusilamento. Os xornais non coinciden no relato dos feitos pero si
en louvar a Víctor Lis pois sobre a súa actuación facíanse,
segundo eles, eloxiosos comentarios.
Pero
a brutalidade das actuacións e a corrupción de todo tipo era tan
forte que as autoridades víronse forzadas a intervir.
Lago
Búa e Bustelo foron xulgados e executados.
A
Falanxe pontevedresa sufriría unha importante depuración co cese
do seu xefe provincial Manuel Castro Pena e outros cargos.
VíctorLis veríase suxeito a unha investigación por extorsión económica
e sexual meses despois e, no 1940, polo paseo de Alberto Martínez,
pero a xustiza militar nunca chegou a condenalo: era o pago aos
servizos prestados e aos crimes que, como este, levou ás súas
costas.
jueves, 23 de marzo de 2017
Certificados de solvencia relixioso-moral.
Un dos grupos máis perseguidos polas autoridades do novo réxime
franquista foi o das mestras e mestres; sobre o proceso depurador
exercido contra eles xa escribimos unha entrada fai tempo. Hoxe
trataremos sobre algunhas das condicións que debían reunir os
informes que todo mestre ou mestra debía presentar para poder ser
admitido na docencia ou para superar os trámites da depuración.
En novembro de 1937, o xefe accidental da sección administrativa de
primeiro ensino de Pontevedra lembra o feito de que moitos dos
solicitantes para figurar nas listas de interinos non presentaran
“documentos justificativos de su solvencia religioso-moral,
patriótica y política”, polo que non podían ser admitidos.
Tampouco eran aceptados aqueles documentos estendidos coas fórmulas
“informo” ou “digo yo”, xa que se requiría que a persoa que
os expedía afirmase terminantemente “certifico”.
Algúns mestres recorrían a presentar certificados limitados a
algún período de tempo ou referidos á estancia en determinadas
localidades nas que as circunstancias eran máis propicias a obter
informes favorables; esta escapatoria non se zafaba das disposicións
controladoras, que establecían que tales certificacións debían
abranguer toda a vida pública do informado. Tampouco servían se só
contemplaban algún aspecto da súa actuación, pois debían
referirse a “la conducta religioso-moral, a los sentimientos
patrióticos y sobre todo a su adhesión al Movimiento Salvador de
España que ha de expresarse clara y concretamente y no en términos
ambiguos inaceptables.”
En canto aos informantes, tamén debían reunir estritas condicións:
desempeñar cargos políticos ou sociais dos “Poderes
constituídos”, con solvencia ou que “por lo menos sean conocidos
de los señores de la Comisión, que no pueden aceptarlos de personas
que no les ofrezcan completa garantía.”
As tácticas seguidas polos mestres para sortear as posibles notas
desfavorables do seu pasado estaban bastante estendidas, pois as
instrucións citadas acompañaban unha relación de sesenta mestres
pontevedreses que incumprían algunha das condicións e que, polo
tanto, debían presentar máis certificados. Non era momento de
actitudes tépedas sobre o réxime, mestres como J. Bautista M.
Lemiña, a quen facía un mes o gobernador militar dera orde de
levantarlle a suspensión, facía méritos e escribía na portada de
El Noticiero Gallego, dentro dunha serie dirixida aos nenos das
escolas, cousas como estas:
España dió hombres de todos los matices: Mártires, héroes, santos, cristianos, judíos y perversos; pero procuró producir en incalculable cantidad superiormente proporcional, más mártires, héroes, santos y cristianos, que judíos y perversos.
Na nómina dos mártires apuntaba a Calvo Sotelo, Goded, Moscardó
(fillo), José Antonio, Sanjurjo..., entre os heroes a Franco, Queipo
de Llano, Mola e como santos a Sant-Yago [español de adopción,
suponse] e san Ignacio de Loyola.
Pero también dió, aunque en nimia cantidad, judíos como un Osorio Gallardo, un Asúa, un Negrín, un Prieto, etc; y perversos o asesinos, como un Casares Quiroga, un Largo Caballero, un González Peña y un Azaña ( este, además mónstruo).
