domingo, 7 de febrero de 2021

Aníbal Otero, o espía que nunca existiu.

 


Tui foi a última cidade galega en ser sometida polas tropas golpistas, estivo gobernada por un comité republicano que mantivo a orde e evitou que se cometeran abusos contra simpatizantes dos sublevados; o 26 de xullo as tropas insurxentes vencen a resistencia tudense e toman o control da cidade. Os mandos militares inician a represión: “paseos”, detencións e apertura de causas militares. En Valença, a partir do triunfo da Fronte Popular, destacados membros da dereita e as súas familias residen nos hoteis agardando o cambio da situación política. Iniciado o golpe, o goberno portugués mantén unha política de colaboración cos sublevados e a policía entrega persoas fuxidas ás autoridades españolas.

Aníbal Otero entrara en Portugal o 20 de maio coa finalidade de realizar traballos de campo para o Atlas Lingüístico da Península Ibérica; os traballos fainos na compaña de Aurelio M. Espinosa e do portugués Armando Nobre de Gusmao. Contan cun coche oficial da Junta de Ampliación de Estudios, todo tipo de documentos oficiais, entre eles unha credencial expedida polo ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes indicando a finalidade da viaxe. A Junta de Educaçao Nacional facilítalles, o 9 de xuño de 1936, un escrito dirixido a todos os concellos explicando a súa misión e pedindo que as autoridades administrativas “dêem o seu apoio a esta obra de investigaçao científica, cujo interêsse nacional é evidente”. Espinosa volve a España e Gusmao regresara á súa casa cando Aníbal chega a Valença na tarde do 21 de xullo. Hospédase no Hotel Minho, no que residen varias persoas españolas simpatizantes dos sublevados, entre eles algúns curas. O carácter reservado de Aníbal, as súas viaxes a pobos dos arredores para realizar as enquisas e a utilización dun vehículo oficial da República española, resultan feitos sospeitosos para os outros hóspedes.

Parece inxenuo pensar que, durante dúas semanas, a policía portuguesa non tivera tempo de certificar a personalidade de Aníbal e a misión que o traía a Valença, máxime nunha situación de alta tensión na que os controis de viandantes e hoteis eran moi fortes na cidade fronteiriza. Ademais, como vimos, levaba dous meses realizando estes traballos e contaba con todos os prácemes oficiais. Non dubidamos do atractivo que ten a nova dun esforzado científico mártir diante da ignorancia da policía, que confunde notación fonética con linguaxe secreta, pero todo indica que as motivacións foron outras e a policía lusa actuou a resultas das informacións facilitadas polas autoridades españolas e en conivencia con elas.

O 5 de agosto, a policía internacional portuguesa detén a Aníbal e entrégao á española, ingresa en prisión “por suponérsele confidente en aquélla República del Frente Popular”.

Son significativas as personalidades que declaran no caso: o capitán Peñarredonda, delegado de orde pública en Tui, Álvaro Losada, comisario de guerra carlista e Pablo Bugarín,refuxiado varios meses en Portugal. As súas declaracións marcan a pauta das acusacións que, posteriormente, asumirá o fiscal e que recollerá a sentencia do tribunal; non hai nelas ningunha referencia ás tan publicitadas anotacións fonéticas. Podemos sintetizalas en tres apartados: a) Acusacións de espionaxe baseadas en que viñera “al estallar la revolución nacionalista en España”, mantiña correspondencia coa embaixada en Lisboa e vixiaba a colonia española, a fronteira e as estacións de tren. b) O desexo de Aníbal de ser expulsado pola fronteira de Badaxoz para loitar coas armas pola causa marxista: “pues allí podría luchar al lado del llamado Gobierno de Madrid y contra el Ejército”; esta información aseguran que lla facilitara a policía lusa. c) As manifestacións públicas do filólogo nas que se declaraba “convencido comunista” e contrario ao exército. Así o afirmaba Peñarredonda:

manifestó su complacencia por el asesinato de Calvo Sotelo, incendios de templos y todas cuantas atrocidades cometían en España los comunistas, asegurando que el Gobierno de Madrid triunfaría plenamente y haría la justicia adecuada.

O 2 de setembro, dende o cárcere, escribe unha carta a Francisco P. Leite Pinto, do Instituto para a Alta Cultura, dándolle conta da situación na que se atopaba e pedindo que testemuñara no senso de acreditar o seu traballo; na posdata indica: “Aún no sé por qué me expulsó la policía portuguesa”. Na resposta, Leite de Vasconcelos informa que a policía portuguesa informara á de Tui que Otero formaba parte dunha comisión peninsular encargada do Atlas Lingüístico, “Donde se conclui que Ud. nâo tem culpabilidade política”. O 3 de setembro procésano.

As declaracións dos hóspedes do hotel coinciden en consideralo, con maior ou menor énfase, de esquerdas e partidario da República. Sen dúbida a máis virulenta é a dun matrimonio de Valladolid: Saturnino Escudero, industrial panadeiro, afirma que 

tuvo una violenta discusión en el Hotel Miño[...] con el declarante primeramente y seguidamente con los demás huéspedes entre los que se encontraban varios Sacerdotes de Coruña y Vigo [...] expresaba su entusiasmo por los Comunistas y Socialistas [...] haciendo contínuas manifestaciones en contra del Movimiento Nacional [...] llegando a expresar en una ocasión que él si tuviera que escoger entre Comunistas y Anarquistas y por otro lado, Católicos y personas de Derechas, dijo que él incondicionalmente se iría con los primeros, y que sospecha lo mismo que los demás huéspedes, que fuese un agente de enlace entre el Gobierno de Madrid y elementos indeseables de las provincias inmediatas gallegas. [...] Comunista peligrosísimo.

A maiores, atópanlle unha carta dirixida á nai co seguinte parágrafo:

he decidido permanecer en Portugal en tanto no se decide el triunfo del Gobierno, que aunque es seguro, puede tardar todavía muchos días [...] no querer yo, de ninguna manera, combatir contra el Gobierno legítimo de Madrid, cuyo triunfo es cada día más seguro.

Mobilízanse apoios a Aníbal, declaracións favorables de antecedentes asinadas por diferentes institucións, cartas que amosan o seu traballo filolóxico, etc. Tampouco foi moi duro o xuíz instrutor, que se estende en documentar a actividade filolóxica de Aníbal e afirma, sen ningún xénero de dúbidas, “que no trajo a esa plaza ninguna misión reservada confidencial o de espionaje”.

