Adicado a Enrique Acuña por botar luz sobre a figura e a obra de Xosé Ruibal.
Coincidindo coa magnífica exposición no Museo de Pontevedra sobre a
figura do escritor José Ruibal Argibay, comisariada por Xosé
Enrique Acuña, a editorial Galaxia publica dúas narracións
inéditas da súa autoría: "Triquiñóns" e "18 días
á sombra". A publicación conta cunha detallada e esclarecedora
introdución de Enrique Acuña, que nos achega a peripecia vital de
Ruibal e o contexto histórico no que se desenvolveu. Como ben indica
Acuña, a novela "Triquiñóns", pola data na que se
escribe (mediados dos anos cincuenta) "de publicarse en 1956,
convertería a Ruibal nun pioneiro da temática da Guerra Civil na
nosa literatura".
Sobre a violencia
executada polos alzados no concello de Xeve e como se ve reflectida
nesta novela, trata esta entrada. Sen dúbida, o marco espacial da
novela é Xeve e non faltan referencias xeográficas e humanas que o
proban; aínda que, como é lóxico, o relato enriquécese con
achegas procedentes doutros contextos.
Non é doada a
identificación dos personaxes que, baixo pseudónimos, aparecen no
texto; o tempo transcorrido e os recursos creativos utilizados
impídeno. Aínda así, polo menos dous deles son perfectamente
identificables: o mestre don Sinforoso é, con certeza, o mestre José
Iglesias Rodríguez, autor de numerosos libros, entre eles o
impagable "Lecturas patrióticas". Dese libro e do seu
autor demos conta neste blog fai anos. Iglesias desempeñou o cargo
de alcalde e xefe local tras do golpe militar. O outro personaxe
identificable, Daniel da Peniña, republicano, socialista, ben
podería ser o señor Daniel, de quen todas as testemuñas contan
que foi obrigado a transportar no carro os asasinados na Lomba
(Gargallóns).
No concello de Xeve,
a violencia máis cruenta afectou varias persoas; dúas executadas
tras consello de guerra e sete (pode que oito) nas chamadas
execucións extraxudiciais ou "paseos". Ningún dos mortos
era nativo de Xeve e só un estaba aveciñado nel.
Os executados foron
o albanel, nacido en Lérez e residente en Gato Morto, Manuel Dios Costado e o mestre de Verducido Eduardo Muíños Búa. Sobre eles
pesaba a acusación de levar a cabo requisas de armas nesta
localidade. Era imposible desmentir a acusación pois estaba
acreditada a presencia dos acusados e outras persoas (Nemesio Laya,
Ciriaco Licer, Ramón Rey...) que, a bordo dunha camioneta,
recorreran o concello requisando armas nas casas de veciños
considerados dereitistas. Os propios acusados recoñeceron os feitos
pero aducen (o que era certo) que tiñan autorización escrita do
gobernador civil. Estaban actuando de acordo coa legalidade. A
maiores, era difícil negar a recollida cando, pola entrega dunha
escopeta incautada ao cura de santa María de Xeve, Victorino
Pereira, lle asinaran un recibo:
En la
parroquia de Santa María de Geve a veinte de Julio de mil
novecientos treinta y seis, recibe D. Eduardo Muíños Búa y D.
Nemesio Laya una escopeta, fuego central, calibre veinticuatro (24)
que, por orden del Sr. Gobernador, entregó D. Vitorino (sic) Pereira
a D. Eduardo Muíños, guardia cívico al servicio del Estado.
Encausados
no sumario 1098/36, celébrase o consello de guerra o 20 de novembro
e foron condenados a morte. O
tribunal estaba presidido polo tenente coronel Antonio
Durán Salgado,
os vogais eran os capitáns Antonio
Fontenla Romero, José Gándara Gándara, Luis Sánchez Cantón,
Rafael Reyes Campos e Manuel Casal Castro.
Actuou como poñente o tenente auditor Joaquín
Otero Goyanes,
de fiscal o letrado habilitado Manuel
María Puga y Ramón
e de defensor o alférez de complemento Juan
Astor García de Medrano.
Foron executados
ás sete e media da mañá do 2 de decembro de 1936 no alto da
Caeira.
A Ciriaco Licer e
Nemesio Laya condénanos a reclusión perpetua.
Outros veciños
tamén foron detidos por participar nas requisas: Eligio Portela
Pazos "Carriñolo", afiliado á sociedade de mecánicos da
UGT, residente en Couso e o veciño de Filgueira Eligio Corbacho
Riveiro. Foron denunciados por "cívicos" da localidade.