Os informes dos curas, preceptivos no expediente depurador, tomábanse
moi en conta. Hóuboos que emitiron informes favorables sobre os seus
parroquianos, obviando a súa militancia esquerdista ou a
inobservancia relixiosa; noutros casos desculpan a súa actitude ou
silencian os aspectos máis comprometedores. Non faltaron tampouco os
que emitiron informes durísimos esaxerando os aspectos máis
negativos.
Proba de que a emisión de informes favorables era significativa é o
feito de que o arcebispo de Compostela, entusiasta do novo réxime,
prohibía ao clero informar avalando a relixiosidade dos afiliados a
sociedades marxistas e mandaba que os informes debían certificar en
conciencia “sin miramiento alguno, sin atender a consideraciones
humanas de ninguna clase.” Aínda así, parte do clero seguiu
avalando os seus veciños pois, no mes de novembro, insiste en que
os curas non recomenden ou emitan informes que non lles pediran as
autoridades ou dándoos con parcialidade.
Tomás Muniz de Pablos, que aparece en numerosas ocasións saudando
ao estilo fascista, adiantouse na cualificación do golpe militar
como cruzada:
la Cruzada que se ha levantado contra ellos es, patriótica si, muy patriótica, pero fundamentalmente una Cruzada religiosa, del mismo tipo que las Cruzadas de la Edad Media, pues ahora como entonces se lucha por la fe de Cristo y por la libertad de los pueblos. ¡Dios lo quiere! ¡Santiago y cierra España!
O 30 de agosto de 1936 sacou en procesión a urna coas cinzas do
apóstolo para acadar do ceo
por intercesión de Santiago, el triunfo de los ejércitos nacionales que acometieron la empresa de reconquistar la Patria, esclavizada y envuelta en arroyos de sangre de hermanos por las maquinaciones de la masonería, del marxismo y del judaísmo.
A Junta de Defensa Nacional accedeu á petición da
Archicofradía del Glorioso Apóstol Santiago de conceder honores
militares ás cinzas do patrón de España; a urna procesionou
envolta na bandeira e adornada cos atributos de capitán xeral:
faixa, sable e bastón de mando. Acompañaban ao arcebispo os bispos
de Lugo e Mondoñedo.
Foto: Muniz de Pablos e outros prelados diante da catedral e saudando ao estilo fascista.
domingo, 5 de marzo de 2017
Consellos de guerra a moañeses.
A
maioría dos historiadores coinciden na consideración dos consellos
de guerra celebrados tras o golpe militar como un xeito de darlle
unha aparencia de legalidade á represión; en realidade tiñan moito
de farsa xudicial na que se incumprían as máis elementais normas
de seguridade xurídica: irretroactividade das leis, imparcialidade
dos xuíces (eran militares golpistas), existía presunción de culpabilidade
en lugar de inocencia,etc.
Os defensores
eran
militares e, polo tanto, afectos
(por convicción ou obediencia) ao golpe,
ademais actuaban
diante dun tribunal integrado por superiores xerárquicos. Moitos
poñían interese na defensa
e tentaban rebaixar as penas argumentando a curta idade, falta de cultura,
malas influencias... dos procesados pero, obviamente,
sen poñer nunca en cuestión a radical nulidade dos xuízos.
Hai que facer notar que os
golpistas seguían a utilizar a lexislación militar republicana, non
fan unha lexislación ex-novo, o que fan é darlle a volta no senso
de que se inverten os papeis, aplican a chamada xustiza ao revés
da que falaba Serrano Suñer: os rebeldes xulgan por rebelión os
defensores da legalidade.
Os informes ( da policía,
Guardia Civil, Falange, curas...) eran moi importantes pero non
acostumaban destacar pola súa obxectividade. A participación nos
sucesos de outubro do 34 (xa castigados no seu momento), nas requisas
de armas (efectuadas coas garantías legais e acompañados de axentes
da orde), eran agravantes moi cualificadas nos encausamentos. Papel
decisivo era o dos auditores xurídicos militares pois valoraban
se un procedemento se elevaba a causa, o posible delito e pena que
correspondía, a adecuación da sentencia, se procedía pedir o
indulto, etc; o habitual era que as sentencias se correspondesen co
apuntado polo auditor.