A designación de fiscal e de vogal poñente non auguraba nada bo, tanto o alférez honorífico Manuel María de Puga y Ramón como o capitán, tamén honorífico, Ramón Rivero de Aguilar, tiñan unha ben gañada fama de duros e así o amosaron no consello de guerra; pouco lles custou desmontar a ben intencionada declaración favorable do cura Jesús Carro. A unha pregunta de Rivero só pode responder “que la actuación de Aníbal Otero la conoce exclusivamente en el terreno científico, ignorándola, en cambio, en el político y que desconoce en absoluto su ideología política y si ha ocultado esta bajo su actuación científica”. Os esforzos do defensor céntranse en sinalar contradicións nas acusacións; por exemplo cando afirman que fixera publicamente manifestacións comunistas, “eso es un tanto extraño ya que un espía no puede delatar su condición de tal abiertamente sin recato de ningún género y en público”. Tamén acepta como o único acto punible a súa non incorporación a filas. Condénano a reclusión perpetua por rebelión militar.


domingo, 31 de enero de 2021

Libros de historia en tempos de pandemia.

 


O ano 2020 estivo marcado pola pandemia que nos asola; o remate do ano anterior (2019) e os inicios do actual (2021) deron á luz dúas publicacións moi necesarias na historia da nosa provincia. A primeira foi “Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)”, editada por Positivas e a última “Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor”, publicada por Laiovento. Ambas editoriais contan cun amplo recorrido na aposta por dar a coñecer esta temática, cousa de agradecer nestes tempos.

Aos autores, Antón Mascato e Carlos Méixome, poderiamos encadralos nese grupo de historiadores que, nunha feliz denominación de Dionisio Pereira, coñecemos por francotiradores; tanto Mascato como Méixome teñen un compromiso longo en campos como a edición, o activismo cultural, político e no traballo memorialístico, na tarefa de reivindicar e dar a coñecer as historias de vida e a memoria dos sectores sociais relegados pola historia. As súas publicacións neste campo (lembremos a súa participación no monográfico de Nós Diario sobre os vitimarios) sempre están caracterizadas por unha fiabilidade que non ten nada que envexar ao chamado, ás veces pretensiosamente, rigor académico.

En ambas obras, máis alá do relato da represión efectuada polos golpistas, atopamos a explicación das posibles causas do sucedido, os antecedentes, en suma: a xenealoxía dos feitos e dos personaxes que os protagonizan. En relación cos protagonistas, atenden non só a memoria das vítimas senón tamén a dos vitimarios ou verdugos.

As dúas obras supoñen un avance importante para completar, tanto espacial como cronoloxicamente, o mapa da represión na provincia pontevedresa, aínda, por desgraza, con moitas lagoas no coñecemento desta etapa crucial.

En “Atila no Grove”, Antón Mascato deixa poucos flocos (sempre os hai) no relato do panorama político e social grovense no período comprendido entre a Ditadura de Primo de Rivera e o que coñecemos como primeiro franquismo. A utilización de fontes arquivísticas variadas e da memoria oral proporcionan solidez a un relato que se completa cunha interesantísima listaxe na que se pon biografía ás vítimas do terror.

É un libro valente, sen ocultamentos biográficos, no que cada quen aparece desempeñando o papel que realmente tivo: as vítimas e os verdugos, porque as primeiras non existirían sen os segundos; achéganos así as diversas tipoloxías represivas que alí se realizaron nos anos do terror.

No libro de Méixome, a primeira consideración que debemos facer é a de non deixarnos levar pola modestia do título: son, efectivamente, catas no campo do ensino e das causas militares máis destacadas nos tres concellos estudados; pero así como ás veces as prospeccións resultan falidas ou apenas achegan indicios, neste caso, a información revelada é abundante e proporciónanos unha visión de conxunto, tanto da represión como da situación socio-política da zona nese período. A represión, tanto no maxisterio como nos concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona, así como na figura do portugués Telmo Freitas, amósasenos a partir do estudo e lectura axeitada, con interpretación crítica, do inxente volume de información que nos achegan as causas militares.

Agardamos que estas catas tan produtivas sexan a base para unha obra que abarque de xeito global toda a zona. Destacaría tamén esas páxinas impagables do apartado “Primeiras palabras”, con reflexións que veñen moi a conto nestes tempos de visibilidade provocadora e  avance do negacionismo.

Parabéns aos autores por estas dúas obras polo que supoñen de avance real no coñecemento da nosa historia e parabéns tamén a Edicións Positivas e Laiovento. Só queda animar a Antón e Carlos de cara a novas publicacións.

domingo, 17 de enero de 2021

Un "cabaleiro español" en Tui.

 


O título do artigo tómollo prestado a Carlos Méixome, autor dun magnífico artigo en Nós Diario: “Tres cabaleiros españois e unha consideración previa” (30-12-2020); nel facía unha semblanza de tres militares participantes na represión en Tui, un deles o protagonista desta entrada. No blog do mesmo autor, Pé do Galinheiro un neto do militar fai uns comentarios nos que defende a postura humanitaria e oposta á entrega de presos para fusilalos, na súa etapa de responsable do campo de concentración do mosteiro de Oia, onde era coñecido como “o capitán castaña”. Apunta este familiar que a súa postura levou a que o denunciaran e fora xulgado nun consello de guerra no que o absolveran. Non dei localizado esa causa pero si outra anterior contra Maximino Méndez Varela, no ano 1936, por neglixencia (causa 916/36). Posiblemente fora esta á que se referira.

Quede constancia pois da miña débeda co admirado Méixome por provocar a curiosidade que posibilitou este traballo.

O estudo desta causa, que rematou coa absolución de Méndez, proporciona moitas luces sobre o desenvolvemento dos procesos celebrados en Tui, aspectos que neles influíron e a dinámica xeral dos procesos militares.

Aparece clara a existencia dun grupo moi caracterizado dentro dos militares con mando na zona, que preme fortemente para imprimir a máxima dureza nas actuacións, significadamente, contra personalidades políticas tudenses. Destacarían nel os capitáns José Peñarredonda, que ocupaba o cargo de alcalde, e Eduardo Rodríguez, que era o comandante militar da praza. Este grupo é o que está detrás das denuncias contra Méndez pola actuación, ao seu xuízo, branda e pode que desleal, como instrutor da causa 529/36.

Destaca tamén a comprobación do papel decisivo dos auditores e asesores xurídicos das comandancias militares. É un feito coñecido a importancia dos auditores como garantía do respecto ás formalidades xurídicas dos procesos e na valoración e revisión das sentencias emitidas polos tribunais en orde á ratificación ou disentimento pola máxima autoridade militar; tamén na análise da instrución do proceso feita polo xuíz instrutor para determinar a elevación a causa ou sobresemento. Neste caso, dun xeito claro e detallado, pode comprobarse ademais a intervención directa, non só dos auditores rexionais senón tamén dos auditores e asesores xurídicos dos gobernos militares, tutelando de inicio a fin os procedementos: suxiren actuacións, testemuñas, desgloses en pezas separadas, revisan procesamentos e cualificacións feitas polos instrutores.

