miércoles, 13 de noviembre de 2019

Pontevedreses en Cuelgamuros.

O Boletín Oficial do Estado do 2 de abril de 1940 publicaba un decreto dispoñendo a creación en Cuelgamuros dunha basílica, un mosteiro e un “Cuartel de Juventudes” para perpetuar a memoria dos caídos en “nuestra Gloriosa Cruzada”. Na exposición de motivos escríbese:
Es necesario que las piedras que se levanten tengan la grandeza de los monumentos antiguos, que desafíen al tiempo y al olvido y que constituyan lugar de meditación y de reposo en que las generaciones futuras rindan tributo de admiración a los que les legaron una España mejor.
A estos fines responde la elección de un lugar retirado donde se levante el templo grandioso de nuestros muertos en que por los siglos se ruegue por los que cayeron en el camino de Dios y de la Patria. Lugar perenne de peregrinación en que lo grandioso de la naturaleza ponga un digno marco al campo en que reposen los héroes y mártires de la Cruzada.
Como pode apreciarse, nun primeiro momento, a finalidade era a de homenaxear e lembrar os vencedores da guerra, os caídos por Deus e pola Patria; máis adiante, con posterioridade á 2ª guerra mundial, é cando se modifica a idea inicial e se fala de que tamén se enterren alí os mortos republicanos. Esta reformulación reconciliadora, impregnada de contido cristián, podemos lela na actualidade na páxina web do chamado Valle de los Caídos:
Su simbología conectaba con la necesidad de cicatrizar heridas, deponer antagonismos y volver a encontrarse juntos. El carácter sagrado de esos componentes conmemorativos parecía excluír otra idea que no fuera la de una nueva armonía bajo lo que es el signo máximo de la pacificación: la Cruz. (www.valledeloscaidos.es. Consultada 26-10-2019)
A construción iníciase en 1940 e ábrese ao público o 1 de abril de 1959 (nótese o simbolismo da data, que se celebraba como o Día de la Victoria).
É practicamente imposible saber o número exacto de enterrados en Cuelgamuros e moito máis coñecer o nome de cada unha desas persoas. Calcúlase que poderían ser máis de corenta mil e, no caso de republicanos, moitos sen autorización e sen coñecemento por parte dos familiares. A partir de diversas bases de datos podemos estimar que os mortos procedentes da provincia de Pontevedra son 37, todos homes, pero a estes habería que engadirlles outros pontevedreses que foran enterrados noutros lugares de toda España. Unha dificultade engadida é o pouco rigor nos listados, con numerosas erratas e apelidos ou nomes cambiados. O listado podemos atopalo en diversas publicacións, por exemplo en: http://www.nomesevoces.net/web/media/pdf/listado-victimas-enterradas-en-el-valle-de-los-caidos-5.pdf.
Nesta entrada lembraremos algúns deses pontevedreses, tanto das filas golpistas como das republicanas.
Benito Pardo Méndez, o capitán Pardo ao que adicamos unha entrada neste blog fai once anos era natural de Villalpando, militar que se acollera ao retiro pola “lei Azaña” foi un asiduo participante en incidentes protagonizados por fascistas na capital pontevedresa durante os anos da República. Militante falanxista, morreu por feridas de guerra en marzo de 1938 e foi enterrado en san Amaro; posteriormente sería trasladado a Cuelgamuros. Como cantaba o romance que lle adicaron:
El capitán Pardo era,
un capitán de Falange;
su camisa azul tenía
viejos prestigios de sangre.
Luis Gutiérrez Torres pertenecía a unha familia de Cerdedo con varios membros falanxistas; fai anos faríanse coñecidos polas denuncias que presentaron contra o historiador Dionisio Pereira. Luis marchou a loitar na fronte de guerra integrado no Batallón de Voluntarios de Falange no mes de agosto de 1936. O 27 de setembro dese ano morre na fronte de Asturias. O xornal falanxista El Pueblo Gallego adicáballe unhas acendidas palabras das que recollemos o seguinte parágrafo:
Tú, Luis, caistes (sic) de los primeros; el ímpetu de tu coraje y de tu bravura te llevó a los puestos de mayor peligro en los que había que demostrar valor en el alma y temple en el corazón. La exaltación de tu fe religiosa, tesoro espiritual heredado de tus buenos padres, tu encendido amor a España, tus fervores a Falange y tu adhesión imperecedera a José Antonio, fueron los que encendieron las llamas de tu juventud para ofrendársela a la Patria.
Luis Collazo Campos (no listado figura como Docampo) era un mozo vigués que, ao rematar o servicio militar no rexemento de artillería en Pontevedra, afiliouse na Falange e participou activamente coas súas escuadras nos habituais incidentes con forzas de esquerda. O 7 de febreiro de 1936, cando estaban reunidos no seu local varios falanxistas, entre eles o xefe local Felipe Bárcena, os irmáns Mondina, Collazo, entre outros, un grupo de asaltantes armados de filiación anarquista penetrou no local e no enfrontamento resultaron feridos varios militantes falanxistas; cando escapaban, os asaltantes tiveron un enfrontamento cun garda de asalto e resultaron feridos o garda, Luis Quintas a quen se consideraba xefe do grupo, e morre o anarquista Robustiano Figueiras. Luis Collazo falecería dous días despois, o 9 de febreiro. Os seus restos foron trasladados a Cuelgamuros en 1960.
Nos listados aparecen numerosa persoas procedentes de Mondariz; entre eles estaban Manuel Piñeiro Zúñiga, Domingo Peramos Muñes [Páramos Núñez], Fernando Rubio Estévez, Manuel Pérez Besado [Besada] e Francisco Rodríguez Bote [Otero]. Piñeiro era natural de Noia pero vivía en Tomiño de onde era concelleiro; Páramos residía en Caldelas de Tui e alí tiña un taller de ferreiro co nome de “El agrario”, deixou dez orfos con nomes como: Armonía, Aurora, Domingo, Espronceda, Ferrer, Floreal, Julia, Libertad, Progreso e Verdad. Rubio e Pérez vivían en Guillarei e Rodríguez “Paquiño de Figueiró” era farmacéutico, galeguista, de Tomiño; fuxira a Portugal pero foi entregado pola policía portuguesa. Todos eles, xunto co mestre de Forcadela Hipólito Gallego, foron “paseados” o 4 de outubro de 1936 nas inmediacións de Mondariz. O comandante militar de Tui, capitán Eduardo Rodríguez, asinou un informe con data de 15-10-1936, no que documenta a morte de tres deles coa clásica aplicación da “lei de fugas”:
Francisco Rodríguez, Manuel Piñeiro e Hipólito Gallego foran conducidos pola Guardia Civil de Tui ao mando do sarxento comandante do posto a Mondariz onde, ao parecer, existían depósitos de explosivos e armas; logo de practicar as dilixencias:
al llegar a las cercanías de aquella localidad los referidos procesados trataron de huir por lo que tuvieron necesidad de disparar contra ellos, resultando todos muertos.
Nestes días en que Cuelgamuros está de actualidade, aínda que sexa co nome de Valle de los Caídos, poñémoslle nome e biografía a algúns dos pontevedreses alí enterrados.