As
condenas eran dunha gravidade desproporcionada aos feitos pero a
salvación era non ser condenado a morte, pois as penas de cárcere
foron moi rebaixadas cos indultos posteriores.
Foron
seis os nativos de Moaña executados por sentenza de consello de
guerra pois, aparte os tres dos que falaremos máis adiante, debemos
citar a Juan Milleiro Sampedro, fusilado en Pontevedra o 12-7-37,
Antonio Fernández Martínez, da CNT, que vivía en Xixón e alí o
executan o 30-3-38 e Celso Pérez Carballo, membro da CNT, xulgado
no Ferrol, combatera no bando leal á República, prisioneiro de
guerra e executado o 21 de decembro de 1940.
Falaremos
de dúas causas contra veciños de Moaña. A 959/37, contra Eugenio
Otero Acuña e Manuel Veiga Ríos, os dous de Domaio.
Foran detidos en decembro do 36 tras estar fuxidos. Eugenio era
dirixente da Sociedad de Oficios Varios de Domaio e acúsano de ser
iniciador da folga xeral e da recollida de armas na que participa
armado e, xunto con outros, preséntanse en domicilios de persoas de
dereitas e, de forma violenta e con ameazas, apodéranse das armas.
Veiga era un afiliado do sindicato e foi o que se encargou de avisar
os socios para que asistiran á reunión na que se preparou a
resistencia ao golpe; tamén o viran cunha bomba que, parece ser,
lle entregara outra persoa e que, pasados uns días, entregou a
afiliados a Falange. Noutra causa (948/37), o médico Julio
Rodríguez, xefe da Guardia Cívica de Domaio, consideraba a Otero
como “vago de profesión” e da FAI, e a Veiga como suxeito
abúlico e carente de vontade. O xuízo celebrouse en Pontevedra o 22
de xullo de 1937. Eugenio Otero foi condenado a cadea perpetua e
inhabilitación absoluta perpetua e Manuel Veiga, a quen consideran
falto de perigosidade social, a 12 anos e un día e o tribunal
considera que debe ser indultado.
A causa
máis destacada contra veciños de Moaña (1212/36) celebrouse en
Vigo o 17 de decembro de 1936. Os atestados consideran os encausados
como elementos dirixentes que se reuniron o 20 de xullo no sindicato
e acordaron “armarse y oponerse abiertamente en actitud de
violencia y de resistencia a la acción de la Guardia Civil y
aquellos elementos del Ejército que acudiesen a Moaña.”
Atribúenlles a citada condición a Eugenio Cancelas, Jesús
Vilariño, José Paz, Cándido Giráldez, Francisco Jalda, Manuel
Cancelas, José Barreiro e os irmáns Fervenza, a Manuel Catrofes
engádeno ao grupo por ser “anarquista de acción”. Varios dos sinalados xa foran "paseados" polas xentes de Bruno Schweiger e falanxistas de Cangas e Moaña.
Destacan a
José Fervenza por estar “señalado en la villa de Moaña con el
siniestro carácter de verdugo y que el no niega de haber triunfado
el bárbaro movimiento”. Como participantes nas requisas de Moaña
e Meira sinalan a José San Luis “Chaplin”, Luis Pérez Álvarez,
Eugenio Gayo Santomé, Manuel Vilariño, Arturo Piñeiro e Manuel
Catrofes. Varios armadores como Enrique Pérez e Eduardo Vieira
testemuñan a favor dalgúns encausados; o secretario do concello
defende a actuación do alcalde Fandiño e fai notar a presencia da
Guardia Civil nos rexistros domiciliarios por el ordenados.