O tenente retirado de infantería Maximino Méndez fora nomeado xuíz instrutor de causas militares na praza de Tui, actuou na 529/36 por rebelión e auxilio á rebelión contra destacados republicanos da cidade “Dirigentes y auxiliares del Movimiento de Rebelión contra las fuerzas del Ejército Nacional” así como contra os promotores da folga xeral entre os días 18 e 27 de xullo. As actuacións inícianse o 1 de agosto e están encartadas 30 persoas, delas algunhas declaradas en rebeldía e outras xa falecidas. Na peza principal houbo condenados a morte, que foron executados o 27 de agosto (José Alonso Martínez, Francisco Guinde Puente e Enrique Jaso Paz). Na peza separada 889/36 (un dos motivos da denuncia contra Méndez) estaban comprendidos Alejo Diz Jurado, Darío Álvarez Limeses, Serafín Fernández Costas, Manuel Domínguez León, José Felipe Muñoz, Julio Fernández Fernández e Francisco Alonso Menela. En consello de guerra celebrado o 13-10-36 todos foron condenados a morte, agás Francisco Alonso que foi condenado a cadea perpétua.

A finais de agosto, o comandante militar de Tui, capitán de artillería Eduardo Rodríguez, dá conta telefonicamente ao comandante militar de Vigo da existencia de denuncias sobre certas actuacións do instrutor; a continuación informa por escrito das “irregularidades observadas desde hace algún tiempo en la actuación del Teniente DON MAXIMINO MENDEZ, como Juez Instructor de esta Comandancia Militar”. Detalla polo miúdo a actuación denunciada consistente en que, como instrutor do sumario incoado contra os dirixentes do “movimiento comunista” en Tui, elevara a sumarísimo as actuacións contra persoas encartadas de segunda fila e continuara por trámite ordinario contra outras persoas de máis elevada responsabilidade 

dándose el caso insólito de que habían sido ya fusilados los del juicio sumarísimo y todavía no se había dictado auto de procesamiento contra los otros no obstante su mayor responsabilidad y categoría.

 Non atribúe ese comportamento a incompetencia de Méndez 

pero bien pudiera haber influído en el ánimo del Oficial en cuestión, las frecuentes visitas que le ha hecho el Médico Don Darío Álvarez Blázquez, hijo de uno de los encartados, a quien se ha visto en alguna ocasión paseando con el mencionado oficial, siendo ello motivo de escándalo para los espíritus perspicaces.

 Apunta tamén as visitas do director da sucursal do Banco Pastor, Arturo Zas que tiña vínculos de amizade con algún dos encartados.

Continúa o escrito afirmando ter novas de que algunhas comunicacións dirixidas a este xuíz non foran unidas ao sumario e que se dera 

el caso insólito de que este Oficial al proponerme la libertad provisional de cuatro encartados por no aparecer suficientemente probada, según él, su culpabilidad, se permitía hacer una verdadera defensa de los mismos, citando en su descargo todo cuanto podía favorecerles, y omitiendo en cambio aquellos informes que les eran adversos como los del señor Delegado de Orden Público, quien por los medios propios de que dispone se halla en condiciones de darlos verídicos sobre todas las personas encartadas.

Está fóra de dúbida a conivencia coa denuncia ( posiblemente fose súa a iniciativa) do alcalde, capitán de infantería retirado José Peñarredonda, que presta unha declaración coincidente con aquela. Tamén declara en contra de Méndez o secretario da causa, avogado e sarxento de complemento Teodosio Baquero, que sinala trato de favor do tenente a Serafín Fernández Costas.

O día dous de setembro relevan a Méndez no cargo de instrutor sendo substituído por Rafael Pineda.

Ábrense dilixencias e o 7 de setembro comparece Maximino diante do instrutor; manifesta que fora a Tui o auditor Álvarez de Toledo para fiscalizar e asesorar nos procesos incoados e que, ao examinar o dos dirixentes tudenses, dixéralle:

vamos a procesar a estos cinco individuos para juicio sumarísimo y los restantes los dejamos para ordinario, continuando la práctica de diligencias; dictando el mismo el auto de procesamiento y dando normas a seguir con las actuaciones; a los pocos días, recibimos orden los Jueces que teníamos causas que las lleváramos a Pontevedra, y una vez allí el Sr. Álvarez de Toledo en unión del Sr. Coronel Auditor, volvió a revisarla, manifestando dichos Señores que estaban bien y que aquel mismo día saliese para Coruña, lo que se efectuó [...] El día veinticinco o veintiseis, con ocasión de celebrarse un Consejo de Guerra en Tuy, me visitó el Auditor de aquel, diciéndome, que mientras no recibía la causa devuelta fuese tomando declaraciones sobre los encartados [...] así como pidiendo informes y demás testimonios.

 Méndez afirma que así o fixera con testemuños e informes de numerosas persoas de autoridade e solvencia moral para esclarecer os feitos “buscando la más clara luz de la justicia” e que non puidera levar a cabo o procesamento pois fora relevado, por orde do comandante militar, o mesmo día en que terminara e ía facelo.

Explica que propuxera a liberdade duns encartados porque, ao seu xuízo, non había cargos tan graves contra eles que non permitisen atenuar a prisión e, en segundo lugar, porque nunhas instrucións entregadas aos xuíces, o artigo 3º dicía que se non se produciran danos graves a persoas ou cousas, os comandantes militares podían sancionar vía gobernativa.

Nega ter amizade con Darío Álvarez Blázquez nin co señor Zas.

O 3 de outubro declara José Álvarez de Toledo, agregado á asesoría xurídica do goberno militar de Pontevedra. Manifesta que, no estudo da causa, deduciu que os encartados ou a maior parte deles “no estaban detenidos en flagrante delito, pues cuando en Tuy entró el Ejército quienes le habían hecho resistencia, paisanos y carabineros, se hallaban refugiados en sus casas o huídos”, polo que había que examinar indicios racionais sobre quen fora membro do comité de folga. 

Que con estos antecedentes indicó al Sr. Méndez la conveniencia de procesar a determinados individuos [...] dictando un auto de procesamiento en el que disponía la formación de pieza separada para persiguir (sic) a los otros responsables de Tuy.

Afirma que, ao examinar a causa en Pontevedra, parecéralle que o auto de procesamento era o que el ditara e que tamén lle dera a conformidade o xefe da a sesoría xurídica, auditor de División retirado Gonzalo Fernández de la Mora.

Apunta tamén que, na Coruña, indicara aos auditores Salvador Merino e Fernández de la Mora (Ramiro) o criterio seguido en Tui e que ao chegar alí a causa fora aprobada “y que cree que si estuviera equivocado se hubiera dispuesto que la causa se tramitara sumarisimamente contra todos los encartados”.

Pero as acusacións contra Méndez teñen outro cargo máis referido á proposta que fixera o 26 de agosto ao comandante militar para poñer en liberdade a Francisco Alonso Medela, Consuelo Crespo García, Manuel Estévez Cosme e Eugenio Davila Vela, por considerar os cargos contra eles “no son suficientes concretos ni justificativos de una culpabilidad tal que les permita retener más en prisión”. A esta acusación sumábaselle a aparición de dous oficios de F.E. de Santiago contra Eugenio Davila nos que o conceptuaba como “elemento destacadísimo en las organizaciones de Juventudes marxistas de Santiago” e que actuara á fronte de “elementos extremistas en diversos desmanes y desórdenes”. Estes escritos, ao parecer, estaban no local do xulgado militar pero non se uniran á causa anterior.