viernes, 25 de octubre de 2019

Contra o esquecemento: Ciriaco Licer e Nemesio Laya.

Resultando: Que iniciado el Movimiento Nacional hacia el día diecisiete de Julio último con el fin de rescatar a España del mando de los Gobiernos del Frente Popular, el Ejército personalizó y dirigió tal movimiento bajo el régimen legal de los Bandos declaratorios del Estado de Guerra, con el fin de evitar cayese la Patria en el régimen soviético, habiéndose opuesto resistencia contra tal acción salvadora por parte de elementos adictos y simpatizantes del Gobierno anti-nacional los que llegaron a alzarse en armas contra la Institución armada procurando por todos los medios oponerse a los designios patrióticos de ésta.
O anterior era un dos resultandos da sentencia da causa 1098/36 que se xulgou en Pontevedra o 20 de novembro de 1936; dous dos xulgados foron Nemesio Laya Abal e Ciriaco Licer Cons sobre os que trataremos neste artigo.
Ciriaco estaba casado, fora dependente da ferretería de César García e tiña como profesión toneleiro, nacera en Pontevedra o 4 de outubro de 1901, fillo de José Antonio e de Juana e vivía na rúa das Flores. Nemesio estaba solteiro, era representante dos seguros La Previsora Hispalense, nacera en san Vicente de Nogueira ( nalgúns documentos consta como nacido en Pontevedra) o 4 de decembro de 1908, vivía en Pontevedra na rúa Sarmiento.
Sobre Ciriaco Licer non hai moita información en canto á súa actuación política; se facemos caso aos informes da Guardia Civil, tiña mala conduta e antecedentes e era militante socialista. Nemesio Laya tiña unha maior relevancia pública: en 1931 formaba parte como vogal do comité executivo da Juventud Republicana que presidía Laureano Poza Juncal e do que tamén formaban parte Alfonso Guillán Abalo e Laureano Tomé. Fora un dos asinantes dun manifesto á mocidade galega da Juventud Radical Socialista Autónoma de Pontevedra e, en 1935, ocupaba o cargo de tesoureiro da Juventud de Izquierda Republicana, que presidía Germán Fernández Gracia; non é de estrañar que a Guardia Civil o considere de extrema esquerda e dubidosa conduta.
O 20 de xullo de 1936 atopábanse na avenida de Montero Ríos e subiron a un coche incautado dirixíndose ata Xeve. Serían as cinco da tarde cando chegaron á casa do cura de Santa María de Xeve, Victorino Pereira; o sacerdote estaba diante da casa e o mestre Eduardo Muíños, que mandaba o grupo, entrou con el no interior e saíron cunha escopeta do calibre 24 pola que lle expediron e asinaron un recibo. Volveron a Pontevedra.
Acusados de rebelión militar foron xulgados por un tribunal que presidía o tenente coronel Antonio Durán Salgado, o defensor foi o alférez de complemento Juan Astor. Tanto Licer como Laya foron condenados a reclusión perpetua coa accesoria de interdición e inhabilitación absoluta e a abonar ao Estado a cantidade de cinco mil pesetas.
Ciriaco e Nemesio estiveron presos na illa de san Simón e, posteriormente, no penal de san Cristóbal en Pamplona no que ingresan en febreiro de 1937. A Ciriaco Licer conmútanlle a pena a 4 anos de prisión menor e sae en prisión atenuada o 26 de agosto de 1940, acada a liberdade en xaneiro de 1942 e o licenciamento definitivo en 1944.