O fiscal
pon de manifesto “el fuerte arraigo, aunque solo aparente, que
el FP había alcanzado en los pequeños pueblos de lo cual eran
principales instrumentos sus alcaldes”; as acusacións son por
requisa de armas, incendio da igrexa e envío de coche a Pontevedra
para enlazar co goberno civil; desculpa por actuar obrigados aos
irmáns Costas. Afirma que o alcalde pertence á masonería. Pide
varias penas de morte. O defensor do alcalde Fandiño, capitán Segundo
Cobas, nega que fose masón e, no caso de que o fose, como emigrante en
América, puidera non ter outro recurso que afiliarse por necesidade
para os negocios; mantén que nos rexistros interveu a G. Civil polo
que non eran ilegais e que o alcalde acatou o bando de guerra. O
feito de continuar no cargo de alcalde varios días despois do golpe
demostraba que inspiraba confianza ás autoridades militares de
Pontevedra. Di que pertencía ao partido Radical e non á Fronte Popular. No referido ao
alcalde José Fandiño, o instrutor manifesta que “de una manera
clara no consta su participación, sin embargo su actitud pasiva
influye en el desarrollo de los acontecimientos” e recoñece
que no sumario só se atopa un cargo contra el: o da orde para que un
coche fose a Pontevedra a buscar armas “sin que dicho extremo se
haya podido confirmar de una manera clara y rotunda”.
A defensa
dos outros implicados consiste en afirmar que actuaran coaccionados
por elementos que xa faleceran e que, cando se decataran da
proclamación do bando de guerra, acatárano e devolveran as armas;
estaban afiliados á CNT porque era imprescindible para traballar.
A
sentencia condena a morte a José Fervenza Pena, Jesús Vilariño
Santomé, e José Fandiño Pidre, a reclusión perpetua a Eugenio
Gayo Santomé, Manuel Catrofes Rodríguez, Manuel Fervenza Pena e
Manuel Vilariño Santomé e a 15 anos de prisión a Arturo Piñeiro
Iglesias “Chaplin” e Luis Pérez Álvarez. Os tres condenados a
pena de morte son executados no monte do Castro o 31 de decembro de
1936 ás once da mañá e levados ao cemiterio de Pereiró
“encerrados en sencillos féretros negros”.
Todos
os condenados foron sancionados coa cantidade dun millón de pesetas
a ingresar no Tesoro Nacional.
Nota: A imaxe corresponde ao mercado de peixe ó redor de 1929. Vida Gallega.
As citas textuais aparecen nas causa militares. AIMN.
sábado, 18 de febrero de 2017
O ministro milagreiro.
Adicado a Manolo Ayán.
No xornal Mundo
Obrero, editado polo Comité de Galicia do Partido Comunista de
España, sempre lle prestaron moita atención aos temas relacionados
coa situación do campo galego e ás actividades de organismos como
as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos, fiscalía de
taxas, e a todo o entramado de control franquista neste eido. Había
unha sección, escrita en galego cunha ortografía peculiar, titulada
“Pote Gallego” da que transcribimos un artigo, publicado no 1948,
cheo de ironía sobre os problemas da agricultura galega e as
corruptas Hermandades e que titulaba “O ministro milagreiro”:
Com’a tripa valdeira é mala conselleira, a xente cárgalle o san Benito de todal-as calamidades o Goberno de Franco.Se os precios ruben, com’os foguetes; se as contribuciós medran com’a herva mala; se non hai sementes, nin abonos, nin lus, nin gasolina; se hastra pol-os cans hai que afloxar imposto, a xente marmulla... “a culpa ten-a o goberno”. S’un coitado que lampaba c’oa fame, dempois d’un ano mangoneando a Hermandade, fai unha casa de catro pisos, os chismós axiña lle votan as contas: tanto que raspillou d’os cupos, tanto d’as sementes, tanto d’o nitrato...Moita xente inora que o Fuero falanxista, garantiza a libertade de roubar...pro roubar en grande. Marmurar d’o Caudillo, e d’os qu’o redor dil, esmiólanse por faguer unha España con mais cárceres qu’escolas; sospeitar d’os que se fan ricos d’a noite pra mañan, e mala fe. Se os gobernadores, alcaldes e xerarcas, quédanse c’unha miaxa entr-as uñas, fan-no sin malicia. Como diria Curros:Sonche os que gustan d’as troitasE como lle