Conseguido o obxectivo de relevar a Méndez como instrutor e visto que as súas actuacións, en liñas xerais, concordaban co disposto polos auditores, conclúese que:

De lo actuado no ha llegado a dibujarse en modo alguno en su proceder una figura delictiva o culposa de gravedad, tan solo si un descuido o falta de celo en ocasión de una propuesta de libertad que, si se estima merecedora de una sanción disciplinaria, ha de reputarse ya suficientemente corregida en la incoación de este proceso a cuyas resultas además se ha mantenido gubernativamente arrestado al Teniente MENDEZ VARELA.

Sobresemento definitivo o 21 de outubro de 1936.

viernes, 8 de enero de 2021

"Paseos" a destempo.

 


Non era habitual, máis ben excepcional, que as autoridades sublevadas sancionasen comportamentos delitivos cometidos por axentes ou por milicianos ás súas ordes. Cando se abría algún procedemento – xeralmente por denuncia de persoas próximas ao réxime ou por algún consulado ou embaixada no caso de ser a vítima doutra nacionalidade – acababa en sobresemento por considerar a situación especial dos primeiros meses e o ardor combativo en defensa do alzamento que tiñan os implicados; todo o máis contémplase algunha sanción irrelevante por parte dos mandos. O anterior afecta tanto a prácticas corruptas de rapina económica, abuso de poder e semellantes, como a agresións físicas ou morte.

En relación coas mortes, hai algún caso documentado no que a auditoría xurídica e as autoridades superiores ordenan que se abra unha investigación máis completa (por exemplo no ben estudado asasinato do concelleiro Alberto Martínez), ou que se devolvan dilixencias ao instrutor, que fixera unha meteórica pescuda sen resultados, no caso do “paseo” do militante socialista José Pintos. Pero o resultado sempre remata no sobresemento. Non podía ser doutro xeito pois os vitimarios limitábanse a executar as ordes planificadas e ditadas de antemán polos mandos por máis que, ás veces, non seguiran estritamente os protocolos.

Nalgunhas publicacións sostense que houbo unha secuenciación nas tarefas de eliminación de opositores tras o golpe, de xeito que, nun primeiro momento só se empregaban accións extraxudiciais (sacas, “paseos”, fusilamentos por incursos no bando) e, meses máis tarde levábase a cabo a través de consellos de guerra. Unha simple comprobación nas datas (os primeiros consellos de guerra inícianse a primeiros de agosto) permite concluír que foi unha represión paralela na que, ao mesmo tempo, utilizábanse os dous métodos, que non deixan de ser dúas caras da mesma inxustiza. O que si é certo é o predominio moi destacado das execucións extraxudiciais nos primeiros meses ata diminuír de xeito moi acusado ao longo da primeira metade do 37; máis tarde volverían a repuntar no contexto da loita contra a resistencia armada da guerrilla.

O decreto de unificación de milicias, a depuración de Falanxe e a disolución das Guardias Cívicas coinciden coa drástica redución das prácticas citadas. Pero a habitualidade destes métodos fixo que algúns executores continuasen con esa dinámica e, dende a superioridade, tiveran que enviarlle algún aviso de que os tempos eran outros e o réxime necesitaba dar unha imaxe de suxeición ás formalidades xudiciais.

Un caso no que aparece documentado este proceder é o do asasinato do sindicalista da CNT, veciño da Lagoa (Vilaxoán), Manuel Diz Fuentes. Os informes atribúenlle a condición de xefe de grupo que “capitaneaba elementos levantiscos” adicándose á requisa de armas a persoas de dereitas, entre elas a Wenceslao Garra e o cura José Gago Tarrío.

Uno de los elementos mas destacados de estos ideales, tanto marxista como comunista era Jefe Presidente del Sindicato de Transportes Marítimos afecto a la C.N.T., se distinguió en cuantas huelgas surgieron en esta población como directivo; hizo varios viajes a Madrid delegado por los compañeros por asuntos sociales y también acudió a dicha capital cuando habló el mal español Sr. Azaña. Estaba casado en Asturias, donde pasó algún tiempo y principalmente en la revolución del año 1934, que desplegó su actividad, siendo muy propagandista de ideas comunistas y marxistas.

Integrante dos grupos de fuxidos que actuaban na comarca de Vilagarcía, forzas da Guardia Civil e falanxistas, baixo o mando do sarxento Desiderio Camacho Pinilla, detéñeno na tarde do 28 de setembro de 1938. Logo dun interrogatorio artéllase a xustificación documental da súa morte: condución cara o monte Xiabre para localizar unha cova onde se refuxiaban fuxidos, intento de fuga que obriga a forza a realizar varios disparos que dan como resultado a morte.

Aprovechando la oscuridad de la noche y como las inmediaciones del mismo están rodeadas de pinares, intentó darse a la fuga, emprendiendo veloz carrera, por lo que la fuerza le hizo fuego, después de las repetidas voces correspondientes de alto, cayendo al parecer mortalmente herido en la cuneta del camino y al intentar saltar un muro que allí existía [...] había sido alcanzado por tres disparos, uno en la cabeza, otro en la espalda y el otro por la caja torácica.

A veracidade do afirmado no informe, asinado polo propio Camacho, non resulta moi convincente se consideramos que as dúas da madrugada non parece a mellor hora para buscar unha cova no monte; tampouco é comprensible que unha forza composta de só tres gardas e un falanxista se internase cun preso, de noite, nun monte no que actuaban partidas armadas boas coñecedoras do terreo. A todo isto habería que engadir os testemuños de veciños que apuntan á participación nos feitos do crego de Cea José Gago.

O relato non é nada singular e confórmase ao que temos documentado noutros casos: son xustificacións elaboradas a posteriori para legalizar un feito que, con alta probabilidade, ocorreu en circunstancias de lugar, tempo e participantes diferentes ás relatadas.

Pero, como apuntamos anteriormente, os tempos cambiaran e estas prácticas había que poñelas en corentena; así o fai o auditor xurídico da oitava rexión que, o 14 de novembro de 1938, sobresé provisionalmente o caso pero manda recado ás autoridades, en concreto á Guardia Civil da provincia pontevedresa:

debiendo al mismo tiempo disponerse que por el Jefe de la Comandancia de la Guardia Civil de Pontevedra, se den las oportunas órdenes a sus subordinados y muy especialmente al que ordenó el servicio de autos, a fin de que en lo sucesivo se adopten en la conducción de detenidos, las más eficaces medidas de seguridad en evitación de la repetición de hechos como el que ha sido objeto de esta causa, sobre el cual no se proponen otras medidas a pesar de que recientemente y con respecto a la misma Provincia se hizo un pronunciamiento análogo, porque el suceso que lo motivó es posterior al de autos.


lunes, 28 de diciembre de 2020

O golpe de Primo de Rivera (2)


Logo das sucesivas intervencións no goberno do estado durante gran parte do século XIX, a perda das últimas colonias ultramarinas, a oposición da poboación a ser enviada a morrer no norte de África, a crecente organización da clase obreira, as reivindicacións das nacións históricas, entre outros motivos, propician que o exército aumentara a presión sobre os gobernos e cobrara máis forza a doutrina da autonomía militar fronte a uns políticos que consideraban causantes de todos eses males.