O expediente carcerario de Nemesio Laya presenta un maior interese, fundamentalmente polo papel que debeu desempeñar durante a fuga do 22 de maio de 1938 na que se afirma que actuou “cooperando en el sofocamiento de la rebelión tumultuaria” pero sen especificar de que xeito concreto o fixera. Franco concede o indulto das dúas terceiras partes da condena a todos os reclusos que “impidieron con su actuación, alcanzara mayores proporciones la evasión llevada a cabo por otros”; Nemesio foi un dos beneficiados, en abril fora nomeado escribinte da xefatura de servizos e posteriormente ordenanza da mesma xefatura. Segundo o expediente de indulto, opuxérase á fuga “distinguiéndose notablemente por su actuación en favor del restablecimiento del orden”. O propio fiscal afirma que con tal proceder evidenciaba estar arrepentido do seu comportamento anterior e a súa adhesión aos principios da “Autoridad y Orden”. Concédenlle a prisión atenuada no domicilio o 17 de xullo de 1940 e a liberdade definitiva en 1944. Morreu aos 42 anos o 1 de febreiro de 1957.
Imaxe: Forte de san Cristóbal. Wikipedia.org

jueves, 10 de octubre de 2019

Isolino Torres, outro pontevedrés nos campos nazis.

A principios de 2016 dábamos a coñecer nun artigo un listado de pontevedreses que morreran no campo de exterminio de Mauthausen, principalmente no seu subcampo de Gusen; en datas posteriores ampliamos o número e datos dos detidos e, o ano pasado o concello de Pontevedra organizou un acto de homenaxe a estes pontevedreses e editou un folleto coas súas historias. Pero a pesar do gran traballo de investigadores e investigadoras sobre o tema sempre tivemos a seguridade de que o listado aínda estaba (e seguirá estando) incompleto.
Hoxe sae á luz a nova de que a universidade Rovira Virgili de Tarragona engadía varios nomes máis ao listado que se publicou no BOE fai unhas datas; entre eles aparece outro pontevedrés: Isolino Torres. No listado que publican só aparece o nome e datas de nacemento e morte pero a consulta de documentación do imprescindible arquivo ITS de Bad Arolsen serviu para proporcionarnos algúns datos máis sobre Isolino, á espera de poder traducir e analizar (no caso de que existan) outros documentos.
Isolino Torres (nalgún documento aparece Torez) naceu na parroquia de Alba o 19 de xaneiro de 1909, fillo de Domingo e de Fernanda (?). A súa profesión era a de albanel. Non temos constancia da súa actividade ata que foi detido en Berlín o 17 de xuño de 1944. O 28 de setembro de 1944 ingresa no campo de concentración de Sachsenhausen e de alí foi transferido ao de Buchenwald o 2 de febreiro de 1945. Nunha declaración que asina en Sachsenhausen fai constar que os seus estudos son os primarios e que fixera o servizo militar en infantería ó redor de 1930. Noutra documentación consta como domicilio a rúa de santa Clara nº 33 en Pontevedra e aparece un irmán chamado Julián.
O campo de Sachsenhausen estaba a uns 35 quilómetros de Berlín e constaba de 60 subcampos nos que se utilizaban os prisioneiros na industria armamentística e nunha fábrica de ladrillos. Entre os deportados españois que alí estiveron destaca o expresidente de goberno da 2ª República Francisco Largo Caballero, ingresado en 1943 á idade de 74 anos.
Isolino Torres, co número de detido 86562 morre en Buchenwald o 26 de febreiro de 1945 , consta como causa oficial do falecemento o de meninxite.
O campo de Buchenwald estaba situado cerca de Weimar; aparte dos traballos forzados e outras calamidades inflixidas aos prisioneiros, tamén se realizaron experimentos médicos como a inoculación de virus e bacterias para lograr vacinas.
Sirva esta nota apresurada para homenaxear a outro pontevedrés máis que atopou a morte nun campo nazi.
Nota: Documentación utilizada procedente do ITS de Bald Arolsen.