gustan, tentanPescar c’oas bragas enxoitas.Pro o qu’hai que ver non son os defuntos, senon as virtudes, os milagres, que fai o goberno. Ollai unha mostra. Os nosos labregos andaban enrabiados pol-os cupos y-as tasas; queixabanse de qu’a terra non daba nin pra broa de medio ano.Estaban murchos, com-a si os vira o meigallo; mais o Ministro d’Agricultura de Franco (de quen as malas lenguas din que ten cara d’esguello e mañas de raposa) acaba de alcontral-o remedio: ¡ vai poñer aparatos de Radio en todal-as Hirmandades! Así, cando o labrego non teña os satenta pesos pra contribución; nin abono pras terras, ou o forero amenace c’o embargo, dáse unha voltiña pol-a Hirmandade, e dempois d’ouvir un bolero de Machín, acabanselle as preocupacións. ¿Non é isto maior milagre qu’o d’o Cristo de Limpias? Abofellas qu’o que se queixa, e de bulra. Como dixo Franco, outros están pior qu’a nos. Por exemplo, os negros d’o Congo africano que non disfrutan d’unha feiticeira Xunta d’Abastos que lles racione a fame...¡nin teñen chirimbolo de Radio! Moito pior viviase c’oa República, pois aquelas potas de bacallau, y-as talladas de touciño, estragaban os estómagos.Os que se queixan, dóulles un consello: con chorar non matadel-a fame. Eu, como bon gallego, calo...e fago. Teño dous fillos n’o monte y-outro que rabia por liscarse pra-lo. Eu, y-outros dous veciños, un d’estes días, cavilamos dar unha voltiña pol-a Hermandade. ¿A vos gustavos a Radio?...Pois a min tamén. So que esa noite temos un traballiño que faguer: vámoslle prender lume a esa cova de vermes que se chama “Hirmandade...de ladrós e lampantís”.
miércoles, 1 de febrero de 2017
Malleiras na illa de Arousa.
As actuacións da Guardia Cívica da Illa de Arousa non se limitaron ao asasinatos de Santiago Otero “Pajares” ou de Esteban Picón; hai documentada toda unha serie de actuacións represoras, que van dende as apropiacións irregulares de bens incautados ata malleiras que acaban, meses despois, en morte.
Algunhas das malleiras están relacionadas co que parecía ser unha obsesión do xefe “cívico” Benito Figueiras: a obrigatoriedade de asistencia á misa. O cura recoñece o trato afectuoso e correcto que tiña con el e o ofrecemento que lle fixera para darlle escolta ao Viático, porén afirma “Que según rumores aconseja y hasta coacciona al vecindario para que concurra al santo Sacrificio de la misa.” Algunhas veces obrigaba aos mariñeiros a ir á misa sen deixarlles sequera cambiar a roupa de augas. O día da festividade da Ascensión, estaban uns mariñeiros xogando ao dominó na taberna, Benito entrou preguntando se aquelo era a misa e engadiu: “agora vai saír o Cristo” e comezou a darlle labazadas aos presentes botándoos fóra do establecemento. Non abondou co anterior e visitou a casa do portugués Domingo Barbosa e indicoulle á muller que tiñan que ir á misa de doce; como ela lle respondera que xa foran pola mañá cedo, tampouco se librou dos golpes de Figueiras. Pola tarde volveu para golpear ao home pero impediullo un garda civil que o acompañaba.
Maior gravidade revestiron outras malleiras realizadas polos “cívicos” no seu cuartel; na fatídica noite do 20 de setembro de 1936 levaron ao cuartel a Francisco Diz, Juan Chaves e Enrique Rial; o primeiro tivo que gardar cama e estivo incapacitado para o traballo máis de dous meses, Juan Chaves recibiu vergalladas, puntapés e golpes coa culata dos fusís durante dúas horas.
Quen levou a peor parte foi o mariñeiro de 29 anos Enrique Rial; os golpes deron lugar a varias hemoptises e as molestias foron aumentando co tempo e obrigárono a gardar cama pois afectáranlle gravemente os pulmóns “siendo su estado de tuberculosis aguda gravísima; estado que tiene relación íntima con los traumatismos” segundo fan constar os médicos Martínez e Legerén que o recoñecen meses máis tarde, médicos nada sospeitosos de desafectos. Morre á seis da tarde do 3 de xullo de 1937 e, segundo a autopsia, a causa inmediata da morte foi tuberculose pulmonar pero a causa fundamental foran os traumatismos.