Lembremos que Xeve contaba con Garda Cívica propia, que tiña unha
sección a cabalo; esta sección era moi útil na persecución de
fuxidos no Acival e outros montes do municipio. A destacar a
declaración a favor dos acusados dunha muller, Adelina Vaamonde.
Neste caso só foi procesado Eligio Portela e a causa foi sobresida
pero quedou a disposición da autoridade gobernativa (4-3-1937).
Nas requisas,
ademais do citado cura de santa María, tamén foron vítimas outras
persoas, entre elas o propio José Iglesias (Don Sinforoso) ou o cura
de santo André, Manuel Ogando. Este último, sempre defensor dos
seus veciños, dixo non recoñecer os participantes. A propósito do
seu comportamento, contamos unha anécdota que nos relataron: En
tempos da República organizouse unha procesión; nun determinado
momento saíulles ao encontro un tal Miguel Ruibal que, armado dunha
escopeta, preguntoulle ao cura "a onde leva a ese de paseo?"
(referíndose ao Cristo). A cousa non foi a maiores pero, tras o
golpe, a Garda Civil e falanxistas interrogaron ao cura, que dixo
descoñecer ao causante.
A violencia
extraxudicial aparece reflectida en "Triquiñóns" coa
narración do asasinato colectivo que tivo lugar no que Ruibal nomea
como As Barronqueiras. Trátase dun episodio no que o relato
novelístico coincide no esencial coas fontes documentais que
recollín sobre o caso. O escrito por Ruibal só difire ao contar o
enterramento dos corpos. Sen dúbida, nun desexo de engadir
intensidade dramática ao episodio, conta como os veciños obrigados
a enterralos se despoxaron das camisas para cubrir o rostro dos
asasinados. A realidade, testemuñada ao autor por persoas que
presenciaron o feito, foi que se taparon cunha saba que mandou traer
o cura da súa casa. Facemos constar que houbo moitas testemuñas
debido a que a chegada e enterro dos cadáveres coincidiu cun acto de
defuntos.
os falanxistas viñeron
ata Filgueira, en Xeve, petando nas portas e mandando preparar un
carro cunha pouca palla, obrigaron a ir buscar os cadáveres e cando
chegaron de volta á igrexa eran xa as dez da mañá e como era un
acto das ánimas, estaba moita xente que empezou a chorar e dar
gritos e tamén choraba o cura, don Manuel Ogando. Fixeron un burato
xunto ao cemiterio e botáronos nel colléndoos polos pés, o cura
mandou buscar unha saba e tapalos antes de botarlle a terra dicindo:
“pobrecitos, no son animales”. Alí están enterrados.
(Testemuño de V. C. E.)
Un veciño de Gargallóns
(2018) precísame que o lugar das mortes fora na Lomba, en
Gargallóns, e incluso dime o nome de dous veciños "cívicos"
participantes; isto sábeo porque a noite dos feitos os “cívicos”
cortaron o paso polo lugar e déronlle o alto a unha persoa que ía
moer ao muíño e este puido coñecer a un deles (coñecido
participante neste tipo de actos do que eu tiña referencias).
Nos
diarios escritos por dous presos no lazareto, Bienvenido Lago (Caeiro
e outros,1995: 156)
e Valentín
Briones (Abuín,2018: 344), aparece mencionada unha
saca
efectuada o
11 de novembro
en
san Simón
e que coincide co relatado a continuación.
Nunhas
notas reservadas
da
policía afírmase que,
o
día
11 de
novembro,
sacan
a Gumersindo González González, José Romero Castiñeira,
Alberto Casal Dozo, Ángel Rial Vidal e Eduardo García Santos.
Estes, xunto con Antonio Fariña Duque, son,
con toda a probabilidade,
os
enterrados en Xeve.
As testemuñas falan de sete, seis ou cinco mortos.
Sabemos
que poden ser estes porque investiguei o caso dun deles, Alberto Casal Dozo “O Rosquilleiro”. Na causa 199/37 afírmase que foi entregado á
Garda Civil para trasladalo ao cárcere da Caniza.
Existe un oficio do xefe do lazareto, Pelegrín González,
(29-1-1937), no que se comunica que Alberto foi trasladado ao cárcere
de Redondela o 11 de novembro xunto con varios máis, existe recibo
da entrega; no cárcere de Redondela certifican o ingreso por orde de
Lago Búa e que o 12 de novembro fixérase cargo deles a Garda Civil.
Unha
vez máis terxiversáronse as circunstancias dun “paseo”
colectivo presentándoo
como un intento de fuga individual dun preso; neste caso a Garda
Civil informou sobre Alberto dicindo que “dicho
detenido y procesado fué muerto en Geve cuando intentaba fugarse de
la fuerza que le conducía”.