domingo, 1 de septiembre de 2019

Golpistas e verdugos de 1936.

Nos últimos tempos diversas publicacións (en Galicia foi importante o éxito en vendas de “Os nomes do terror”, editado por Sermos Galiza) testemuñan un feito relevante nos estudos sobre a represión: o obxectivo diríxese aos verdugos fronte á dinámica imperante de centralo nas vítimas. O papel central das vítimas estivo xustificado polo seu esquecemento fronte ás dos golpistas e a necesidade de poñerlle nome e biografía tras o silencio; tamén o seu estudo presentaba unha menor complexidade fronte aos problemas, mesmo de definición, dos verdugos. Isto non quere dicir que non se nomearan os verdugos, moitas publicacións fixérono dende fai anos e algúns autores tiveron que enfrontarse a diferentes accións, mesmo de carácter xudicial, por lembrar os perpetradores dos crimes.
Pero é agora cando o papel dos verdugos comeza a ser tratado en toda a súa complexidade, máis alá da mera relación de nomes e indo ao fondo do problema: as motivacións, os procedementos, os antecedentes e consecuencias, o entramado do poder que posibilitou e executou a violencia. En resume, realizar novas preguntas sobre o pasado antepoñendo a complexidade aos discursos simplistas; complexidade que comeza, como xa apuntabamos, pola propia definición de verdugo.
A finais do ano 2018 publicouse o libro “Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo” (Editorial Galaxia) do que son editores os profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho e que se inserta na liña de traballo apuntada anteriormente.
Este libro marca un fito no estudo deste “pasado incómodo”, incómodo tanto para os herdeiros – familiares ou ideolóxicos- dos verdugos como tamén para os autores. Tenta superar a consideración, común a franquistas e opositores ao réxime, da memoria (memoria pervertida) da 2ª República como propiciadora da guerra civil e inevitablemente ligada a aquela, para poñer o foco no golpe de Estado e, fundamentalmente, nos verdugos. Rompe así co relato que se mantivo durante a transición e ligado á doutrina da reconciliación nacional: a equiparación da violencia, a loita entre irmáns, o “todos fomos culpables”.
Contextualiza a violencia desatada tras o golpe de xullo de 1936 no marco dos fenómenos de violencia masiva que se manifestaron a nivel global, coa particularidade, no noso caso, da impunidade total dos verdugos. É de agradecer que, nun tempo de eufemismos, chame as cousas polo seu nome: golpe de Estado (e non Alzamiento Nacional nin guerra civil, que en Galicia non houbo), e verdugos, responsables da eliminación planificada e sistemática de miles de vítimas nun contexto, como dixemos, de ausencia de fronte de guerra.
Destacariamos, en canto á autoría, a presenza de novas e novos autores, cuns traballos de investigación que prometen moi bos froitos xunto a autores de traxectoria ben recoñecida, e tamén a paritaria presencia de investigadoras. Isto último, por desgraza, é un feito non habitual. A pesar de que se percibe un alto nivel de comunicación entre os autores, de traballo en grupo, como é lóxico nun libro colectivo, o interese dos apartados é desigual, dentro do alto nivel xeral.
As fontes utilizadas son, en primeirísimo lugar as causas militares e, en menor grao, as orais, hemerográficas e outras; confírmase así a relevancia da documentación depositada nos arquivos militares, pois as causas son documentos que nos contan o que fixeron os sublevados narrado por eles mesmos, o “testemuño dos verdugos”; a inxente documentación xudicial militar, a pesar de ser bastante utilizada nos últimos anos, aínda nos garda moito que descubrir.