Algunhas das malleiras están relacionadas co que parecía ser unha obsesión do xefe “cívico” Benito Figueiras: a obrigatoriedade de asistencia á misa. O cura recoñece o trato afectuoso e correcto que tiña con el e o ofrecemento que lle fixera para darlle escolta ao Viático, porén afirma “Que según rumores aconseja y hasta coacciona al vecindario para que concurra al santo Sacrificio de la misa.” Algunhas veces obrigaba aos mariñeiros a ir á misa sen deixarlles sequera cambiar a roupa de augas. O día da festividade da Ascensión, estaban uns mariñeiros xogando ao dominó na taberna, Benito entrou preguntando se aquelo era a misa e engadiu: “agora vai saír o Cristo” e comezou a darlle labazadas aos presentes botándoos fóra do establecemento. Non abondou co anterior e visitou a casa do portugués Domingo Barbosa e indicoulle á muller que tiñan que ir á misa de doce; como ela lle respondera que xa foran pola mañá cedo, tampouco se librou dos golpes de Figueiras. Pola tarde volveu para golpear ao home pero impediullo un garda civil que o acompañaba.
Maior gravidade revestiron outras malleiras realizadas polos “cívicos” no seu cuartel; na fatídica noite do 20 de setembro de 1936 levaron ao cuartel a Francisco Diz, Juan Chaves e Enrique Rial; o primeiro tivo que gardar cama e estivo incapacitado para o traballo máis de dous meses, Juan Chaves recibiu vergalladas, puntapés e golpes coa culata dos fusís durante dúas horas.
Quen levou a peor parte foi o mariñeiro de 29 anos Enrique Rial; os golpes deron lugar a varias hemoptises e as molestias foron aumentando co tempo e obrigárono a gardar cama pois afectáranlle gravemente os pulmóns “siendo su estado de tuberculosis aguda gravísima; estado que tiene relación íntima con los traumatismos” segundo fan constar os médicos Martínez e Legerén que o recoñecen meses máis tarde, médicos nada sospeitosos de desafectos. Morre á seis da tarde do 3 de xullo de 1937 e, segundo a autopsia, a causa inmediata da morte foi tuberculose pulmonar pero a causa fundamental foran os traumatismos.
lunes, 9 de enero de 2017
Santiago Otero Pouso, "Pajares"
Santiago Otero Pouso “Pajares” emigrou a Arxentina no ano 1921,
alí traballou nos xacementos petrolíferos de Comodoro Rivadavia ata
1923; en 1931 adquire a nacionalidade arxentina e chega a ser
axudante segundo da aduana de Río Gallegos. En 1932, aducindo
enfermidade da súa dona, pide licencia e trasládase a España. No
país suramericano naceran as súas fillas Juana e Dora.
Na Illa de Arousa participa na intensa actividade política do
momento e, en outubro de 1934, foi detido e procesado co resultado de
sobresemento. O motivo foi o sucedido na illa naquelas datas:
estoupido de bombas e proclamación da república independente; en
animada reunión celebrada nunha taberna e seguindo o exemplo da
Cataluña nomearon o goberno da república isleña e a Santiago Otero
adxudicáronlle o posto de presidente, o dono da taberna, Juan Otero
Maestú, correspondente do semanario socialista pontevedrés La Hora,
aparecería como ministro de Propaganda. Aquela lista de cargos,
plasmada nun papel de estraza, foi intervida polas forzas policiais e
traería tristes consecuencias no futuro.
Santiago Otero, na defensa dos seus dereitos laborais, tivo un
enfrontamento cos armadores con quen traballaba, chegou a denuncialos
e foron condenados a pagarlle 450 pesetas de indemnización; os
armadores déronlle largas ao pago.
Tras o golpe do 20 de xullo comezou a represión na Illa da man de
falanxistas e, principalmente, da Guardia Cívica na que tomaran
acomodo algúns antigos militantes da esquerda. Santiago foi chamado
ao cuartel dos “cívicos” e alí foi ameazado de morte e obrigado
a entregarlle aos armadores o oficio coa sentencia do preito.