Quen
decidía os listados dos presos obxecto das sacas na zona de
Pontevedra era un "tribunal" formado polas seguintes
persoas: o comandante xefe accidental da Garda Civil, o delegado de
orde pública e o xefe efectivo da Garda Cívica. Tamén asistía o
inspector provincial de prisións. Estaban enterados e autorizaban o
gobernador civil e o comandante militar. Da execución destas ordes
encargábanse determinados gardas civís, "cívicos" e
algúns falanxistas.
Outro
"paseado" en Xeve foi o veciño de Mourente e membro das
milicias antifascistas Manuel Amoedo Nogueira. Amoedo, que xa fora
detido en outubro de 1934 e estivera preso no penal de Ezkaba en
Pamplona, estaba agochado pola familia da súa moza en Xeve; as
coaccións e ameazas levaron á súa localización polos "cívicos"
e ao seu asasinato en data indeterminada.
Na
novela de Ruibal tamén están presentes as extorsións de todo tipo
(sexuais, económicas...)
que
efectuaban as redes corruptas integradas por algúns gardas,
"cívicos", falanxistas e autoridades do réxime franquista
( Picapreitos na novela). Quen tiña un familiar en perigo acudía a
estas redes para, previo pago, obter a seguridade de que non ían ser
detidos ou "paseados". O caso máis soado foi o da
integrada polo inspector de prisións Lago Búa, o médico Bustelo e
outros; foron fusilados polo propio réxime nunha medida que se
utilizou como propaganda da rectitude dos sublevados pero que non
levou a que desapareceran nin os "paseos" nin as
extorsións.
Na
novela hai varias alusións á lectura de El
Socialista
por parte de varios parroquianos; é ben certo que o socialismo era a
ideoloxía predominante nas organizacións agrarias do concello.
Tras
o golpe, o colaboracionismo cos alzados e os virachaquetas que
esquecían o seu pasado para sumarse aos vencedores tamén estaban
presentes. Así aparece o personaxe do Coitelo; este tamén
exemplifica a figura do contrabandista, en conivencia cos gardas,
noivos das súas fillas. A autarquía económica implantada polos
sublevados tivo tamén unha función de castigo para os sectores de
poboación desafectos e serviu como unha recompensa máis para os
leais. O contrabando (entrada ilegal de mercancías dende outro país)
e o estraperlo (comercio ilegal de mercancías)
representaron unha porcentaxe moi elevada das transaccións
económicas. En Xeve estivo moi presente o estraperlo de fariña, moi
ligado aos muíños de Couso e outros lugares. Estraperlistas, moitas
delas mulleres, asistían ás feiras do interior, como a de Bandeira
ou A Estrada, para comerciar con mercancías intervidas. O ómnibus
dun veciño de Xeve, Sanmartín, facía viaxes a estas feiras e,
como os doutras empresas,
era
utilizado por estraperlistas
e todo tipo de aventureiros. Tampouco faltaban os que negociaban co
volfram de Fontao e, posteriormente, dilapidaban o gañado nas
"timbas" da noite pontevedresa.
Ao
longo do relato sempre está presente o papel subordinado da muller,
moitas veces obxecto de extorsións e abusos de carácter sexual.
(Véxase a actuación de Raboteso, o negociante cos subsidios).
Nestes
anos nos que eran habituais abusos de todo tipo, violencia, fame xeneralizada, a
poboación busca estratexias de supervivencia que, moitas veces,
podemos encadralas
no que se chama resistencia de baixa intensidade ou "as armas
dos pobres". O pequeno estraperlo, o uso fraudulento das
cartillas de racionamento, a ocultación de cupos, etc,
podemos
englobalas neste apartado. Unha destas estratexias está moi ben
recollida por Ruibal e coincide ao pé da letra co que temos
constatado
en testemuños orais na zona. Trátase da actividade de individuos,
que nalgúns casos traballaban como axentes nas propias compañías
de seguros, que, en conivencia cos propietarios, provocaban incendios
nas casas para cobrar indemnizacións defraudando ás compañías de
seguros. A técnica consistía en retirar antes os obxectos de máis
valor e aproveitar a ausencia de veciños con motivo da asistencia a
romarías, enterros ou festas, para evitar que acudisen a apagar o
lume. Unha testemuña contábanos como se fixera famosa unha vella
máquina de coser que ía de incendio en incendio para reclamar a
correspondente indemnización polo seu deterioro.
En
resume, Triquiñóns ofrécenos un retrato fiel do Xeve da guerra e
posguerra, que corrobora moitos datos da historiografía desa época.