Abre o libro un estudo dos profesores Fernández Prieto e Míguez Macho que ten como eixe central o proceso instruído contra o contralmirante Azarola e que se presenta como o paradigma dos procesos por rebelión militar. Como apuntan os autores (páxina 60), o punto de referencia non se pon nos feitos sucedidos en Ferrol neses días de xullo senón no que se escribe na causa, “na construción do relato fundacional do golpe de Estado de 1936, da violencia subseguinte e por extensión da propia ditadura franquista”.
Ao longo do capítulo podemos apreciar como os golpistas se atribúen a condición de autoridades lexítimas mediante un discurso que falsifica a lexitimidade, a “xustiza ao revés” que dixera Serrano Suñer; neste proceso de apropiación da autoridade lexítima, o asasinato das persoas que a exercían sería un paso necesario.
Outro apartado que resulta relevante para Pontevedra e comarca, é da autoría de Aldara Cidrás que analiza o papel dos procesos militares como estratexia de lexitimación do novo réxime, a normalización da violencia e a integración de novos grupos sociais facéndoos participar nos mecanismos do terror, ou sexa, a función da violencia como cohesionadora e xeradora de adhesións. Aldara Cidrás parte do estudo das causas militares instruídas a pontevedreses pero co obxectivo posto nos verdugos. O triángulo da violencia presenta tres vértices: a) Os compoñentes do entramado do terror (xuíces instrutores das causas, fiscais, auditores, membros dos tribunais...) b) Os acusados e acusadas e c) Os declarantes nas causas (delatores, testemuñas...). Quen presentan maior interese para o estudo son os integrantes do apartado c) pois os outros son máis previsibles nos comportamentos, automático e burocratizado no primeiro e exercicio da defensa no segundo. A investigación que está a levar a autora será, sen dúbida, referencia imprescindible para completar o que coñecemos sobre os mecanismos da violencia na nosa capital e comarca.
Iria Morgade, autora fai un tempo dun moi interesante traballo sobre o tratamento didáctico da memoria e da represión nos centros de ensino, achéganos, nesta ocasión, a un aspecto pouco estudado: as accións colectivas de memoria na transición. Tras a parálise imposta polo medo nos anos do franquismo, durante a transición empezan os actos de recoñecemento e atopámonos que os verdugos estaban esquecidos, ocultos, nestes actos. Sobre as razóns que poden explicar o anterior trata o seu artigo. Por certo, probablemente a primeira homenaxe ás vítimas (que trouxo de cabeza á “brigadilla” da Guardia Civil) debeu ter lugar en Pontevedra (Monte Porreiro e volta do Couto, lugares de execución ben coñecidos) cando no ano 1944, no día de defuntos, apareceron sendas cruces de madeira, coroas de flores e unha cinta coa lenda “Honor a nuestros mártires”.
Aparte de Pontevedra, hai outros estudos de zona: Compostela (Rafael García Ferreira) e Ribadeo (Xabier Buxeiro); este último amosa como os “paseos” son parte dunha actuación consentida e controlada polas autoridades militares e que os perpetradores foron máis que os que apertaron o gatillo: os que facilitaron as “sacas” dos cárceres, os comandantes militares, etc. Judit Carbajo analiza as fontes orais en relación cos represores e Conchi López escribe sobre os diferentes perfís de comportamentos en relación coa participación social na violencia; apunta tamén unha interesante proposta de clasificación tendo en conta a actuación que tiveran nas causas militares.
En suma, un libro imprescindible, que revisa interpretacións ata agora aceptadas e que, en moitos dos apartados, apunta camiños a seguir en futuros traballos. Entre as moitas conclusións destacaría o que moitas veces expresa un dos coordinadores, Lourenzo Fernández Prieto: os verdugos foron menos do que se pensaba aínda que causaron moitas mortes e que, nos sublevados, houbo persoas que en momentos decisivos elixiron camiños alleos á violencia.

jueves, 22 de agosto de 2019

Contra o esquecemento: Joaquín Fernández Barcia.