Os militares sorteaban a autoridade do goberno e consideraban como único mando e interlocutor o rei, que aceptaba gustoso ese papel.

Para os protagonistas do pronunciamento militar de Primo de Rivera, a preocupación polo “problema separatista” era moi importante. A ideoloxía que sustentaba este movemento, baseada nas ideas de personaxes como José María Pemán (que tería tamén un destacado papel no franquismo), consideraba que os nacionalismos das rexións periféricas partían dunha falsificación da historia por parte dos seus impulsores, que se aproveitaban da febleza dos gobernos para socavar a patria común. Máis alá do recoñecemento de singularidades de carácter folclórico, consideraban o asunto como un problema de orde pública ligado ao desorde social e utilízano para reforzar o seu proxecto de patriotismo centralista. Así o comprobamos nas declaracións e nas disposicións legais que promulgaron, como o bando que analizamos a continuación. (BOE, 19-9-1923.)

A exposición de motivos confirma o que acabamos de expoñer: 

De los males patrios que más demandan urgente y severo remedio es el sentimiento, propaganda y actuación separatista que viene haciéndose por audaces minorías, que no por serlo quitan gravedad al daño.

No artigo primeiro atribúe aos tribunais militares a potestade para xulgar os delitos contra a seguridade e unidade da Patria e canto “tienda a disgregarla, restarle fortaleza y relajar su concepto” calquera que fose o medio empregado para facelo. En relación coa bandeira determina que non se poderá usar outra distinta da nacional en buques e edificios públicos, sen máis excepción que nas embaixadas, consulados e outros edificios pertencentes a nacións estranxeiras. As bandeiras que “guardan con amoroso orgullo” os somaténs, concellos e outras corporacións, sempre que non tivesen “significación antipatriótica”, podían expoñerse sen incorrer en delito.

O artigo 2 especifica as penas a impoñer: a ostentación de bandeiras castigarase con arresto de seis meses a un ano e multas de 500 a 5.000 pesetas, que pagaría o portador da mesma ou o dono do local onde se izase. A difusión de ideas separatistas por medio do ensino ou a predicación de doutrinas comprendidas no artigo primeiro castigaríanse con penas de un a dous anos de prisión. Nun decreto posterior, en febreiro de 1924, determinábase a destitución dos mestres que ensinaran doutrinas opostas á unidade da patria.

Delitos máis graves, como levantar partidas en armas contra a Patria, conlevarían penas de seis a doce anos de prisión para os xefes e de tres a seis para os compoñentes. No caso de facer fronte á forza pública, os xefes serían condenados a morte e os demais entre seis e doce anos de prisión maior. Tamén se xulgarían do mesmo xeito os delitos frustrados e a conspiración. O “pandillaje, manifestaciones públicas y privadas” castigaríanse con tres anos de cárcere e multas de 1.000 a 10.000 pesetas.

A lingua tamén era obxecto de atención: 

El expresarse o escribir en idiomas o dialectos, las canciones, bailes, costumbres y trajes regionales no son objeto de prohibición alguna; pero en los actos oficiales de carácter nacional o internacional no podrá usarse por las personas investidas de autoridad otro idioma que el castellano, que es el oficial del Estado español, sin que esta prohibición alcance a la vida interna de las Corporaciones de carácter local o regional, obligadas, no obstante, a llevar en castellano

 libros oficiais e actas de rexistro.

martes, 15 de diciembre de 2020

O golpe de Primo de Rivera (1)

 

O 12 de agosto de 1923 celebrárase en Pontevedra, organizado polas Federacións Obreira e Agraria e as agrupacións socialista e comunista, un mitin contra a continuación da guerra de Marrocos; presidírao o comunista Portas e tomaran a palabra Amando Guiance, José Viñas, Gómez Osorio, García Filgueira e outros.

Ao día seguinte todo eran rumores; dende o mediodía as vidreiras do café Méndez Núñez enchíanse dos despachos que chegaban de Madrid e numeroso público achegábase a lelos. A gornición militar pontevedresa estaba indecisa á espera dunha reunión que os mandos terían a última hora da tarde.

O capitán xeral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, proclamara o estado de guerra e convidara aos outros capitáns xerais a secundalo; no seu manifesto pedía ao rei, “para salvar la Patria”, a separación dos actuais gobernantes e o apartamento dos “políticos” da gobernación do estado. Non deixaba de recalcar que “Este movimiento es de hombres. El que no sienta la masculinidad completamente caracterizada, que espere en un rincón, sin perturbar, los días buenos que para la patria preparamos”. Abondan no escrito apelacións ao rexeneracionismo como medio para gañarse o apoio dunha poboación desencantada co réxime vixente. Contaba tamén co apoio da alta burguesía catalana, a través da Lliga, atemorizada polos conflitos sociais e necesitada de medidas proteccionistas en certas materias.

Segundo estes militares, as ideas sobre a existencia dun inimigo interior como cancro que ataca a nación, o perigo dunha ameaza comunista, o separatismo que destrúe a unidade da patria, o problema de Marrocos, poñían de relevo a incapacidade do sistema parlamentario para facer fronte ao caos social. No fondo está a idea da autonomía militar fronte os gobernos e a prevalencia e control do exército sobre a sociedade civil.

Alfonso XIII, que estaba veraneando en San Sebastián, sae para Madrid e convoca a Primo na capital. A postura favorable do monarca ao pronunciamento parecía clara pois, cando o goberno propón os decretos de destitución dos rebeldes, alega que carece de elementos de xuízo e que, por tratarse dunha situación moi delicada, quería reflexionar antes. O presidente do goberno, García Prieto, presenta a dimisión. Segundo os xornais, o capitán xeral de Madrid, en principio leal ao goberno, estivera en palacio e Alfonso XIII tivérao toda a entrevista (unha hora) sen sentar e cadrado militarmente diante del; ao saír e preguntarlle pola situación os xornalistas, contestou: “ Pero que va a saber un generalillo como yo”.

O rei, saltándose a constitución vixente, asina o decreto de disolución das Cortes, nomea a Primo xefe do goberno e do directorio militar, confirma a declaración do estado de alarma coa suspensión de garantías constitucionais e decreta varios ceses.