Na madrugada do 20 ao 21 de setembro, contra as once e media da
noite, soaron uns golpes violentos na porta e ventás da casa de
“Pajares”, a pregunta sobre quen chamaba foi contestada coa
palabra “España” e a ameaza de derrubar a porta se non lle
abrían. A dona de Santiago, Josefa Arís, medio espida, abriulles e
entraron dous “cívicos” aparentemente borrachos. Sen facer
caso das súplicas da muller arrebátanlle dos brazos unha filla de
dous meses e tíranlla de mal xeito sobre unha cama. Sacaron a
Santiago sen darlle tempo a vestirse totalmente e pecharon a porta
por fóra. A familia escoita os berros de despedida do preso e un
disparo. Diversas testemuñas contan que o levaran ao cuartel onde o
interrogaran para que dixera quen fora con el a colocar unhas bombas
na casa de Emilio Nieto, “Pajares” negouse a responder; ao mesmo
tempo estabann detidos no cuartel Juan Chaves e Francisco Diz que
sofren unha fortísima malleira. De madrugada sácano do cuartel,
mátano e fondéano. Un mariñeiro que volvía á casa e lle prohiben
o paso pola zona e agóchase nun canaval, así como outro veciño que
contempla o paso da comitiva axexando pola ventá, puideron
contemplar o sucedido.
Ao día seguinte, a sogra de Santiago tenta coñecer o paradeiro do
xenro e a resposta que recibe é a de que o levaran a Pontevedra pero
non aparece por ningunha parte.
O 11 de outubro (outras fontes apuntan que foi o 6) aparece un
cadáver flotando na praia dos Testos e vai xente a velo, incluso os
nenos da escola; o pequeno tamaño da pedra atada ao pescozo non
impedira que flotase; avisado o xefe da Guardia Cívica Benito
Figueiras, afasta a xente do lugar e, acompañado de dous “cívicos”,
collen a barca dun pescador, átanlle á cintura do cadáver un poste
de pedra máis grande ( outra versión, pouco crible, conta que lle
abriran o ventre e enchérano con pedras) e fondean de novo o
cadáver mar adentro.
Os feitos quedarían como un “paseo” máis dos moitos sucedidos
naqueles días de non ser por dúas circunstancias: o encarceramento
e inicio de actuacións contra membros da Guardia Cívica polos seus
abusos e a condición de cidadán arxentino de “Pajares”.
Case un ano despois dos feitos, Josefa Arís, superado en parte o
medo, presenta un escrito no consulado de Arxentina en Vilagarcía
denunciando o “asesinato cruel y completamente injustificado” do
seu home; este escrito vai avalado tamén coa sinatura de dúas
testemuñas: Francisco Vázquez e Juan Santiago. Josefa evita
mencionar nada relativo a motivacións políticas e apunta a unha
vinganza polo preito cos armadores, remata o escrito sinalando que
coa morte do seu home
he quedado abandonada a la caridad pública, con cinco hijos todos menores, el menor de 1 y el mayor de 15 años de edad, y es por esto y por la convicción que abrigo del espíritu justiciero que anima todos los actos de la España Nacionalista, que solicito su patrocinio para pedir se haga justicia a fin de que mis hijos sepan que su padre fué una víctima de las pasiones humanas y no de la justicia. [ escrito presentado no consulado de Arxentina, 30-6-37. AIMN]
Ábrense dilixencias informativas das que se encarga o alférez da
Guardia Civil Mariano Crego que, aducindo causas variadas, deixa sen
interrogar aos presuntos culpables e a diversas testemuñas, pero non
se esquece de consignar que Santiago Otero adicábase á propaganda
“en sentido marxista” e que nos sucesos de outubro figuraba nun
goberno da Illa como ministro de Gobernación [sic] dando con isto
proba “de sus ideales extremistas”. Tampouco deixa de manifestar
a condición de antigos socialistas e militantes de esquerdas, antes
do golpe militar, dos “cívicos” presuntamente implicados nos
feitos. Conclúe que a morte de “Pajares” “se presume que sea
un acto puramente por venganzas personales.”
Como xa relatamos no referido a Esteban Picón, os acusados foron
absoltos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