Moitos familiares das vítimas da represión levada a cabo tras o golpe do 36 sufriron ( e sofren) o silencio imposto nas propias familias; o medo que abafaba nos anos do silencio na maioría dos casos, o rexeitamento da conduta política do seu antepasado a quen responsabilizaban da súa situación precaria, noutros, algunhas veces a falla de interese ou as informacións manipuladas... A falla dunha política de divulgación, alonxada de mitos e manipulacións, do sucedido e que vaia máis alá dos círculos de historiadores e persoas comprometidas, posibilita a existencia na actualidade, máis de 80 anos despois, de persoas que carguen coa lousa do descoñecemento sobre a vida (e a morte) de antepasados seus vítimas da represión e, tamén, do esquecemento.
Veñen a conto estas apresuradas reflexións a partir da lectura do emotivo artigo de Víctor Fernández Freixanes “Memoria do tío Joaquín”, na Voz de Galicia do pasado día 18. Nel podemos atopar ese desexo de saber máis e tamén o testemuño de como as pesadas cargas dos “antecedentes políticos familiares negativos” continuaron pesando moitos anos sobre as familias.
Esta situación, repetida ao longo de moitos anos de traballo neste tema, lévame a inaugurar un apartado neste blog, que titularemos “Contra o esquecemento” e no que, cada certo tempo, achegaremos a biografía das vítimas esquecidas.
Joaquín Fernández Barcia “O negro” naceu o 10 de agosto de 1906 en Mourente (Pontevedra), era fillo de Saturno e Elvira, ebanista, afiliado á Sociedade de Ebanistas afecta á UGT. Estivera preso no 1934 polos sucesos revolucionarios de outubro. Foi detido en Vigo o 25 de agosto de 1936 onde, ao parecer, se refuxiara na casa duns parentes; tivo a mala sorte de ser recoñecido por un policía pontevedrés que fora a aquela cidade a efectuar un servizo.
Incóaselle a causa 1118/36 por rebelión, causa militar que sería acumulada á 1098/36 que se abrira contra Eduardo Muíños Búa e outros; todos estaban acusados de participar nos rexistros domiciliarios e en armerías para incautar armas. Estas actuacións leváronse a cabo todas elas amparadas en ordes escritas do gobernador civil. As persoas acusadas destes feitos ou de participar na defensa do goberno civil o 19 e 20 de xullo foron moi perseguidas e sufriron fortes condeas de cárcere ou a pena de morte.
A Joaquín acusárono de participar na requisa efectuada na armería de Ruperto Santos; alí foran acompañados do inspector de policía Castor Prieto, que portaba a correspondente orde; a actuación de Joaquín e compañeiros descríbea o dono da armería cando foi preguntado por se tiveran “actitude tumultuosa” e respondeu que todos estiveran moi atentos e respectuosos.
Pero as acusacións contra Joaquín acumulábanse: ademais das requisas tamén fan as de participar destacadamente nos feitos revolucionarios daqueles días de xullo arengando e alentando os grupos rebeldes; ademais os seus antecedentes, como os dos outros acusados, eran os de significados axitadores e dirixentes das “organizaciones extremistas” ás que pertencían.
Diversos informes considerábano membro da agrupación socialista e persoa de confianza do deputado Amando Guiance; o da Guardia Civil, coa falla de fiabilidade habitual, considera que militara no partido comunista, afiliado á CNT e que “según informes que no se pueden precisar [!!!] desde su domicilio estuvo haciendo disparos el día 20 de Julio último con una pistola”. Algunhas testemuñas afirmaron que participara nos tiroteos contra as tropas que procedían á lectura do bando de guerra.
Un erro no apelido evita que o leven na saca dun grupo de presos que acabarán “paseados” a finais de setembro.
O 20 de novembro de 1936 celébrase o consello de guerra contra Joaquín Fernández Barcia, Nemesio Laya Abal, Ciriaco Licer Cons, Manuel Dios Costado, Ramón Rey Juncal e Eduardo Muíños Búa; na sentencia consideran a Joaquín responsable do delito de rebelión co agravante de perversidade e condénano a morte, do mesmo xeito que ao mestre Muíños e ao albanel Manuel Dios. Ademais deberían indemnizar ao Estado por responsabilidades políticas coa cantidade de cinco mil pesetas cada un.
Execútano o 2 de decembro de 1936, ás sete horas e trinta minutos da mañá no alto da Caeira. Foi enterrado en san Amaro na sepultura 49, cadro 1, fila terceira. A morte foi anotada no Rexistro Civil pontevedrés no folio 281 volto, tomo 117, partida 560 e como causa figura a de “colapso cardíaco”.
Dous dos seus irmáns serían detidos na década dos corenta acusados de actividades subversivas: Antonio, detido no 1947 por recadar diñeiro para Mundo Obrero, foi posto en liberdade polo xuíz por non haber cargos probados e Saturno, detido e procesado no 1948 por presuntas implicacións co partido comunista, foi absolvido.
Nos anos 90 un dos seus irmáns,  probablemente asesorado polo inesquecible Gonzalo Adrio, solicita (e consigue) que se subsanen as falsidades que constaban na anotación do rexistro civil no senso de que o lugar da morte (A Caeira, O Vao) non pertencía a Pontevedra senón a Poio, polo que debía rexistrarse naquel concello e a causa fundamental da morte: fusilamento despois dun consello de guerra por defender ideas políticas.
Serva este breve apunte para lembrar a un home para quen, como escribe o seu sobriño Víctor F. Freixanes, o Día da Galiza Mártir tamén foi o seu día, aínda que a súa execución fora en decembro.

jueves, 1 de agosto de 2019

Fundadores da Sociedade de Agricultores de Salcedo (1): Antonio Balchada.