En Pontevedra, ás dez da mañá do día seguinte, 14 de setembro, sae do cuartel de San Fernando unha compañía con banda de cornetas e tambores, mandada polo capitán López de Roda, coa misión de declarar a lei marcial. Diante das tropas marchan dúas parellas da Guardia Civil a cabalo. O bando ditado polo gobernador militar, xeneral de brigada Ángel Rodríguez del Barrio, constaba de catro artigos nos que deixaba baixo a xurisdición militar unha serie de actuacións, prohibía a formación de grupos e as reunións e manifestacións.

Noméase gobernador civil o coronel de artillería Junquera Guerra e, o 1 de outubro, toma posesión como alcalde Bernardo Aboal Aboal, tras a destitución da corporación municipal.

O novo gobernador pide á prensa, que está sometida a censura, colaboración para que, coa súa prudencia e discreción, non verse na obriga de aplicarlle o código penal militar. Manifesta que, se o novo réxime fracasa, “solo puede conducirnos al caos y a la revolución social, que nos llevaría al hambre y demás privaciones y epidemias que en Rusia han padecido”.

A reacción da poboación foi de pasividade e expectación; as organizacións políticas alleas ao turnismo parecen favorables, agás comunistas e anarquistas. No mundo agrario tampouco falta o apoio, seducidas as sociedades pola retórica anticaciquil e rexeneracionista dos rebeldes. A patronal e a cámara de comercio súmanse con entusiasmo ao apoio do novo réxime. A Igrexa tamén bota unha man e, no Boletín Oficial do arcebispado escribe:

Exhortamos asimismo y rogamos a todos los fieles diocesanos a que, por medio de la oración y la penitencia, la sagrada comunión y la valiosa intercesión del Angel Custodio del reino y del apóstol Santiago [...] pidan al Señor,
durante esos días, que asista e ilumine con sus celestiales luces al augusto Monarca y al Directorio Militar, que tanto las necesitan en estos momentos solemnes en que, con admiración y asombro de las naciones estranjeras, están llevando a cabo el grandioso programa, anunciado en el Manifiesto del Exmo Sr. Primo de Rivera.

Foto: Centro Gallego. (Uruguai) 31-10-1923. Galiciana.


sábado, 14 de noviembre de 2020

Anatomía dunha "saca" de presos.



O maior número de mortes na represión desatada tras o golpe de estado de 1936 produciuse a causa da violencia extraxudicial e representou ó redor dos dous terzos do total. Sobre as circunstancias dos asasinatos extraxudiciais, ou sexa os efectuados sen que mediara unha sentenza, non é fácil atopar información fiable dada a súa propia natureza; aínda así, é habitual contar con fontes orais e, co baleirado exhaustivo da documentación dos arquivos militares, aparece documentación que nos permite unha aproximación á realidade do sucedido.

Neste artigo utilizaremos este tipo de fontes para, a partir da “saca” efectuada o 5 de setembro de 1936 no cárcere de Pontevedra, analizar polo miúdo os axentes e procedementos deste mecanismo represivo.

Dentro desta tipoloxía represora atopamos diversas modalidades: a) Execucións baseadas no estipulado polo bando de guerra, que amparaba o fusilamento inmediato daqueles aos que se atopara en posesión de armas; non deixaba de ser unha variante legalizada de “paseo”. Foi o caso de Gerardo Bao, Manuel Calvar ou Faustino Gama, este último con características especiais que xa tratamos noutra ocasión.

b) Os clásicos “paseos, efectuados nos primeiros días por milicias falanxistas e/ou “cívicos” que actuaban cunha certa marxe de autonomía pero suxeitas ao control das autoridades de orde pública. Algúns destes crimes foron consecuencia ou continuación de torturas. Os cadáveres das vítimas aparecían abandonados en determinados lugares. Na nosa zona podemos encadrar neste tipo os asasinatos de Genaro Puga, Aurelio Torres, Juan Magdalena ou Raimundo Rodríguez, entre outros; sobre eles contamos con testemuñas orais e, nalgún caso, con documentación escrita por testemuñas. É o caso de Raimundo, asasinato cometido por un grupo de falanxistas de Marín no que participaba o contratista alemán afincado nesa localidade, Bruno Schweiger. A denuncia escrita dun oficial do exército que facía un servizo de vixilancia coa Guardia Cívica e o diario de Luis de Sa testemuñan o sucedido.

c) “Sacas” dos cárceres levadas a cabo, seguindo os procedementos legais, co pretexto de traslado de prisión, interrogatorio ou localización de armas e explosivos, que remataban co asasinato dos presos. Poden ser colectivas ou individuais; no caso das colectivas non era habitual que aparecesen os cadáveres e foran anotados no rexistro civil; en ocasións foron enterrados en foxas (Xeve, Tenorio, Xinzo...) e noutras, fondeados no mar (Bueu, Cangas...). Nas “sacas” individuais era máis común o depósito dos cadáveres nos cemiterios polo que, nalgúns casos, atopamos dilixencias xudiciais, autopsias e anotacións da morte no rexistro.

Nos “paseos” e “sacas”, cando se dá o caso de que algunha das vítimas é reclamada por un xuíz instrutor de causas militares, a xustificación da morte sempre se basea no intento de fuga. Esta chamada “lei de fugas” nunca existiu recollida legalmente, pero tiña os precedentes máis recoñecidos nos asasinatos levados a cabo baixo o mandato de Martínez Anido (ocuparía o cargo de responsable de orde pública dos sublevados) na Barcelona dos anos vinte.

O esquema básico que sempre aparece nos escritos xustificativos das desaparicións ou mortes (na práctica totalidade asinados polo comandante Velarde) é o seguinte: avaría no vehículo ou detención para efectuar unha necesidade fisiolóxica, petición de descenso do auto, veloz fuxida desoíndo as voces de alto, internamento nun piñeiral inmediato á estrada, disparos; nas conducións individuais é habitual que se indique a morte do fugado (Turnes, Pintos,Zbarsky, Bastilleiros...) pero nas colectivas soe aducirse que se ignora a dirección que tomou na fuxida (desaparición).

Nas “sacas” dos cárceres sempre participan directamente axentes da Guardia Civil, que son encargados oficialmente de dirixir estes traslados. A burocracia penitenciaria esixía documentación oficial emitida polas autoridades competentes para permitir a saída de presos ao seu cargo; este tipo de oficios e os correspondentes recibos, que de cando en vez poden atoparse en causas militares, documentan o procedemento. Na zona pontevedresa era habitual que, acompañando á parella de gardas civís encargados, participasen membros da Guardia Cívica que estaban adscritos para prestar servizos no cuartel que compartían no campo da feira; tamén soían facelo falanxistas, algúns procedentes doutras zonas como Lalín, Vilaboa, O Salnés...

O procedemento que se seguía está pautado e documentado: orde da “Superioridad” (Delegación de Orden Público e/ou Comandancia militar) ao Inspector Provincial de Prisións, este comunícallo aos directores da prisión emisora e receptora e á comandancia da Guardia Civil. Os detidos nunca chegaban á prisión sinalada e non se sabía máis deles de non darse o caso dalgunha reclamación da xustiza militar, como apuntamos anteriormente.