O primeiro de agosto de 1936, o capitán da Guardia Civil e xefe nominal da Guardia Cívica pontevedresa Emilio Lledós, con forzas ás súas ordes, rexistra o domicilio de Gumersindo Estévez Cerqueiro atopando diversa documentación, tanto súa como do seu fillo Genaro (sería executado o 21 de setembro de 1936) que andaba fuxido. Gumersindo, presidente da Sociedade de Agricultores de Salcedo entre marzo de 1935 e o mesmo mes de 1936, sería detido posteriormente, xunto co seu irmán Manuel, cando se presentaron no cuartel da Guardia Civil para solicitar un certificado de boa conduta para poder marchar cara o estranxeiro.

Nunha relación titulada “Nombres de los fundadores de la Sociedad de Agricultores de Salcedo y compañeros más significados” figuran os nomes dos fundadores en 1892 ( foi rexistrada oficialmente en 1897). Estas persoas estaban propostas pola directiva que presidía Gumersindo para recibir unha homenaxe aos fundadores falecidos. Aparecen no listado: co apelativo de presidente: Martín Pintos Lucas, Lorenzo Montes, Antonio [Balchada] Sousa, Juan Piñeiro e Ignacio Da Pena; co de organizador: Santiago Sanmartín; cos de secretario: Antonio Carragal e Manuel Acuña Pena e sen indicar condición: Manuel Regueira e Francisco Soto.

A idea da directiva era celebrar un acto con varios oradores e adquirir as fotografías dos primeiros fundadores.

O texto destinado a ler na homenaxe adicado a Antonio Balchada, albanel de orixe portuguesa, era o seguinte:

La Sociedad de Agricultores honrra a sus Luchadores por la Livertad. Antonio Balchada Sousa Vecino y uno de los organizadores de esta Sociedad de Agricultores el año 1892, trabajó incesantemente después de organizada, para que el Cacique no la derrumbara porque con sus uñas de rrapiña quería desbaratar a lo que no le convenía, porque si hoy los Caciques le estorban las Sociedades, que harían entonces que no había más [ilexible] que ellos hacían de la justicia lo que querían del Servicio iden de Contribuciones Consumos y por último Cédulas también; así que las Sociedades eran el ostáculo mas grande para ellos enriquecer y dominar. Así que los directivos eran perseguidos amenazados y acosados a las peores torturas; mas Antonio Balchada Sousa nunca temió a las Amenazas, donde no se fundaban Sociedades Allí iba el tanto que fueran Agrícolas como Obreras. Celebraba mítines por todos los contornos, en los primeros de Mayos era Antonio Balchada Sousa quien rresibía los Mayores aplausos y felicitaciones por su buena oratoria y energía en busca de defensa de las justas rreivindicaciones de los Esplotados. Fue tan perseguido que por no tener por donde cojerlo judicialmente influýan los dominadores para que no tubiera trabajo en ninguna parte y por el hambre someterlo al Cacique: pasó sin sabores y se arregló, pero al Cacique nunca se doblejó. Como su oficio era Pintor y aquí no le daban trabajo tubo que aprender la arte de Albañil para poder mantener su mujer y hijos que eran mártires por las ideas de su padre. Llevó la vida tan agitada en busca de la rredención humana y sin tener apresio de la labor por el rrealizada dejó de existir de entre nosotros por la tuberculosis que lo arrebató a los cuarenta años lo mejor de su edad para la lucha.
(Ortografía e redacción orixinais). Documentación: Arquivo Intermedio Militar do Noroeste e AHPPO.

miércoles, 3 de julio de 2019

Himno revolucionario.

O 15 de marzo de 1937, ás oito da tarde, o sarxento Miguel de Miguel Marcos, comandante de posto da Guardia Civil de Lavadores, ao mando dun grupo de “cívicos”, gardas e falanxistas, localiza unha cova debaixo de dúas casas e cuns 20 metros de longo no lugar da Bouciña. Atopan varias armas, diferentes obxectos, roupa (algúns uniformes falanxistas e de soldado) e varios “cantares e himnos revolucionarios y de propaganda tendenciosa en contra del Movimiento”. Practícase a detención dos habitantes das casas: Alfredo Fernández González, Paulino Posada González, Alfonso Fernández Posada, Matilde González Rodríguez, Magdalena Caride Fernández, Carmen Fernández Posada e Mercedes Posada González.

O capitán da Guardia Civil Francisco González, “O Rabioso”, desprázase ao lugar dos feitos ás dúas da madrugada para comprobar o lugar; os detidos como presuntos encubridores e o material atopado foron conducidos ao cuartel do posto na rúa de Magallanes.

Entre as variadas cancións ( Himno de los perseguidos, Joven Guardia, Pioneros Rojos e varios tangos) que aparecen nun caderniño feito con follas mecanografadas con tinta vermella, atopamos un titulado “Himno revolucionario” que copiamos a continuación:

No desmayes pueblo Ruso,

seguid luchando con tesón,

que la Internacional se adhiere

a vuestra revolución, (revolución)

Fiera venganza tomaremos,

contra la canalla plutocrática,

corra la sangre aristocrática,

por las calles sin cesar (y sin cesar).

Empezaremos por Gil Robles,

terminaremos por el clero,

que es el animal más fiero,

que devora la nación,

Viva la revolución, la revolución social.

Arriba trabajadores

triunfe la lucha social, (lucha social)

Viva la juventud comunista, (viva)

Viva Rusia y la Internacional.

Arriba trabajadores

triunfe la lucha social (lucha social)

Viva viva el ejército rojo (viva)

Viva Stalin, Lenin y Carlos Marx.

De todos os detidos só sobreviviron Magdalena Caride e Carmen Fernández, que serían xulgadas posteriormente e absolvidas. Os restantes foron “paseados” e as súas mortes constan no rexistro civil de Lavadores: Alfredo Fernández González, 36 anos, xornaleiro, casado, un fillo; Paulino Posada González, 47 anos, casado, xornaleiro, tres fillos; Alfonso Fernández Posada, 20 anos, solteiro, xornaleiro; Matilde González Rodríguez, 35 anos, viúva, xornaleira, dous fillos; Mercedes Posada González, 48 anos, casada, de profesión “sus labores”. Os cadáveres aparecen no cemiterio de Lavadores o 17-3-37 e a causa de morte que figura no rexistro é a de “herida por disparos de arma de fuego”. Outros “paseos” relacionados son os de José Caride Fernández, 19 anos, serrador, o seu corpo aparece en Naia o 18-3-37 e a causa da morte consta como “hemorragia cerebral”; Severino Carrera Martínez “Farrapillas”, 26 anos, casado, xornaleiro, aparece o cadáver no cemiterio de Lavadores o 17-3-37 e a causa da morte é “heridas por disparo de arma de fuego”.

Neses días tamén hai outras mortes na zona; o propio sarxento Miguel de Miguel, en escrito datado o 1 de abril de 1937, detalla os “individuos muertos en el monte que se hallaban fugados”, no tempo que el levaba no posto: Ramón Conde Gutiérrez (27-1-37), Aniceto Campos Caride (29-1-37), Aniceto Marcos León (31-1-37), José Viéitez Miras “Loto” (4-2-37), Antonio Alonso Comesaña, Manuel Vázquez Lamas e Higinio Fernández Fernández, todos o 16-2-37, Fernando Castro [Domínguez] (13-2-37) e o mencionado Severino Carrera. En canto a Aniceto Campos, posiblemente se refira a Antonio Campos Caride do que consta a morte o 30 de xaneiro e o seu cadáver aparece no cemiterio de Lavadores. O sarxento apunta tamén que ten noticias de que “han sido muertos otros individuos por fuerzas de los Destacamentos de Bembrive y Castrelos ignorándose quienes sean estos.”

Xoán Carlos Abad, na súa magnífica publicación “Héroes o forajidos”, editada polo Instituto de Estudios Vigueses, afirma:

Una vez hecha en las propias casas la selección de los que iban a ser asesinados y los que iban a vivir – pues al final de estas tres familias sólo sobrevivieron las dos mujeres que estaban embarazadas y los niños – se procedió a llevar acabo la requisa de todos los bienes de valor que había en ellas; y no contentos con ello, se procedió, posteriormente, a la quema de las casas. (Abad, 2005: 287)

Abad tamén achega declaracións de testemuñas presenciais dalgúns dos asasinatos e engade o feito do asasinato do cabeza de familia, Domingo Fernández Lago, home de Mercedes e pai de Alfonso, o 9 de abril.