Unha cuestión difícil de documentar de xeito exacto é a da elaboración das listas de detidos a eliminar; algúns autores sosteñen a existencia dunha especie de tribunal secreto con curas, patronal e falanxistas. O máis lóxico é supoñer que a Delegación de Orden Público, a comandancia da Guardia Civil e a xefatura da Guardia Cívica tiveran un papel determinante na súa confección. A información sobre os sinalados só podía chegar a través dos ficheiros da Guardia Civil, policía ou servizos de información de Falanxe, porén esta última non tiña unha presencia significativa nas primeiras semanas. Tampouco podemos desbotar que, nalgún caso, se tiveran en conta denuncias concretas por parte de sectores afectos.

A documentación dos arquivos militares parece confirmar o apuntado anteriormente: na causa 440/40 sobre a desaparición de AlbertoMartínez, afirmacións de testemuñas presenciais certifican a participación do Delegado de Orden Público e gobernador civil, Ricardo Macarrón, do xefe da comandancia da Guardia Civil, Joaquín Velarde, e do xefe efectivo da Guardia Cívica, Víctor Lis, na reunión na que se decide a súa morte. Trataremos o caso máis adiante.

O papel do Delegado de Orden Público, que reunía a condición de gobernador civil e que fora, ata ocupar estes cargos, xefe da comandancia da Guardia Civil, debeu ser moi relevante; coincidimos co apuntado por Eliseo Fernández para Ferrol:

En pouco tempo foi clarificándose a distribución de competencias na represión: a xurisdición militar encargábase da represión sobre os militares presos e os civís mediante a instrución de causas militares [...] mentres que a Delegación de Orden Público asumía pola súa banda a represión extraxudicial contra os fuxidos que ían sendo capturados e contra os civís seleccionados dentre os presos que se acumulaban nos numerosos cárceres” (Os Nomes do terror, 2017: 89).


Utilizaremos a “saca” efectuada na prisión pontevedresa o 5 de setembro de 1936 como exemplificación do modelo proposto anteriormente.

No caso estudado de José Fares Fidalgo, da documentación achegada ao xuíz instrutor, que aparecía na causa que se lle incoara, afirmábase claramente que fora unha fuga individual, aínda que había referencias a unha condución colectiva de presos; isto tamén sucedía noutros casos e raramente atoparemos referencias á aplicación da “lei de fugas” a dúas ou máis persoas conxuntamente. A coincidencia de datas (entre o 4 e o 7 dese mes) na desaparición de varias persoas levounos a analizar as causas instruídas nas que aparecían algunhas delas.

A referencia a Luis Abilleira fixo que consultáramos a causa 174/36 e nela aparece unha comunicación de Velarde, a requirimento do instrutor, que coincide case literalmente coa que xustificaba a desaparición de Fares:

al ser conducido la noche del día 5 del actual, en unión de otros desde esta Capital a la Prisión de Caldas de Reyes, por los Guardias segundos de esta Comandancia Evaristo Cid Lozano y Manuel Araújo Fernández, aprovechando una parada que hizo el vehículo que los transportaba, para reparar una avería, solicitó de la fuerza se le permitiese apearse unos momentos por notar síntomas de mareo. Autorizado por la pareja para apearse, nada más bajarse del coche emprendió una veloz carrera consiguiendo internarse en un pinar inmediato a la carretera y ponerse protegido por la oscuridad reinante fuera del alcance de la pareja conductora que le persiguió haciendo varios disparos de fusil ignorándose la dirección que haya tomado.

Comprobando vítimas que morreran nestas datas, localizamos a causa 594/36 contra Andrés Rey e Ramón Magariños por insultos a sentinela realizados o día 9 de agosto de 1936; nela aparece un oficio de Manuel Cidrón, director da prisión provincial, comunicándolle ao instrutor que, en virtude do ordenado pola superioridade, Andrés Rey fora entregado á Guardia Civil para conducilo á prisión de Caldas o 5 de setembro. Temos que recorrer á causa 1098/36 para atopar máis detalles desa suposta condución. A información que nos proporciona é fundamental para a nosa investigación pois atopamos unha serie de oficios con datos reveladores.

Con data 22 de setembro, a Inspección Provincial de Prisións comunica ao xuíz instrutor, Julio Fernández de los Ríos, os datos que tiñan sobre Andrés:

Oficio nº 218.

Tengo el gusto de participarle que, cumpliendo órdenes de la Superioridad, esta Inspección ruega a V. sean entregadas a las fuerzas de la Guardia Civil de la Comandancia de Pontevedra, para su traslado a la Prisión de Caldas, los detenidos en esa Prisión Provincial, Andrés Rey, Francisco Fernández, Luis Abilleira, Alfonso Rodrigo, Carlos Varela, José Fares Fidalgo, Vicente Guillán, Maximino Alonso y Manuel Pedreira, Maestro Nacional, lo que comunico a V. para su conocimiento y demás efectos.= ¡Viva España!= Pontevedra, 5 de Septiembre de 1936.= El Inspector.- Firmado. Sr Director de la Prisión Provincial.=Pontevedra.


Oficio 219.

Tengo el gusto de manifestarle que esta Inspección, cumpliendo órdenes verbales de la Superioridad sírvase disponer que los detenidos [os citados anteriormente] sean conducidos por fuerzas de la Guardia Civil[...]. (Está asinado por Lago Búa e diríxese ao comandante da Guardia Civil).


Oficio 220.

Sírvase admitir en esta Prisión en calidad de detenidos a [...]que proceden de la Prisión Provincial y que son trasladados a esa por orden verbal de la Superioridad y que van conducidos por fuerzas de la Guardia Civil de la Comandancia de Pontevedra. (Asina o inspector Lago Búa e diríxese ao xefe da prisión de Caldas).


Oficio 222.

Tengo el honor de participarle que esta Inspección, en cumplimiento de lo dispuesto por V.S., y por el mal comportamiento que estos detenidos tienen en la Prisión Provincial, procedió en el día de hoy a dar las oportunas órdenes para su traslado a la Prisión de Caldas, habiéndose dirigido a tales efectos al Sr. Comandante de la Gaurdia (sic) Civil de esta Capital para que estos detenidos [...] sean conducidos y custodiados por las fuerzas a sus órdenes a la referida Prisión. (Este oficio está dirixido ao Delegado de Orde Pública).


Oficio 223. Reproduce exactamente o anterior e está dirixido ao comandante militar da praza.

Da lectura dos anteriores oficios despréndense varias conclusións: o traslado foi colectivo, coñecemos o nome dos presos, a custodia foi da Guardia Civil e as ordes de traslado foron dadas polo delegado de orde pública (Ricardo Macarrón) e polo comandante militar (Leoncio de Aspe Baamonde).

Na mesma causa aparece a habitual comunicación de Velarde dando conta da “fuxida” do preso, cunha redacción idéntica ás xa reproducidas.

Comprobamos tamén se existía documentación referida a outro dos conducidos, o mestre de Sanxenxo Alfonso Rodrigo; atopamos un escrito do tan nomeado Lago Búa, datado o 20 de setembro, no que comunica ao instrutor que fora conducido o día 5 dos correntes a Caldas e que se dera conta ao comandante militar. Na causa 832/36 o instrutor oficia ao comandante da Guardia Civil para que manifeste a situación do mestre, xa que non ingresara en Caldas. O 27 de outubro, Velarde remite un informe idéntico aos precedentes: parada do coche por avaría, síntomas de mareo, fuga e internamento no bosque, disparos e ignorancia da dirección que tomara.

Aparece no listado de presos un tal Vicente Guillán (o seu apelido está errado, é Guillén). Na causa 953/39, localizamos unha declaración súa, efectuada no xulgado militar de Vigo o 21-9-1939; nela afirma que:

ingresó en la cárcel en la cual permaneció hasta el día 6 de sectiembre (sic) de mil novecientos treinta y seis a la noche en que salió de esta para ser trasladado según le dijeron a la de Caldas de Reyes, cuyo traslado se efectuó en una camioneta. Que en lugar de llevarlo a la cárcel de Caldas como le habían previsto le llevaron en unión de ocho más al cementerio de la parroquia de Aldán de donde se fugó permaneciendo cuatro días en el monte hasta que le prepararon un lugar en su casa.

Sobre algunha das persoas que o acompañaron, parecíalle que un deles era un veciño de San Andrés de Comesaña.

Nun informe, datado o 26 de setembro de 1939, sobre os resultados dunha citación a tres veciños desa parroquia viguesa para que compareceran diante do xuíz militar, aparece un dos compoñentes na relación de conducidos: Maximino Alonso Comesaña, que non pudo comparecer “por haber fallecido en esa Capital hallándose sujeto a procesamiento”. Ademais, a Guardia Civil confirma a fuxida de Guillén nunha condución efectuada pola forza pública.

A data dos feitos e a mención á zona de Aldán condúcenos a relacionar o caso co asasinato do concelleiro pontevedrés Alberto Martinez Tiscar. Na causa 440/40, o “cívico” Mirón (logo de que o xuíz lle asegurara protección) declara a existencia da reunión, xa citada, na que se decide a detención e eliminación do concelleiro:

Que el comandante Velarde le dijo “oye Mirón hay que ir a buscar con una pareja a Alberto Martínez y de este que no quede ni rastro porque sinó ya sabes lo que te pasa, te fusilo. [...] Que cuando el dicente salía con la camioneta acompañado de dos guardias Civiles y Cívicos, D. Víctor Lis Quibén acercándose al dicente le dijo “ya has oído lo que ha dicho el Comandante, que no quede rastro de Alberto Martínez y ten mucho cuidado con lo que dices y que nadie se entere de esto.

Logo da detención de Alberto en Covelo (Samieira) efectuada por “cívicos” e o garda civil Evaristo Cid, sóbeno a unha camioneta nas portas do cárcere, xunto con outros presos; na expedición ían Mirón, dous gardas civís e varios “cívicos” e falanxistas. Pasaron por Marín e dirixíronse ao cuartel da Guardia Civil de Bueu, onde se incorporaron outros gardas e falanxistas:

conduciendo a los detenidos a un monte, donde fueron fusilados y después de haberlos ejecutado se volvieron a cargar en la camioneta los cadáveres, siendo arrojados al mar muy retirados de la playa sin que sepa fijar el paradero porque el dicente quedó en Bueu en el Cuartel de la Guardia Civil, yendo los restantes a efectuar la anterior diligencia.

Mirón afirma que na camioneta viaxaban dous gardas civís, os “cívicos”, Borrajo, José Estévez, Avelino Fraga e outros; Avelino Fraga “O Chalán” declara que tamén participaran falanxistas de Lalín, Vilaboa e Bueu. Segundo José Estévez “O Raña”, logo de fusilar os presos nunha carballeira, metéranos nunha motora e fondeáranos no mar.

Unha investigación sobre outras sacas confirma a semellanza no procedemento. Nunha das notas reservadas redactadas tras a detención do inspector de prisións Lago Búa, afírmase que o día 8 de novembro de 1936 sacaron de San Simón, para conducilos ao cárcere de Redondela, a José López Bernárdez, Luis Frade Pazos, Ramiro Granja González, Luis Varela Sobrado, José Montoto Rodríguez, Eliseo Garra Lalín, Alfonso Alonso Portugue (sic), Telmo Rodríguez Alonso, Juan Alonso Pérez, José Gómez Sampayo e Antonio Picallo Buela. Sabemos que foron fusilados na volta do Couto e enterrados en Tenorio.

O día 9 efectuaron o mesmo con Manuel Fontán Herbón, Manuel Lustres Rivas, Abdón Simón Da Ponte, Silo Marmolejo Santos, Vicente Bautista Faria, Manuel Nores Portela, Víctor Fraiz Castellanos e Florentino Vázquez Doval. Neste caso foron “paseados” en Trasmañó (Redondela)

O día 11 sacan a Gumersindo González González, José Romero Castiñeiro, Alberto Casal Dozo, Ángel Rial Vidal e Eduardo García Santos. Estes, xunto con Antonio Fariña Duque, foron asasinados na estrada de Campo Lameiro, na Lomba (Gargallóns), e enterrados na parte exterior do cemiterio de santo André de Xeve. Vexamos o caso dun deles: Alberto Casal Dozo “O Rosquilleiro” e comprobamos que se repite o relatado anteriormente. Na causa 199/37 afírmase que foi entregado á Guardia Civil para trasladalo ao cárcere da Cañiza. Existe un oficio do xefe do lazareto, Pelegrín González, (29-1-1937), no que se comunica que Alberto foi trasladado ao cárcere de Redondela o 11 de novembro xunto con varios máis, existe recibo da entrega; no cárcere de Redondela certifican o ingreso por orde de Lago Búa e que o 12 de novembro fixérase cargo deles a Guardia Civil, foi encargado da forza condutora o garda Miguel Gómez. Afírmase que ao chegar á parroquia de Xeve, ao deterse o vehículo por avaría, tentou a fuxida e, ao non deterse ás voces de alto, a forza condutora causoulle a morte.

Conclusión: as sacas dos cárceres foron ordenadas polas autoridades golpistas de cada zona (delegacións de orde pública/comandancias militares), cumpriron cos trámites burocráticos estipulados para os traslados, os encargados da custodia foron membros da Guardia Civil, que estaban acompañados de falanxistas e “cívicos”, os asasinatos xustificáronse, a posteriori, como intentos de fuga mediante informes, practicamente idénticos, e sen a máis mínima credibilidade. Non son, por tanto, obra de incontrolados senón actuacións pautadas nas que gardas e milicianos actuaban baixo mandato das autoridades.

Foto: Cárcere provincial de Pontevedra (actual Audiencia).